PETROGLIFOS DE GALIZA/GALICIA (PROVINCIA DA CORUÑA)

ACLARACIÓN: Ademais das gravuras prehistóricas, tamén fago mención a algunhas de época romana, medieval e moderna. E por estaren adscritos ao mesmo período que a meirande parte dos petroglifos, inclúo outros achádegos pertencentes ao Calcolítico/Idade do Bronce.


PETROGLIFOS DA PROVINCIA DA CORUÑA

AMES
Liñaredo, Oca e A Pedra Estivada (Ames); Os Batáns e O Vilar (Bertamiráns); Pena da Mira (As Buceleiras-Bugallido); A Nave (Mourigade-Bugallido); Monte Castelo ou Monte das Pedras (Castelo-Covas); Campo Redondo (Covas); A Laxe Negra (Ventosa de Arriba-Covas); Outeiro de Pedrouzos (Covas); Castrigo (Castrigo-Ortoño); Monte Grande (San Mamede-Piñeiro); Monte Pumariño; A Pedra Estivada. 
Petroglifos dos Batáns: Atópanse debaixo do viaduto da autostrada Santiago-Brión.    
Petroglifos da Laxe Negra: No monte Castelo ou de Ventosa, fronte ao castro do Castelo. Salienta a gravura de círculos concéntricos con coviña central. 
Petroglifos do Monte Castelo ou Monte das Pedras: Hai uns meses, Luis Leclere Rodríguez, do colectivo A Rula, informoume que Enrique Campo Sobrino fixo uns debuxos destas gravuras no ano 1929, e noticias de Sobrino Lorenzo no 1953. María José Soto Barreiro, na súa tese doutoral de 1986, dábaos como desaparecidos a causa das labores extractivas dos canteiros. Fora descuberto por Óscar Lojo Batalla, un ilustrado e alcalde do Concello de Ames entre o 1931 e o 1936, a principios do pasado século XX. Mais no mes de agosto de 2015, integrantes do colectivo A Rula conseguiron localizalo. Consideran a estas gravuras como unhas das máis interesantes da Idade do Bronce na comarca compostelá. Ten insculpidos círculos concéntricos, unidos con formas cuadrangulares e rectangulares con bordos redondeados, aneis simples e dobres e lóbulos, entre outros motivos. Os do colectivo propoñen a creación dunha área arqueolóxica que protexa os catro xácigos da zona: o castro do Monte Ventosa, e os petroglifos do Monte das Pedras, a Laxe Negra e Campo Redondo.
Petroglifos da Nave: Un motivo con círculos concéntricos de cinco aneis con cazoleta central que se adapta á forma da rocha granítica. (Foto: fonte Petroglifos de Galicia).
Petroglifos de Oca: Dado a coñecer por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza no Boletín da Real Academia Galega no ano 1946. Presenta círculos concéntricos e cazoletas. 
Petroglifos da Pena da Mira: Debaixo dunha liña de alta tensión. As gravuras apenas se perciben polo desgaste.  
Petroglifos da Pedra Estivada: Coviñas sobre unha rocha granítica con pías naturais.
Petroglifos do Vilar: Descubertos no ano 2006 cando as obras da autostrada Santiago-Noia. Salvados a última hora de perecer baixo o alcatrán, seguen a padecer agresións continuadas. Presentan unhas 60 cazoletas, un círculo simple con cazoleta central, varios sucos e unha cruz de termo. No mes de maio de 2013 a policía local de Ames, a instancia do Concello, elaborou un informe sobre os actos vandálicos sufridos polas gravuras; para repoñelas ao seu estado orixinal, o Concello solicitou o asesoramento de Patrimonio.
Petroglifos das Estivadas: Xacemento da Idade do Bronce. Apareceron fragmentos cerámicos e un lítico.
O Milladoiro (Biduído): Xacemento da Idade do Bronce. Saíron á luz framentos cerámicos campaniformes.
Silvouta: Xacemento da Idade do Bronce.
 

 

 

 

ARANGA
San Vitoiro (Cambás); A Fonte, Monte Costa do Sal (A Fonte-Feás); Ribadevila (Ribadevila-Feás); Cotón Furreiro e Pena da Chouza Nova (Feás); As Penas (Vilarraso).
Petroglifos daa Fonte: Catro rochas con cazoletas de distinto tamaño.
Petroglifos da Chouza Nova: Peneda granítica con cazoletas.
Petroglifos de San Vitoiro: Nas proximidades da capela do San Vitoiro localicei dúas penas, unha cunha coviña e outra cun círculo e un semicírculo.



ARES
Petroglifos de Montefaro: Pedra reaproveitada de procedencia non moi clara. Segundo o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos o máis probable é que proceda das inmediacións de Santa Catarina de Montefaro ou das do mosteiro de Caaveiro (A Capela). Atópase no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña.

ARTEIXO
Castro das Croas (Armentón); Borroa e Monte do Canle (Borroa-Pastoriza).
Petroglifos de Borroa: A Asociación Cultural Monte da Estrela denunciou a falla de interese do goberno municipal verbo do petroglifo de Borroa, advertindo de que corría un grave risco de seren roubado. Sobre a desprotección da laxe xa se fixo mención nun informe sobre o patrimonio relativo ao acceso ao porto exterior de Punta Langosteira no ano 2007 no que xa se recomendaba trasladar o petroglifo a un museo. No ano 2010, A Dirección Xeral do Patrimonio trasladou a gravura ao Museo da Coruña. 
Petroglifos do Castro das Croas: Na croa vense as gravuras dunha cruz, coviñas e uns motivos de difícil identificación. 
Machados: Luis Monteagudo descubriu catro machados de tope da Idade de Bronce en Rorís (Armentón).
Xacemento de Freáns (Morás): Xacemento da Idade do Bronce.
Xacemento da Pita (Freán): Nos traballos de seguemento da autostrada Norte apareceron 86 fragmentos cerámicos, 18 de tradición campanense, datados na Idade do Bronce.
Altar da Virxe: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), fala do Altar da Virxe, pena situada no cume próxima ao santuario de Pastoriza e que noutros tempos semella que foi un altar druídico. Coñécese tamén por Berce da Virxe, e forma o conxunto un conglomerado de enormes pedras onde se asenta a que chaman Cuna da Virxe, a cal ofrece todas as características dunha anta derruída. O cume é un castro (supoño que se refire ao da Coroa da Virxe) que tivo grande importancia en tempos antigos, por formar parte da vía romana que se dirixía á Coruña. 
 

 

ARZÚA
Hábitat Río Iso-Río de Baixo (Pazos-A Mella): Como consecuencia da roturación do terreo saíron á luz un bo número de fragmentos cerámicos pertencentes ao Bronce Final.

A BAÑA
Cruceiro Grande (Ferraces-Cabanas); A Lagoa (Ferraces-Corneira); Pena Furada (Valiña-Lañas); Monte da Calexa e Pena de Alde (Alde-Fiopáns); Libreiro (Outeiro-Marcelle); Teixoeira (Carballeira-A Riba); As Brañas de Ferreiros, Pena do Miñato (Ferreiros-A Riba); Fonte Piñeiro; Mourela.
Petroglifos de Fonte Piñeiro: Anacos de rochas con gravuras custodiados no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Petroglifos de Libreiro: Dous círculos concéntricos con cazoleta central, e outro posible círculo.
Petroglifos do Monte da Calexa: Doce cazoletas de pequeno tamaño que pola súa disposición fai pensar nun taboleiro de xogos de época medieval.
Petroglifos de A Mourela: No lugar coñecido como Fonte Piñeiro. Presenta cazoletas.
No concello están localizadas catorce rochas con petroglifos, todos na parroquia da Riba.
Petroglifos da Pena Furada: Gravura localizada no interior dun abrigo natural. Presenta un motivo de carácter esquemático, posiblemente medieval.
Petroglfios da Pena do Miñato: Cazoletas.
 

 

BERGONDO
Petroglifo da Pena do Castelo: Luis Carré Alvarellos, nun artigo publicado no Boletín da Comisión de Monumento de Lugo (1949), cita unha rocha con 20 coviñas na Pena do Castelo que sitúa en Mesoiro, parroquia de Elviña e concello de A Coruña. Mais a aldea de Mesoiro queda en Bergondo polo que descoñezo en cal dos dous lugares hai que situar este petroglifo. 
 

BOIMORTO
Monte de Arriba (As Corredoiras-Os Ánxeles): Apareceron varios frgamentos cerámicos da Idade do Bronce atopados no corte aberto para facer unha caixa da estradas.

