CASTELOS DE GALIZA/GALICIA

CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DA CORUÑA

ABEGONDO
O Castelo (Torrente-Abegondo): Posible asentamento fortificado medieval. A mesta vexetación impide ver se hai restos.
Castelo (Souto-Meangos): Pequeno recinto de planta rectangular e coas esquinas arredondadas, defendido por un parapeito que está arrodeado por un foxo.
Castelo de Porcas (As Covas-Guillade-Limiñón): Posible asentamento fortificado medieval. Trátase dunha elevación rochosa feita de forma artificial tras a escavación dun foxo na rocha. Declarado BIC.
Cruz da Beira ou Monte dos Matos (Cruz de Beira-Sarandóns): Asentamento fortificado medieval con restos de estruturas concéntricas que defenden un pequeno recinto interior de forma rectangular, con dúas liñas de muralla separadas por un foxo. Cuberto pola matogueira.
Torre (Currás-Vilacoba): Posible asentamento fortificado de época medieval. Trátase dunha pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome da Redonda.
A Torre (Torre-Leiro): Dise que no lugar houbo unha torre, hoxe en día destruída. Trátase dun pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome de Grovias e Redonda. Este topónimo aparece mencionado nun documento como Castellum de Leiro no ano 1112. Segundo López Ferreiro, este castelo tiña ao seu cargo un dominio administrativo que cubría a metade occidental do territorio de Nendos, chegando ata o mar e limitando co territorio do castelo da Espenuca.
Torre de Peito Bordelo (Bordel-Sarandóns): O edificio actual, habilitado como vivenda particular e parcilamente restaurado, data do s. XVII. A construción máis antiga é unha torre arruinada do s. XII. Segundo a lenda aquí eran recluídas as mozas cristiás destinadas aos haréns dos musulmáns ata que eran embarcadas cara o seu destino. Era o coñecido como "Tributo das cen doncelas" ou de "Peito Bordel". No ano 765, cinco fidalgos, fartos de semellante aldraxe e armados só con ramas de figueira, puxeron en fuxida aos moros de Abderramán. Sobre un arco de medio punto que dá acceso á edificación, hai un escudo cadrado coas armas dos Figueroa e Andrade e, debaixo, a cabeza dunha muller. Declarada BIC.
Torre de Figueroa: Forma parte do pazo do mesmo nome. Acaroada ao edificio érguese unha torre gótica de planta rectangular do s. XII ou XV (segundo versións), reformada no XVII. Os fidalgos da lenda anterior morarían aquí, segundo a lenda recibirían o apelido de Figueroa polo das ramas de figueira que utilizaron como armas.
Torre de Cerca (Cullergondo): Forma parte do pazo do mesmo nome.

AMES
Monte de San Marcos (Castelo): Hai autores que sitúan aquí un castelo medieval.

ARANGA
Castelo de Hermanzón, Barmanzón ou Aranga (Ponte Aranga): Situado na confluenza dos ríos Cambás e Mandeo. Descoñécese a súa historia, as ruínas que se conservan pouco achegan. A súa construción é, dende logo, anterior ao século XI. Citado en documentos de San Pedro Mezonzo, o bispo Sisnando (nunha doazón ao mosteiro de Sobrado no ano 966 infórmase da existencia dun "nostro castello de Aranga cum omne sua prestantia"), o rei Ramiro II e o rei Afonso IX, entre outros. Hai quen sitúa nel aos templarios que tamén ocuparían un mosteiro nas terras de Aranga, hipótese en absoluto fabulosa se temos en conta que Fernando de Traba os introduciu en Galiza o mesmo ano da fundación do Temple (1119), doándolles do burgo de Faro (Betanzos). Canto á súa destrución tampouco existe consenso: durante a batalla dos Campos Congostranos contra os moros de Almanzor, ou durante a Revolta Irmandiña. Verbo desta última hipótese, Santiago Fernández, de Aranga, achegounos a seguinte historia: O señor do castelo era bastante "amigo" dos campesiños, apoiándoos contra os abusos da Igrexa e doutros caciques da comarca polo que a fortaleza non foi atacada polos Irmandiños. Declarado BIC.
A Torre (Muniferral): Posible existencia dunha torre medieval.
Santiago Fernández tamén engade que no concello había un castelo coñecido como de Teodomiro, no monte do Gato (O Barreiro), da que non quedan restos. Tamén hai indicios de, polo menos, outras dúas torres, dunha das cales se conservan uns posibles perpiaños reutilizados na construción dunha vivenda. Declarado BIC.

ARZÚA
Castelo de Fruzo (Fruzo-Oíns): Fortaleza militar transformada en pazo, sufriu varias reformas nas que perdeu a metade da súa estrutura, capela incluída. A Xunta de Galicia tenno declarado como BIC.

A BAÑA
O Castrallón (Xasoso-A Baña): Medieval. Asentamento fortificado. Presenta unha estrutura circular duns 60 metros de diámetro e unha altura de dous a tres metros con respecto ao exterior. No centro hai un pequeno outeiro con restos de pedras.

BETANZOS
Murallas da vila (Betanzos): Séculos XIII-XV. Arrodean o casco vello da cidade. A finais do século XVI comezáronse a construír casas apegadas aos muros, costume que se xeralizou a partires do XVIII. A entrada ao recinto efectuábase a traves de catro portas e un portelo, a máis coñecida a desaparecida Porta da Vila, derrubada a principios do século XX para construír a estrada. Moitos veciños derrubaron parte da muralla para ampliar as súas vivendas. Consérvanse tres das catro portas, todas do século XV. 
 

BOIMORTO
Torre de Andavao: Non se trata dunha torre, senón dun pazo. Se existiu unha torre non quedan restos. Declarada BIC. 

BOIRO
Castelo de Vitres (Monte Vitres): Dende aquí contrólase parte da Ría de Arousa. Datado posiblemente na Alta Idade Media para se defender de normandos e sarracenos. Orixinariamente trataríase dunha torre ou atalaia situada no cume. Na actualidade só son visibles as pegadas deixadas polos perpiaños da cimentación.
Torre de Goiáns (Lampón): Século XVI. O pazo de Goiáns foi unha antiga fortaleza reconstruída por Domingo de Andrade, construtor da Torre da Berenguela, na catedral compostelá. A torre é rectangular coroada por un miradoiro abalaustrado. Ao longo do tempo pasou por varios propietarios. No ano 2010 o Pleno do Concello acordou mercar o pazo.


BOQUEIXÓN
Castelo do Pico Sacro: Destruído polos Irmandiños no século XV, foi mandado reedificar polo arcebispo Alonso de Fonseca para se defender da casa de Altamira asentada na torre de Cira. No século XIX as súas pedras foron utilizadas para outros fins. Hoxe en día só se distinguen os restos da planta e do alxibe.
Torre de Lestedo: Parece ser que se atopaba nalgún punto da contorna do Pico Sacro; dise que as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. Aínda que inexistente, figura declarado BIC pola Xunta de Galicia.

