* O Patrimonio esvaído

Nos museos galegos podemos ver milleiros de pezas que nos permiten facer un percorrido pola nosa Historia, dende as épocas máis remotas ata a actualidade, obxectos que proveñen das escavacións arqueolóxicas, achados casuais, doazóns... Ademais destes edificios divulgadores da nosa cultura, contamos en Galicia cun gran museo ao aire libre formado por infinidade de enterramentos megalíticos, petroglifos, castros, xácigos romanos, pontes, mosteiros e castelos. Un impresionante museo, envexa de foráneos, que no propio país adoece da máis mínima protección e posta en valor por parte dos responsables de velar polo noso patrimonio. Máis do 70% das parroquias galegas contan con algunha manifestación artística das citadas máis arriba (e non se inclúen igrexas, capelas, cruceiros, pazos, hórreos, muíños, fontes..., xa que a porcentaxe elevaríase ao 100%).

De todo este inxente patrimonio, máis ou menos accesible, hai uns monumentos que na meirande parte das ocasións se nos escapan, que a pesares de telos á vista, pasan desapercibidos, esvaídos, pezas que ao longo dos séculos foron reaprovitadas (ou arrecunchadas) noutras construcións posteriores (peches de herdades, igrexas, casas...).

Nunca saberemos os obxectos que foron reutilizados. Aquí achego unha pequena mostra do que aínda podemos ver. Non inclúo aqueles que, se ben foron reutilizados nalgún momento, xa se atopan custodiados nos museos, nin aqueloutros sobre os que se ergueron igrexas, antenas, postes do tendido eléctrico, marcos, vértices xeodésicos, depósitos de auga...

Para saber máis sobre estas pezas, consultar a entrada correspondente neste mesmo blogue.

ALLARIZ
Armea: Epígrafe de época romana, situado no muro dunha palleira.
Santa Mariña de Augas Santas: No exterior da igrexa, alquerques de IX e XII reutilizados nun muro. No interior do templo, dúas aras romanas.
 

 

AMOEIRO 
Fontefría: Ara aos Lares Viais que forma parte da pía bautismal da capela do San Xiao. No centro do muro da ábsida e no paramento sur hai uns sillares con decoración xeométrica, tamén de época romana.
Fontefría: No lavadoiro podemos ver un relevo con motivos semellantes ao da capela do San Xiao. Nunha casona, hoxe en día abandonada, consérvanse as esculturas de dúas caras ciceladas nunhas columnas, coñecidas como os Cabezóns das Casas das Tías Casildas, de posible adscrición castrexa. 
Formigueiro (Trasalba): Utilizado primeiro como altar, un relevo da Idade do Ferro decora na actualidade a fachada da capela do Formigueiro.
Igrexa de San Pedro de Trasalba: Nun muro da igrexa consérvase a escultura dunha cabeza, disque castrexa, se ben eu teño as miñas dúbidas xa que o burato que parte da boca cara a parte superior da cabeza pode ser un indicio que se puido utilizar como cano por onde discorría a auga.
 

 

 

 

BALTAR
Aras na capela da Asunción: Dúas aras, dise que provenientes do castro de Outeiro ou do lugar da santa.
Ara do Bouzo (O Bouzo-Garabelos do Bouzo): Na capela do San Bieito. Adaptáronna como pía bautismal, ampliándolle o focus.
Ara (Barrio-Vilamaior da Boullosa): Sostén a galería de madeira dunha vella casa.
 




BANDE  
Ponte Liñares: Trátase do anaco dun miliario anepígrafo situado no interior da ermida de Ponte Liñares.  
Santa Comba: Miliario de Adriano. Trátase dun tambor de granito extraído dun cilindro maior que foi adaptado como pía de auga bendita na igrexa visigótica de Santa Comba. 

