* Castro sen catalogar no Incio

Hai uns días, uns veciños da parroquia de San Salvador do Mao (O Incio) puxéronse en contacto conmigo para falarme da existencia dun castro nun monte da aldea de Valbón, a uns 200 metros en liña recta das últimas casas. O día 18 de xaneiro de 2017 achegueime ata o sitio e comprobei, efectivamente, que se trata dun asentamento castrexo.

Atópase a 859 metros de altitude sobre o nivel do mar. Consta dun único recinto de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 110 por 70 metros. Estaba defendido polo nor-leste por unha fortísima pendente, case vertical , que cae cara o río Mao e unha pequena muralla que se vai elevando a medida que avanza pola parte máis vulnerable, o sur-oeste, con tramos que acadan os tres metros de altura. Polo oeste obsérvase un pequeno antecastro. A entrada estaría polo sur.


O castro está cuberto pola maleza, non moi alta, e por carballos. No interior, no oeste do asentamento, vese parte dunha estrutura rectangular inserida no chan formada por unhas grandes laxes dispostas verticalmente, moi ben traballadas e perfectamente unidas entre si, que asentan sobre outra gran laxe horizontal polo que, creo, podería tratarse dun gran recipiente ou alxibe para recoller a auga.

 
Dise que no castro habitaban os mouros e que hai enterradas xoias de ouro. Ao menos en dous sitios realizáronse escavacións furtivas. Os prados que hai ao pé do castro reciben o nome de Balacastro. Cando lle preguntei aos meus informantes se non quererían dicir Valcastro, respondéronme con contundencia: Non, o nome é Balacastro, polas balas que disparaban os habitantes do castro.

 
Dende o asentamento domínase todo o Val do Mao, e mantén unha inmellorable comunicación visual co castro de Formigueiros, situado a 4,3 quilómetros en liña recta.


Nas inmediacións do castro están as coñecidas como Penas da Ribeira. No ano 1911, uns veciños mataron a un home por unha cuestión de distribución de augas para as terras de labor.

Cando mo comentaron, chamoume a atención que non estivera catalogado xa que o lugar onde se ubica recibe o nome de O Castro, e a súa configuración non admite dúbidas, en poucas letras “é de manual”. Para asegurarme consultei o PXOM do Concello, constatando que non figura nin no inventario nin nas fichas. O único castro inventariado na parroquia de San Salvador é o de Cereixido, a 1,6 quilómetros en liña recta do de Valbón.

No PXOM figuran 27 castros inventariados, se ben catro, aínda que nos límites co Incio, xa pertencen aos concellos de Sarria, Samos e A Pobra do Brollón.

Por outra banda, obsérvanse outras anomalías no PXOM. Co número 306 figura “Castro da Roda-Castro de Rendar” que ubica en Treimonte, na parroquia de Sirgueiros, cando en realidade queda en Romariz, parroquia de Rendar. O que si está en Treimonte é o da Pena da Roda, sobre os regos da Ribeira e da Rodeira e que, pola descrición da ficha, debe corresponderse co mal denominado “Castro da Roda-Castro de Rendar”. En Sirgueiros tamén está a Agra do Castro que si consta no Plan.

O PXOM do Incio foi aprobado definitivamente o 7 de decembro de 2005, e publicado no DOG o 21 do mesmo mes.

Tanto o castro de Valbón como as anomalías do PXOM xa llo comuniquei por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello do Incio.

O día 24 de febreiro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo comunicáronme que, despois da visita dos técnicos, o castro foi catalogado coa clave de identificación GA27024078.