OS REIS DE GALIZA

Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, un grupo de pobos que vivían entre os ríos Douro e Miño, tribos que no ano 137 a.C. fanlle fronte a Décimo Xullo Bruto quen, logo dunha cruenta batalla, logra vencelos. Vitoria que non debeu de ser un paseo militar á vista dos honores que lle dispensaron ao chegaren a Roma, outorgándolle o título de callaecus. Logo de varias incursións militares, nas que mesmo tiveron que intervir persoeiros da fasquía de Xullo César e Augusto, a Gallaecia queda sometida (episodio do Medulio incluído) ao Imperio Romano no ano 19 a.C. Malia o anterior, os callaeci xa eran coñecidos polos gregos a mediados do derradeiro milenio a.C. co nome de kallaicoi.

Entre os anos 284 e 305 d.C., o emperador Diocleciano acomete a reorganización do Imperio. Na Península créanse dúas novas provincias a partir das xa existentes da Baetica, Tarraconensis e Lusitania: Gallaecia e Cartaxinense. A Gallaecia divídese en tres conventos, territorios adscritos a unha capital onde se centralizan as funcións administrativas propias como as militares, fiscais, financeiras, relixiosas e xudiciais: o Conventus lucensis con capital en Lucus (Lugo), o Conventus bracarensis con capital en Bracara (Braga) e o Conventus asturicensis con capital en Asturica (Astorga), exercendo a cidade de Bracara como capital de toda a Gallaecia.

No ano 409, os suevos (xunto con vándalos e alanos), provenientes das ourelas do Danubio, atravesan o Pirineo e asolan a Península. No 411, vándalos asdingos e suevos asinan un foedus (pacto) co emperador Honorio e establecen a capital en Bracara (agás os tres últimos reis suevos que a trasladan a Ourense). Mais axiña xurden as desavinzas e os suevos, axudados polos romanos, obrigan aos vándalos a dirixirse cara á Bética e logo a África. Nesa época, o asentamento suevo pasa de hospitium romano a transformarse nun reino, con Hermerico á fronte.
A finais do século V, a provincia da Gallaecia, integrada no Imperio Romano de Occidente, acada, grazas á incorporación do Conventus cluniensis con capital en Clunia, cidade romana situada no sur da provincia de Burgos, as súas máximas fronteiras que abranguen a Galiza actual, o norte de Portugal, Asturias, Cantábria e parte dos que despois serían os reinos de León e Castela. Gregorio de Tours (538-573) xa fala, na súa Historia Francorum, do Regnum Galliciense.

Xa con Roma en clara decadencia, os suevos encomezan un período de expansión que se incrementa coa caída do Imperio, período que remata, despois de case douscentos anos, coa anexión do Reino Suevo polo visigodo Leovixildo.
Cómpre facer notar que tras as invasións bárbaras, a meirande parte dos territorios do Imperio Romano mudan o nome, o que non acontece coa Gallaecia que segue a conservar o que xa tiña no século II a.C. 

OS REIS SUEVOS DE GALIZA

Xosé Filgueira Valverde, na presentación da Galicia Sueva de Casimiro Torres (1977), di que o Reino dos Suevos é unha das etapas menos coñecidas e máis falseadas da nosa historia. Idealizada con fábulas, manipulada en novelas, apoloxías e nobiliarios, temida polos historiadores, constitúe unha das etapas máis merecedoras de atención e máis necesitada de revisión crítica. E o propio Casimiro Torres fala de que Galiza, aínda que posuía unhas particularidades étnicas, xeográficas e medioambientais diferenciadas, non deixaba de ser un retallo do Imperio Romano. Coa chegada dos suevos, despois de varios anos de "desorde e confusión", acentúase a fisionomía particular de Galiza e os trazos fundamentais da súa personalidade histórica, onde a pegada de submisión a Roma vai desaparecendo progresivamente. Segundo conta Orosio, os galegos víronse aliviados da presión fiscal dos romanos. Arredor do 433, Hidacio, en nome dos galaico-romanos, e Balconio de Braga e Sinfosio, no dos suevos, negocian unhas condicións de paz que son aceptadas por Hermerico e que marcan, segundo apunta Victoria Armesto (1994), a fin das hostilidades entre suevos e galegos, así como o nacemento do que Hidacio denomina regnum suevorum.

HERMERICO (410-438)
É o primeiro rei documentado. Segundo Orosio foi un bo gobernante que non permitía que os seus compatriotas viviran a conta dos galaico-romanos; de aí o seu dito de que estoxaban as espadas e se entusiasmaban cos arados. No eido relixioso non entrou nas contendas entre católicos e priscilianistas. Durante o seu reinado, os suevos ocuparían a Galiza actual e o norte de Portugal. Se ben o foedus asinado con Honorio o obrigaba a recoñecer a supremacía romana, asumiría todas as funcións políticas.  Hermerico morreu en Mérida no 441, tres anos despois de abdicar no seu fillo Requila.

REQUILA (438-448)
A paz cos romanos no tempo de seu pai, rómpese con Requila que fai fronte común cos outros pobos bárbaros. En tempos deste monarca, suevos e galegos xa non loitan entre si, senón xuntos. Segundo o cronista Hidacio, a primeira vitoria de Requila é sobre o xeneral romano Andevoto, que prosigue coa toma de Mérida. Casimiro Torres conclúe que no 438 toda a antiga provincia da Gallaecia quedou baixo o dominio suevo. No 441 conquista Sevilla e as provincias da Bética e a Cartaxenense (que Requiario devolve aos romanos por un tratado no ano 453). No 449, Hidacio tamén supón conquistados os territorios correspondentes ás actuais Asturias e Cantábria. As accións exteriores de Requila tiveron un precedente nas campañas levadas a cabo por un tal Hermengario, persoeiro do que pouco se sabe, que no 429 tenta ampliar as fronteiras do reino. Requila, como o seu pai, morre en Mérida.

