* O relevo de Salcedo, ou como desentenderse do patrimonio

A principios dos anos setenta do pasado século, don Elías Valiña Sampedro mercoulle a un veciño de Salcedo, na Pobra do Brollón, un baixorrelevo en pedra que atopara reaproveitado nunha construción no ano 1951 (na parte superior esquerda figura gravado o ano 1952, cando foi recolocada no muro dunha casa). Como outros moitos obxectos, a peza foi adquirida por don Elías, con cartos públicos, para engordar o patrimonio do Cebreiro. Ata finais dos anos noventa estivo exposta na Hospedaría de San Xiraldo de Aurillac, reconvertida en mesón rexentado dende finais dos anos oitenta ata o seu peche por familiares do Cura do Cebreiro. Na actualidade a Hospedaría, propiedade da Igrexa, acolle os freires franciscáns que atenden o santuario.

 

Logo de varias pescudas para coñecer a procedencia exacta da peza e saber onde fora a parar despois do peche do mesón, enterámonos de que cando os familiares de Valiña Sampedro deixaron o negocio levaron o relevo canda eles, como se dunha herencia se tratara.

O día 8 de marzo de 2016 presentamos un escrito diante do Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para interesarnos se coñecían a súa existencia e se estaba catalogada. O 12 de abril recibimos contestación, indicándonos que si sabían do relevo pero que non figuraba no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

Ao día seguinte presentamos no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un informe coas nosas pescudas solicitando, ademais, a catalogación da singular peza. O mesmo día enviamos ao Bispado de Lugo o mesmo informe para que, como propietario, a reclamaran á familia.

Transocrridos seis meses dende a nosa petición sen recibir resposta da Xunta de Galicia, o día 8 de setembro requirímoslle se nos informara de como estaba o tema. Dende o Servizo do Patrimonio Cultural contestáronnos de que remitiran a nosa solicitude, xunto cun informe favorable dos seus arqueólogos, á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago.

Dende a nosa primeira solicitude pasou máis dun ano e a Administración continúa sen dar sinais de vida. Sabemos que os procedementos do catálogo son lentos pero non cremos que resulten tan complexos, máis cando coñecen onde se atopa o baixorrelevo e, sobre todo, porque no seu momento xa os advertimos do grave risco de "desaparición" que corre. Mesmo sabemos que a peza ocasionou, pola súa posesión, algunha desavinza entre os familiares de don Elías Valiña.

O día 24 de abril de 2017 presentamos no Rexistro da Xunta un novo escrito, dirixido á Subdirección Xeral do Patrimonio Cultural, para que, á máxima urxencia, cataloguen o relevo. Ao mellor, cando vaian, xa é tarde. Evaporouse.

Por certo, dende o Bispado de Lugo, nin mú. Para eles todo o relacionado co santuario do Cebreiro é un asunto tabú. Nada queren saber: Cristo gótico, Virxe románica, ourivería, imaxinería, libros...

Mellor non abanear isto, dinnos: "Pasou tanto tempo", "As vosas denuncias só crean mala imaxe para o Cebreiro", "Ollo onde vos metedes". Mea culpa.

Un mes despois da solicitude dirixida á devandita Subdirección, o día 11 de maio, recibín un escrito da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural comunicándome que solicitaron a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade do relevo e a procedencia da súa inclusión no catálogo. Tanto este informe como o realizado polos servizos técnicos da delegación territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, coinciden no carácter enigmático da peza e a dificultade da súa interpretación, mesmo os seus trazos estilísticos e os elementos iconográficos tampouco permiten establecer a adscrición cronocultural da peza, ademais da ausencia dun contexto arqueolóxico impiden a súa correcta valoración histórica. Ante esta circunstancia, a Dirección Xeral solicitou a colaboración do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga co fin de valorar a importancia do relevo polo que de momento estase á espera do seu informe.
 
 

Para saber máis sobre o relevo, ver: