* A Ponteboa (Boborás)

A arqueóloga Nieves Amado Rolán achegoume información e fotos sobre esta descoñecida e esquecida ponte situada no canón do río Viñao, en Parada de Cameixa (Boborás). De moi difícil acceso na actualidade, comunicaba as parroquias de Cameixa e Albarellos, salvando as pronunciadas encostas da bocarribeira e canón do río Viñao. Datada no século XVII ou XVIII, ten un gran arco con moita luz e altura, de sillares ben labrados, construído e basado no penedío da parte máis estreita do río, con profundas pozas que remansaron nas múltiples "marmitas de xigante". 

Foron unhas veciñas as que lle falaron a Nieves desta ponte (que como non pode ser doutro xeito lle aseguraron que é romana). Dixéronlle que estaban moi tristes porque era a "súa" ponte de cando eran nenas e vían que lle estaban a medrar árbores e raíces. Foron ao Concello a comunicar o estado pero non lles fixeron caso.

Ben di Nieves, que o concello de Boborás agocha numerosos tesouros patrimoniais e naturais agochados na súa abrupta paisaxe de serras e bocarribeiras, coma o canón do río Viñao que nace nas fontes da Serra do Testeiro, no Irixo, e baixa en todo o seu percorrido polos concellos do Irixo e Boborás, totalmente encaixado ata a súa confluencia co Avia en Salón.