BAÑOS DE MOLGAS 
Presqueira: No interior da igrexa parroquial, ara aos deuses Manes.
Santa Eufemia (Ambía): Unha ara forma parte do altar da igrexa de Santa Eufemia. Nunha ventá de estilo mozárabe semella que unha ara foi reaproveitada.
Suatorre (Ambía): Ara ás ninfas. A inscrición romana foi substituída por outra cristiana de época medieval.
Baños de Molgas: Miliario situado na terraza dunha casa.
 

 

BARALLA
A Ponte de Neira: Base e fuste de época romana reutilizados como soporte dunha cruz moderna, provenientes do Agro de Pedreda, situados no xardín dunha casa. 
 

BEADE
Beade: Alquerque de IX reutilizado por baixo da cornixa da igrexa parroquial.
 

BEGONTE 
Virís: Ara aos Lares Viais na igrexa parroquial.
Illán: Miliario na igrexa parroquial.

A BOLA
Veiga: Na igrexa de San Munio hai unha ara adicada a Xúpiter. Ata non hai moito estaba empotrada nun muro da casa reitoral.
 

BRIÓN
Castro Lupario: Pedra con círculos concéntricos e cazoleta central reaproveitada nunha muralla.

CABANA DE BERGANTIÑOS 
Canduas: Un petroglifo foi utilizado como piso dun patio na coñecida como Casa de Pedro. Anteriormente formaba parte do valado dunha leira. Crese que provén do Monte Castelo. 
 

CARBALLEDO
Temes: Na igrexa, capiteis romanos, unha praca marmórea dun sártego tardorromano, inscrición, aras, etc. Ver o artigo neste mesmo blog: O complexo tardorromano de Temes (Carballedo). 
 

 

O CARBALLIÑO
Astureses: Dous xogos de alquerque, un incompleto, que serven como bancos. 

CARBALLO
Cruceiro da Pena das Grallas: Unha pedra con gravuras de cronoloxía indeterminada actúa como basamento dun cruceiro. 

CARTELLE
Ara de Couxil: Reaproveitada como material de construción na igrexa parroquial de Couxil, foi descuberta cando as obras de restauración do templo na década dos anos noventa do pasado século. 
 

CASTRELO DO VAL
Vilar (Servoi): Cando a reparación da capela de Vilar no ano 1977 descubriuse unha ara romana que sostiña a pía de auga bendita.

CASTRO CALDELAS
O Burgo: Inscrición romana na capela de San Pedro.
O Burgo: Miliario anepígrafo embutido nunha casa arruinada.
 

CASTROVERDE
Igrexa de Tórdea: Na capela absidial, detrás do altar maior, a ambos os lados do sagrario, hai dous fragmentos correspondentes, posiblemente, a un mesmo miliario.
Miliario (Tórdea): Na aldea hai o fragmento dun miliario, despositado xunto unha árbore, que nun principio estaba no adro da igrexa parroquial.
Miliario (Tórdea): Un veciño ten un miliario na casa. Non visitable.


CATOIRA
Aragunde: Un petroglifo atopado na Finca Taleiriña forma parte do muro dunha casa.

CELANOVA
O Cristal (Vilanova dos Infantes): Miliario no pazo dos Enriquez utilizado como bebedoiro para o gando.
Vilanova dos Infantes: Ara aos Lares Viais empotrada na fachada dunha casa. 
Vilanova dos Infantes: Miliario anepígrafo situado nun esquinal dunha casa da praza. 
Fortaleza de Milmanda: A torre da igrexa parroquial é o único resto da antiga fortaleza. Nunha casa en ruínas que hai nas inmediacións tamén hai restos reaproveitados nos muros.

 

 

 

CENLLE
Trasariz: Ara adicada a Xúpiter utilizada como pía de auga bendita na igrexa parroquial.
 

CERVANTES
San Román de Cervantes: Unha ara que pechaba unha finca foi colocada no xardín dunha casa. Na actualidade está gardada no baixo da vivenda.
 

