* O xogo do Alquerque

O nome de alquerque provén do árabe al quirkat. É un xogo de mesa do que se coñecen tres variedades: de tres (tres en raia), de nove (coñecido tamén como xogo do muíño, triple recinto ou danza dos nove homes) e de doce. Crese que naceu no Golfo Pérsico. Foi practicado, ao menos, en Exipto, Troia e Grecia, entrando en Europa no século VIII, cando a invasión da Península. No templo exipcio de Kurna, construído no ano 1400 a.C., atopáronse taboleiros tallados sobre bloques de pedra. Durante o Imperio romano foi un dos pasatempos preferidos polos soldados. O alquerque de doce coñécese en Europa dende o século XIII, fusionándose no século XV co taboleiro de xadrez e que deu orixe ás damas.

As tabula latruncularia para xogar ao latrunculi (que significa literalmente "xogo dos ladróns"), similar ás damas ou ao xadrez porque é un xogo de tácticas militares, aparece mencionado na obra de Marco Terencio Varrón (116 a.C.-27 a.C.) De lingua latina. Crese que o latrunculi deriva dun xogo grego anterior, coñecido como petteia do que se teñen referencias dende Homero. Fálase do alquereque no manuscrito árabe Kitab al-aghani (Libro de Cancións), de Abu´l-Faraj al-Isfahani, de finais do século X. As regras do alquerque de doce aparecen no Libro de axedrez, dados e tablas, máis coñecico como Libro dos Xogos, de Afonso X, que foi escrito entre o 1251 e 1282.
 

O alquerque é un xogo de estratexia no que participan dous xogadores. Foi un xogo moi popular na Idade Media. Hai quen interpreta os alquerques como un desexo de transmitir un determinado coñecemento. 

Pódense ver insculpidos en rochas ao aire libre, campamentos romanos, igrexas, mosteiros e castelos. Moitos foron reutilizados en construcións posteriores.

Malia o anterior, tamén nos atopamos nalgunhas estacións con petroglifos e nalgúns castros con figuras gravadas na rocha interpretadas como taboleiros de xogos.

ABADÍN
No Castelo de Castromaior (Romariz), gravado nunha rocha hai un alquerque de III.

ALLARIZ
No San Vitoiro, en dúas rochas próximas á capela, alquerques de IX e XII moi desgastados, moi difíciles de ver a simple vista. En Santa Mariña de Augas Santas, alquerques de III na base dunha columna e nunha bancada interior; no exterior un alquerque de IX preto da porta da fachada principal localizado por Hidalgo Cuñarro; e un alquerque de XII reutilizado nun muro.
 

 

BAIONA
Na estación rupestre dos Campos (Baíña), vense unhas figuras cuadrangulares con coviñas no interior interpretadas como taboleiro de xogos. No museo do castro de Santa Trega, procedente de Baíña, gárdase unha pedra cun gravado interpretado como un taboleiro de xogo. Este tipo de reticulados son moi abundantes na zona.
 

A BAÑA
No Monte da Calexa (Fiopáns), hai gravadas doce coviñas de pequeno tamaño que pola súa disposición fan pensar nun taboleiro de xogos de época medieval.

BANDE
Taboleiro de xogo atopado no campamento romano de Aquis Querquernis.

BAÑOS DE MOLGAS
No Monte da Grama (Ambía), alquerque de IX nun penedo de demarcación que puido actuar como linde.
 

BEADE
Na igrexa de Beade, alquerque de nove reutilizado no muro norte, entre dous canzorros. Moi erosionado.
 

OS BLANCOS
No castelo roqueiro da Raíña Lupa (Covas), alquerque de IX. 

CABANAS
No Couto dos Golpes (Santa Cruz do Salto), unha estación con máis de 200 petroglifos, vese un cadrado simple e dous cadrados cunha cruz no interior que segundo o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos pode ser interpretado como un taboleiro de xogos.
 