BOIRO
Pedra da Bouza (Abanqueiro); Brión (Brión-Abanqueiro); Laxe do Aguieiro e San Ramón (San Ramón-Bealo); Seixiños Brancos (Bealo); A Pedra da Boullosa (O Seán-Boiro); Louxo (Louxo de Arriba-Brión); O Achadizo (Cabo da Cruz-Castro); Chan dos Reis, Fontán, Pedra da Cabra de Coveliño, Monte de Deira, Laxe das Cabras (entre Quinteiro e Coveliño); Carballoso, Monte Ferreiro, Monte Furado e Monte Pedroso (Cespón); Armadoiro, Braña dos Prados, Casameá, Outeiro Redondo, Petóns do Castro ou Loxo, Porto Traveso, Río Barbanza (Cures); Coto da Moureira (dentro do recinto castrexo-Enseño-Cures); Carballosa ou Rego do Batán, Outeiro dos Corvos (Lampón); Cruz de Francisco e Penedo do Demo (Macenda); Fonte Sobreira.
Petroglifos do Achadizo: Desaparecido.
Petroglifos da Carballosa ou Rego do Batán: Descubertos a principios do ano 2013. Trátase dun conxunto de motivos repartidos por catro rochas onde se poden distinguir arredor de 67 gravuras con forma de pé (plantae pedum) ou podomorfos, e varias coviñas de distinto tamaño. Resulta chamativa a aparente vinculación con certos ritos pagáns que xa foran tratados no concilio de Zaragoza no ano 380, no que os bispos adoptan unha serie de canons para tentar erradicar a influencia da herexía priscilianista; e un destes aspectos é o de iren cos pés descalzos "nudis pedibus incidere" como unha forma de sacrificio. 
Petroglifo no Centro Arqueolóxico do Barbanza: Anaco dun petroglifo con combinacións circulares de procedencia descoñecida.  
Petroglifo da Laxe das Cabras: Presenta dúas figuras zoomorfas, unha delas coas patas dianteiras que parten dun mesmo baixo do peito do animal.
Petroglifos do Outeiro dos Corvos (Lampón): Gravuras con forma de pegadas humanas. Segundo Manoel Santos Estévez, un dos seus descubridores, podería situarse cronoloxicamente entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro. Para coñecelo mellor, investigadores da USC e do CSIC fixeron un calco do petroglifo e unha recreación en 3D.
Petroglifos da Pedra da Bouza: A principios do mes de febreiro do ano 2013, os veciños denunciaron o abandono no que se atopa o petroglifo, tirado no chan e cuberto pola matogueira. Con razón aseguran que "É dunha importancia impresionante, e un bo día desaparece e ninguén di nada, ninguén pregunta por ela". 
Penedo do Demo: Redescuberto a mediados do ano 2014 por dous veciños. Fora estudado por Bouza Brey e López Cuevillas nos anos vinte do pasado século. No debuxo que realizaron das gravuras vense uns enigmáticos símbolos que interpretaron como "arábigos", dúas cruces e o número 18.  
Petroglifos do Petón do Castro: Varios grupos cons insculturas de coviñas, motivos circulares, cruciformes e algún antropomorfo.
Petroglifos de San Ramón (Bealo): Preto da ermida de San Román. Unha primeira peneda presenta motivos circulares e unha agrupación de preto de 400 cazoletas. Logo temos tres petroglifos insculpidos en pedras exentas, unha delas destaca polas súas peculiares características; trátase dunha lousa chantada no chan, a semellanza dunha pedrafita, con gravuras de cazoletas.
Colar das Chans do Barbanza: Do Bronce Inicial, datado entre o 1800-1600 a.C. 
 

 

BRIÓN
Castro Lupario (Bastavales); Monte Pumariño (Bastavales); Coto Cornido (Cantelar-Boullón).
Petroglifos do Castro Lupario: Pedra con círculos concéntricos con cazoleta central que forma parte da muralla.
Petroglifo do Coto Cornido: Trátase dunha laxe con dúas cazoletas.
Petroglifos do Monte Pumariño: Formado por unha combinación de círculos concéntricos con coviña central. (Foto: fonte PXOM do Concello de Brión).

CABANA DE BERGANTIÑOS
Casa de Pedro, utilizado como pavimento dunha eira (Canduas); A Piolla (Nantón).
Petroglifo da Casa de Pedro: O petroglifo foi utilizado como piso dun patio. Anteriomente formaba parte do valado dunha leira coñecida como a Chousa do Campo. A laxe, incompleta, presenta tres círculos concéntricos e o comezo dun segundo conxunto de circunferencias. Crese que procede do Monte Castelo.
Petroglifos da Piolla: Cazoletas dispostas arredor dunha pía na parte superior e un grupo de cazoletas dispostas en ringleira nun lateral. 
Un estudo con xeorradar encargado pola Deputación da Coruña revelou a existencia dun poboado acaroado á anta de Dombate. Podería tratarse dun asentamento da Idade do Bronce ata comezos da Idade do Ferro, período no que o famoso dolme xa non cumpriría o seu papel funerario.


CABANAS
Petroglifos do Couto dos Golpes (Santa Cruz do Salto): Composto por tres grupos de petroglifos. Un deles presenta máis de 200 insculturas con cruces gregas, latinas, pomeadas, patadas, unha gran cruz triple con máis de 80 cm de alto, e outras gravuras de factura moi posterior ás coviñas, círculos simples, combinacións de círculos concéntricos e un cadrado simple e dous cadrados cunha cruz no interior interpretados como taboleiros de xogos. (Información e foto: Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos).
Petroglifos das Fragas do Eume: Os devastadores incendios do ano 2012 deixaron ao descuberto petroglifos e outros restos arqueolóxicos. A Plataforma pola Defensa do Eume encomezou unha campaña de sensibilización para protexer as fragas e os achados.

CAMARIÑAS
Petroglifos Pedra dos Números (Ponte do Porto): Atopado por Javier Amado e Francisco Pérez. Presenta combinacións circulares e serpentiformes.
Petroglifo de Camelle: A principios do ano 2013, Esteban Petrallo descubriu un petroglifo con varias gravuras no monte Can Ladrón, na parroquia de Camelle. Ao parecer, nos arredores atópanse outras gravuras moi erosionadas.

CAMBRE
Castro de Gosende (Andeiro); Castro de Sigrás (Castro de Sigrás); Pena de Nosa Señora.
Petroglifos da Pena de Nosa Señora: Segundo a lenda, as pegadas que presenta son dos pés da Virxe.
Espada da Idade do Bronce atopada no río Mero, custodiada no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. (Foto: fonte CEIP Graxal de Cambre).

A CAPELA
Os Picos (Os Picos-A Capela); A Pena Branca, A Pena dos Mosqueiros e As Penas da Aira da Malla (Gunxel-A Capela); Os Corregosos (Vilardemouros-A Capela).
Petroglifos da Pena dos Mosqueiros: Rocha granítica proveniente dunha canteira. O que queda da pena presenta catro cruces, un cadrado con cazoleta central e unha cazoleta illada.
Petroglifos dos Corregosos: A estación está formada por varias penas con gravuras. Salientan a Pena do Demo que presenta dúas marcas lonxitudinais paralelas, que semellan intencionadas, e que os veciños coñecen co nome de As rodeiras do Demo que, segundo a lenda, foron feitas polo carro do diaño. Ademais destas marcas obsérvase unha espiral moi desgastada. A Gradeira do Demo presenta unha ferradura e cruciformes. Pena das Capas: Posibles marcas en forma de "fi", figuras ovaladas e rectangulares de orixe moderna.
Petroglifo dos Picos: Trátase dunha cruz gravada sobre un bolo granítico situado nun cruce de camiños na estrada que une Os Picos con As Neves. 

CARBALLO
Petroglifos do cruceiro de Penas das Gallas: De cronoloxía indeterminada, gravuras na base do cruceiro.
Petroglifos da Pena do Gato (Noicela): Rocha con cazoletas, ubicada na actualidade nun curral. Información achegada por Andrés Riveiro.
Entrecruces: Nos anos setenta, no lugar coñecido como O Souto Grande, atopouse unha punta de lanza do Bronce Final. López Cuevillas e Bouza Brey citan un machado de tope de dous aneis.

CARIÑO
No ano 1961 un veciño atopou, preto da praia da Basteira, un machado votivo de bronce que cedeu ao Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón na Coruña. No ano 1965 apareceu na mesma praia un puñal de bronce con folla pistiliforme de dobre fío con nervadura central. 
 

CARNOTA
Rúa da Igrexa (Lira); Campo Botireiro e Campo da Cruz (O Pindo); A Moa (Monte Pindo); As Camposas, Outeiro Poleiro, Os Pousallos, Outeiro dos Prousos Magos, Valdalouxa e Vilar (San Mamede de Carnota); Capelán (Capelán-San Mamede de Carnota); Chan de Pedra Grande (Louredo-San Mamede de Carnota); O Viso (O Viso-San Mamede de Carnota); Alto da Galiñeira, A Laxe Escrita (O Descansadeiro-Monte Carrasqueira-Santa Comba de Carnota); Outeiro da Lagoa (Fontes-Santa Comba de Carnota); As Laxiñas, Miravella, Outeiro do Corvo, Outeiro do Filladuiro, Rego Lamoso (Mallou-Santa Comba de Carnota); Pedramarrada (Pedramarrada-Santa Comba de Carnota); Portaventosa, Os Pousos e O Prouxo (Santa Comba de Carnota). Os Castros, Cova do Goriño, Laxes da Fornella. 
Petroglifos do Campo Botireiro: Descubertos no ano 2006 por Xoán C. Rodríguez.  
Petroglifos do Campo da Cruz: Dúas rochas con gravuras históricas.
Petroglifos de Capelán: Coviñas.
Petroglifos da Laxe Escrita: O petroglifo foi descuberto por uns escolares no ano 1980. Forma parte do conxunto do Alto da Galiñeira. Trátase dunha rocha plana cuberta por gravuras en case toda a súa totalidade. Presenta combinacións circulares, antropomorfos, cruciformes e outros motivos de díficil interpretación, entre outros o que semella un barco.
Petroglifos das Laxiñas: Entre os distintos motivos podemos ver un puñal de gran tamaño unido por un trazo ás combinacións circulares de maior tamaño. Noutra rocha situada xunto a anterior hai un cervos enlazados pola parte traseira. (Información e foto de As Laxiñas de Petroglifos de Galicia).
Petroglifos de Miravella: Combinacións circulares. Non moi lonxe do castro de Mallou.
Petroglifos do Outeiro do Corvo: Combinacións circulares.
Petroglifos do Outeiro do Filladuiro:  Salienta a representación dunha desusa-nai cun neno no colo, que reflicte o culto á fertilidade.
Petroglifos de Portaventosa: Combinacións circulares e coviñas. Sobre a laxe vense as marcas deixadas polas máquinas cando a apertura dunha pista.
Parque Eólico de Paxareiras (Carnota, Muros e Mazaricos): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse un total de nove xacementos, entre eles unha mámoa e oito petroglifos, dous indeterminados e un pertencente á Idade Contemporánea.
Petroglifos do Prouxo: Combinación circulares e cazoletas, algunhas comunicadas entre si por un suco.
Petroglifos de Rego Lamoso: Armas, círculos e coviñas.
Petroglifos no Monte Pindo: O día 6 de decembro de 2014, Xosé Fernández Naval e Fernando Alonso Romero localizaron unha pena cunha cruz medieval, coviñas e dúas figuras podomorfas, ademais doutros símbolos sen descifrar. 
Con motivo da redacción do PXOM, Luis Cordeiro deu a coñecer dez novos petroglifos nas zonas das Camposas, As Laxas e no Monte Pindo, con representacións de coviñas, motivos circulares e zoomorfos.