O CORGO
Arxemil: Na igrexa parroquial, fragmento dun miliario reutilizado como pía bautismal, sobre o que se gravou unha inscrición moderna na que se le "ano de 1601" e rematado por unha cruz.
Castrillón: No adro da capela de San Bernabé, construída sobre un primitivo castro, miliario reutilizado como pé dun altar pintado cunha cruz de Santiago.
 

CORTEGADA
Meréns: Ara no interior da igrexa parroquial, actúa como soporte da pía bautismal.
Zaparín: Ara aos deuses galaicos, foi cristianizada colocándoa como basamento dun cruceiro. 
 

A CORUÑA
Igrexa de Santiago: Dúas aras e dous pedestais reutilizados de época romana.
 

COVELO
Monte do Castro (Santiago de Covelo): Sobre unha rocha con petroglifos ergueuse un cruceiro. 
 

A ESTRADA
Castro de Aguións: No castro extraeuse pedra para construír o pazo de Preguecido. 
Ara romana de Matalobos: Descuberta no ano 1942 por Bouza Brey na ábsida da igrexa de Santa Baia de Matalobos. Cando se "restaurou" a igrexa a principios dos anos setenta, derrubando a ábsida semicircular que foi substituída por unha de planta cadrada, os albaneis decidiron reutilizar de novo a ara como pé do altar (supoño que co visto e prace das autoridades eclesiásticas). Para elo borráronlle a inscrición e converteron a peza de caras rectangulares nun cilindro.
 

FENE
Marco-pedrafita da capela de San Marcos (Sillobre): No século XIX construíuse unha capela no lugar que ocupaba o marco-pedrafita, asociado a un ritual, que tamén diferenciaba diversos coutos xurisdicionais. A mediados do século XX á ermida engadíuselle a sancristía, quedando o marco inserido no muro posterior da mesma, tumbado, non na posición vertical que mantiña ata entón.
 

O GROVE
Ara aos Lares Viais: Descuberta nas escavacións do Adro Vello, foi reutilizada como material de contrución. Moi danada, consérvase na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. 

A GUDIÑA  
O Tameirón: Na igrexa parroquial, a pía bautismal do século X ten como pé unha ara romana. 
 

GUITIRIZ
Bascuas (San Salvador): Lápida reutilizada no lintel da porta que comunica a nave coa sancristía.
O Buriz: No adro da igrexa hai dúas aras protexidas por unha estrutura de metacrilato que impeden ver as inscricións. 
 

 

LALÍN 
Fonte Tourón (Parada): Dunha anta megalítica destruída pola actividade agrícola, consérvanse varios esteos que foron utilizados como marcos dunha finca; dous presentan gravuras con motivos xeométricos.

LÁNCARA
Río: Inscrición aos deuses Manes nun muro da igrexa parroquial. Encastrada nunha parede da diminuta sancristía (que tamén acolle a caldeira da calefacción) hai unha estela que no ano 1991 foi exposta en Galicia no Tempo e que só se pode algún domingo, e só polo tempo que dura a misa.
 

 

LAXE
Serantes: Ara reaproveitada no muro sur da igrexa parroquial.
 

LAZA
A Alberguería: Ara na igrexa parroquial.
A Alberguería: Miliario anepígrafe situado nunha estreita rúa da aldea, servindo como base a unha columna que suxeita un balcón preto da ermida da Alberguería.
Paradiña (A Alberguería): Miliario que na actualidade atópase no xardín dunha casa de Lodoselo.
 

LEIRO
Gomariz: Nun banco de pedra situado no exterior da igrexa hai gravado un Alquerque de IX.
 

LOBEIRA
Vilariño da Nogueira: Miliario anepígrafe embutifo na parede dunha casa.
 

LOBIOS
Torneiros: Miliario procedente do lugar coñecido como Pala Falsa, adicado a Constancio II, actúa como poste do balcón dunha casa.
Tornerios: Anaco dun miliario situado por riba dunha canle de desaugue.
Vilameá: Miliario que forma parte do peche dunha leira, preto da ermida de Santa Lucía.
Xendive (Xendive-Torno): Miliario adicado a Constancio II e Constantino II, atopado nos anos cincoenta do pasado século. Foi trasladado por un veciño de Xendive para un alpendre para seren utilizado como poste.
 

