* Os primeiros petroglifos do Corgo

Recentemente, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar os primeiros petroglifos do concello do Corgo. Foi no monte da Devesa, situado á esquerda da estrada provincial que vai dende Porcín, en Castroverde, ao Coto, no Corgo. Estes petroglifos non figuran nin no inventario da Xunta de Galicia nin no PXOM do Concello do Corgo polo que son inéditos.

 

Atopámolos, de forma casual, cando buscabamos a Pena do Zapato que, segundo a información que nos facilitaron dous homes da parroquia de Folgosa (Manolo e Alfonso), tiña un gravado con forma de zapato que quedou alí plasmado cando a pedra foi pisada por un mouro. Debido á mesta maleza que medra debaixo dunha plantación de piñeiros non conseguimos dar con ela. 

Os petroglifos que localizamos atópanse nunha gran pena, de xisto e cuarzo, que destaca na paisaxe, a uns 750 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba algúns lugares do Corgo, Castroverde e Baralla. Informáronnos que recibe o nome de Pena Galiña (como curiosidade, non moi lonxe está a Pena Curral). Trátase de dúas cazoletas gravadas na parte alta da rocha, nunha superficie lixeiramente inclinada. Ambas as dúas teñen un diámetro de cinco centímetros e un de profundidade. Presentan a particularidade de que da parte inferior parten uns sucos ou canles. Están orientadas cara o nacente

Chama a atención o soporte onde foron insculpidos, xisto e cuarzo (predominando este último), un material moi duro para traballar. Lembremos que para gravar os petroglifos o soporte máis común é o granito e, xa a moita distancia, a lousa. Na parte superior da pena tamén localizamos un tosco cruciforme, claramente de factura posterior realizado, en vez de por frotamento, cun obxecto metálico. É probable que a cruz se fixera para cristianizar un lugar pagano.

 

Dixéronnos que a pena era máis grande e que había máis gravados. Seguro que si, nun dos anacos que se desprendeu vimos outra coviña. 

Non resulta doado coñecer cando se fixeron estes petroglifos, se ben, ao ser realizados por abrasión (frotamento), poden situarse nalgún momento da Prehistoria, probablemente na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos.  

As coviñas, ocos de planta redonda e sección semiesférica, son as representacións máis sinxelas, pero tamén as máis enigmáticas dentro do repertorio da arte rupestre galega. Dada a diversidade onde aparecen (en moitos casos asociadas a outros motivos de carácter xeométrico, naturalista, etc), temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que se utilizaría nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. 

A descuberta xa foi comunicada ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello do Corgo para a súa catalogación e protección. Ao tratarse de gravuras ao aire libre xa pasan a ser consideradas como Ben de Interese cultural (BIC), gozando da máxima protección legal.