BRIÓN
O Castelo: En O Rubial, na parroquia de Bastavales. Promontorio rochoso con restos esparexidos polo lugar que puideron pertencer a un castelo medieval. Ao pé deste monte había unha capela en honra de Santa Icía onde nos anos sesenta do pasado século se efectuaron algunhas prospección, saíndo á luz unhas ménsulas e unha escultura bifronte prerromana, hoxe en día no Museo das Peregrinacións de Santiago.
Torres de Altamira (Brión): Séculos IX-XV. Destruído o antigo castelo polo Irmandiños no ano 1471, tiveron que reconstruír o castelo trala derrota. Co decorrer do tempo foise ampliando con varias torres e un pazo. Hoxe en día só quedan as ruínas de dúas torres e o basamento do edificio. As súas pedras foron utilizadas para outras construcións. Nos perpiaños aínda se poden ver as marcas feitas polos canteiros.

CABANA DE BERGANTIÑOS
Chousa da Torre (Barcia-Riobó): Asentamento fortificado de época medieval.
Súa Torre (A Margarida-Cundis): Asentamento fortificado de época medieval.
Torre de Corcoesto: Asentamento fortificado de época medieval. Non se conservan restos.
Torre da Penela (Silvarredonda): Século XIV. Só se conserva unha das tres torres, coroada por ameas, e parte do sistema defensivo que tiña o castelo fundado por Lope Bermúdez, da familia dos Traba. Logo pasou aos condes de Priegue, donos das Torres de Celas de Peiro, en Culleredo. No s. XVII transformouse en pazo. A torre, de planta cadrada, consta de dous andares e soto cunha porta con arco de medio punto. Na fachada hai unha pedra armeira dos Castro, Riobó e Bermúdez. Na actualidade pertence a unha familia de labregos. A parte baixa utilízase como alpendre, e a media como graneiro e pombal. Deficiente estado de conservación. Existe unha lenda dunha moza asasinada polos soldados do castelo que lleu nome ("Pena... dela").

CAMARIÑAS
Castelo do Soberano: Na Punta do Castelo. Coñecido tamén como Batería do Soberano. A súa construción comezou durante o reinado de Felipe V e rematou na época de Carlos III (de aí o nome) para defender Camariñas dos piratas ingleses. Constaba dun recinto amurallado cun baluarte, dous medios baluartes e un foxo entre eles. Para a defensa da parte que daba ao mar, construíuse unha batería con dezasete troneiras. Nos anos corenta do pasado séculos, as súas pedras serviron para construír o porto actual.

CARIÑO
Vixía Herbeira: Trátase dunha garita de vixiancia construída no século XVIII. 
 

CARNOTA
Castelo de Canedo: Castelo roqueio situado nun promontorio coñecido como Bico do Santo. Fortificación do século X pertencente á Mitra.
Castelo do Pedrullo (Monte Pindo-Carnota): Situado no lendario Monte Pindo, o castelo era coñecido no século XII como de Sant Jiurgium. Hai quen remonta a orixe aos tempos da raíña Lupa. Ao parecer pertencía a Rodrigo Pérez de Traba que, segundo a tradición, converteu a fortaleza nun niño de malfeitores. Excomungado por Xelmírez polos seus excesos (prendera ao arcediago de Trastámara, Arias Muñiz), o Traba solicitou o perdón do arcebispo compostelán doándolle a Torre de Hércules ao Apóstolo Santiago. O decreto da excomuñón foi gravado en pedra, unha polémica inscrición que se atopaba no monte Penafiel (outros cren que a inscrición foi gravada para cristianizar un lugar adicado ao culto pagán). A principios do mes de setembro de 2011 descubriuse que a inscrición foi pintada de vermello, un novo atentado contra o noso patrimonio.
Castelo de Penafiel: Castelo roqueiro situado sobre a fervenza do Ézaro. Derrubado polos Irmandiños.


CERCEDA
Torre de Boedo: Formaba parte dun pazo que sufriu unha gran transformación. Aínda que inexistente hoxe en día, a Xunta de Galicia tenna como BIC.

CEDEIRA
Castelo da Concepción (Cedeira): Ano 1747. Situado na punta Sarridal, á entrada da ría de Cedeira. O castelo construíuse por mor das incursións dos corsarios durante o s. XVI e o saqueo da ermida de Corveiro polos ingleses. Chegou a ter quince canóns a cargo de trinta soldados. A planta é un hexágono irregular, con rexos muros ameados nos adarves que miran ao mar. No interior acubillaba as dependencias dos soldados e o polvorín. No 1809 a artillería do castelo fustrigou ás tropas napoleónicas. Na actualidade pertence ao concello e acolle o Centro de interpretación histórica de Cedeira.

CEE
Castelo do Príncipe (Ameixenda): Ano 1755. Construído durante o reinado de Carlos III coa misión de protexer, xunto co castelo do Cardeal, en Corcubión, a entrada da ría. Tiña doce canóns e oitenta e oito soldados. Dispón dun patio central e unha edificación en forma de U. Nel reuniuse a xunta de defensa da zona no 1809 para coordinar a loita contra os franceses. Na actualidade está en mans particulares.

CERCEDA
Castelo das Encrobas: Está documentado que no ano 1282 pertencía á mitra compostelá. Na metade do século XV o arcebispo deullo en préstamo a Xoán Becerra do Val de Veiga quen logo llo doou a Fernán Pérez de Andrade. Destruído polos Irmandiños.
Torre do Boedo (O Boedo-Queixas): Formaba parte dun pazo que padeceu unha gran transformación.

COIRÓS
Torre da Espenuca: Sobre o primitivo castro da Espenuca construíuse unha torre medieval documentada no ano 868. Atopáronse tégulas romanas, muíños de man e lápidas con motivos xeométricos. No lugar existiu un mosteiro do que aínda se conserva a igrexa románica.
Castelo da Mota (Oís): Ruínas, só se conservan restos dos muros.


CORCUBIÓN
Castelo do Cardenal (Punta Pión-Redonda): Ano 1741. As obras comezaron no 1741 e remataron no 1757. Dispoñía de 12 canóns gardados por 96 soldados. Xunto co do Príncipe, defendía a ría. É propiedade particular.

CORISTANCO
Torre de Nogueira (Seavia): Ano 1369. Estilo gótico de planta rectangular cunha altura de trece metros. Conserva unha das dúas torres que tiña en orixe. Formaba parte dun pazo-fortaleza propiedade dos Bermúdez. Escudos dos Moscoso e Bermúdez.