REQUIARIO (448-456)
Segundo Victoria Armesto (1994), é o primeiro rei suevo galeguizado. Fillo de Requila, convértese ao catolicismo o que, segundo algúns autores, foi de grande importancia xa que produciu o efecto da fusión entre suevos e galegos, conversión que tería lugar en Braga, quizais influenciado polo bispo Balconio. O Breviario Asturicense atribúe a conversión á curación milagrosa dunha filla de Requila por Santo Toribio. Invade as zonas máis afastadas da Gallaecia e ataca Vasconia e o val do Ebro. Pretende desputar o territorio da Tarraconense ao Imperio buscando unha alianza cos visigodos, casándose coa filla do rei visigodo de Tolosa. Aínda que o resultado das campañas é desigual, a expansión mantense a bo ritmo, recobrando o dominio da Cartaxenense. Á morte do visigodo Teodorico I, o seu sucesor Turismundo mantivo o pacto que se veu abaixo co asasinato do monarca godo e a chegada ao trono de Teodorico II. No 456 é derrotado por este na batalla do río Órbigo, "In campo Paramo iuxta flumen Orbicum", contenda, segundo Casimiro Torres, que había decidir se Hispania ía ser sueva ou visigoda. Requiario refuxiouse en Portuncale (Porto) onde foi capturado e decapitado. Requiario foi o primeiro rei bárbaro que acuñou moeda co seu nome, que no anverso levaba o nome do emperador romano (necesario para garantir a súa circulación) e o busto de Honorio, e no reverso Iussu Richiarii Reges (por orde o rei Requiario), feito que manifesta a independencia do Reino de Galiza xa antes da caída do Imperio Romano de Occidente.

Dende o 456 ao 468, co reino convertido nunha especie de protectorado visigodo, caracterízase por un período de loitas internas entre os distintos pretendentes a ocupar o trono. Á morte de Requiario, Teodomiro puxo á fronte do reino a un personaxe títere, AGUIULFO, que tamén foi decapitado cando o visigodo se decatou das súas ansias expansionistas. Foi entón cando interviñeron os bispos para pidirlle ao rei que deixara que os galegos elixiran aos seus propios gobernantes, petición que aceptou. O reino, xa medio dividido, quedou partido con dúas cabezas visibles á fronte: FRANTÁN para a Galiza lucense, e MALDRÁS para a Galiza Bracarense, con capitais en Ourense e Lugo respectivamente. Frantán morreu pronto, e Maldrás foi asasinado. A este sucédeo o seu fillo REMISMUNDO que casa cunha filla de Teodomiro II, pasándose no 465 ao arrianismo; con el reuníficase o reino (464 ou 465); morre no ano 468.
A partir do ano 469, e coa morte de Hidacio (470), prodúcese o coñecido como Período Escuro no que o silencio das fontes é absoluto. Ata o 550, case un século de misterio. Por iso non se sabe con exactitude quen gobernou neste tempo o Reino Suevo de Galiza, a non ser o nome de dous gobernantes dos que existen moitas dúbidas: o arriano TEODEMUNDO e CARRIARICO. Segundo E. A. Tompson (1980) coñécese a existencia dun rei de nome VEREMUNDO que descifrou nunha inscrición de Beirao (Braga).
Por unha resposta do papa a unha consulta do metropolitano de Braga, Profuturo, sábese que cara o ano 530 o reino mantiña a estabilidade política.
Durante este longo período é o galego Xoán de Biclara, o Biclarense (tomou o nome do mosteiro catalán onde fora desterrado), que relata a historia dos últimos reis suevos de Galiza, comezando o seu relato no 567 e rematando no 585.

CARRIARICO (550-558)
Segundo Casimiro Torres (1977), pouco se sabe do Período Escuro, agás os nomes de dous reis dubidosos: TEODEMUNDO (arriano) e Carriarico. Do primeiro só se conservou o nome nalgún documento medieval, e do segundo só hai referencia feita por San Gregorio. Este santo narra a curación do seu fillo e herdeiro, vítima do andazo de lepra que asolaba o reino, grazas as reliquias de San Martiño de Tours levadas ata Braga. Como agradecemento convértese ao catolicismo o que vai conlevar o enfrontamento cos visigodos. Malia lenda, dubídase da existencia de Carriarico que autores como Baronio, Macías, Menéndez Pelayo e o propio Torres identifican con Teodomiro, en contraposición con Flórez, Murguía e Reinhar que non coinciden cos anteriores. No 550 chega a Galiza Martiño de Dumio.

TEODOMIRO (558-570)
No ano 561 celébrase un concilio en Braga e outro posible en Lugo no 570 (no 572 celébrase outro en Braga) que poñen as bases da organización territorial dividíndoa en dióceses e parroquias que dependían das metrópoles bracarense e lucense (cómpre subliñar que os concilios non só eran un acto relixioso, senón tamén político). Desta época é o Parrochiale Suevum, coñecido tamén como Divisio Theodomiri onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino Suevo da Gallaecia cunha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dióceses. É o primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos (mámoas, pedrafitas, castros) como marcos divisorios. As dióceses actuais son practicamente as existentes daquelas. Martiño de Dumio, que chegou a Galiza no ano 550, inflúe sobre o rei para que se converta ao catolicismo, apoiándose na xerarquía eclesiástica como unha forma de independenza política fronte ao arrianismo dos visigodos. Do seu tempo é a igrexa ourensá de San Martiño, onde logo se ergueu a catedral.

MIRO (570-583)
Discípulo de Martiño de Dumio. Emprende unha campaña contra os ruccones que asentaban entre Cantabria e Navarra, episodio encamiñado posiblemente a debilitar aos visigodos, manobra infrutuosa xa que foi derrotado por Leovixildo, obrigándoo a permanecer dentro das fronteiras do seu propio territorio. Casou con Sisegunta, filla ou irmá do católico Gontrán, rei de Aquitania. Arredor do 570 chegan á Gallaecia os bretóns que se asentan no reino en condición de federados dos suevos. No segundo concilio celebrado en Braga no 572, presidido polo Dumiense, asisten todos os bispos galegos, ademais dos procedentes de dióceses que estaba baixo o dominio visigodo, como Astorga, Viseu, Lamego e Coimbra. No 576 enfróntase a Leovixildo o que se salda coa paz en que os suevos son reducidos aos dominios de Galiza e do norte de Portugal. No 582, Hermexildo rebélase contra o seu pai Leovixildo na Bética e Miro acode alí por razóns que se ignoran, uns din que para axudar a Hermenexildo, outros a Leovixildo. O certo é que, sen entrar en combate, regresa á Gallaecia, morrendo no camiño. Durante o seu reinado, cara o ano 573, constrúese o mosteiro de San Pedro de Rocas. Comeza a decadencia do Reino Suevo.
 