 

 

 

CEDEIRA
Castro das Alcaiás: Atopouse un machado da Idade do Bronce. 

CERCEDA
Pedra do Corvo (Xesteda), lindeira coa parroquia de Bardaos (Tordoia).

CERDIDO
Lúnula de Cerdido: Da Idade do Bronce, achada nun túmulo megalítico. Especie de xoia de ouro peitoral, desaparecida.

COIRÓS
Fonte do Oso (Montes do Gato-Fontela-Santa María de Ois); Monte de Xora (Xora-Santa María de Ois); Cotón do Torreiro, A Lomba, Pena do Boi ou da Loma, Penedo do Seixo, Revoltas Longas (Santa María de Ois); Pena Furada (Figueiras-Santa Mariña de Lesa).
Petroglifos da Fonte do Oso: Dous grupos de petroglifos, o primeiro, situado no medio dun vello camiño, con círculos concéntricos e cazoletas, e o segundo con cazoletas.
Petroglifos da Lomba: Catro rochas con gravuras.
Pena Furada: No mes de setembro de 2011 saltou á prensa o descubrimento dun relevo dunha muller realizado por Antón Fernández Malde a principios dos noventa do pasado século, achado que publicara no Anuario Brigantino no 1993 e no que xa abría a posibilidade de que o conxunto se tratara dun santuario no que destaca a figura dunha muller espida que mostra un desproporcionado sexo e coñecida dende vello polos veciños co nome de A Moura. Despois dunha primeira intervención, revelouse que non se trata dun tema illado, senón que forma parte dun complexo santuario datado entre os últimos séculos antes de Cristo e os primeiros da era cristiana que nos amosa o sistema simbólico e relixioso dos pobos galaicos, antes e durante a romanización. Ata o de agora, o coñecemento sobre estes pobos limitábase case ás aras romanas pero non abundan as representacións figurativas dos seus deuses nin este tipo de estruturas arquitectónicas. Unha das novidades é o control sobre a incidencia que a luz solar ten no conxunto e as conexións astrais que plantexa. A figura da Moura é probablemente unha deusa da fertilidade, ubicada nun podio, na parte máis elevada do complexo, que se amosa con toda claridade cara ao mediodía, en contraste co outro antropomorfo, pode que masculino, que é máis visible cara o ocaso. Coa axuda dun arqueoastrónomo comprobou que un muro onde hai unha marca, medieval ou romana, está perfectamente aliñado co equinoccio de primavera. Mais resulta aínda máis emocionante o descubrimento durante o equinoccio de outono; entón o sol cádrase de forma perfecta coa moura, iluminando ademais outra figura antropomorfa moi pequena que se atopa nunha das portas de acceso, a uns quince metros da moura. Segundo Malde non é unha casualidade que a vulva do baixorrelevo sexa irradiada polo sol na súa máxima intensidade durante o equinoccio de primavera, momento do ano ancestralmente celebrado por festas e rituais, nin que a estrutura xeral do santuario, que se desenvolve nun eixo norte-sur, estea orientada ao oeste, relacionado co mundo do Máis Alá. Detrás do podio construíuse un pequeno habitáculo, a modo de balcón con vista ao Monte do Gato. Unha das cuestións a dilucidar é ata cando se utilizou o recinto. O investigador cre que xa coa cristianización consolidada continuou a ser un referente para os habitantes do lugar. De feito, a igrexa de Santa María de Lesa, a menos dun quilómetro, está adicada a unha mártir galaico-romana con reminiscencias de A Moura, xa que se lle atribúe unha extraordinaria fecundidade, ao ter parido nove fillos á vez.
Penedo do Seixo: Trátase dun altar con gravuras en diferentes rochas.
 

 

CORISTANCO
Pedra Furada (A Brañela-Agualada); A Patada da Mula, posiblemente de orixe medieval (Couso).
Petroglifo Patada da Mula: Presenta unha gravura en forma de ferradura de orixe medieval.
Puntas de lanza: No regueiro de Porto Seixo, preto da lagoa de Alcaián, atopáronse catro puntas de lanza da Idade do Bronce, tres delas depositadas no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Na Agualada atopouse un machado de tope. 
 

A CORUÑA
Pena do Polvorín (Polvorín de Monte Alto-A Coruña); Pena do Altar, Pena da Brúxula (Punta Herminia-A Coruña); Peneda do Castelo e Pena do Pouporón (Elviña).
Petroglifos Pena da Brúxula: Descuberto no ano 1897 por Santiago de la Iglesia que o cubriu con terra para evitar danos. Redescuberto a principios do ano 2014 ao quedaren ao aire libre por mor das choivas. Presenta cruciformes, algúns rematados na base cun círculo. 
Petroglifo da Pena do Castelo: Luis Carré Alvarellos, nun artigo publicado no Boletín da Comisión de Monumento de Lugo (1949), cita unha rocha con 20 coviñas na Pena do Castelo que sitúa en Mesoiro, parroquia de Elviña e concello de A Coruña. Mais a aldea de Mesoiro queda en Bergondo polo que descoñezo en cal dos dous lugares hai que situar este petroglifo. 
Petroglifos da Pena do Polvorín: Descuberto no ano 1913 por Jeús González del Río, director do Arquivo do Reino de Galicia. Debe o seu nome porque se atopaba xunto o antigo almacén de munición de Monte Alto. Trátase dun fragmento con cruciformes estilizados, interpretados por Cabré como antropomorfos nunha escea de baile sagrado, e por Monteagudo como cruces de términoe xinete. Custodiado no Museo do Castelo de San Antón. 
Petroglifo da Pena do Pouporón: Coviñas.  
Petroglifos de Punta Herminia: Descuberto no ano 1895, atópase en moi mal estado debido aos balazos recibidos cando o lugar estaba ocupado polos militares.
O Burgo: No río Mero atopouse unha folla de puñal da Idade do Bronce.
Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), di que os mariñeiros do país chaman altar a unha pena gravada con insculturas que se ergue nas inmediacións da Torre de Hércules, entre a punta de Pradeiras e a punta Herminia. Algúns escritores, e entre eles o marqués de Cerralbo, supoñen que a pena con gravuras próxima á Torre de Hércules, o mesmo que outras penas semellantes que existen nas catro provincias galegas, foron altares levantados ao sol. Na mesma entrada fala do Altar dos Bicos, penas con gravados rupestres descubertos na segunda metade do século XIX nas inmediacións da Torre de Hércules, no sitio que chaman Montealto, preto dun polvorín que hai no cume. No centro, que é plano, vénse insculpidas unhas figuras representando danzas ceremoniais, na que toman parte moitas mulleres e un só home que está a cabalo.
No primeiro terzo do século XX, Martínez Salazar e Tettamancy Gastón afirmaban que os petroglifos descubertos nas inmediacións da Torre de Hércules poderían ser interpretados como delimitadores dun espazo sagrado. Tamén aseguraban que no lugar houbo un castro.
 

 

 

CULLEREDO
Paxariñas (Culleredo); A Madoña (Outeiro de Abaixo-Sésamo).
Petroglifos de Paxariñas: Dús penas con cazoletas de varios tamaños.
Pena dos Xigantes: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), fala da Pena dos Xigantes ou Pena dos Xentiles. Di que se trata de xigantescas rochas postas unhas por riba das outras, que presentan unha serie de buratos circulares de cinco a seis centímetros de profundidade que se comunican por medio de canles. Actuaría como altar druídico.
Monte do Carrizo (Rutís): Ao pé dunha peneda con pías naturais, Monteagudo localizou unha posible cabana e fragmentos cerámicos da Idade do Bronce.

CURTIS
Petroglifos da Pena das Cruces: Presenta cruciformes e cazoletas. Ao parecer, algúns cruciformes son de época prehistórica, representación esquemática da figura humana. (Foto: fonte Fernando Cabanas López).

DODRO
Pedra Redonda (Dodro); A Carga (Vigo-Dodro); Outeiro dos Corvos (Susavila-Dodro); A Cabana (Masenlle-Laíño); Lomba das Pozas (Alto do Miradoiro/Santiaguiño do Monte-San Xoán de Laíño); Padronelo (Bexo-San Xoán de Laíño); Bouza Nova (A Igrexa-San Xoán de Laíño); Bouza Abadín (Imo-San Xoán de Laíño).
Petroglifos de Bouza Abadín: No mes de febreiro de 2011 un grupo de voluntarios, baixo a supervisión dos arqueólogos, limparon e acondicionaron a estación rupestre. Durante a limpeza saíron á luz novas gravuras que non estaban inventariadas. Conxunto formado por combinacións circulares e zoomorfos moi esquemáticos.
Petroglifo da Lomba das Pozas: Dúas rochas con gravuras de cazoletas e unha ferradura.
Petroglifo do Outeiro dos Corvos: Cazoletas.
Xacemento de Riascos (San Xián de Laíño): Durante a construción de vivendas unifamiliares apareceron lascas de seixo e cerámica campanense e do Bronce Inicial.


DUMBRÍA
Alto de Cabarnalde (A Pelexa-Buxantes); A Pedra Ancha e Pedra do Brazal (Alto do Fragoso-Buxantes); A Pedra Longa (Dumbría); Castelo (Olveiroa).
Petroglifos da Pedra Ancha: Situada xunto o camiño real que ía de Santiago a Fisterra.
Representacións de ata oito armas (espadas e alabardas) nunha pedra orientada cara a saída do sol. Tamén se ven cruciformes de factura máis moderna. 

FENE
Coto do Rei e Pena Picoto (Monte Marraxón-Sillobre). 

FERROL
Pena das Coviñas, Montes de Brión (Brión); Chamorro (Serantes).
Petroglifos de Chamorro: No ano 1991, Ignacio García Novás e Alberto López Fernández atoparon un grupo de petroglifos nas inmediacións da ermida de Chamorro. No ano 2009, Ignacio García descubriu novos exemplares, estes en peor estado de conservación ca os anteriores. Predominan os círculos concéntricos e as cazoletas.
Sobre o que semella unha pena abaladoira, incrustrada nun lateral da ermida, hai catro combinacións circulares e sete cazoletas, feito que evidencia a clara cristianización dun lugar de culto pagano.