LOUSAME
Lesende: Ara reaproveitada na parede dunha casa.
 

LOURENZÁ
San Adrao de Lourenzá: Na igrexa de San Adrao, miliario reutilizado como pía de auga bendita.

LUGO
Santalla de Esperante: Miliario que actúa como marco da porta dunha casa en ruínas.

MACEDA
Asadur: Ara no altar maior da igrexa parroquial
Asadur: Fragmento dun epígrafe nun muro da casa reitoral da igrexa de Santa Mariña.
Castro de Escuadro: Unha ara forma parte da espadana da capela de San Pedro. No interior hai outra ara anepígrafa utilizada como pía bautismal.
Cerdeiras (Foncuberta): Miliario a Máximo e Maximino, cortado para un peto de Ánimas foi aplanado nun dos seus lados para modelar a furna do peto.
Foncuberta: Un miliario está situado na esquina da escaleira dunha casa. Outro trátase dun fragmento situado na rúa, xunto a porta dunha casa. O anaco dun terceiro está empotrado no muro dunha casa.
Tioira: Miliario anepígrafe situado na esquina dunha porta da casa reitoral. Outro miliario, tamén anepígrafe, atópase formando parte dos muros da corte da casa reitoral. Un terceiro, cunha inscrición, está fincado xunto un camiño preto da devandita reitoral.
 

 

 

MALPICA
Mens: Ara incrustada na ábsida da igrexa de Mens; a inscrición foi eliminada.
 

A MERCA
Faramontaos: Miliario anepígrafe que actúa como soporte dun balcón.
Proente: Miliario que forma parte da galería dunha casa.
 

MONDARIZ
Chan do Campo do Mouro (Mouriscados): As pedras dos enterramentos megalíticos foron utilizadas en distintas construcións modernas. 

MONDOÑEDO
Fonte Vella de Mondoñedo: Unha inscrición de época romana foi reaproveitada na cornixa da fonte construída no ano 1548.
 

MONTEDERRAMO 
Cadaval (Covas): Un miliario, que servía de xamba da porta dunha palleira, foi retirado ao ampliar a porta; agora atópase tirado no patio do dono e cuberto por leña. O fragmento doutro, partido pola metade, está situado á entrada dunha casa, unido con cemento. Un terceiro, fragmentado, serve de apoio a unha trave de madeira dunha corte. 
Covas: Miliario reutilizado como pé do altar maior da igrexa de San Xoán de Covas.
A Graña (Seoane Vello): Miliario adicado a Caracalla, actúa como soporte do altar maior da igrexa parroquial de San Xoán de Seoane Vello.
Vigueira de Abaixo (Nogueira): Un miliario atópase encaixado na parede dunha palleira. Outro miliario, adicado a Carino, serve de machón dunha cancela que franquea a entrada dunha cortiña.
 



 

MONTERREI
A Madanela: Estela reutilizada nun muro dunha casa.
Mixós (Estevesiños): Na igrexa románica hai dúas aras que serven de base aos altares da cabeceira.
Monterrei: Estela na capela do San Miguel. 
Vilaza: Na capela do San Brais hai un miliario reutilizado nun muro.
 




MONTERROSO
Satrexas: Miliario a Caracalla reutilizado como lumieira da porta dun alpendre. No ano 1971 foi mercado por Acuña Castroviejo e levado para a Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela.

MOS
As Pereiras (Cela): Mámoa escavada no ano 1983. Algúns esteos foron reaproveitados en construcións modernas.

OIA
En Torroña, unha tampa dunha anta, decorada con gravuras, foi utilizada como soporte dunha marquesiña da parada do autobús. 
 

OÍMBRA
Rabal: Miliario anepígrafe que actúa como soporte do tellado dunha escaleira.
Espiño (Videferre): Miliario reutilizado nunha casa.
 