EURICO ou EBORICO (583-584)
Segundo San Isidoro, era adolescente cando sucedeu ao seu pai Miro. Continúa coa política practicada polo seu proxenitor nos últimos tempos, a de submisión aos visigodos.  Logo de xurarlle fidelidade a Leovixildo, este faille entrega simbólica do Reino de Galiza, feito que motivou que Andeca, esposo ou prometido da súa irmá, se puxera á fronte dos descontentos para destronalo e recluílo nun mosteiro.

ANDECA (584-585)
Casado ou prometido coa irmá de Eurico. Reuniu un exército e venceu a Eurico, acusado de converter o reino suevo nun feudo dos visigodos; apreixado, foi encerrado nun mosteiro. Quizais para asegurarse o trono casou coa viúva de Miro, Siseguta, abandonando ou repudiando á irma de Eurico e filla da súa esposa. Murguía di que non se tratou dunha sublevación, senón dun conflito doméstico resolto dentro do ámbito familiar. O mesmo autor asegura que Siseguta non era a nai de Eurico, senón a súa madrastra. A primeira afirmación é rebatida por Casimiro Torres que, tomando un texto de San Gregorio, di que Andeca atacou "cum exercito", feitos que tiveron lugar no ano 583. Cando o visigodo Leovixildo se enterou da rebelión, dirixiuse a Galiza e fixo prisioeiro a Andea que, como el mesmo fixera con Eurico, foi ordeado presbítero e recluído no mosteiro de Pax Iulia (Beja, en Portugal). Coa toma de Braga e a prisión de Andeca, o reino suevo réndese.

MALARICO (585)
Pretendente ao trono. Os visigodos impoñen o arrianismo. Segundo Casimiro Torres (1977), despois de incorporar o reino suevo ao visigodo a principios do ano 585, Leovixildo deixou encargados do goberno a uns duques (ese mesmo ano tivo lugar o martirio do seu fillo, Hermenexildo).  O franco Gontrán envía naves a Galiza para sublevar aos suevos contra os visigodos, mais fracasa na tentativa. Casimiro Torres continúa dicindo que non se pode afirmar se relacionado con esta intervención do rei franco Gontrán, ou independente da mesma, houbo un intento de sublevación en Galiza, á fronte da cal estaría Malarico ou Amalarico que non tivo consecuencias porque os duques de Leovixildo sofocárona con rapidez e levaron ao rei encadeado, entregándollo a Leovixildo.
Con Malarico remata o reino suevo de Galiza. "Regnum autem Suevorum deletum in Gothis transfertur", "Destruído o reino dos suevos pasou a poder dos visigodos" (San Isidoro).

Baixo os visigodos, a Gallaecia é gobernada por un dux emparentado coa monarquía goda, casos de ÉXICA (687-702) e WITIZA (nomeado para o trono galego no ano 700), fillo do anterior, quen, antes de seren nomeado como rei visigodo de Hispania e Septimania (esta ocupaba aproximadamente as rexións do Languedoc-Rosellón, dos visigodos dende o 462, e que durante o reinado de Carlomagno foi coñecido como Gothia), fixa a corte galega en Tui (698-702); cunha política máis moderada ca do seu pai, mesmo permitiu que os nobres galegos desterrados regresaran á súa terra, devolvéndolles as posesións confiscadas. Gobernou o reino visigodo dende o ano 702.

Os visigodos respectan as circunscricións administrativas,  a organización parroquial e as entidades públicas existentes. Galiza conserva a categoría de reino.
San Isidoro (560-636), arcebispo de Sevilla, di na súa Etymologiae que "regiones partes sunt provinciarum (...) sicuit in Gallicia; Cantábria, Asturica" ("Cantabria e Asturias son rexións situadas en Galiza").

É no ano 711, coa chegada dos musulmáns á Península, cando Galiza recupera, aínda que sen unha organización formal, a independenza dun suposto estado unitario creado polos visigodos, regresando ás fronteiras da época sueva.
No ano 714, tres anos despois de que os árabes invadiran a Península, o musulmán Muza chega a Lugo, pero non ocupa Galiza de xeito efectivo, a parte máis occidental quedou fóra do control musulmán. No ano 740, coa rebelión dos bereberes, abandonan Galiza. Que a ocupación de Galiza foi curta e non en todo o territorio dánolo o feito de que o bispado de Iria Flavia (importante centro portuario e comercial) tivo unha actividade ininterrompida a pesares da invasión. O mesmo podemos dicir de Bretoña. Durante os primeiros anos da coñecida como Reconquista (a historia oficial ten máis de mito que de realidade), as poboacións importantes da antiga Gallaecia asentaban na Galiza actual, coas citadas Iria e Bretoña, e tamén Lugo. Galiza continuará, ao contrario da meirande parte do territorio peninsular, como reino cristián independente.
A partir de aí é cando comeza a recreación dunha patria española inexistente, tan falsa como a batalla  de Clavijo que sitúan no ano 844. Galiza, despois da desaparición dos visigodos e do abandono polos musulmáns, quedou sen vinculación con monarquía organizada algunha (Victoria Armesto, 1994). Ademais, como di Sánchez Albornoz ao referirse a Clavijo, é inimaxinable o choque entre Ramiro I e Abd al-Rahman no lugar xa que está probado historicamente que entre o 843 e o 844, e no 847 e 849 o emir de Córdoba atopábase combatendo noutras frontes moi lonxanas. De aí pregunta Sánchez Albornoz como se puído facer intervir a Santiago montado nun cabalo branco nun combate que nunca existiu (aquí nace a teoría sobre se os restos que se conservan na catedral de Santiago son os de Prisciliano, o famoso herexe galego decapitado en Tréveris, Alemaña, no ano 385).