A CORUÑA
Torre de Hércules: O faro máis coñecido durante a época romana, foi utilizado como fortaleza na Alta Idade Media. Coñecido como Castelo Vello ou Torre do Faro, estaba arrodeado por un pequeno foxo e un parapeito. Foi no século XVII cando recuperou de novo a súa función de faro.
Muralla medieval: Ten a orixe no século XIV. Consérvanse restos do recinto murado e tres portas. No Paseo do Parrote atópase a Porta de San Miguel, con tres escudos no lintel, entre eles un da orde do Toisón de Ouro; a Porta do Cravo está fronte aos xardíns de San Carlos; e a da Cruz ou do Parrote sitúase fronte a Capitanía Xeneral.
Castelo de San Amaro: Hoxe en día non quedan restos, no seu lugar levántase o Club del Mar. Ao parecer era o máis antigo, crese que foi construído entre os séculos XIII e XIV (González Garcés cría que foi durante os reinados de Sancho IV ou Enrique III). A súa estrutura principal era un torreón orientado cara o leste, ubicado no lado sur da enseada de San Amaro, onde existiu unha capela do mesmo nome. Sábese que o castelo xa existía no ano 1386, cando desembarcou o duque de Lancaster. Xunto coa Torre de Hércules actuaba como vixía e defensa contra as expedicións que pretendían atacar a cidade. A mediados do século XVII autorízáronse reformas. Desta fortaleza tamén fala José Cornide. Tres lustros despois, o enxeñeiro militar Carlos Augusto Girau di que o Castelo só tiña os muros e atopábase en moi mal estado. No século XX estaba totalmente arruinado. Durante a Guerra civil os fascistas utilizáronno como lugar de execución. (Información achegada por Alberto Vidal).
Castelo de San Antón (A Coruña): Érguese sobre o que foi un pequeno illote na ría da Coruña, no lugar onde había unha capela adicada a San Antón destinada a acoller aos navegantes aqueixados do mal gangrenoso, o "Lume de San Antón". O illote utilizouse tamén como lazareto. O castelo comezou a construírse no ano 1587. Ficaba inacabado cando Drake atacou a Coruña. Filipe II dispuxo entón que se remataran as obras. No 1639, durante o asedio á cidade por unha escuadra francesa, os canóns dos castelos de San Antón e San Diego protexeron a baía. Durante o reinado de Filipe IV reformouse a fortificación, engadíndoselle a Casa do Gobernador e unha capeliña. Na década dos anos corenta do s. XX, o illote quedou unido a terra. No ano 1960, logo de ser utilizado como prisión militar entre os séculos XVIII e XIX, o Estado cedeullo ao concello. Dende o ano 1964 acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. Presenta unha fronte con dous semibaluartes flanqueando a entrada, patio de armas e plataforma superior onde asentaba a artillería, con planta de estrela irregular. Chama a atención o alxibe do soto onde se recollía a auga da choiva.
Fotaleza de San Diego (A Coruña): Foi bastión defensivo e cárcere militar. Que fora declarado Monumento Nacional no 1949, non impediu que o derrubaran no 1965 para construír un peirao.
Castelo de Valparaíso (Eirís): Construído no ano 1636; actuaría como apoio á fortaleza de San Diego. Arruinado, consérvanse parte dos muros.

 

 

CULLEREDO
Torre de Celas ou da Vinseira (Peiro): Situado aos pés do monte Xalo, formou parte dun castelo baixomedieval. Derrubada polos Irmandiños, foi levantado de novo a finais do século XV. O episodio máis coñecido é o do preito que o Concello da Coruña mantivo con Martín Becerra, dono da fortaleza, que conservaba un señorío feudal nun couto de xurisdición municipal, chegando a cobrar peaxe polo paso de mercadorías e transeúntes. O preito saldouse a favor do concello, obrigando ao dono a derruír o ameado, murallas, etc., achandando o terreo onde se levantaban os edificios. Anos despois contruíuse un pazo acaroado á torre que foi derrubado hai poucos anos; os brasóns que adornaban os seus muros foron trasladados ao pazo de Anceis, en Carral. O edificio, un cubo, está realizado en cadeirado granítico. No ano 1992 foi restaurado. Dende o 1994 acolle o Museo Etnográfico.
As Torres (Sésamo): Aínda que non se conservan, están documentados os restos de dúas torres.

DODRO
Castelo de Monte Vilar (Monte de San Gregorio-Dodro): Asentamento romano medieval. Parece ser que se trata dun castro refortificado durante a Idade Media. Apareceron fragmentos cerámicos.
Torre de Lestrove: Hoxe forma parte dun pazo. Dise que a torre é orixinaria do século XII. Declarada BIC.

DUMBRÍA
A Casa Forte (Olveira): Torre de defensa que o bispado compostelá tiña na Idade Media para controlar o paso do río Xallas. 

FERROL
Castelo de San Carlos (Doniños): Trátase dunha batería costeira de defensa construída entre os anos 1731 e 1739. Formaba parte dun proxecto de fortificación na entrada da ría de Ferrol que servía de apoio aos castelos de San Filipe, da Palma e de San Martín. De gran tamaño, ten dúas frontes, unha cara a ría e outra cara a enseada.
Castelo de San Felipe (Brión): Século XVI-XVII. Mandada construír por Felipe II para a defensa do porto de Ferrol, punto estratéxico para o aprovisionamento da Armada Real. Xunto cos outros castelos que resgardaban a ría, o de San Felipe xogou un importante papel no ano 1594 cando a armada inglesa tentou apoderarse do Ferrol. O mesmo aconteceu no 1639, neste caso nun ataque da marina francesa. No ano 1800, máis de cen barcos e 15.000 soldados ingleses, comandados polo contraalmirante Warren, foron derrotados nas batallas de Brión e Doniños onde as baterías dos castelos foron determinantes. Posuía unha planta de punta de frecha, dirixindo cara o mar unha dobre liña de lume organizada en dous pisos. Entre o castelo de San Felipe e o de San Martín tendíase unha cadea para empecer a entrada de naves inimigas na ría. Na actualidade pertence ao concello do Ferrol.


FISTERRA
Castelo de San Carlos (Fisterra): Ano 1757. Contaba con tres frontes e unha nave interior onde se atopaba o cuartel e o polvorín. Durante a Guerra da Independencia foi incendiado polas tropas napoleónicas no ano 1809. Restaurada, acolle o Museo da Pesca.

IRIXOA
A Torre (Ambroa): Ao parecer, no lugar do que aínda se conserva o topónimo, había unha torre medieval.

A LARACHA
Torre da Granxa (Caión).
Torres do Viso (Montemaior): Medieval, totalmente arruinadas, só se conservan os restos da base cadrada da antiga construción. Pertenceron aos Bermúdez de Castro. Declarada BIC.
Torre de Cillobre (Torás): Medieval. Os seus primeiros propietarios foron os Andeiro. En 1988 as súas pedras foron reutilizadas na construción dunha ponte o que provocou a desaparición do portón, as torres e a muralla. Consérvase unha pedra armeira no pazo de Oca.

LAXE
Torres de Xallóns: Na parroquia de Sarces. Só queda unha pedra armeira que se colocou na casa de Parga Pondal, en Laxe. A pesares disto, a Xunta de Galicia tenna como BIC.