OURENSE
Ara reaproveitada como sillar no antigo Pazo Arcebispal de Ourense.
  
OUTEIRO DE REIGravura de Martul: Trátase da imaxe dunha figura humana, posiblemente feminina e espida, insculpida nunha pedra que foi reutilizada para tapar unha antiga ventá da casa reitoral. Descoñécese de onde procede, aínda que ben podería ser do Cordal de Acevedo onde foi atopado un vaso campaniforme.
Candai: Pedrafita con gravuras. Na actualidade adorna un estanque construído recentemente. Ao parecer foi traída dos montes de Candai onde está documentada unha necrópole megalítica.
 

 

PADERNE DE ALLARIZ
Coucieiro: Ara no interior da igrexa parroquial.
 

PADRENDA
O Condado: Na igrexa de Santa María, ara reutilizada como pía de auga bendita.
 

PADRÓN
Castro de Arretén ou da Rocha (Iria Flavia): Algunhas pedras do castro foron utilizadas na construción do castelo da Rocha Branca. 
Padrón: Na igrexa de Santiago de Padrón, ara que segundo a lenda foi utilizada polos discípulos para amarrar a barca que trouxo os restos do Apóstolo Santiago. A inscrición orixinal foi alterada no século XVI para cristianizala. 
 

PANTÓN
Augas Santas: Coviñas insculpidas en dúas rochas que na actualidade forman parte do basamento dun cruceiro.
 

PETÍN
Santa María de Mones: Nun perpiaño da igrexa de orixe románica aparece a figura dunha inscultura identificada cun taboleiro de xogos tipo alquerque, seguramente reaproveitada dunha pedra do antigo xacemento castrexo, romanizado, onde se ergue o templo.
 

A POBRA DE TRIVES
Sobrado: Miliario que se atopa formando parte dun peto de ánimas situado nunha esquina da praza que dá á fachada da igrexa de Sobrado. Presenta unha inscrición moderna, baixo a cal se poden adiviñar algúns trazos de letras romanas.
 

POIO
San Salvador de Poio: Na igrexa mosteiral do Diviño Salvador, Alquerque de IX reutilizado nun muro interior.

PONTEAREAS
Couso (Guláns): Capitel tardorromano que forma parte do basamento dun cruceiro.

PONTEVEDRA 
Cerponzós: Un canteiro reaproveitou unha pedrafita para honrar a memoria do seu sogro, reproducindo un busto nunha das caras.
 

PORQUEIRA
Ara a Ariounis (Nocelo): Servía de pé altar na ermida de Santo Tomé de Nocelo.

PORTO DO SON
Queiruga: Lápida funeraria en mármore que se atopa nun lateral da igrexa parroquial. Foi localizada no ano 1752 na praia de Seira e actuou como base do altar ata o 1822 en que, por non estar consagrada, foi mandada retirar polo bispo.
 

RIBEIRA
Oleiros: Epígrafe localizado no muro do adro da igrexa parroquial de San Pedro.

RIÓS
Estela de Riós: Apareceu cando as obras na casa parroquial, servindo como lintel dunha porta interior. Atópase na igrexa parroquial de Riós.
Trasestrada: Nas casas da aldea pódense ver pedras provenientes do castro de Pedroso. 

RODEIRO
Camba: Ara descuberta nun muro do lavadoiro da reitoral de Santa Baia de Camba. O fragmento consérvase na mesma casa reitoral.
Saa (Pescoso): Miliario anepígrafe que se atopa no patio da casa coñecida como a Casa Grande de Saa. Na mesma casa hai outro miliario fragmentado en dous anacos. No interior dunha corte vese outro miliario servindo de columna para o piso de madeira.
 

ROIS
Erbogo: Aras reaproveitadas na construción da igrexa parroquial. Unha provén do castro de Socastro.
Ermedelo: Do arrasado castro de Moares pola concentración parcelaria, as súas pedras foron utilizadas para a construción dalgunhas casas. 
 