Resumidos eses datos históricos, quero confesar que non gosto dos reis, fosen galegos ou españois. Mais tampouco é de recibo que, para invocar espurios dereitos sobre vidas e facendas, a historiografía oficial teña que botar man de falsificacións para nos desposuír, para ben ou para mal, da nosa Historia.
Antes de entrar en materia, cómpre subliñar un aspecto que vén a ser esquecido. Os “monarcas hispanos” dos séculos VIII, IX e X endexamais utilizaron o título de rei como señores dun determinado territorio (en realidade eran señores con atribucións reais), como tampouco os cualificou ninguén como reis de Asturias ou de León. Só se atribuíron a condición “real” a partir de Afonso II xa que os anteriores eran denominados como “caudillos” ou “princeps”, feito que podemos comprobar nun documento pertencente a Silo, datado no 775, onde se describen unha serie de propiedades que posuía entre os ríos Eo e Masma o cal asina como un particular debido a que a condición rexia aínda non estaba ben definida. A razón agachada pola historiografía oficial cando fala de Paio, Favila, Afonso I, Froila, Aurelio, Silo, Mauregato ou Vermudo I (todos eles entre os anos 711 e 791), como se fosen reis de Asturias ou de León, ten unha calculada falla de rigor histórico, ocultando, por exemplo, que dende o mundo árabe eses “princeps” ou “caudillos” eran coñecidos só como reis da Gallaecia. Segundo Sánchez Albornoz “perante todo o século IX, no Al-Andalus e alén dos Pirineos, chamabánlle Reis da Galiza aos que reinaban en Ovieu(que nalgún momento a capital do reino ficara en Oviedo non demostra nada xa que, por motivos de seguridade (invasións normandas e árabes) ou estratéxica, a capital podía estar en calquera sitio (Zamora, por exemplo, capital no 1129, era sufragánea do arcebispado de Compostela). O historiador Maravall cita numerosas crónicas da Idade Media que identifican a Hispania con Al-Andalus e designan como Gallaecia os territorios cristiáns peninsulares; entre outros autores cita a Ibn al-Qutiya, Ibn al-Atir e a Al-Maqqari. Ademais dos francos, o papado e os demais príncipes e reis peninsulares identifican á Gallaecia con todo o Noroeste peninsular (incluíndo León, Asturias e o norte de Portugal). Por outra parte, ata o século XII, os cronistas anglo-normandos falan do Reino da Gallaecia e dos reis de Galiza (Amfurcio Regi Galliciae e Aldefonso Gallicae regi) cando se refiren aos territorios cristiáns do Nor-noroeste peninsular. O cambio de Reino de Galiza polo de Reino astur-leonés é produto dunha historiografía moi posterior.

OS PRINCEPS DE GALIZA

Estes princeps, mal denominados reis, pertencerían a unha serie de linaxes provenientes de grandes terratenentes de orixe tardorromana que afianzarían a súa autoridade sobre outras familias. Que aínda non se alcuman como reis, dánolo un documento do ano 775 (ver Silo).

PAIO (718-737)
Ademais de ser natural da Gallaecia, pouco se sabe do seu lugar de nacemento se ben hai autores que o sitúan nalgunha parte da actual Cantábria. Al-Razi, na Descrición de Hispania, di que en tempos de Anbasa ibn Suhaim al-Qalbi, levantouse en terras de Galiza un asno selvaxe (infiel) chamado Paio. Dende entón empezaron os cristiáns a defender contra os musulmáns as terras que aínda quedaban no seu poder. A vitoria da batalla acontecida en Covadonga (para uns no 718 e para outros no 722), sinala o comezo da Reconquista, é para algúns historiadores a falácia do nacemento da nación española. Ata o ano 772 o musulmán bereber Muzuza aparece como valí (gobernador) de parte do terzo occidental da península con sé, alternativamente, en Asturica Augusta (Astorga), Lucus Asturum (Lugo de Llanera, Asturias) e Gigia (Xixón); sábese que organiza o territorio e o cobro de tributos. A non moi fiable Crónica albeldense (883) di que os sarracenos, máis que baixo a espada das hostes de Paio, sucumbiron polo derrubamento natural do monte Subiedes, en Cantábria, teoría en todo caso máis creíble que por unha cruenta derrota en Covadonga xa que dise que as tropas cristiás non superaban os 300 combatentes, fronte aos 180.000 dos sarracenos. Sobre a desaparición do gobernador Muzuza barállanse varías teorías, dende que morreu a mans de Paio ata que vivíu en Xixón con Ermesinda, irmá de Paio, finando de morte natural. Á vista do anterior é, ao menos inexacto, que Asturias nunca estivera baixo o poder dos musulmáns.

FAVILA (737-739)
As crónicas Albendense e Rotense cítanno como Fafila, e coinciden en que era fillo de Paio. Por unha inscrición da igrexa de Santa Cruz de Cangas de Onís sábese que estaba casado cunha muller de nome Froiliuba. Segundo a lenda morreu loitando cun oso.

AFONSO I (739-757)
Cuñado de Favila e marido da súa irmá Ermesinda. Recupera os territorios conquistados polos árabes ata o río Douro. Nos textos árabes aparece citado como rei de Galiza. No ano 740, os musulmáns abandonan o territorio galego sen apenas deixar pegada do seu paso. Odoario restaura o bispado de Lugo e dirixe a repoboación da cidade. No 743, a crónica bereber anónima Ajbar Machmua fala da “reconquista de Galiza por parte dos cristiáns”: "Os galegos, aproveitando a contenda civil entre os musulmáns, sublévanse contra o islam e apodéranse de todo o "distrito de Asturias".