LOUSAME
Monte Castelo (Fruíme): Sobre un outeiro, conserva parte dos muros. Apréciase un recheo a modo de contraforte feito de terra e cachote que arrodea o penedo. O estado de conservación é moi malo, o roubo continuado de pedra e actividades de canteira estragaron o xacemento..
Castelo de San Mamede (Tállara): Situaba entre dous grandes penedos en cuxo espazo se atopa un recheo de pedra e terra que servía de cimentación da torre. Arredor dos penedos e a modo de contraforte hai un parapeito de terra que apoia contra as rochas. Moi alterado.

MALPICA
As Torres de Mens (Mens): Século XV. Pertenceu aos Moscoso de Altamira. Foi destruída durante a Revolta Irmandiña. Na actualidade consta de vivenda e tres torres de planta cadrada que perderon as ameas. A entrada realízase a través dun arco oxival situado nunha das torres. Noutra torre salienta un balcón corrido de madeira, apoiado sobre ménsulas de pedra. Foi restaurada no ano 1988. Cóntase que un túnel comunicaba coa igrexa mosteiral de Santiago, na que perdura a lenda dunha moza secuestrada polo señor do castelo. Cando os veciños liberaron á rapaza, o conde fuxiu polo pasadizo, manobra que de pouco lle valeu porque os veciños plantáronlle lume ás dúas bocas de onde non puido saír o malfeitor.

MAÑÓN
Torre de Lama (As Ribeiras do Sor): Século XV. Pazo construído sobre un antigo castelo medieval do que se conservan algúns perpiaños na parte inferior dos muros e un arco de pedra no interior da casa. O edificio foi restaurado nos anos corenta do século XX. Uns escudos adornan a fachada principal. O pazo conta cunha das maiores plantacións de camelias do mundo.

MAZARICOS
Castelo de Brandufe (Colúns): Situado no monte da Ruña dende o que se divisa unha ampla panorámica. De cronoloxía descoñecida, consérvanse algúns alicerces.

MELIDE
Castelo de Grobas: Pertenceu á mitra compostelá. A pesares de non quedar rastro da súa construción, a Xunta de Galicia tenno como BIC.
Castelo de Melide: Levantábase no lugar coñecido como O Castelo onde asentaba un primitivo poboado castrexo. No ano 1467, os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo cuxas pedras foron reutilizadas na construción do convento do Sancti Spiritus.

MESÍA
Castelo de Mesía (A Pobra-Bascoi): Século XII-XV. Levántase por riba do río Samo. Construído (ou reconstruído) por Gonçalvo Días de Mesía nunha propiedade doada por Henrique de Trastámara. No 1407 foi destruído polos Irmandiños. Reconstruído despois da Revolta polo arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, a torre mántivose en pé ata mediados do século XIX en que foi derrubada polos veciños para reaproveitar as pedras nas súas casas. A torre estaba arrodeada por unha muralla de forma ovoidal protexida por un foxo con tres torreóns adosados. Preto do castelo, no lugar da Torre, atópanse vestixios dunha fortificación dependente do castelo onde se pode ver unha pedra armeira dos Mesía. Segundo a lenda, o castelo foi erixido polos "mouros" que construirían uns pasadizos secretos. Lenda da Infanzona.

MOECHE
Castelo de Moeche (San Xurxo de Moeche): Século XIV-XV. Pertenceu aos Andrade. Ten planta poligonal, con foxo escavado na rocha. A Torre da Homenaxe, de planta cadrada, ten 18 m de altura. Ao camiño de rolda accédese por unha escalinata helicoidal que arrinca do patio de armas. Foi atacada polos Irmandiños; o seu defensor, Nuno Freire de Andrade, tivo que fuxir para o castelo que os Andrade tiñan en Pontedeume.


MONFERO
Castelo da Pluma (As Lamelas-San Fiz de Monfero): Posible asentamento fortificado de época medieval, defensivo ou de vixiancia. Neste monte hai un campo de mámoas.

MUGARDOS
Castelo da Palma (A Readonda-Mugardos): Xunto co de San Felipe, gardaba a ría de Ferrol Nas orixes chamouse de Nosa Señora da Palma, construído no 1597. O edificio actual é do ano 1869. As ameas engadíronse no s. XVIII. Tomou parte activa durante a invasión inglesa da vila de Mugardos no ano 1596. Foi utilizado como prisión militar. Abandonado, está á espera das prometidas obras de restauración.

MUROS
Murallas da vila: Da muralla que cercaba a vila falouse no preito Tabara-Fonseca no 1527 (un dos achádegos documentais máis interesantes para estudar a Revolta Irmandiña) onde se afirmaba que A Pobra do Muro era unha das vilas mellor cercadas de todo o arcebispado de Santiago. Descubríronse restos da muralla inicial, do século XIV, xunto a igrexa de Santa María do Campo. As torres de Muros non foron asaltadas polos Irmandiños que facían excepción cos núcleos urbanos posto que era onde mantiñan maior apoio.
Castelo de Serres (Serres): Non se conservan restos visibles.
Baluarte de Santo Antón (Laxeiras-Abelleira): Estrutura de planta rectangular da que se conservan os alicerces. Posiblemente se tratara dun posto de vixia de época moderna.

NEGREIRA
Castelo-Pazo de Cotón (Negreira): Século XIV. Vencellado aos Luaces e aos Mariño de Lobeira. Conserva os cubos das antigas murallas. Salienta a galería de pedra, que atravesa a rúa principal, antigo camiño real, con tripla arcada ameada, balaustradas e miradoiro. Sufriu importantes modificacións entre os séculos XVII e XX. No corpo central presenta unha escaleira que dá acceso á planta superior, conectando coa chamada galería de Pedra. Torres cilíndricas dos séculos XVIII e XIX nos ángulos. Unha ducia de pedras armeiras dos Mariño de Lobeira, Luaces, Saavedra, Figueroa, Bermúdez de Castro e Trastámara, adornan a fachada.
Fortaleza de Barcala (Broño): Xa estaba edificada en tempos de Paio Martiño de Lobeira, pai de Ruy Soga, que tivo fortaleza arredor de setenta anos, feito que permite afirmar que xa existía a mediados do século XIV. A súa importancia vén da súa ubicación a respecto das vías de comunicación con Brandomil e Vimianzo, e a proximidade ao camiño de Negreira e os vados e cruces practicables do río Tambre. (Información recollida de Arquitectura militar y aspectos constructivos de las fortalezas  bajomedievales. Origen, función, contexto y evolución de las fortalezas de Altamira, Vimianzo y Cira, de C. J. Galbán Malagón. 2011).


NOIA
Murallas da vila: As primeiras referencias datan do ano 1168. Foron rematadas no ano 1326. Nun documento do ano 1469 cítase unha torre ao aforar unha herdade. O plano de Simancas, do 1597, é unha das fontes de información sobre a muralla de Noia. No mes de abril de 2010, durante as obras de canalización da rede de cable, descubríronse restos da muralla. No ano 2008 xa apareceran máis restos nas rúas do Comercio e da Porta da Vila. Como no caso de Muros, as murallas da vila de Noia cítanse no preito Tabara-Fonseca onde se di que posuía unha torre coñecida como o Tapal de Noia, utilizada plo arcebispo de Santiago. A torre utilizouse tamén como prisión e lugar de execución. A muralla tiña doce portas, a principal, a Porta da Vila, estaba formada por dous corpos de planta cadrada.
Castelo de Nimo (Roo): Posible castelo altomedieval. Hai algunha rocha granítica insculpida con cazoletas.