CANGAS
No Monte Facho, deseños cuadrangulares concéntricos, interpretados como taboleiros de xogo modernos.
 

O CARBALLIÑO
Situados preto da igrexa de Astureses, dous taboleiros de xogo (un incompleto) que serven de banco.
 

COTOBADE
Alquerque de III gravado nunha bancada exterior da ermida dos santos Xusto e Pastor, situada na Carballeira de San Xusto.
 

GONDOMAR
No cume do Monte do Castro (Xián), sobre unha rocha plana, dous alquerques de IX. 

A GUARDA
Hidalgo Cuñarro amosa no seu blogue unha pedra exenta de granito que está no museo do castro de Santa Tegra. Trátase dunha prancha cadrada cunha coviña en cada esquina e unha central que o investigador interpreta como un alquerque de "tres en raia". 

LEIRO
Alquerque de IX situado nunha bancada exterior da igrexa de Gomariz que formou parte dun antigo cenobio dependente do mosteiro de Toxosoutos.
 

LUGO
Taboleiro de xogo atopado no balneario romano. No castro da Agra dos Castros (mal chamado da Piringalla), apareceron unhas fichas de xogo.
 

MUGARDOS
Na vila romana de Noville apareceu un reticulado, datado no século IV, con 48 coviñas que podería ser un taboleiro de xogo.

MUROS 
No Monte Meán (Louro), xogo de alquerque localizado por integrantes do colectivo A Rula no ano 2014, preto dos petroglifos da Laxe das Rodas e das Pedragueiras. Crese que puido estar relacionado coa actividade pastoril.
 

NOGUEIRA DE RAMUÍN
Nunha bancada interior da igrexa mosteiral de Santo Estevo de Ribas do Sil, xunto a pía bautismal, alquerques de III e IX moi erosionados.

OIA
Alquerque de IX da Portela, en Pedornes. Hidalgo Cuñarro non dubida, pola súa localización, en prantexarse que foi realizado "en épocas remotas por pastores". Hai outro alquerque de IX no lugar coñecido como As Cerradiñas, na parroquia de Mougás. 

OURENSE
Na catedral, alquerques de IX e XII gravados nunha bancada da nave lateral norte, preto do Pórtico do Paraíso, dous máis nunha das entradas e nas escaleiras que levan ao tellado, e un ludus latrunculi ou xogo do soldado. Datados nos séculos XII-XIII. No Museo Arqueolóxico, antigo Pazo do Bispo, alquerque de IX gravado debaixo da cornixa do museo.
 

 

OUTES
Alquerque de IX no castelo roqueiro de Esteiro, da Laxe ou do Bico do Castelo Grande, lindeiro co concello de Muros. 

PETÍN
Na igrexa de Santa María de Mones, erixida sobre un castro (romanizado), pedra reutilizada cun xogo do "tres en raia", datado entre os séculos IV e V.
 

POIO
Na ermida da Nosa Señora da Renda (Combarro), alquerque de IX gravado reutilizado nunha parede interior. Na igrexa do Divino Salvador, alquerque de IX reutilizado nunha parede interior. 

PONTECALDELAS
O colectivo a Laxe da Irena localizou nas Raposeiras, gravado sobre unha rocha, un alquerque de IX.
 

PONTEVEDRA
No Monte Castelo (Lérez), hai gravado nunha rocha un alquerque de III.

QUIROGA
En Penadominga, alquerque de IX de datación tardorromana gravado nunha laxa de lousa. Atópase no Museo Provincial de Lugo.
 

RODEIRO
Na estación rupestre de Salgueiros (Auga Levada), xunto con coviñas, cruciformes e ferraduras, hai a variante do que se cre un posible alquerque.

O ROSAL
No lugar coñecido como A Fonte do Home, nas Cortes, parroquia do Rosal, xunto con cruciformes, coviñas e outros motivos, salienta un traboleiro de de xogos de "tres en raia".
 