FROILA I (757-768)
Fillo de Afonso I. O romanticismo español de mediados do século XIX denomínao "de Asturias" cando as crónicas medievais nada din ao respecto. Ao comezo do seu reinado enfróntase aos exércitos de Abderramán I nun lugar chamado Pontumio (Pontedeume?). Segundo a Crónica Alfonsina, no 766 tivo que reprimir unha rebelión de nobres galegos que se opoñían a que a coroa fose hereditaria. Reformou o clero, prohibindo o casamento aos cregos o que lle ocasionou a inimizade de boa parte deste estamento. Asasinou ao seu irmán Vimarano cando viu que este gañaba as simpatías da nobreza que logo confabulou contra el para asasinalo en Cangas de Onís. Funda Oviedo no ano 761 para defender a Gallaecia Asturicense (oriental) das incursións dos cántabros. Os fillos de Froila foron Ximena e Afonso (despois Afonso II); a súa nai Munia, temendo que correran a sorte do pai, enviounos ao mosteiro de Samos.

AURELIO (768-774)
Sucede a Froila I como señor da Gallaecia. Nobre galego. A Crónica de Afonso III, escrita cen anos despois, di que era curmán de Froila I. As crónicas falan dos primeiros movementos sociais de contestación antiseñorial da Idade Media en que os servos se ergueron contra os señores, acabando por seren sometidos por Aurelio. Faleceu en Langreo de morte natural.

SILO (774-783)
Descoñécese cando e onde naceu. Accedeu ao trono polo seu casamento con Adosinda, filla de Afonso I ou irmá de Froila I (segundo versións), establecendo a corte en Pravia. O pouco que del se coñece está baseado case exclusivamente en crónicas escritas cen anos despois da súa morte. O coñecido como Diploma do rei Silo fai alusión a unha doazón que fai o 23 de agosto do 775 a uns frades para construíren unha igrexa no lugar de Lucis, actual freguesía de Celeiro de Mariñaos, no concello de Barreiros; neste documento, onde se describen unha serie de propiedades que Silo tiña entre os ríos Eo e Masma, asina como un particular non declarándose rei debido a que a condición rexia aínda non está definida (Calleja, 2005). No ano 776 o Beato de Liébana atribúe a cristianización de Galiza a Santiago.

MAUREGATO (783-789)
Alíase co Califato de Córdoba. Nos anos que van do 776 ao 786, o Beato de Liébana en todos os seus manuscritos dá o nome de Gallaecia ao conxunto dos dominios dos caudillos galaico-asturianos que, na historiografía oficial, só aparecen citados como reis de Asturias, considerando a Gallaecia como a parte cristiá e a Hispania a árabe.

VERMUDO I o Diácono (789-792)
Irmán de Aurelio. A súa caída produciuse a raíz da derrota fronte aos musulmáns na batalla do río Burbia.

OS REIS DE GALIZA

AFONSO II o Casto (791-842)
Fuxindo dos asasinos do seu pai, os monxes de Samos agochan ao futuro rei no castelo do Carbedo, no Courel. Nomeado rei, establece a corte en Oviedo. Durante o seu reinado, descúbrese o sepulcro do Apóstolo Santiago (813). O cronista árabe Al-Razi citáoo como “Afonso, rei dos galegos“, título que aparece reflectido nas Crónicas Carolínxias e na Vita Hludovici (Vida de Ludovico): "Hadefonsi regis Galleciae e Asturiae" e “Galletiarum principis”; nos Annales Regni Francorum (apunte do ano 798) e na Vita Karoli Magni como “Rex Galletiae”; e noutras como “Totius Galletiae Rex”. Os árabes continúan a chamar galaicos aos cristiáns do Noroeste. Tamén chama a atención un documento do ano 818 correspondente ao Tombo de Sobrado dos Monxes que fala do "reinado do príncipe Adefonso (Afonso II)", texto no que non aparece o título de rei.

RAMIRO I (842-850)
Rei da Gallaecia, converte a Lugo na capital do reino (foi apoiado por un exército de nobles lucenses), que logo traslada a Oviedo. No ano 844 prodúcese a primeira chegada dos normandos a Galiza; o rei Ramiro I e o duque Arximiro (señor de Trasancos) reúnen na entrada da ría de Ferrol un exército provisto de “ballistae” (catapultas) para facer fronte ás naves inimigas, que son rexeitadas. Dous anos despois, os normandos atacan a costa cantábrica. Aquí ten lugar a lenda do bispo Gonzalo de San Martiño de Mondoñedo, o Bispo Santo, quen, dende o castro de Marzán (Foz), consegue a afundir a frota inimiga só con oracións. Do seu reinado é o mito do "Santiago Matamouros" cando, montado sobre un cabalo branco, foi decisivo na inexistente batalla de Clavijo. A primeira crónica que cita esta lenda foi narrada no ano 1243 polo bispo de Osma, Rodrigo Ximénez de Rada.

ORDOÑO I (850-866)
Rei da Gallaecia. Logo ocupará tamén o trono do Reino León, aínda que nas crónicas da época, por exemplo as Ibn Idari, figura sempre como Rei de Galiza. Entre os anos 858 e 861 prodúcese outra invasión proveniente de Eire, que entra a través da ría de Arousa e chega a Compostela. Traslado da sé de Dumio a Bretoña-Mondoñedo; restaura e fortifica Lugo, Tui, Compostela, Oviedo e León.

AFONSO III, O Magno (866-910)
Reina co título de Rei da Gallaecia, levando as súas fronteiras ata o Val do río Mondego. No ano 899 consagra a primitiva catedral de Santiago. Froila Bermudes, conde de Lugo, lidera unha revolta contra el, morrendo a mans dos partidarios do rei. Os cronistas árabes e o Papa Xoán IX refírense a él como Rei de Galiza (“Adefonso Regi Gallaeciarum”, ou “Rex Galletiae”). Nalgúns documentos aparece como Imperator Gallaecia. Consérvanse citas do propio rei situando a Sahagún, León ou Coímbra dentro dos territorios do Reino de Galiza, como rexistra, por exemplo, un diploma do ano 905: Civitate vocatur Legione, in Gallaecia”. Dous dos seus fillos, logo de destronalo, repártense o Reino de Galiza. Durante o seu reinado, no ano 873, Vimara Petri, conde dun territorio próximo a Santiago, conquista Porto. E no 878, o conde Ermenexildo de Présaras, fundador do mosteiro de Sobrado, toma Coimbra. No ano 907 nace San Rosendo en Celanova. Deste tempo é a Crónica de Afonso III, relatos moi pouco fiables xa que están moi alonxados dos acontecementos; realizáronse cunha clara intención laudatoria e ideolóxica para tentar demostrar unha lexitimidade monárquica fronte aos señoríos existentes en territorio galego para o que se valeu dunha manipulada xenealoxía que viña dende o rei visigodo Wamba.