OLEIROS 
Torre de Lorbé (Dexo): Ano 1703. Mandada construír por Alberto de Otero. Convertida en restaurante.
Castelo de Santa Cruz (Illa de Santa Cruz): Situado no illote de Santa Cruz, accédese por unha ponte de madeira para peóns. Na actualidade pertence ao concello de Oleiros. Mandouno construír o capitán xeneral Diego das Mariñas para completar a defensa da baía, insuficientemente defendida polos castelos de San Antón e San Diego, como demostrou Drake no 1589 quen, á fronte da Armada inglesa, conseguiu desembarcar en Oza dos Ríos para iniciar o asalto á Coruña. As obras rematáronse no ano 1640, dotando ao castelo con potentes canóns. Un deles, coñecido como o canón do Barranco, alcanzaba 10 km. No século XIX mercouno o xeneral Cavalcanti, casado cunha filla de Emilia Pardo Bazán, que construiu un pazo no corpo central.
O Castelo (Serantes): Había unha torre, desaparecida, construída no século XVII.
Segundo información achegada por Alberto Vidal, preto do Monte Branco, na punta de Mera había unha fortaleza que figura nun plano francés da baía da Coruña datado arredor do ano 1764. No posible emprazamento hai un lugar coñecido como A Torre. Un pequeno illote en Mera chámase tamén Illa Castelo.


ORTIGUEIRA
Castelo do Campo da Torre (Ortigueira): Existen referencias dunha antiga torre que formaba parte dun castelo medieval do século XII pertencente ao conde de Santa Marta de Ortigueira. Citado por Federico Maciñeira. Segundo a lenda, aquí vivían os mouros e había un pasadizo que comunicaba a igrexa de Santa Marta co castelo.
Castelo do Casón (Veiga): Foi unha antiga torre de vixiancia na Alta Idade Media. Hoxe en día só se conservan algunhas pedras do recinto circular. Estaba protexido por tres murallas, un foxo e polo desnivel natural cara o río Casón. Dende del controlábase a ría dende Bares a Sismundi.

OUTES
Castelo da Serra: Descríbese nun expediente de ingreso de don Antonio Mariño de Lobeira na Orde de Santiago. O castelo foi destruído polos Irmandiños. Só se conservan dúas paredes, unha porta con arco de medio punto e outra cun escudo sostido por unha serea.
A Torre do Barco (Matasueiro): Totalmente arruinada da que sobresae un arco gótico apuntado, controlaba todo o val.
Torre de Insua (Insua-Cando): Actuaba como atalaia ou torre de vixiancia. Preto da engaiolante Pedra Serpal dende onde se divisa unha impresionante panorámica. Os poucos restos que se conservan foron esnaquizados pola construción dunha caseta de vixiancia. 
 

OZA DOS RÍOS
O Castelo (Bandoxa): Parece ser que na parte superior deste monte houbo un castelo. Na parte inferior tamén se conserva o topónimo O Castelo de Abaixo.

PADRÓN
Castelo da Rocha Branca: Século XIII. Unha descrición do castelo dánola o preito Tabera-Fonseca, cando o procurador do arcebispo reclama polos danos ocasionados polos Irmandiños. Serviu de base de operacións a Berenguel de Landoira cando Santiago cae en mans dos burgueses. No ano 1318, Fernando García de Ledesma, alcaide nomeado por Suárez de Deza, tivo nela prisioeiro a Sancho Pérez. Destruída polos Irmandiños no 1467, non foi levantada de novo. Os seus muros foron derruídos no ano 1600 por seren, ao parecer, acubillo de malfeitores. As súas pedras foron reutilizadas polos veciños para construír as súas casas.
Castelo Redondo (Cruxeiras-Carcacía): Medieval. Levantábase nun outeiro rochoso. Polas reducidas dimensións que servía á superficie habitable así como a súa configuración, fan pensar nunha torre de control das rutas terrestres e fluviais. Posuía un gran dominio visual. Na cima dun rechao do outeiro que ocupa o castelo hai unha mámoa.
Casa das Meigas ou Pena de Angueira (A Angueira de Suso-Cruces): Medieval. Fortaleza encravada na terminal dun esporón rochoso. Circundada por unha muralla de grandes bloques graníticos que conserva unha anchura máxima de tres metros, apoiada sobre os batolitos que conforman o esporón. Foi un punto estratéxico na ruta que dende a foz do Ulla se dirixía a Santiago de Compostela.

A POBRA DO CARAMIÑAL
Torre de Bermúdez: Do século XVI. Nela atópase o Museo de Valle-Inclán.
Torre de Xunqueira (O Xobre): Século XIV. Pertenceu a Estevo de Xunqueiras, un fidalgo baixo as ordes do arcebispo de Santiago. Foi un dos poucos castelos que non conseguiron conquistar os Irmandiños. Consérvase a Torre da Homenaxe é un pazo renacentista construído por Gómez Pérez das Mariñas. Adicado a casa de turismo.

PONTECESO
Torre de Tallo: Tranformada en Pazo, atópase abandonada. O resto do edificio, debido ás reformas que sufriu, carece de interese. Segundo cita Martínez Barbeito, o vínculo da casa foi creado no ano 1572. 
 

PONTEDEUME
Castelo dos Andrade (Pena Lobeira-Nogueirosa): Construído no 1369 por Fernando Pérez de Andrade "O Bo". Construción que o enfrontou co prior do mosteiro de Sobrado que non quería que se levantara. Asentado sobre unha pena que foi puída para empecer o seu asalto, tamén o arrodeaba un foxo. Dende a Torre da Homenaxe, de 20 m de altura, divisábanse as rías de Ares, Betanzos e Ferrol. A porta de entrada estaba defendida por dous pequenos torreóns prismáticos. Cóntase que ata non hai moito tempo, as xentes que pasaban a carón do castelo santigúabanse dicindo: "Que Deus teña na gloria aos que morreron no castelo", unha curta pregaria en lembranza de Mauro, fillo do conde de Andrade, e de Elvira, doncela da súa muller, unha parella de namorados que no ano 1389 foron encerrados polo alcaide, namorado da rapaza, nun lóbrego calabozo e que morreron de fame. De aí que o castelo tamén se coñeza como o "Castelo da Fame". Trala Revolta Irmandiña ficou practicamente arrasado.
Torre dos Andrade (Pontedeume): Do antigo pazo do século XIV só se conserva a Torre da Homenaxe. Mide 18 m de altura, é de planta cadrada con catro andares. Resistiu a acometida dos Irmandiños. Propiedade do concello dende o ano 1911, acolle o Centro de Interpretación dos Andrade e a Biblioteca.
Murallas da vila: A primeira notica dunha muralla data do ano 1284 en que a vila contaba con cercas e portas. Con Fernán Pérez de Andrade, o Bo, a vila deixa de ser reguenga para pasar a ser de señorío, mudando con elo o seu sentido de defensa territorial. Segundo o debuxo de Pedro Teixeira do século XVII, a muralla, con oito torreóns, arrodearía a vila en semicírculo, discorrendo ao longo da ribeira do mar e bordeando o pazo. A torre, coñecida como dos Andrade, actuaría como Torre da Homenaxe da vila á que se accedía polas portas da Ponte ou Arco de Maldonado, a de San Roque ou da Vila e a do Porto ou de San Miguel; logo abriríanse tres portas máis: a da Salga ou do Torreón, a do Pontigo e a da Carnicería ou Trabanca. No ano 1616 obrígase aos freires do convento de San Agostiño a pechar unha porta que abriran na muralla. No ano 1617 o Concello gasta na súa reparación 3.272 reais o que amosa a preocupación polos ataques dos piratas. Mais no 1666 e no 1702, neste caso temendo a invasión de ingleses e holandeses, xa se advirte a descomposición do recinto murado. 