 

SAN CIBRÁN DAS VIÑAS 
San Cibrán: Miliario apegado á ábsida da igrexa de San Cibrán. No interior da capela do Santo Cristo hai outro miliario que actúa como pé do altar maior.
 

SANDIÁS
Vilariño das Poldras: Miliario a Xuliano que se atopa no xardín do Pazo do Penedo, unha propiedade privada; está colocado de forma invertida, servindo de pedestal dunha estatua.
 

SANTA COMBA
Vilamaior: Ara aos deuses Manes, na actualidade atópase nunha casa particular de Augapesada, no concello de Ames.

SAN XOÁN DO RÍO
Aciveiro: Fragmento dun miliario utilizado como contrapeso dun lagar. Outro anaco dun miliario atópase tirado xunto unha casa.
Castrelo: Miliario anepígrafo que serve de piar dun alpendre dentro do patio da casa reitoral de Castrelo.
Cerdeira: Anaco dun miliario situado no xardín dunha casa, só se le "IMP(erator)".
Ponte Navea: Anacos de miliarios esparexidos nas inmediacións da ponte e da aldea.
 

SARREAUS
Miliario de Nocelo da Pena: Anepígrafe, forma parte do muro dunha finca.

O SAVIÑAO
Licín: Relevo de mármore de época romana con decoración en baixorelevo empotrada nun esquinal da cabeceira da igrexa parroquial.
San Paio de Diomondi: Debaixo do aleiro da ábsida da igrexa románica vese un Alquerque de IX moi erosionado.
Vilariño (Fión): No xardín da casa de turismo rural da Torre de Vilariño hai o fragmento dunha ara que formou parte dunha cornixa dunha obra anterior.
 

 

 

SILLEDA
Pena Longa (A Brea-Cortegada): Unha pedra coa gravura dun círculo foi reaproveitada nun valado.
Saídres: Pedra cunha gravura reaproveitada na coñecida como Casa do Fidlago.

SOBER
Cabeza de Pereira (Barantes): Figura dunha cabeza, posiblemente castrexa, situada no muro dunha casa.
Cabeza de Pinol: Inscultura dunha cabeza reaproveitada no muro dunha casa que dá ao cemiterio da igrexa de Pinol.
Froxán (Proendos): Pedra con círculos concéntricos que forman parte do muro dunha casa.
Liñarán: Ara que forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de cemento do adro da igrexa de Liñarán; aparece invertida.
Proendos: No muro do camiño que vai cara a igrexa parroquial, hai unha pedra con gravuras. No muro exterior dunha casa da aldea vese outra gravura de círculos concéntricos.
Trísceles de Arxemil (Anllo): Forman parte dos muros dunha propiedade privada. Ao parecer proveñen do castro do Agro do Castro.
Tríscele de Proendos: Reaproveitado no muro dunha casa.
 

 

 

 

 

TABOADA
San Martiño: Columna reaproveitada como pía de auga bendita na igrexa de San Martiño.
Vilela: Cabeza de granito, coñecida como o Guerreiro de Ralle, descuberta nunha casa de labranza. Foi utilizada como soporte para macetas e como "pouso" para montar a cabalo.
Vilela: Un miliario que actuou como soporte dun hórreo. 
 

TABOADELA
Ara: Ara romana que adorna a entrada do Concello.  
Touza: Nun lateral exterior da igrexa de San Xurxo de Touza, pedra gravada cun Alquerque de IX reutilizado na construción do templo.
 

TORDOIA
Gorgullos: Dúas aras sosteñen a pedra do altar da igrexa de Santaia de Gorgullos.
 