ORDOÑO II (910-924)
No ano 910 é proclamado rei de Galiza, e tamén de León no 914, e anos despois de Asturias. No 915 outorgou aos cidadáns de Compostela o antigo privilexio de "inxenuos" ou "cidadáns libres". No 916 muda a residencia do trono galego de Santiago de Compostela a León.

FROILA II (924-925)
Irmán de Ordoño II, é elixido en asemblea da nobreza como rei de Galiza, e, ata ese momento, só rei de Asturias. Une a sé de Iria a Compostela. Os infantes Ordoñez, Sancho e Ramiro, fillos de Ordoño II, sublévanse en Galiza co apoio de nobres galegos e fanse co reino que logo se reparten.

AFONSO FROILAZ (925-926)
Rei de Galiza. Fillo de Froila II. A súa cronoloxía como rei foi establecida no século XX por Sánchez Albornoz baseándose en textos do século X, a Nómina rotense e a vigilana. Os fillos de Ordoño II, Sancho e Afonso, por xulgaren que tiñan máis dereito ao trono, enfróntanse a el polo que tivo que refuxiarse en Asturias. No 932 foi apreixado por Ramiro II o cal ordea cegalo, encarcerándoo no mosteiro de Ruiforco onde morre.

SANCHO ORDÓÑEZ (926-929)
Fillo maior de Ordoño II, goberna nos conventos lucense e bracarense (Galiza e Portugal) como rei de Galiza, devolvendo a capitalidade a Santiago de Compostela. No ano 925, San Rosendo introduce a reforma beneditina nos mosteiros de Galiza.

AFONSO IV (929-930)
Alcumado O Monxe. Irmán de Sancho Ordóñez. Ata entón rei de León e Asturias, goberna como rei de Galiza. Abdicará en beneficio do seu irmán Ramiro, retirándose ao mosteiro de San Facundo.

RAMIRO II (930-950)
Irmán de Afonso IV. Convértese primeiro en rei Galiza, e de León e Asturias despois de destronar ao seu irmán Afonso Froilaz. Conquista Madrid e chega ata Santarem e Badallouce (Portugal). No ano 933, Ramiro II situaba "in finibus Gallaecia" o mosteiro de Lorbaos, preto de Coimbra. Segundo Sánchez Albornoz, a antiga Galiza chegaba ata o Douro, e a principios do século X ata o Mondego. No 937 saquea Lisboa, e no 939 vence en Simancas ao exército do califa Abderramán III. Existe un texto árabe sobre a batalla de Simancas do que é autor Abdal-Monin Al Hinyari que di (traducción de Sánchez Albornoz): “Entre as nacións coas que os habitantes de Al-Andalus estaban en guerra, a Galega era a máis poderosa; a pesar de que os francos teñen feito a guerra aos musulmáns, os galegos constitúen os máis terribles inimigos”. Noutros documentos cítase a Ramiro como “rei dos Galegos”, con referencias a Galiza do tipo: “é a nación máis poderosa”. Al Masudi (896-956), historiador, xeógrafo e filósofo árabe denomina a Ramiro II como rei dos galegos, e Zamora como a capital de Galiza.Entre as súas vitorias militares están Badaxoz, Mérida, Córdoba e Lisboa, asegurando as fronteiras de Galiza no val do Mondego. Tamén emprede a repoboación de Salamanca.

ORDOÑO III (950-955)
Fillo de Ramiro II. Rei de Galiza, e despois de Asturias e León. No 953 desbarata unha conspiración encabezada polo conde castelán Fernán González.

SANCHO II, o Gordo (955-956 -primeira etapa-)
Rei de Galiza. Nova conspiración do conde Fernán González de Castela que consegue destronalo. Tamén foi rei de León ata que foi deposto temporalmente por Ordoño IV.

ORDOÑO IV, o Mao (956-960)
Rei de Galiza. Aliado do conde Fernán González, concede a independeza ao condado de Castela.

SANCHO II (960-967 -segunda etapa-)
Recupera o trono. Embaixada do rei de Galiza a Córdoba no 965. Entre os anos 966 e 971 prodúcese a terceira invasión normanda que penetran pola ría de Arousa. O bispo de Compostela, Sisnando, faille fronte na Batalla de Fornelos, onde  morre (969). Será o conde Gonzalo Sánches quen, xunto con San Rosendo, expulse de novo aos normandos. Sublevación portuguesa e asasinato do rei. Entre os anos 967 e 982 prodúcese un período de interegno cunha decidida intervención do clero e nobreza galega, que non aceptan os reis proclamados en León. O clero e a nobreza gobernan Galiza.

RAMIRO III (967-980)
Tivo que facer fronte ás incursións do musulmán Almanzor e aos ataques normandos ás costas de Galiza. No ano 968, Sisnando, bispo de Compostela, faille fronte aos normandos en Fornelos onde perde a vida; será o conde Gonzalo, coa axuda do bispo San Rosendo (que morre no 977), os que consigan expulsalos.

VERMUDO II (980-999)
Fillo de Ordoño III, é coroado en Santiago como Rei de Galiza. No 984 ocupa tamén o Reino de León que goberna ata o 999. No ano 982, Almanzor, apoiado por varios condes leoneses e galegos enemistados con Vermudo II, ataca León e Astorga, e no 985 conquista Coímbra; no 997, tres anos antes dos terrores anunciados polo milenio, arrasa Santiago onde, segundo a lenda, respecta o sepulcro do Apóstolo; Ben Izdari conta que tamén protexeu a un ancián monxe que oraba xunto o sepulcro. A entrada de Almanzor en Compostela supuxo a fuxida de San Pedro Mezonzo. Cando despois de oito días Almanzor abandonou Santiago, mandou levar a ombros de cautivos as campás da catedral (coa reconquista de Córdoba no 1236 volveron á catedral compostelá). A invasión remata sen que chegue a producirse unha verdadeira ocupación.