 

RIANXO
Castelo da Lúa (Taragoña): Século XIII. Derrubado polos Irmandiños no ano 1465, foi reedificado por Sueiro Gómez de Soutomaior, bisneto do fundador Paio Gómez Charino. No ano 1480 foi destruído por mandato dos Reis Católicos. Redescuberto no ano 1999 durante a construción do paseo marítimo, as escavacións encomezaron no ano 2007, descubríndose parte das murallas, unha torre e un foxo. Dise que chegou a pertencer á orde do Temple.

RIBEIRA
Castelo de Palmeira: Situado a carón do porto, foi levantado na Baixa Idade Media. Pertencía ao arcebispo de Santiago. Pouco despois da súa conquista polos Irmandiños, unhas barcas transportaron as pedras para a construción do mosteiro de San Antonio do Xobre, na Pobra do Caramiñal. Só se conservan os penedos onde asentaba, no lugar coñecido como O Castelo. 
 

SADA
Castelo de Fontán (Sada): Século XVIII. Ademais de defender a vila de Sada, formou parte do sistema defensivo do arsenal de Ferrol. Pertence ao concello de Sada.
Torres de Meirás (Meirás): Trátase dun pazo formado por tres torres ameadas unidas por un corpo de edificio máis baixo. Foi propiedade de Emilia Pardo Bazán quen, no 1893, mandou que se erguese o pazo sobre unha casa forte destruída polo exército napoleónico no 1809. No ano 1938, os aduladores do fascismo mercáronno para regalarllo a Franco quen o utilizou como residencia de verán. Na actualidade segue en mans, para escarnecemento do pobo de Sada, dos descendentes do ditador. Para a compra do pazo, descontóuselles aos funcionarios do concello da Coruña e da Deputación Provincial unha porcentaxe dos seus soldos, imprimíndose, ademais, uns bonos de aportación "voluntaria". No interior agóchanse pezas arqueolóxicas, cruceiros, fontes, escudos, etc. froito de "regalos" e do espolio ao que tan afeccionada era a "Señorísima" Carmen Polo. O día 24 de marzo de 2011 "abriuse" o pazo ao público, cativo agasallo que non resolve o problema de fondo: a devolución do conxuno ao pobo de Sada.


SAN SADURNIÑO
Castelo de Naraío: Situado ao pé do río Castro. Pertenceu a Gonzalo Piñeiro, un nobre galego que tomou partido por Pedro I nas súas loitas con Henrique de Trastámara. Castelo baixomedieval, foi abandonado no século XVII. Da primitiva construción consérvase a Torre da Homenaxe, de catro andares, e os muros do patio de armas. 
 

SANTA COMBA
Torre de Randufe (Santa Comba). Totalmente arruinada, a Xunta de Galicia tenna catalogada como BIC.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
Castelo da Rocha Forte (Conxo): Século XIII. Refuxio emblemático dos arcebispos de Santiago e do cabido. Ademais de actuar como vangarda defensiva de Compostela ante os ataques chegados a través da Ría de Arousa e do río Ulla, era un lugar ideal, situado a carón do camiño principal, para cobrar os trabucos aos comerciantes que querían vender as súas mercadorías na cidade. O 16 de setembro do 1320, o francés Berenguel de Landoira, nomeado arcebispo de Santiago polo papa Xoán XXII, que se refuxiara na Rocha Forte porque a cidade se levantara en armas para defender o seu dereito a depender da Cora e non da Igrexa, cita no castelo aos representantes do burgo para negociar. Mais, no canto diso, os soldados pechan as portas e asasinan aos once representantes composteláns. As tropelías dos soldados do arcebispo (roubos, asasinatos, violacións...) gañoulle a xenreira dos labregos. Foi un dos primeiros castelos derrubados polos Irmandiños.
Murallas: Consérvanse algunhas partes, a maioría ocultas polas edificacións modernas, mais outras están á vista. As primeiras noticias sobre as defensas de Compostela datan do ano 968 en que Sisenando II amurallou a zona onde estaba a igrexa onde logo se levantou a catedral, o coñecido como Locus Sancti Iacobi.

AS SOMOZAS
Torre de Mestas (As Enchousas): Medieval. Na parte alta dun esporón consérvanse restos dunha estrutura circular feita con pedras e aproveitando o aflotamento rochoso. Polo lugar pódense ver restos de pedras soltas de cuarcita, cuarzo e seixo e fragmentos de tella. Un gran corte efectuado no terreo actuaba como foxo.

VEDRA
A Torre (A Torre-Sales): Asentamento fortificado medieval.
Prado de Torres (A Casanova-Sarandón): Asentamento fortificado de época medieval. Sen restos.

VIMIANZO
Castelo de Vimianzo: Construído polos Mariño de Lobeira no século XIII. Pertenceu á familia dos Moscoso, emparentada cos Traba, que logo se convertirían en condes de Altamira. Foi destruído polos Irmandiños que, despois da derrota, foron obrigados a levantalo de novo polo arcebispo Alonso Fonseca II que estivera preso tralos seus muros. Pódense ver varias pedras armeiras, a maioría da época dos Martelo (de aí que tamén sexa coñecido como "As torres dos Martelo") que o mercaron a finais do século XIX. Trátase dun castelo defensivo con catro torres (a da Homenaxe e outras dúas de menor tamaño), patio de armas e demais dependencias. As murallas estaban arrodeadas por un foxo. Ao interior accédese a través dunha porta con arco apuntado. Dende o ano 1973 é propiedade da Deputación provincial da Coruña. Bo estado de conservación.
Torres de Cereixo (Cereixo): Século XVIII. Trátase dun pazo con dúas torres ameadas. A cor azul de portas e ventás que tanto chama a atención non é un feito caprichoso, o dono actual, don Santiago González, quixo manter as cores orixinais. En xaneiro do ano 2007 sufriu un incendio. Excelente estado de conservación.


