* Máis mámoas en Cervantes

Localizadas por integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 28 de xaneiro de 2017. Sitúanse a 1.280 metros de altitude, entre as aldeas de Porcís, na parroquia de Noceda, e O Portelo, parroquia de Vilarello, no monte coñecido como Golada do Campo do Circo. Trátase de dúas mámoas de 19 e 15 metros de diámetro, e unha altura de 1,30 e 1,05 metros, respectivamente. Ambas presentan cráter de violación. Atópanse a uns 500 metros das mámoas dos Forniños, e a uns 50 metros do límite coa provincia de León.

Segundo os meus datos, trátase, ata o momento, das mámoas situadas a maior altitude da provincia de Lugo, ocupando o terceiro posto de Galicia, detrás das mámoas do Marco Cavado e do Sistil das Arcas, entre os concellos da provincia de Ourense de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, situadas a uns 1.700 metros de altitude.