TRASMIRAS
Os Pardieiros (Lobaces): Un miliario foi baleirado para seren utilizado como sártego, atópase no xardín dunha casa de Lodoselo. Outro miliario atópase no patio dunha casa ás aforas da aldea dos Pardieiros, utilizado como bebedoiro das galiñas; como no caso anterior foi baleirado para usar como sártego.
Ara (O Seixo-Abavides): Estaba no muro do adro da igrexa parroquial, na actualidade atópase nunha rúa preto do templo.
Ara de Trasmiras: Na porta dun patio da rúa principal de Trasmiras.
Lápida de Lobaces: No muro do peche da igrexa parroquial.
 

 



VERÍN
Ara da Soutilla (Vilamaior do Val): Fragmento superior dunha ara empotrada na parede dunha casa.
Queizás: Na igrexa parroquial, ara anepígrafa embutida nunha parede. Tamén un lintel decorado en forma de espiña de peixe.
Tintores: Capitel de mármore reutilizado.
Verín: Miliario acaroado á Casa dos Acevedo, na praza de García Barbón. Outro miliario actúa como soporte dun balcón próximo á Casa do Escudo.
Vilela (Tintores): Miliario situado na casa coñecida como Muíño da Veiga, servindo de columna.

 


VIANA DO BOLO 
Bembibre: Relevo reutilizado nunha casa. 
Fradelo: Do lugar coñecido como Cemiterio dos Mouros procede un sártego tardorromano utilizado como bebedorio do gando.
Viana: Ara reutilizada en tempos como base dun poste do alumado público. Exposta sobre un muro. 
 

 

VILAMARÍN
León: Ara que actúa como soporte do altar da igrexa parroquial.
Orbán: Un miliario sostén a pedra do altar da igrexa. Outro miliario está no patio da reitoral.
Río: Miliario situado xunto un muro da entrada da igrexa parroquial; moi alterado.
 

VILAR DE SANTOS
Laioso (Parada de Outeiro): Ara situada xunto a entrada da capela de San Xoán adicada a Xúpiter.
 

VILARDEVÓS
Ermida de Portas Abertas: Agocha o fragmento dunha columna formada por un toro cilíndrico e un  tambor que foi policromada e reutilizada como apoio dunha pía de auga bendita.
Formigueiro (Vilardevós): Ara que fai de pedra do altar na capela do San Roque.
Tomonde (Soutochao): Dous bucráneos (relevos en pedra coas figuras de cabezas de touro) empotrados na parede dunha fonte pública. 
 

 

VILASANTAR
Medorra de Fanegas (Vilariño): O túmulo foi reutilizado polos romanos como posto de vixiancia do campamento de Cidadela, en Sobrado dos Monxes.
 

XINZO DE LIMIA
Ara a Demorana: Situada na esquina dunha rúa próxima á igrexa de Xinzo de Limia. 
Ara a Xúpiter (Ganade): Situada na parte baixa do muro da Casa da Cabaneira.
Inscrición (Lamas): Na parede da casa dunha vivenda de Mangas de Abaixo.
Miliario de Pidre (Solbeira de Limia): Reutilizado como poste no patio dunha casa arruinada de Pidre. 
San Pedro de Laroá: No exterior da igrexa de San Pedro, ara a Xúpiter.
Seoane: Ara no interior da igrexa de San Xoán de Oleiros que serve como soporte da pía de auga bendita. Nun muro da igrexa hai unha inscrición incrustada nun muro. Nunha casa atópase o fragmento dun miliario moi alterado e unha inscrición funeraria empotrada nun dos muros.
Sillar reaproveitado no muro dunha casa.
 

 

 


XUNQUEIRA DE AMBÍA
Busteliño (Sobradelo): Miliario situado nunha corte, servindo como marco dunha porta; está colocado do revés.
Casasoá: Miliario atopado nunha leira, na actualidade no xardín dunha casa.
Xunqueira de Ambía: Na capela de San Antón e Santa Rita, atópase unha ara que foi reutilizada e repicada a inscrición. 
 

ZAS
Aras en Brandomil: Unha forma parte do muro do adro da igrexa parroquial. A outra foi reutilizada como pé dunha pía de auga bendita.

 




Xabier Moure
O patrimonio esvaído
o noso patrimonio