FISTERRA
O Cal da Costa (Duio); Cruceiro da Rapadoira (San Salvador-Sardiñeiro).
Petroglifos do Cruceiro da Rapadoira: Situado preto do Camiño de Santiago a Fisterra. Nas inmediación hai unha mámoa. Sobre os niveis do basamento hai insculpidas varias cruces modernas que, ao parecer, se gravaban para curar o “mal de ollo”; tamén se ven algunhas coviñas. A orixe do cruceiro pode estar no século XVI.
 

IRIXOA
Abeledo, Abueira, Braña Redonda, Chousa Nova, Fontenla, Furado do Raposo, Grambén, Pena dos Paxaros, Pena do Pico, Xestal (Ambroa); Tesouro (Churio); Cordal e Oural (Irixoa); Monte de San Antón, As Rozas (Mántaras); Ribeira e Santabaia (Viña).
Petroglifos de Abeledo: Distribuídos por varias penas hai combinacións de semicírculos, coviñas, círculos simples, círculos concéntricos con coviña central e unha cruz latina.
Petroglifos do Cordal: Un pequeno círculo simple con cazoleta central, un semicírculo con coviña central e trinta coviñas.
Petroglifos de Fontenla: Combinacións de círculos concéntricos de dous aros con coviña central e un deles con suco de saída, combinación de catro círculos con coviña central e suco, coviñas e unha figura de difícil interpretación.
Petroglifos do Furado do Raposo: Coviñas e unha cruz latina.
Petroglifos Ribeira: Coviñas.
Petroglifos das Rozas: Combinacións de círculos concéntricos.
Petroglifos de Santabaia: Coviñas.
Petroglifos do Tesouro: Coviñas.
Petroglifos do Xestal: Coviñas.
Pena de Paxaros (Ambroa): Preto do castro de Casal do Mouro. Pena abaladoira que, ademais de moverse ao sometela a un leve empurrón, tamén abanea, disque, cando soa a gaita. No seu lombo presenta un grupo de cazoletas.
A información e as fotos foron extraídas do traballo realizado polo Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, publicado no Anuario Brigantino no ano 2012, Gravados rupestres no concello de Irixoa (A Coruña). 
Petróglifo en Mántaras: No mes de agosto de 2014, non moi lonxe do monte de San Antón, localicei ounha pena coas gravuras de tres ferraduras de época medieval ou moderna.

 

 

A LARACHA
Petroglifos da Alta de Soandres: Incompleto, posiblemente reaproveitado para a construción dalgunha vivenda. Prsenta tres coviñas.
Pedra de Santa Marta: Actuaba como marco co concello de Cerceda.
(Información recollida da páxina de O Cortelho da Laracha).
Castro da Croa de Santa Baia: Situado no cume dun monte de difícil acceso, arrodeado por un pequeno muro defensivo de cachotaría de granito e parapeitos. Apareceron machados da Idade do Bronce.

LAXE
A Pedreira (Laxe); Pedra Xestosa ou Cova dos Batáns (A Biqueira-Nande).
Petroglifos Pedra Xestosa: Nunha ladeira do Monte Redondo, no límite entre os concellos de Laxe e Vimianzo. Trátase dun afloramento granítico cun pequeno abrigo. Presenta varias zonas gravadas, tanto no interior da cavidade como no exterior, con combinacións circulares con apéndices, cérvidos, zoomorfos, sucos, unha posible escea de monta... Nun panel vertical exterior presenta seis ungulados (dous con cornamenta) e a presenza de cinco zoomorfos enfrontados aos cérvidos onde semella a representación da caza duns cervos por parte dun ser humano e de varios cánidos.


LOUSAME
Camboño (Camboño); Chan do Rego, Cruz do Monte Siroña e Monte Muralla (Aldarís-Fruíme); Monte Pedride (As Arribas-Fruíme); Agro da Costa (Lesende); Cerquides (Lousame).
Petroglifos do Agro da Costa: Presenta unha gran cantidade de motivos: coviñas, círculos sinxelos e concéntricos, círculos arrodeando unha cruz, cadrados e reticulados.
Petroglifos da Chan do Rego e Monte Muralla: Motivos distribuídos en tres penedas.
Petroglifo da Cruz do Monte Siroña: Gravado histórico. 
 

 

MALPICA
Pedrouzo. 

MAZARICOS
Alto do Adraño, Petón de Cornes (Arcos); Alto da Medoña, Chan de Pedra Grande, Lagoa de Matahomes e Petón de Paxareiras (As Paxareiras-Coiro); Petón de Paxareiras; Alto da Pedra Cabalgada, Chan de Legüíñas, Outeiro Grande (Xestoso-Coiro); Monte de Colúns (Colúns).
Petroglifos do Alto do Adraño: Varias rochas con gravados prehistóricos e históricos.
Petroglifos da Lagoa de Matahomes: Tres penedas con gravuras de época histórica.
Parque Eólico de Paxareiras (Carnota, Muros e Mazaricos): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse un total de nove xacementos, entre eles unha mámoa e oito petroglifos, dous indeterminados e un pertencente á Idade Contemporánea.
Necrópole da Parxubeira: Atopouse unha punta palmela, asociada a un vaso plano característico do Bronce antigo.

MELIDE
Coto do Vieiro (Orois).
Brazal de Melide: Da Idade do Bronce. Trátase dun cilindro pechado con forma ondulada; carece de decoración. Depósito de Campos: Xa citado por López Cuevillas. O conxunto apareceu no curso alto do río Ulla, nas proximidades dun castro. Comprende machadas de distinta procedencia. Existían outras pezas, hoxe desaparecidas, como seis espadas e varios brazaletes de bronce, de morfoloxía descoñecida. O depósito estaría destinado a fundición. Xacemento da Idade do Bronce da Leira dos Bichiños (Abeancos). Xacemento Calcolítico de Braña da Cruz (Folladela). Pena Grande e Pena Arada: Documentáronse ocupacións datadas na Idade do Bronce, coa localización de dúas puntas de frecha tipo palmela.

MONFERO
Pena Branca (entre as parroquias de Taboada -Monfero- e Grandal -Vilarmaior); A Chaira, Os Edreiros, Monte Grande e Rego de Pazos (Vilachá).
Petroglifos da Pena Branca: Con cazoletas e círculos concéntricos. A tradición oral fala doutros motivos: cruces, esvásticas, espirais, caras..., que se atoparían na parte inferior.
Petroglifos na Parroquia de Vilachá: Varios grupos de gravuras distribuídas polas estacións citadas. Os motivos representados son cazoletas e combinacións circulares. O máis interesante e un de Rego de Pazos, preto dunha casa, que ten a particularidade de situarse dentro dun esconche o que dá a sensación de estaren enmarcado. O petroglifo da Chaira, preto dun campo de mámoas, foi parcialmente estragado por unha máquina cortalumes.
Hai que subliñar o total abandono no que se atopan.
 

MUGARDOS
Na vila romana de Noville apareceu un reticulado con 48 coviñas que podería ser un taboleiro de xogos. 

MUROS
O Couto, O Cruceiro, Pedra das Cruces (Abelleira); Campo da Ermida (Rateira-Abelleira); Pedra da Pía (Esteiro); Abrigo das Cruces, Boca de Curros, Convento de San Francisco, O Cruceiro, Cruz da Pedra, Cuncheiro de Monte Louro, Laxe das Cruces, Laxe das Rodas, Monte Louro, As Pedragueiras, Sistamares, Tras das Rodas (Louro); Laxe do Carrizo (Monte Cabazo-Louro); O Axito e Lousa do Labirinto (Monte Naraío-Louro); Monte do Areal (Taxes-Louro); As Laxiñas (A Alivía-Muros); As Insuas (Monte Baño-Muros); Bico do Castelo Grande e Cova da Bruxa (Monte Forcadas-Serres); Cemiterio Novo, Chan de Tras; Igrexa Morosa do Paso; Laxe do Depósito, Monte do Cruceiro, A Pedra Cavalgada, Rebordelo, Tras da Costa (Serres); Pedra da Chula (A Airoa-Sestaio); Barouteira, Chan do Castro (Tal de Abaixo-Tal); Costa da Xesteira, Outeiro do Gato e Pouso da Costa (Cornes-Torea); Alto da Medoña (Torea). 
Alquerque do castelo de Esteiro (A Laxe-Esteiro): Alquerque de nove no castelo roqueiro.  
Alquerque do Monte Meán (Louro): Localizado preto da Laxe das Rodas e As Pedragueiras. Descuberto por membros do Colectivo A Rula no mes de abril de 2014. Trátase dun alquerque de nove, denominado tamén como xogo do muíño ou xogo do triplo recinto. Este xogo, moi popular na Idade Media, é de estratexia para dous xogadores, antecedente das actuais damas. A orixe remóntase ás civilizacións exipcia, troiana e grega, e mesmo durante o Imperio Romano foi un dos pasatempos preferidos polos lexionarios.
Pedra das Cruces (Campo da Ermida-Abelleira): Cruces de época medieval.    
Petroglifos do Bico do Castelo Grande: Presenta figuras cuadrangulares concéntricas, unidas por catro trazos rectilíneos perpendiculares que atravesan a zona media de cada un dos lados dos cadrados. Trataríase dun taboleiro de xogos.
Petroglifos do Campo da Ermida: Medieval. Laxes con cruces.
Petroglifos das Insuas: No Monte Baño. Descubertos no ano 2006 por estudantes do Instituto As Insuas. Están situados preto da estrada que conduce a Sestaio. O grupo está formado por un labirinto, un círculo e unha cazoleta duns seis centímetros de profundidade.
Petroglifos da Cova da Bruxa: Con varios motivos, entre eles un dos escasos cánidos existentes no páis. Vense cérvidos sexuados e outros en aptitude de berro, asociados a un reticulado que se poderían identificar cunha escea simbólica máxica orientada á reprodución da fauna. Os motivos circulares estarían relacionados con discos solares de carácter sagrado.
Petroglifos da Laxe das Rodas: Os motivos principais son dúas grandes espirais que xiran en sentido contrario (unha destroxira e outra levoxira), arrodeadas por 65 coviñas. Foron interpretadas como un sistema de medición do tempo baseado nos ciclos solares e lunares. Tamén aparece unha escea de equitación interpretada como un xinete que arrastra o carro do sol que apoiaría a hipótese do calandario, aínda que non falla quen o entenda como un home tentando enlazar o cuadrúpede (a lúa crecente e o sol ocultándose). Outras teorías vencéllannas coa morte, a fecundidade, eclipses de lúa, culto astral, etc.
Petroglifos do Couto: Gravuras de cazoletas, cruciformes e outros motivos de difícil interpretación situadas no Bico do Lago, un pequeno outeiro que se ergue sobre o mar.
Petroglifos do Monte do Cruceiro (Serres): Cinco penas con gravuras.
Petroglifos do Monte Naraío: Labirinto que comparte a superficie gravada con deseños prehistóricos.
Parque Eólico de Paxareiras (Carnota, Muros e Mazaricos): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse un total de nove xacementos, entre eles unha mámoa e oito petroglifos, dous indeterminados e un pertencente á Idade Contemporánea.
Pedra da Pía: Situada a 15o metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dunha gran rocha fracturada en varias seccións onde, ademais dos relevos produto da erosión entre os que salienta o coñecido como "sentadoiro", pódense ver pías, coviñas unidas por canles, cruciformes, alfabetiformes e cálices. Identificada como un altar rupestre.
Petroglifos das Pedragueiras: Localizado polo Colectivo A Rula no ano 2013.
Petroglifos do Monte do Areal: Un cazador, Antonio Suárez, descubriu tres penas con gravuras no ano 2013. Presentan cazoletas principais comunicadas con outras secundarias por medio de segmentos e combinacións de círculos. Un dos círculos podería pertencer á fase inicial da arte rupestre, en torno aos anos 2800-2500 a.C. Outra pena ten dúas combinacións concéntricas unidas por raios; na rocha hai tamén unhs inscrición que podería ser do século XVIII e que quizais tivese como finalidade facer de linde xurisdicional relativo ao término de Muros. 
 