ZAS
Torre do Allo (O Allo): Pazo da segunda metade do século XVI cosntruído sobre un antigo castelo destruído polos Reis Católicos. Acolle o Centro de Interpretación Turística.
Torre do Sisto (Gándara): Medieval. Xacemento tipo mota, de pequenas dimensións, que conserva restos dunha torre de planta rectangular.


CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Castelo de Castromaior (Romariz): Promontorio rochoso onde se observan algúns restos dunha fortaleza. Gravado sobre unha rocha hai un taboleiro de xogos de "Alquerque de tres". Declarado BIC.
Castelo de Portela: Pertenceu ao bispado de Mondoñedo que xogou un importante papel cando a sé eclesiástica foi trasladada de Mondoñedo a Ribadeo baixo o reinado de Fernando II. Hai quen sitúa aquí un altar de sacrificios prehistórico, disque celta.
Pazo e torre de Escourido.  

ALFOZ 
Torre de Adelán. 
Torre de Castro de Ouro: Século XV. O castelo foi construído sobre un antigo castro. Na actualidade consérvase a Torre da Homenaxe, restos de parte dos muros con seteiras, foxos e unha capela posta baixo a advocación do Salvador. Cando a reconstrución da torre no século XX ampliouse a porta de entrada e engadíronselle novas xanelas que alteraron significativamente a vella construción. Aquí foi apreixado o Mariscal Pardo de Cela o día 7 de decembro de 1483, logo de fuxir da Frouxeira. A torre, ameada, é cúbica con tres andares. Ata o 1990 acolleu o concello e o xulgado. Na actualidade funciona como punto de información turística e sala de exposicións. 
Torre de Vilaúde (San Pedro de Mor): Non quedan restos. Descoñécese a data da fundación e cando foi derrubada, aínda que se cre que foi destuída polos Irmandiños. En dúas casas da aldea pódense ver unhas pedras armeiras que quizais proveñan da desaparecida torre. Nun deles aparece a seguinte inscrición: "Do rei Bamba e sobriños descende esta casa por vía recta e camiños", e na outra: "Armas dos Moredas Ribadeneiras e Aguiares".
 

 

ANTAS DE ULLA
Castelo do Castro de Amarante: Hoxe en día reconvertido en pazo. Séculos XIII-XVII. Construído sobre un antigo poboado castrexo, do antigo recinto consérvase unha planta oval que ben puido ser a torre da fortaleza atacada polos Irmandiños no século XV. Despois da Guerra Civil converteuse en cuartel da garda civil. Nos anos sesenta do pasado século foi adquirido por un veciño, Manuel Rojo, que máis tarde llo vendeu á condesa de Fenosa que ao falecer llo deixou a unha sobriña. No mes de febreiro do ano 2013, a choiva provocou o derrube de parte da muralla. Segundo a lenda, existe un pasadizo que o comunicaba co monte Farelo.
Torre Nova: Vinculada á casa de Amarante, foi fundada no século XIII. Quedan algunhas pedras que poderían formar parte da cimentación. Declarada como BIC.
Torre de Santa Mariña do Castro de Amarante: Forma parte dun pazo. Conta Vázquez Seijas que hai constancia dunha edificación primitiva que estivo arrodeada por unha rexa muralla con ameas e unha alta torre de tres plantas e que, segundo a lenda, mandou o rei derrubar sete fileiras de pedras para que non fose tan alta como a súa. Na freguesía tamén exercía señorío o conde de Monterrei polo que en varias ocasións tiveron lugar contendas e desputas entre os vasalos de ambos condes. Segundo a tradición, para ser vasalo dun ou doutro bastaba dicir: "Fago lume pro conde de Amarante" ou "Fago lume pro conde de Monterrei". Como primeiro dono desta casa aparece Gómez Vázquez de Vilasante, o Vello, señor da torre de Vilasante. Descoñécese cando foi derruída a torre. Parece ser que os sucesivos donos realizaron varias modificacións mentres ocuparon o edificio e que no século XVII Xoán Vicente Taboada fixo, entre outras reformas, un oratorio dentro da casa. Conta Taboada Roca que no ano 1823 os constitucionais para vingarse dunha derrota que sufriron en Santa Mariña en loita cos realistas asaltaron o pazo causando grandes destrozos.
Torre Vella: Vencellada ao castelo de Amarante, erguíase no monte Farelo. Só quedan unhas poucas pedras. Sengundo a lenda, estaba conectada co castelo de Amarante. Delcarada como BIC.
Torre de Vilasante: Aínda que a Xunta de Galicia tenna catalogada como BIC, non existen restos arqueolóxicos, nin escritos nin orais que proben a súa existencia.
 

BALEIRA
Torre do castro de Baleira: Dise que a torre levantouse no lugar de Castro, parroquia de Cubilledo, onde antigamente houbo un asentamento castrexo. O escribán Diego de Santalla di que Acuña derrubou o castelo de Baleira, de Pedro Bolaño.  

BARALLA
Casa-torre de Basille. 
Casa-torre de Traspena (Covas): Vázquez Seijas cita o lugar como San Mamede de Traspenas, sen achegar máis datos. Visitado o lugar, ningún veciño soubo achegarme datos, agás o relacionado coa existencia dun asentamento castrexo situado nun outeiro por riba da aldea coñecido como A Croa.
Torre de Lamas de Mazaílle: Ten a orixe no século XVI. Fundada por Andrés Pardo de Aguiar, vasalo dos Rosón, señores da casa e solar de Neira e do couto de Lamas, tal como figura nunn documento do ano 1591. 
Torre de Neira: Non existen probas arqueolóxicas nin escritas sobre a existencia desta torre o que non é atranco para a Xunta de Galicia de tela declarada como BIC.
Torre de Piñeira (Piñeira): Edificio formado por vivenda e torre construída en cachotaría de granito e lousa. Propiedade privada en deficiente estado de conservación. Nun costado da torre vese unha pedra armeira cun só campo ocupado cun brazo armado dunha espada espida, con coroa condal, cargada de bandeiras e símbolos o que fai pensar que os seus primeiros propietarios serían da casa dos Boado. No ano 1940 foi enaxenada a Manuel García Fernández, veciño de Piñeira.
Torre de Vilameixe: Conserva unha torre cadrada con tres andares onde se pode ver unha pedra armeira dos Castro que exercían xurisdición. Datada no primeiro terzo do século XVI, pertenceu aos Neira. A principios do século XX era a súa propietaria Carmen García de Blanes e Miranda.
 

 

 

 

BARREIROS
Cabarcos: En San Xulián de Cabarcos había unta torre que aparece citada no século XV.
Torre de Benquerencia.  

