* O Marco da Gándara (Sober)

O Marco da Gándara atópase a uns 400 metros á dereita da estrada local que vai dende a cabeceira parroquial de Neiras ata a estrada comarcal CP-3201 que comunica Sober con Monforte de Lemos, a carón dun vello camiño que discorre entre prados e monte baixo.

 

Trátase dunha pedra de granito de forma prismática cunha altura á vista de pouco máis dun metro e un ancho na base duns 65 centímetros. Na cara sur ten gravado un símbolo en forma de zigue-zague seguido dunha pequena coviña; na parte oposta outro símbolo de difícil interpretación e outra coviña situada por riba. Na cara oeste vese unha cruz latina duns 20 por 10 centímetros nos brazos, e na leste outra cruz latina duns 15 por 7 centímetros.

 

Díxonos un veciño que antigamente actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Neiras e Refoxo, polo que o zigue-zague podería ser interpretado como un "N invertido e o outro símbolo a letra "r" minúscula.

 

As cruces son bastante comúns nos marcos de término, mais estas, segundo o noso informante, están asociadas a unha vella historia. Remarcou que se estaban gravadas en caras opostas non era cousa do azar, pola contra, fixérase así de forma premeditada. Un xove pegureiro que acostumaba levar o gando para os montes da Gándara auxiliou un bo día a unha fermosa rapaza que caera do cabalo. A partir de entón víanse con frecuencia. E namoráronse. O conde de Lemos, tío da moza, cominouna a que abandonara ao pastor, mais esta negouse e continuaron véndose. O señor feudal, enfurecido, mandou a uns soldados para que mataran ao ousado pegureiro. Cando os soldados chegaron á Gándara atoparon á parella e desenvaiñaron as espadas para acabar co mozo, mais a rapaza púxose diante do seu amado para protexelo e tamén resultou ferida de morte. Entón, o conde ordenou enterrar no mesmo sitio aos amantes. Para que non se puideran ver nin tocar despois de mortos, un corpo foi enterrado mirando cara o leste e o outro cara o oeste, e no medio de ambos o fito que podemos ver hoxe en día.

 

Pola lenda, podemos situar a orixe do marco nalgún momento da Idade Media. Pero hai un par de detalles, ademais da forma da pedra, que nos chaman a atención: son as dúas pequenas coviñas semiesféricas gravadas nas caras norte e sur. Pode tratarse dunha pedrafita prehistórica logo reutilizada?