 

 

 

MUXÍA
Petroglifo na Parroquia de Morquintián: Gravura coñecida como O Outeiro de dona Urraca, nun marco de época medieval. 

NARÓN
Montiños da Moura (Nenos-Sedes): Entre os concellos de San Sadurniño e Valdoviño. Trátase dunha pena con gravuras situada nunha necrópole formada por unha ducia de mámoas. 

NEDA
A Rabadeña (A Rabadeña-Neda).
Petroglifo da Pena Louseira: Descuberto no ano 1993 polo Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos. Trátase dunha pedra de lousa con distintos tipos de cruciformes.
Petroglifo da Rabadeña: Descuberto cando as obras do gaseoducto. Trátase de dúas rochas, removidas do seu lugar orixinal, con pías e cazoletas ovais e circulares.

NOIA
San Lois (Argalo); Alvariza (Barro); Castelo de Nimo (Nimo-Roo).
Petroglio de San Lois: Segundo noticias de marzo de 2010, os veciños denunciaron a desaparición do petroglifo.
Petroglifos do Castelo de Nimo: Con cazoletas e círculos simples insculpidos sobre soporte granítico.

OLEIROS
Laxe das Cabras (Dexo); Suviña (Dexo).
Petroglifo en Suviña: Luis Carré Alvarellos, nun artigo publicado no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), cita e achega un debuxo dunha pena cunha trintena de coviñas entre Canles e Suviña. 
 

ORDES
As Cavadas: Xacemento da Idade do Bronce. Apareceu material cerámico de factura campaniforme.

OROSO
Punta de Lanza: Atopada en Deixebre, pertence á Idade do Bronce. Mide 39 cm de longo, con enmangue tubular e folla fina.

ORTIGUEIRA
Castro do Viso: Federico Maciñeira cita neste castro unha peneda con cazoletas.
Muíño da Granxa (Senra): Acubillo da Idade do Bronce. Na derradeira década do século XIX saíron á luz 24 machados de tope. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey.

OUTES
Arestiño e Costa do Remeira (Arestiño-O Freixo de Sabardes); Lestelle (Lestelle-O Freixo de Sabardes); Fontemoureira (Vilariño-O Freixo de Sabardes); A Carballa (A Carballa-Outes).
Petroglifos de Fontemoureira: Distribuídos en tres lousas, presentan combinacións circulares e cazoletas. Destaca unha combinación de catro círculos concéntricos, de máis dun metro de diámetro, con suco radial e cazoleta central rodeado por coviñas enmarcadas por rectángulos que semella un ídolo. 
Castelo roqueiro de Esteiro ou da Laxe: Coñecido tamén como Bico do Castelo Grande. Lindeiro co concello de Muros. Pena coa gravura dun alquerque de IX.


OZA DOS RÍOS
Montes do Gato (Rodeiro). 

PADERNE
Obre (Obre); Travesas (Travesas-San Xulián de Vigo); A Covacha.
Petroglifos de Obre: Rocha con cazoletas descuberta pola asociación cultural Roxín Roxal no ano 2008 cando acondicionaban un camiño de sendeirismo.
Petroglifos das Travesas: Un grupo de petroglifos, formado por cazoletas e círculos concéntricos, están insculpidos sobre unha enorme laxe granítica que Alfredo Erias e André Pena identifican como unha mesa de ofrendas do Neolítico Final. Na parte inferior da rocha atópase un oco a xeito de refuxio coñecido como A Cova dos Mouros. Dentro da mesma finca, aínda que proveniente do lugar de Loureiro, hai unha rocha que na súa parte superior conserva unha combinación circular e dezaoito cazoletas.


PADRÓN
Santiaguiño do Monte: Santuario rupestre erixido sobre un conxunto de batolitos de granito. As rochas presentan cavidades ás que a tradición popular lle dá diversos nomes e onde se realizan uns rituais de grande interese antropolóxica. Cando a cristianización, o lugar padeceu varias modificacións. Nas inmediacións está a ermida do Santiaguiño, debaixo da cal mana unha fonte vencellada, seguramente, ao santuario pagán. Acaroada á capela está a coñecida como Casa do Ermitán onde se di que viviu a raíña Lupa. Xacemento cun culto posiblemente ininterrompido dende a Idade do Bronce ata os nosos días.
Xacemento da Chansa (Pazos-Iria Flavia): Preto da mámoa da Chansa. Atopáronse fragmentos cerámicos pertencentes á Idade do Bronce. 
 

A POBRA DO CARAMIÑAL
Pedra Bicuda (Quintáns-O Caramiñal); Gonderande (Gonderande-O Caramiñal); Cruz de Pedras Negras (A Aldea Vella-Lesón); Pedra Leirada, Monte dos Carrascos e A Misarela preto das ruínas do antigo convento franciscano (Lesón).
Cruz de Pedras Negras: Gravura histórica.
Petroglifos da Pedra de Gonderande: Gómez informoume de que se atopa nun estado lamentable. Situada á beira dun río, as mulleres da aldea ían lavar a roupa ao seu carón xa que no lugar se formaba unha poza natural nunhas curiosas laxes que tiña ao pé. Hai algúns anos foi "incorporada" a unha plantación de kiwis e alí mesmo fixeron un recheo para facer unha pista para que os camións puideran virar, desaparecendo as laxes que había ao pé das gravuras (pode que aínda estean soterradas baixo o recheo). O río foi entubado parcialmente e ao lado da Pedra de Gonderande construíron un depósito para regar a plantación. Ao cabo do tempo, o negocio dos kiwis non foi adiante, e o entorno das gravuras é agora unha selva de kiwis e silvas.
Petroglifos da Pedra Leirada: Petroglifos esparexidos por varias penedas graníticas insculturadas, maormente con cruciformes de distintos tipos. Segundo información achegada por Gómez, ademais dos motivos, pode haber algo máis. Na sabedoría popular da xente que traballou nos arredores da Pedra Leirada dende hai séculos había un dito que dicía: "Na Pedra Leirada hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán". Un seu avó, que dende os anos trinta do pasado século traballou e viviu alí, contaba como os cans se metían por baixo da pedra e que se oían ladrar ao lonxe por longos túneles. Hoxe en día xa non hai cabras polo lugar, pero os túneles ou covas de seguro que aínda están agochadas, a menos que o propietario actual, persoa con pouca sensibilidade, se encargue de facelos invisibles definitivamente.
Xacemento da Corna (Laxe-O Xobre): Apareceron fragmentos cerámicos con decoración campaniforme.