AFONSO V (999-1027)
Fillo de Vermudo II. Rei de Galiza e León. No ano 1002, o conde Galego Mendo Gonzalves, rexente en Galiza durante a minoría de idade de Afonso, vence a Almanzor na batalla de Catalañazor. Logo de arrasar Castropol (Batalla de Vilameá) e Betanzos, o exército normando, dirixido por Olaf Haraldsson (que despois sería rei de Noruega e hoxe é o santo patrón daquel país), entra no 1015 polo esteiro do Miño e saquea Tui, prendendo ao bispo e cobrando o seu rescate. Afonso morre no cerco de Viseu.

VERMUDO III (1027-1037)
Fillo de Afonso V. É rei de Galiza e León ata o 1033, en que é vencido por Sancho III o Maior de Navarra, quedando só como rei de Galiza, e recuperando León á morte de Sancho. Sancho III refírese a el como "imperatur domus Vermudus in Gallaecia". Nacemento do Reino de Castela (1032). Vermudo refuxiouse en Galiza durante a guerra contra Fernando de Castela, o seu cuñado, que o vence definitivamente na batalla de Tamarón. No 1028, os normandos, aliados co conde galego Rodrigo Romariz, toman o castelo de Labio, preto de Lugo que logo serían derrotados por Don Crescónio. No 1033 morre San Pedro de Mezonzo.

FERNANDO I (1037-1065)
Rei de Castela. Casado con Sancha, irmá de Vermudo, pola que obtén o Reino de Galiza. Adopta título de Emperador, recibindo vasalaxe dos reis árabes. A nobreza galega non aceptou de bo grado que o trono pasara ás mans do castelán xa que o consideraban un asasino e un usurpador. Créase o xérmolo da Universidade de Santiago de Compostela. Conquista Coímbra para o futuro rei de Galiza, Don García. O matemático e astrónomo xermano Herman de Reichenau (1013-1054) que escribiu unha crónica detallada dende o nacemento de Cristo ata o seu tempo, fala dos Rex Gallaeciae. No ano 1063, Fernando I reparte o reino.

GARCÍA (1065-1071)
Fillo de Fernando I. Recibe os territorios de Galiza e Portugal e os tributos de Badaxoz e de Sevilla. O galego xa é o idioma oficial do rei. No ano 1071, batalla de Pedroso (entre Braga e Vilar de Mouros) onde vence aos portucalenses liderados por Nuno Menéndez. Os irmáns de García, Sancho e Afonso, non aceptaran de bo grado a repartición do reino herdado de Fernando I que, despois da conquista de Coimbra, favorecía a García. Segundo o Cronicón Compostelán, despois do ataque de Sancho contra Afonso e García, son enviados, o primeiro a Toledo e o outro a Sevilla. Morto Sancho no cerco de Zamora, García sae ao encontro de Afonso quen, segundo a Crónica de Paio de Oviedo, con enganos, o detén e o reclúe no castelo de Luna, en León. O seu apreixamento corre a cargo dun famoso mercenario, Ruy Díaz de Vivar, o Cid. García morre o día 21 de marzo do 1090 no castelo de Luna (montes de León).

SANCHO II (1071-1072)
Rei de Castela dende o 1067, éo tamén de Galiza, despois de apreixar ao seu irmán García, dende o 1071, e logo de León dende o 1072.

AFONSO VI (1072-1109)
No 1075 encomezan as obras da Catedral de Santiago. No 1088 o papa Urbano II diríxese a este monarca como "Regi Ildefonso Gallitie". No ano 1092 entrega o territorio da Galiza ao conde Raimundo de Borgoña (soterrado no ano 1107 na Catedral de Santiago) ao casar coa súa filla Urraca, aos que lle outorga o reino de Gallaecia como condes con todos os poderes; Raimundo asina como "comes Raimundus totius Gallecie senior et dominus" e "comes domnus Raimundus, totius Gallecie imperator". Nese mesmo ano 1092, dise nunha escritura que Afonso VI "regnante in Toleto et in Legione, Castellam, Galleciam e Portugalem". O rei Abb-Allah, despois de seren destronado de Granada, escribe entre os anos 1090 e 1095 que o conde Sisnando o informara de que Al-Andalus era nun principio dos cristiáns ata que os árabes os venceran e os illaran en Galiza. Existe unha crónica en latín que se interrompe para reproducir o lamento do rei Afonso VI pola morte do seu fillo Sancho no 1108: "ay meu fillo, ay meu fillo, alegría do meu corazón e lume dos meus ollos". Xa era rei de León dende o 1067. Xelmírez é nomeado bispo de Compostela no 1101.

URRACA
Vén a Galiza no 1093 que goberna coma un feudo, sendo nomeado o seu marido, Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza. Reina de Galiza entre o 1109 e o 1111, e logo tamén de Castela e de León. Foi nai de Afonso Raimúndez (futuro Afonso VII), proclamado rei no 1111 co obxecto de preservar os seus dereitos ao trono galego. Cando enviuvou no ano 1107 casou con Afonso de Aragón, matrimonio que durou ata o 1114 xa que, ao seren parentes, o casamento foi anulado polo papa Pascual II (no 1110 fixérase amante do conde Pedro González de Lara). Dise que tivo residencia en Fente e en Penas (Monterroso). En documentos do 1095 e 1105, referidos á concesión de dereitos aos burgueses composteláns, asina como "Urraca regina", e no 1107 como "totius Gallecia domina" e "totius Gallecia imperatrix". No ano 111, Paio Godesteo e Rodrigo Nunes, apoiados polos normandos, enfróntanse a Urraca e a Xelmírez que os derrotarán fronte á praia da Lanzada.