SANTIAGO
No Castelo da Rocha Forte (Conxo), alquerque de IX localizado durante unha escavación arqueolóxica; atópase no Museo das Peregrinacións de Santiago. Na Colexiata de Santa María do Sar, dous taboleiros de xogo medievais, situados nunha bancada no lateral románico do claustro; o primeiro é un deseño triangular con varios sucos rectilíneos que se cruzan no eixo central formando unha especie de estrela, cunha coviña no punto de unión. Segundo o colectivo A Rula trataríase dun posible taboleiro para xogar ao "pai, fillo, nai", mais non se coñecen outros deseños semellantes en Galicia. Ao seu carón, en mal estado de conservación, hai un alquerque de XII rectangular. Na igrexa de Nosa Señora do Carme, hai unha serie de nove coviñas aliñadas de tres en tres e paralelas unhas a outras, formando un deseño rectangular utilizado como un taboleiro de xogos. Na Catedral, alquerque de III. O día 23 de agosto de 2015 vin no Facebook que Lito Sande colgaba unha foto dun alquerque situado na igrexa de San Lourenzo de Trasouto, taboleiro, se non inédito, practicamente descoñecido. Díxome Lito, quen sen dubidalo me deu permiso para publicar a súa foto e a información tan pronto como lla pedín, que se atopa á dereita da igrexa, nunha pedra do chan, entre os contrafortes. Lito Sande sorprendeume un día despois con con catro novos alquerques no convento de Santa Clara que, coma no caso anterior, tamén descoñecía, gravados no chan, á man dereita da porta. Pero a cousa non rematou aí: a súa irmá, Gloria Sande, localizou un total de 17!. A maior parte dos taboleiros atópanse nas escaleiras, na parte alta do adro, no pasillo cuberto de acceso á igrexa e na portería do xardín. Algúns perderon parte da figura, e outros atópanse en bastante mal estado de conservación. Os alquerques máis numerosos son os de tres (14), un posible de nove e dous de doce. Trátase da maior concentración de alquerques de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O SAVIÑAO
Na igrexa mosteiral de San Paio de Diomondi, alquerque de IX reutilizado na construción do templo, situado na parte alta da ábsida, xunto un canzorro. Moi erosionado. A súa reutilización dános unha cronoloxía, evidentemente, máis antiga.
 

SOBRADO DOS MONXES
No campamento de Cidadela, taboleiros de xogos de época romana. 
 

TABOADELA
Na igrexa de San Xurxo de Touza, nun lateral exterior, pedra reutilizada co gravado dun alquerque de IX. 
 

TUI
Na catedral, un alquerque de III, tres de IX e un de XII, este último en mal estado de conservación. Están gravados nunha bancada no muro sur, nas escaleiras que dan ao ciborio, e na sala capitular situada no claustro. Datados nos séculos XII-XIII. 

VILANOVA DE AROUSA
No castelo de Lobeira, tres alquerques que representan xogos flamencos cos que os soldados holandeses de Raimundo de Borgoña se entretiñan.
  

BIBLIOGRAFÍA

Costas Goberna, F. J. e Hidalgo Cuñarro, J. M. (1997): Los juegos de tablero en Galicia. Aproximación a los juegos sobre tableros en piedra desde la antigüedad clásica hasta el medievo.
Costas Goberna, F. J. 2009: As pedras e os xogos. A orixe dos taboleiros de xogo galegos.
García Alén, A. e De la Pena Santos, A. 1981: Gravados rupestres en la provincia de Pontevedra.
Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos. 2006: Gravados rupestres no Couto dos Golpes (Santa Cruz do Salto, concello de Cabanas). 
Hidalgo Cuñarro, J. M. : Blogue: Juegos de tableros romanos y medievales.
Pereira García, E., Costas Goberna, F. J. e Hidalgo Cuñarro, J. M.: Petroglifos en los castros gallegos.