PONTECESO
As Cruces de Brántuas (Brántuas); Agra do Cairo, Alto das Vixías, O Castro, Chousa dos Planos, A Fieiteira, Fontefría, A Gurita, Meixoeiro, Monte Cambeiro, Pedra da Serpe, Pedras Miúdas, Petón da Campaíña, A Regadiña, Roncudo e A Zapateira (Corme Aldea); Monte Carboeiro e Sónaras (Corme Porto).
A Aldea: Destruído cando as obras de ampliación dun camiño veciñal. Segundo Rodríguez Casal atopábase ao pé dun cruceiro. Era de tipo idiliforme constituído por un rectángulo coroado por un semicírculo, con dúas coviñas na base.
Petroglifos das Cruces de Brántuas: Inédito. Consta de dous gravados cruciformes, mais de característica diferente: unha cruz inscrita nun círculo e unha cruz latina. A primeira poderíase tratar dunha cruz de término ou vencellada a un lugar de tránsito, mais a asociación aquí a outra cruz non cristiá fai pensar nunha función santificadora. As gravuras están no mesmo lugar de Brántuas, a carón dun camiño.
Petroglifos da Fieiteira: Estación formada por quince laxes onde se poden ver escaleiriformes, vermiformes (óvalos alongados e divididas por liñas transversais), coviñas, círculos simples con coviñas, figuras en phi, cruciformes, etc.
Petroglifos do Petón da Campaíña: Con representacións de coviñas, liñas, entrecruzados, liñas ondulantes, posibles ferraduras, óvalos, círculos sinxelos e unha curiosa figura humana de muller en falso relevo. Moitos motivos foron repicados o que provocou a súa desaparición. Pode que fora utilizado como unha especie de santuario ritual. Verbo destes petroglifos veño de enteirarme pola prensa da súa importancia! A noticia é do verán de 2010. Bastaron as suxerencias efectuadas por uns arqueólogos franceses para que as nosas ínclitas autoridades se decataran da necesidade de protexer as gravuras. O de menos, ao parecer, é que foi dun arqueólogo do país, Pablo Novoa Álvarez, de quen partiu a iniciativa.
Pedra da Serpe: Serpe alada esculpida nunha rocha granítica sobre cuxa cronoloxía non hai consenso. A primeira noticia achégaa Barros Silvelo no ano 1875, na súa Antigüedades de Galicia, e logo García de la Riega (1904) e López Cuevillas e Bouza Brey en Os Oestrimnios, os saefes e a ofiolatría en Galiza (1929) quen lle atribúen unha cronoloxía prehistórica. Rodríguez Casalo (1974) dálle unha addscrición protohistórica, posiblemente romana ou posterior, iso si, vencellada a un culto ofiolátrico anterior. Segundo a lenda, a cristianización da zona débeselle a San Adrao que, cando andaba a predicar polo lugar, atopouse cunha invasión de serpes; logo de invocar ao Ceo, golpeou co pé sobre o chan o que fixo que os temibles ofidios se agocharan debaixo dunha peneda quedando unha delas petrificada. Como símbolo da cristianización chantaron unha cruz sobre o penedo. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) fala do Altar de Gondomil, gravura na que moitos queren ver o símbolo da antiga relixión dos kimris, co culto á serpe, pois hai ademais o feito certo de teren levado esta comarca o nome de Ophiusa noutros tempos, xustificando todo elo a existencia do culto ofilátrico, que tamén foi coñecido noutras comarcas de Galiza... Continúa dicindo que nunha das súas caras presenta unha especie de escaleira, mercede á cal un home de mediana estatura, posto sobre ela, pode apoiar os cóvados na cama da pena e pode inclinarse sobre a cubeta, o que proba tamén que serviu para os sacrificios druídicos.
Petroglifos da Regadiña: Peneda con motivos circulares e cadrados, algúns con coviñas no interior.



 

PONTEDEUME
Chousa do Conde (Andrade); A Pena do Gato e A Regueira (Ombre).
Petroglifos da Chousa do Conde: Rocha granítica con dúas cazoletas de 5 e 9 cm de diámetro.
Petroglifos da Regueira: Rocha cunha cazoleta de 7 cm de diámetro.

AS PONTES
Petroglifo da Carballeira (Pasado-As Pontes): Gravura de época indeterminada.
Vilavella: Nunha mámoa de pequenas dimensións, ao parecer sen cámara pétrea, A. de la Iglesias atopou a finais do século XIX un puñal sinxelo con espigo para o mango, catro puntas de frecha de forma lanceolada e espigo para a súa ensambladura ao vástago de madeira e unha diadema realizada sobre unha fina cinta de ouro, datados na transicións entre o Calcolítico e a Idade do Bronce.

PORTO DO SON
Fontadurín, Monte da Gurita e Outeiro da Pedra Bicuda (Baroña); Baroña (entre a Igrexa e Vilar-Baroña); Campo Grande, Gourís, Légoa Seca, Pedraleirada, Esperoi, Monte do Curro e Monte dos Feáns (Caamaño); Outeiro de Campelos e Rego do Corzo (Corzo-Caamaño); Pedras das Cruces de Campo Grande (Feáns-Caamaño); Beira da Costa, Casa das Abellas, Casa de Franco, Curral de Abaixo, Monte Espiñeiro, Rego do Curral de Abaixo (Esparrelle-Caamaño); Cruce de Beneso, Eiravedra e A Silva (Goiáns); Agra do Rodo e Outeiro da Malda (Valcunqueiro-Goiáns); A Picota (Miñortos); Outeiro do Con e A Sobreira (Castelo-Noal); Brañas das Pozas, As Laxieles, A Rastra e Pozos da Garda (Monte Dordo-Noal); Pedra da Buguina Grande (Monte Enxa, entre as parroquias de Baroña e Noal); Espiñaredo e Laxe da Sartaña (Espiñaredo-Queiruga); Légoa Seca (Queiruga); Basoñas (Basoñas-San Pedro de Muro); Lagoa de San Pedro (Rial-San Pedro de Muro, este último no Centro de Interpretación de Baroña); Cadeiras e Outeiro do Corno; Na parroquia de Xuño; Outeiro das Castañas. 
Petroglifo de Basoñas: No Centro de Interpretación do castro de Baroña está depositada unha pedra con gravuras de círculos concéntricos procedente da Lagoa de Basoñas.   
Petroglifos de Espiñaredo: Unha das pedras presenta unha inscultura dun puñal de folla triangular con mango. Noutra vense dúas espirais destroxiras e outros motivos xeométricos.
Petroglifo da Lagoa de San Pedro: Foi trasladado ao Centro de Interpretación do Castro de Baroña.
Petroglifos da Laxe da Sartaña: Recibe o nome pola presenza dun motivo, moderno, que lembra a unha tixola ou sartaña. Gran cantidade de cervos avanzando en manada, algúns con cornamenta, rabo, orellas e falo. Chama a atención un motivo que Vázquez Rozas interpreta coma un cánido. Tamén se pode ver unha representación que algúns autores identifican coma unha escea de equitación.
Petroglifos do Monte da Gurita: O grupo principal é unha das estacións con representacións zoomorfas máis interesantes de Galiza, con máis de corenta insculturas de cervos machos con cornamenta e outros zoomorfos e a figura esquematizada dun motivo solar.
Petroglifos do Outeiro de Campelos: Presenta tres cérvidos, ordenados de maior a menor. O primeiro, de máis dun metro de alto e outro tanto de ancho, ten unha cornamenta ramificada, rabo e atributos sexuais masculinos.
Petroglifos de Pedra Bicuda: O motivo máis chamativo e un gran cervo con cornamenta e atributos sexuais masculinos.
Petroglifos dos Pozos da Garda: Con representacións de animais, posiblemente cervos, onde salienta un macho dotado de cornamenta.
Xacementos calcolíticos de Cabeiro e de Xebrín (Noal). 
Chan da Raña: Apareceu un machado de bronce. Atópase no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.




 

 

 

RIANXO
Monte Pedride (O Vilar-O Araño); Barras, Monte Pelotiño (Somoza-Asados); Outeiro do Moucho (Quintáns-Isorna); Abuín (Abuín-Leiro); Outeiro do Gordo e Sobrelodeiro (Brión-Leiro); Os Campiños (Monte Lioira-Leiro); Meiquiz, A Pedreira, Os Campos, Agro da Foxa Vella (Monte Pelotiño-Leiro); Os Mouchos e Praia das Cunchas (Praia das Cunchas-Leiro); Monte da Pena (O Barral-Rianxo); Rianxiño (Rianxo).
Petroglifos do Agro da Foxa Vella: Gravuras de armas e círculos concéntricos prehistóricos acompañados de cruciformes modernos, distribuídas en varias áreas de dispersión.
Petroglifos do Monte Pelotiño: No ano 2007, a empresa Norfor (filial de Ence) arrasou a estación, removendo e danando as pedras.
Petroglifos dos Mouchos: Petroglifos distribuídos en catro superficies graníticas. Presentan cervos con cornamenta onde destaca un gran cervo coa cabeza xirando cara o seu lombo, sobre o que aparece unha figura antropomorfa, e dous cervos máis pequenos. No mes de agosto de 2015 o Concello de Rianxo denunciou ante Patrimonio e a policía autonómica unha agresión aos petroglifos. Os agresores marcaron con pintura de cor branca as súas mans nun dos paneis. 
Depósito de Monte Lioira: Apareceron puñais de inicios do Bronce Medio.
Segundo o artigo Prospección intensiva de grabados rupestres en el ayuntamiento de Rianxo (A Coruña), publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo por Andrés Bonilla Rodríguez, Alejandro Parga Castro e Antonio Torres Álvarez, no concello catalogáronse varios conxuntos, algúns dos cales presentan varios subgrupos: Brión, Sobrelodeiro, Frexó, A Foxa Vella, Monte Pelotiña, Monte Loiro, Monte Picoto, Os Mouchos, Abuín, Rial, Enseada de Leiro, Insua, Sestelo, Isorna, Monte Ceán, Toural, Castiñeiras, Os Campos, Outeiro Gordo, Espiñeira, Alto do Corniño, Devesa de Rianxiño, Pedreira e Pozos onde se poden ver cazoletas, motivos circulares, representacións de animais, antropomorfos, armas, quiromorfos, podomorfos, reticulados, rectángulos, zigue-zagues, ondulados, cruciformes e motivos xeométricos diversos. 

 

 

 

RIBEIRA
Praia do Prado (Corrubedo); Bretal (Olveira); Pedra das Cabras (Figueirido-Palmeira); Pedra da Ra (Mourelos-Palmeira); Cabuxas (Palmeira); Petroglifo nun muro dunha casa (Ribeira); San Alberte (xunto a ermida de San Alberte-Ribeira); Couto do Deán.
Petroglifo de Axeitos: A 50 m da Anta de Axeitos había un petroglifo con representacións de zoomorfos que foi destruído polos labores agrícolas.
Petroglifo de Bretal: Presentaba a figura esquemática dunha figura humana. Desaparecido.
Petroglifos Pedra das Cabras: Trátase de dúas figuras zoomorfas que semellan unhas cabras, con cornos rectos, rabo e ollo representado cunha coviña. Chaman a atención as patas, tres dianteiras e tres traseiras.
Petroglifos da Praia do Prado: De época medieval, presenta insculpidas unha espada, un serpentiforme e dúas cazoletas. A finais de febreiro de 2011, durante as obras da depuradora, promovidas pola Xunta de Galicia, a pedra foi tapada con terra e cascallos. A inquietude que provocou entre a xente este novo atentado contra o patrimonio fixo que o Concello obrigara á empresa a devolver o petroglifo ao seu estado anterior. Agora falta avaliar se sufriu algún tipo de deterioro. 
Gargantilla do Monte dos Mouros (Oleiros): 1800-1600 a.C. Atopada no ano 1887 en condicións descoñecidas, do que formaban parte tamén unhas tiras de ouro, hoxe desaparecidas e unha pulseira.
Asentamento dos Pericos (Couso-Aguiño): Presenta unha ocupación dende a Idade do Bronce á época romana. Apareceron restos de cerámica campaniforme.
 

