* Novos petroglifos en Cervantes

O día 11 de setembro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo grupo de petroglifos no concello de Cervantes.

 

No lugar coñecido como O Río, no límite entre as parroquias de Donís e O Pando, a 1.200 metros de altitude, localizamos unha pena granítica con dúas combinacións circulares con dous círculos concéntricos cada unha, unha con coviña central. A súa descuberta foi posible grazas a un documento do ano 1768 que cita a Pedra das Amboas situada nas proximidades do río de Xunquiñas e que foi utilizada como marco de término. O achado podemos consideralo como casual xa que, atendendo ao topónimo, buscabamos unha pena con pías a xeito de tinas ou vasillas; de feito "amboa" era un término utilizado en varias zonas da comarca dos Ancares para designar un recipiente grande para conter líquidos. Foi nesta pena con dúas grandes pías onde atopamos as gravuras.

As gravuras están moi erosionadas, de aí que tiveramos que facerlle as fotos ao anoitecer, con luz eléctrica indirecta.