AFONSO VII, Emperador (1110-1157)
Fillo de Raimundo e Urraca foi bautizado por Diego Xelmírez. Foi educado polo conde de Traba. Entronizado en Santiago por Xelmírez e Pedro Froilaz, conde de Traba. Revolución burguesa en Compostela (1116). No 1126 é coroado como rei de Castela e León. No 1120 Xelmírez é nomeado como primeiro arcebispo de Santiago. Vitoria de Afonso Henriques na batalla de San Mamede (1128) e independenza de Portugal (1139); o Miño convértese en fronteira natural entre Galiza e Portugal. Redáctanse a Historia Compostelana e o Códice Calistino. Este último, escrito entre os anos 1135 e 1140, no seu Libro IV inclúe dentro do Reino de Galiza a Lamego, Viseu e Coimbra (O Bierzo tamén pertencía a Galiza), e nel podemos ler: "Yspaniam et Galleciam",  e "Hispani scilicet et Galleciani, totam terram Hispanicam et Gallecianam" que vén a significar que Galiza era tratada como a parte cristiá fronte a unha Hispania musulmana. Á morte de Afonso VII, o reino divídese unha vez máis entre os seus fillos. No ano 1141, o Císter establécese en Galiza.

FERNANDO II (1157-1188)
Fillo de Dona Berenguela (esta era filla de Ramón Berenguer de Cataluya). Escribe Victoria Armesto (1994) que o futuro monarca, da man de Fernán e Traba, galeguizouse no mosteiro de Sobrado. Rei de Galiza e León (que incluía Asturias e o norte de Estremadura). No 1128 o territorio de Galiza viuse reducido pola independencia do condado portucalense da man de Afonso Henriques. No 1159, os Anais de Cambrais falan de tres imperios ao se referir á época de Afonso VII: o bizantino, o xermánico e o de Galiza. Na lírica provenzal, Arnaut Daniel (1150-1200) fai mención ao monarca como "seignor del galecs". No ano 1169, os árabes aínda identifican ao rei de Portugal como galego. Unha crónica inglesa do século XIII di que no 1184 Fernando II é rei de Galiza e, en ningures, o denomina de León. Aparecen os primeiros textos escritos en galego. Fundou Tui. Tamén favoreceu a Santiago de Compostela e fixo de Padrón un porto franco medieval. Cóntase que pelexou a morte pola Arca Operi Beati Jacobi (o sepulcro do Apóstolo) co arcebispo Martínez que se negou a dárllela. No 1184 o arcebispo Suárez de Deza acompañou ao rei a Santarém onde pararon aos almohades. Foi enterrado na catedral compostelá. O monxe beneditino Mateo de París (1200-1259), historiador inglés (o alcume débese a que quizais estudou na capital francesas), di que Fernando II é rei de Galiza, non denominándoo como de León.

AFONSO VIII (1188-1230)
Fillo de Fernando II. Moi galeguizado, tamén se criou en Galiza baixo a tutela da filla e do xenro de Fernán Pérez de Traba, Urraca Fernández e Xoán Arias Baticela. Período dourado da lírica. Créase a Universidade de Salamanca que é gobernada dende Santiago ata o século XV. Rei aos 17 anos, goberna cos títulos de "rex Legionis et Galletie" e de Badaxoz. Opúxose a que as relacións que tivera con Castela prexudicaran o seu reino. Non participou na batalla das Navas de Tolosa (1212). A historiografía considérao como rei de Castela, denominándoo Afonso IX. Ninguén en Galiza, agás os bispos de Lugo e de Mondoñedo movidos, segundo conta Victoria Armesto, por ambicións persoais, desexaba a unión a Castela. No 1201 concedeu varios privilexios a Baiona. Chegou ata o estremo de desherdar ao seu fillo Fernando e deixou León e Galiza ás súas fillas Sancha e Dulce, testamento que non foi respectado o que obrigou a Galiza a iren forzada á unión con Castela. Foi enterrado na catedral de Santiago.

FERNANDO III
Fillo de Afonso VIII. Rei de Castela (1217) e logo de Galiza e León (1230). Mantense a denominación de Reino de Galiza, pero xa dentro do Reino de Castela. Malia que na persoa deste monarca se uniran as dúas coroas, non supuxo de momento, como afirma López Carreira, a unión administrativa dos reinos que conservaron os seus usos tradicionais. No reino galego-leonés continuou vixente o Liber Iudicium, e ata o século XIV as cortes de cada un deles seguíronse a reunir case sempre de forma independente. O novo código de leis aprobado en 1348 para Castela nas Cortes de Alcalá houbo de ser a continuación referendado para Galiza-León noutras Cortes en 1349. A unión tampouco tivo repercusión cultural como o demostra que na segunda metade dese século o rei Afonso X, fillo e sucesor de Fernando II, compuxo as Cantigas de Santa María, onde se percibe que o galego era falado usualmente polo propio monarca.

A partires de Afonso X os reis de Castela afástanse de Galiza ata que na guerra, no 1367, entre Pedro I e Enrique de Trastamara, que gañou este último, os galegos atópanse cun rei non desexado xa que apoiaran ao primeiro. Fernando I de Portugal reclama os reinos de Galiza e de León despois do asasinato de Pedro I. Galiza é portuguesa ata que Enrique de Trastamara, coa axuda dos ingleses, a recuperan, agás Tui e A Coruña que aínda terán como rei ao de Portugal ata o ano 1373 en que se asina a paz de Santarém (neste tempo mesmo se emitiu moeda a nome de Fernando I).
Malia o anterior, o período que abrangue os séculos XIII-XV, Galiza mantivo certa independenza debido ao poder da nobreza que ao final foi eliminada, quedando o país sen unha clase dirixente ("Doma e castración do Reino de Galiza").
No 1475, Afonso V de Portugal e Xoana a Beltranexa foron aclamados de iure (de dereito) reis de Galiza, pretensións que se viñeron abaixo coa súa derrota na batalla de Toro (Zamora) no ano 1479 polos Reis Católicos.

A comarca do Bierzo (hoxe da provincia de León, mais señorío dos condes de Lemos ata o ano 1486) era para os peregrinos a Compostela do século XV o "fin de España, o comezo de Galiza" (Vázquez de Parga et alii, 1948).
 

ANO 1833
O Reino de Galiza desaparece formalmente e, como no resto do Estado español, pasa a ser unha rexión dividida en provincias.