 

 

ROIS
Petroglifos do Monte Pedregal (Peracova-Buxán): Conxunto de cinco penedas con gravuras.
Cruceiro de Vilar: O cruceiro asenta sobre unha base granítica con cazoletas.

SAN SADURNIÑO
Igrexafeita: Lindeiro coa parroquia de Recemel, no concello de As Somozas. Trátase dun altar nun batolito granítico que conserva varios banzos dunha escada tallados na rocha, cazoletas e o rostro dunha figura humana, posiblemente de época medieval.
Petroglifos Penas Louseiras (Naraío): Pedra de lousa con coviñas.

SANTA COMBA
Depósito de Cícere: Segundo Pérez Outeiriño, os fragmentos de dúas diademas de ouro, unha gargantilla e fragmentos dunha pulseira atopados nunha mámoa de Cícere poden corresponder ao período de transición ao Bronce Inicial. 
 

SANTIAGO DE COMPOSTELA
Castriño de Conxo (Conxo); A Pedra que Fala (Vilar do Rei-Fecha); Campo, Chan de Figueiras, Codesedas, Monte Correxín e Monte Pedroso (Figueiras); Monte Toutón e Pena Chás (Correxíns-Figueiras); Roxos e Tras da Igrexa (Villestro); Portela e O Rexío (Portela-Villestro); San Miguel (Villestro); Silvouta (Silvouta-Villestro); Vilastrexe (Villestro); Barrosa e Monte Aberto (Roxos-Villestro); Prisanseira (Silvouta-Villestro).  Campo.
Petroglifos de Correxíns, Monte Aberto, Monte Pedroso e Tras Igrexa: Círculos concéntricos.
Petroglifos do Castriño de Conxo: Motivos insculpidos sobre unha rocha situada no parapeito superior do Castriño de Conxo. Vense espadas, puñais e alabardas, ademais duns motivos triangulares sobre os que non existe consenso canto á súa interpretación aínda que todo apunta a que sexan representacións de escudos. Conxunto realizado como símbolo de poder e de prestixio social. Dado a coñecer por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e publicado no Faro de Vigo no ano 1935 polo seu pai, Ramón Sobrino Buhigas. Gustavo Pascual Hermida achega unha interesante hipótese no artigo Los Carros de Guerra en los Petroglifos del Noroeste Peninsular, publicado no seu blogue Más que Petroglifos. Defende que os petroglifos de forma triangular asociados a espadas, puñais e alabardas representan "carros de guerra". Ademais deste do Castriño de Conxo, nomea os da Auga da Laxe, Coto das Laxes, Coto da Aspra e Moguelos.
Petroglifos da Barrosa, Campo, Codesedas, Prisanseira, O Rexío e Vilastrexe: Cazoletas.
Petroglifos da Igrexa de Nosa Señora do Carme: Aos pés do Monte Pedroso. Unha serie de nove coviñas aliñadas de tres en tres e paralelas unhas a outras, formando un deseño rectangular interpretado como un taboleiro de xogos.
Castelo da Rocha Forte (Conxo): Sobre unha pedra granítica localizouse o gravado dun taboleiro de xogos de "alquerque de IX", localizado durante unha intervención arqueolóxica no castelo medieval. A peza está fragmentada. Atópase no Museo das Peregrinacións de Santiago.
Portabríns: Xacemento da Idade do Bronce. Apareceron fragmentos cerámicos e líticos.
Petroglifos da Portela e San Miguel (Villestro): Luis Leclere, do Colectivo A Rula, localizou, no mes de abril de 2014, o que pode ser a maior mostra de arte rupestre ao aire libre de Compostela e quizais da comarca. No grupo da Portela pódense ver dende motivos toscos a deseños de época romana e medieval; unha das particularidades son os debuxos rectangulares. O grupo de San Miguel está formado, ao menos, por unha vintena de pedras con gravuras. 
Catedral de Santiago: Alquerque de III. 
Taboleiros de xogo na Colexiata de Santa María do Sar: Situados nun bancada no lateral románico do claustro. Trátase de dous taboleiros de xogo medievais. O primeiro é un deseño triangular con varios sucos rectilíneos que se cruzan no eixo central formando unha especie de estrela, cunha coviña no punto de unión; trataríase dun posible taboleiro para o xogar ao "pai, fillo, nai", mais non secoñecen outros deseños semellantes en Galicia. Ao seu carón, en mal estado de conservación, hai un alquerque de doce rectangular. (Información e foto extraída da páxina do Colectivo A Rula).  
Alquerque en San Lourenzo de Trasouto: O día 23 de agosto de 2015 vin no Facebook que Lito Sande colgaba unha foto dun alquerque situado na igrexa de San Lourenzo de Trasouto, taboleiro, se non inédito, practicamente descoñecido. Díxome Lito, quen sen dubidalo me deu permiso para publicar a súa foto e a información tan pronto como lla pedín, que se atopa á dereita da igrexa, nunha pedra do chan, entre os contrafortes. 
Alquerques no convento de Santa Clara: Lito Sande sorprendeume un día despois con con catro novos alquerques que, coma no caso anterior, tamén descoñecía, gravados no chan, á man dereita da porta. Pero a cousa non rematou aí: a súa irmá, Gloria Sande, localizou un total de 17!. A maior parte dos taboleiros atópanse nas escaleiras, na parte alta do adro, no pasillo cuberto de acceso á igrexa e na portería do xardín. Algúns perderon parte da figura, e outros atópanse en bastante mal estado de conservación. Os alquerques máis numerosos son os de tres (14), un posible de nove e dous de doce. Trátase da maior concentración de alquerques de Galicia. Trátase da maior concentración de alquerques de Galicia.

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

SOBRADO DOS MONXES
Xacemento da Idade do Bronce (Cumbraos): No mes de agosto de 1925 descubríronse debaixo dunha pedra 7 machados de tope. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey.

AS SOMOZAS
Na parroquia de Recemel, no límite coa parroquia de Igrexafeita (San Sadurniño), sobre un aflotamento granítico, atópase un posible altar con escanos tallados na rocha, cazoletas e a gravura dunha cara, posiblemente de época medieval.

TEO
Castro de Francos (Calo, na actualidade no Museo do Pobo Galego); Monte do Río Angueira e Outeiro do Corno (monte Cornide-Calo); Cruceiro Vello e Mouromorto (Mouromorto-Calo); Pena Bicuda de Regoufe (Luou); Agro da Cacharroa e Pedra Bicuda (Luou); Chan do Pouso, O Fondao, Outeiro da Chan do Pouso e Outeiro Piquiño (Loureiro-Luou); Estivada dos Mallos e Laxe da Abaixo (Mallos-Teo). 
Petroglifos da Estivada dos Mallos: Dado a coñecer por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza no ano 1935. Sobre unha superficie inclinada vense círculos concéntricos con coviñas e liñas radiais, coviñas e cruciformes.  
Petroglifos do Fondao: Pena con combinacións circulares que arrodean un motivo de difícil interpretación, unha especie de escutiforme ou antropomorfo dende onde saen varias liñas en dirección a algunhas combinacións.
Petroglifos do Monte Cornide: Conxunto formado por tres estacións con motivos de combinacións circulares e cazoletas; unha das penas presenta un cérvido con cornamenta moi erosionado. 
Petroglifos do Mouromorto: Un incendio forestal o día 30 de xuño de 2015 afectou ao monte, orixinado no mesmo Castro Mouro, situado no Socastro, afectando gravemente aos petroglifos do Mouromorto e a dúas mámoas situadas no mesmo lugar. O intenso calor puído ocasionar termoplastos (a pedra estaba a fracturarse). Ata o lugar achegouse Pablo Sanmartín, do colectivo A Rula, quen puído observar, que a pesares do ennegrecemento da pedra, os danos poden ser recuperables.   
Petroglifos do Monte do Río Angueira: Estación formada por tres rochas graníticas, unha delas coñecida dende o ano 1969. A máis interesante é a catalogada co número dous con gravuras de zoomorfos e antropomorfos e unha combinación circular na parte superior da que sobresaen varios apéndices. O máis salientable son as esceas de monta, unha sobre un cervo.
Petroglifos do Outeiro do Corno: Tres grupos de petroglifos. Un presenta un motivo cuadrangular con trazos paralelos e na parte superior unha aliñación de coviñas. Debaixo hai un cuadrúpede, e á esquerda un puñal de folla triangular. Non moi lonxe, monte arriba, atópanse algunhas penas con cazoletas e un reticulado.
Xacementos da Idade do Bronce do Tras do Pego (A Ramallosa-Lucí); Monte da Cruz e Monte da Lagoa (Luou).

 

 

TOQUES
Castro da Graña; A Pena Moura (A Moruxoxa-Paradela); Os Vilares (Paradela); Pena Ferrada.
Petroglifos da Pena Ferrada: Situada no trazado do Camiño Primitivo a Santiago, posible vía romana XIX, entre a aldea de Vilouriz e a igrexa de Vilamor. Presenta dous motivos podomorfos e unha coviña. Segundo a lenda, recollida por Xosé Manuel Broz, cando un peregrino ía de camiño, a cabalería que o levaba axeonllouse, deixando as pegadas das ferraduras e do xeonllo na pena. Outra versión atribúea cando a Virxe ía de camiño co Neno a burra axeonllouse e deixou as súas pegadas da ferradura e da rodela. (Fonte: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, 2011).
Petroglifo dos Vilares: Por información achegada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, trátase dunha pedra de granito que forma parte do aparello dun valado que fai de talude dun prado. Mide 1,18 metros de altura e 1,27 de ancho. Presenta, ao menos, 28 coviñas gravadas na superficie, formando combinacións intencionadas. A foto, en branco e negro, é dos anos oitenta.   
Petroglifo no Castro da Graña: Dentro do recinto hai unha rocha granítica cunha coviña.
Mirallos (Brañas): Saíron á luz 99 anacos cerámicos e nove líticos adscritos á Idade do Bronce.
Os Curros (A Capela): Xacemento da Idade do Bronce documentado por Criado Boado no ano 1989. Recuperáronse 73 fragmentos cerámicos.
A Insua (A Capela): Apareceron fragmentos cerámicos e líticos, entre os que se encontran, ao menos, 28 anacos de vasillas distintas con decoración de tradición campaniforme.
A Lagoa: Xacemento da Idade do Bronce sondeado por Criado Boado no ano 1987. Méndez Fernández, nos anos 1988 e 1992 localizou tres unidades de ocupación con zanxas e buratos de poste que corresponderían a fondos de cabanas. Recolléronse máis de 4.000 anacos de cerámicas lisas e decoradas de tradición campaniforme xunto con case 200 líticos.
Leira Nova (A Capela): Xacemento da Idade do Bronce documentado por Criado Boado no ano 1998. Apareceron anacos cerámicos, dous deles campaniformes.
Morcigueira (A Capela): Xacemento localizado no ano 1981. Sondeado por Criado Boado nos anos 1984 e 1988. Parcialmente destruído por labouras agrícolas. Apareceron varias estruturas de pequenas dimensións, así como materiais cerámicos e líticos.
Monte das Penas (Paradela): Idade do Bronce. Foron localizados unha peza de pedra puída de forma circular con perforación central e un puñal de espigo.
Monte da Moura (San Martiño de Oleiros): Atopáronse unha pulseira de ouro datada entre o 1600-1000 a.C. e unhas gargantillas de ouro datadas entre o 1800-1600 a.C. As gargantillas están formadas por dúas bandas laminares curvadas en forma cilíndrica.
Bronce de Requeán (Bragaña-Ordes): A pesares de estar catalogado, no ano 2006 construíuse unha vivenda unifamiliar e unha nave sobre este xacemento da Idade do Bronce.
Castro de Oleiros (San Martiño de Oleiros): Apareceu un machado de tope da Idade do Bronce. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey.
Xacementos da Idade do Bronce de Pena Martiña (Brañas); Fonte da Xesta (Capela); Pena Grande (Oleiros); Chousa da Trapa (Vilamor).

 


TORDOIA
Pena do Corvo (Bardaos), lindeira coa parroquia de Xesteda (Cerceda); Vilarescuro (Cabaleiros); Castro de Viladabade (Viladabade).
Petroglifo do Castro de Viladabade: Nun socalco derrubado do castro apareceu un petroglifo, hoxe en día desaparecido, con círculos concéntricos incompletos con cazoleta central e sucos de entrada ou saída.
Castro da Croa (Bardaos): Atopáronse unha trintena de machados de tope con dous aneis pertencentes ao Bronce Final.
Petroglifos de Vilarescuro: Lindeiro co concello de Trazo. Rocha con círculos concéntricos e cazoletas.

 

TOURO
Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza fala dun probable petroglifo na parroquia de San Martiño de Calvos, segundo unha referencia que lle facilitou Adolfo Calvo. 

VAL DO DUBRA
Portomeiro: A raíz da explotación de mineral de cuarzo que había no Castelo de Portomeiro, ademais de destruír parte do castro, os veciños denunciaron tamén a desaparición de varias rochas con petroglifos.

VEDRA
Petroglifos do Peto (Merín): Cando o control arqueolóxico da autostrada Santiago-Alto de San Domingos saíron á luz varias rochas con gravuras de cazoletas e círculos concéntricos reutilizadas nun xacemento mineirometalúrxico da Idade do Ferro.
Xacemento do Monte da Golga (Caxeraville-Sarandón): Fragmentos cerámicos da Idade do Bronce. Xacemento das Penizas (Trobe): Apareceron cerámicas lisas e dous fragmentos de tipo campaniforme. Veiga de Xián (Sarandón): Xacemento da Idade do Bronce. Xacemento da Devesa do Rei (Pousada de Arriba-Vedra): Da Idade do Bronce. Xacemento de Chao de Cartas (Pousada de Arriba-Vedra): Materiais líticos en sílex e cristal de rocha, e cerámicos que inclúe fragmentos campaniformes. Xacemento da Fontela (Roelle-Vedra): Nos traballos da autostrada Santiago-Ourense localizáronse varias pezas cerámicas, entre elas un fragmento con decoración campaniforme; tamén unha ducia de estruturas, catro prehistóricas; O Penedo Branco (O Outeiro-Vilanova): Xacemento da idade do Bronce.

VILARMAIOR
Pena Branca (entre as parroquias de Grandal -Vilarmaior- e Taboada -Monfero); Bordello, O Caínzo, Calvela de Abaixo, Calvela de Arriba, A Chaira, Chousa de Calvela, Chousa do Cerquido, Chousa do Montañés, Chousa do Penedo, Chousa do Tras, Chousa da Vella, Coto Abeledo, Coto da Fraga, Fonte Vella, Lamelas, Maceira, Monte da Calvela, Monte Grande, A Parrocha, Pena da Zoca, Pena Cadeira, O Preito, Rego de Pazos, O Revolto, Roza Nova, Súa Lomba, Tras da Igrexa, Tras a Laxe (Torres); A Armada (A Armada-Vilarmaior); Chousa do Monte e O Torreiro (Vilarmaior); Chousa do Anido, Chousa do Monte, Chousa da Peneda, Gaián, Lugarexo, Monte do Regueiro, Penedo do Boi (Vilamateo).
Petroglifos da Calvela: Sete penas con gravuras. Unha con figuras antropomorfas, unha de dobre trazo. Outra presenta unha figura antropomorfa esquemática cun motivo cuadrangular asociado.
Petroglifos da Chousa do Anido: Catro paneis con círculos concéntricos, círculos simples, algúns con coviña central, e semicírculos.
Petroglifos da Chousa do Monte: Formada por nove grupos con combinacións circulares, círculos, semicírculos, cazoletas e un reticulado.
Petroglifos da Chousa da Peneda: Catro grupos con combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central, coviñas e unha cruz patada.
Petroglifos da Chosua da Vella: Seis paneis con gravuras situados na aba do Monte do Castro. Combinacións de círculos, algúns con cazoleta central e suco de saída, figuras xeométricas, semicírculos, unha figura antropomorfa que pode representar unha deidade e coviñas. 
Petroglifos do Monte Grande: Dous paneis cun semicírculo e coviñas e unha figura de lazo, quizais de factura moderna.
Petroglifos da Pena Branca: Con cazoletas e círculos concéntricos. A tradición oral fala doutros motivos: cruces, esvásticas, espirais, caras..., que se atoparían na parte inferior.
Petroglifos do Penedo do Boi: Formado por dous grupos de petroglifos con combinacións de círculos concéntricos. Nunha das penas podemos ver unha enorme combinación de 158 cm L-O e 144 cm N-S con oito aneis concéntricos completos e un noveno incompleto.
Petroglifos do Rego de Pazos: Pedras con combinacións circulares, moitas con sucos de saída e unha asociada a figuras xeométricas.
Petroglifos do Revolto: Seis penas con petroglifos.
Petroglifos de Súa Lomba: Seis grupos con círculos concéntricos, semicírculos, figuras de forma cuadrangular e cazoletas.
Petroglifos do Torreiro: É unha das zonas máis interesantes, situada ao oeste do regueiro de Monduriz. Trece grupos con gravuras de combinación de círculos concéntricos con cazoleta central e suco de saída e coviñas. Un dos paneis foi arrasado cando se fixo a deforestación e limpeza do monte con maquinaria.
Información recollida do traballo do Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, Novos gravados rupestres nas parroquias de Vilarmaior, Torres e Vilamateo (II), 2011.


VIMIANZO
Pedra da Vela (Manlle-Baíñas); A Devesa (Padreiro de Arriba-Baíñas); Outeiro do Recosto (Boallo-Berdoias); O Pedrouzo (Baíñas); Pedra Mosqueiro (Boallo-Berdoias); Monte de Vadalama (O Penedo-Calo); Pedra dos Letreiros ou Pedra do Noco (Carnés); Alto da Laxe (Lavandeira-Castrelo); Vilaseco (Vilaseco-Castrelo); O Loureiro; Outeiro do Corno.
Petroglifos da Pedra dos Letreiros: Dado a coñecer por Barros Silvelo no ano 1873.
Pedra da Vela: A Dirección Xeral de Industria autorizou no mes de setembro de 2013 o parque eólico Alto da Croa, que afecta a montes da parroquia de Baíñas, situado na área de cautela do petroglifo, ademais das tres mámoas das Fontiñas. No Boletín Oficial da Provincia da Coruña, publicado o día 18 de outubro de 2013, na listaxe de alegacións, non se inclúe ningunha característica patrimonial polo que ADEGA solicitou un novo estudo de impacto ambiental.  
Petroglifos do Pedrouzo: Descuberto no ano 2003. Presenta círculos concéntricos, cazoletas, espirais e cruces. En xullo do ano 2009 celebrouse o Obradoiro de Arte Rupestre nos petroglifos de O Pedrouzo, no marco das Xornadas de Dinamización do Patrimonio Cultural 2009, organizado polo Concello de Vimianzo, no que arqueólogos e veciños participaron na recuperación das gravuras.

 

 

ZAS
O Valouco (Baio): No mes de outubro de 2011, nos traballos de seguementos por mor das obras da autostrada da Costa da Morte, saíu á luz un asentamento cunha cronoloxía comprendida entre o finais do cuarto e inicios do segundo milenio antes de Cristo. Apareceron fondos de cabana de varias tipoloxías, 27 fosas circulares e ovaladas, 35 buratos de poste, unha estrutura de combustión e un fogar, 62 pezas cerámicas e 22 líticas.



Xabier Moure
Petroglifos de Galiza/Galicia (Provincia da Coruña)
o noso patrimonio