BECERREÁ
Casa-torre de Cadoalla: Pertenceu aos Herbón. Conserva unha pedra armeira dos Ribadeneira, Bolaño, Balboa e outros.
Casa-Torre de Cormes (Cormes-Morcelle): O documento máis antigo data do ano 1609 en que aparece tomando posesión dela Vasco de Erbón y Vivero, fillo de Lope de Vivero e María López de Vivero e neto de Moñigo de Erbón e Beatriz de Vivero, fundadores do vínculo da casa-torre de Cadoalla no ano 1556. Un dos herdeiros desempeñou o cargo de alcalde maior perpetuo da xurisdición de Torés, por virtude de cesión que lle fixo o seu primo Fernando Bolaño Ribadeneira, señor de Torés, segundo consta na escritura de capitulacións matrimoniais outorgada no ano 1640. A posesión do señorío de Cormes tomouna o 10 de xullo de 1649, por herdanza do seu avó, falecido o ano anterior. 
Casa torre de Horta (Agúeira): Atopábase a carón do antigo Camiño Real. As súas orixes remóntanse ao século XI. A primitiva fortaleza ardeu no ano 1895, quedando só parte da casa que aínda se conserva. Durante moito tempo esteivo vencellada a Torés (As Nogais), así como ás casas de Noceda, Arandedo e Cancelada. os apelidos máis frecuentes son os dos Bolaño, Ulloa e Ribadeneira. Nun documento do ano 1410 di que a capela do San Bieito, hoxe restaurada (foi incendiada o 18 de xullo de 1936), situada nas inmediacións, sempre pertenceu á casa torre de Horta. En distintos documentos menciónase tamén como Casa dos Ulloas.
Casa-torre de Cruzul.  
Castelo de Pena Agüeira (Agüeira): Ten a orixe no século XI. Pertenceu a Vasco Herbón e Vivero. Foi derrocado polos Irmandiños segundo testemuña de Lope de San Silvestre, un labrego do couto de Barbadelo que declarou en Povancas, asegurando que despois de seren atacado Barbadelo polo conde de Trastamara, atacara a fortaleza de Pena Agüeira. 

BEGONTE
Torre de Caramasa ou Camarasa: Pertenceu aos condes de Amarante. Destruída por un incendio.  Vázquez Seijas cre que se trata dunha das fortalezas máis antigas da provincia de Lugo xa que existía nos primeiros tempos da Reconquista. A pesares de non quedar restos está declarada como BIC.
Torre de Saavedra (Begonte): Século XIV. Ruínas. Construída no ano 1322, foi derrubada polos Irmandiños.
Torre de Virís: Da antiga torre medieval só queda unha casa de labranza construída en cachotaría de granito na que sobresaen catro escudos na fachada. Foi fundada polo conde de Monterroso, logo pasou aos Montenegro e aos Lemos.
 

BÓVEDA
Casa-torre de Eimer: San Fiz de Rubián): Ata entrado o século XVII pertenceu aos López de Castragude (O Incio). Posuía unha torre, hoxe en dia desaparecida. Conserva unha pedra armeira na fachada.
Casa-torre de Ver: Nalgún documento do século XVIII aparece como castelo, mais na maioría como casa-torre. Foi fundada polos Camba, reedificándose no ano 1761 tal como figura nunha inscrición que hai na fachada.  

CARBALLEDO
Casa-torre de Cartelos: Pertenceu aos Temes. Exercía xurisdición civil e criminal no couto do seu nome, con cárcere e calabozo. Xunto o portalón de entrada quedan restos dun dos torreóns de planta semicircular que foi reaproveitado como forno. Na fronte da parte alta da casa hai dúas pedras armeiras dos Ribadeneira, Taboada, Temes (unha Tau), os Salgado e os Aguiar. A casa-torre sufriu varias reformas, nunha das cales perdeu o corpo da torre. Conta Vázquez Seijas que no arquivo da casa gardábanse numerosos e interesantes documentos, entre outros o testamento do ano 1333 outorgado por Vasco Pérez de Temes no que manda "enterrar a sua carne no mosteyro de Santyago de Lousada e encomedarlle a alma". 
Temes: Segundo a tradición, a igrexa de Santa María asenta sobre un xacemento castrexo e sobre unha torre medieval. No lugar apareceron restos paleocristiáns, entre outros a tampa de mármore dun sártego do século IV.
Torre de Grixoa (Chouzán): Consérvanse algúns restos. Declarada BIC.
Torre de San Román (Campos): Formaba parte cunha casa defensiva. Crese que foi destruída polos Irmandiños. Apenas quedan restos o que non impide que estea catalogada como BIC.

CASTRO DE REI
Casa Torre de Balmonte: Século XVI. Foi mandada construír por Pedro de Saavedra. Aínda que moi modificada, conserva parte do pazo cun amplo corredor montado en columnas de pedra e escalinata de acceso na fachada principal. Na parte posterior, entre dúas ventás, hai unha pedra armeira dos Ribadeneira. Segundo conta Vázquez Seijas, a parte onde estaba a torre foi derrubada a principios do século XX.  
Casa-torre de Vingolea (Ramil): Coñecida tamén como casa de Teixoeiras, edificada sobre un pequeno outeiro. Conta Vázquez Seijas que o apelido Vingolea é de orixe vasca e que sería a un membro desta familia a quen o rei lle concedería en premio polos seus servizos as terras e torre de Teixoeiras. Ao longo do tempo o pazo sufriu varias reparacións, acomodándoo ás necesidades dunha casa de labranza. Ao parecer, a torre quedaba no lado sur do edificio do que se perderon as pedras labradas con inscricións latinas que foron utilizadas como ornamento das tumbas do cemiterio de Hermunde, en Pol; só unha coa cruz de malta aparece na parte superior da porta que dá acceso á corte do gando. Cóntase que os Vingolea disfrutaban de varias prerrogativas, entre elas a de que por Nadal os veciños lles entregaban como tributo un año e un toro de carballo, e das colleitas un quinto; no reparto das terras comunais, os primeiros en elixir eran os Vingolea, e pola festa do Corpus ían á igrexa de Ramil baixo palio.
Castelo de Castro de Rei: Pola aparición de muíños de man e outros restos, crese que foi edificado sobre un antigo castro. Sábese que tiña unha torre de catorce metros de alto. Pertenceu aos condes de Lemos. Conta Amor Meilán que no ano 1396, Fernán Pérez de Andrade facía doazón ao bispo de Mondoñedo, por escritura asinada en Pontedeume, dos casares de Viladonga. Máis tarde o conde de Lemos daba ao seu primo Galeor Osorio a vila de Castro de Rei, en calidade de feudo, a fin de que casase con Constanza Pardo, filla do mariscal Pardo de Cela. Vasco de Aponte di que no século XV, Gutierre de Quesada foi señor de Castro de Rei, nomeado por Gómez Pérez das Mariñas. No 1501 Isabel a Católica concedeu ao conde Rodrigo Enriquez Osorio os privilexios das rendas e dereitos e varias vilas da provincia, entre elas Castro de Rei. Sábese que no 1737 o castelo aínda estaba habitado. Das murallas non fican restos, toda a contorna foi explanada para convertelas en terreos adicados a vivendas e fincas de labranza. Da fortaleza xa non se fala no 1914 cando a visitou o arqueólogo Ángel del Castillo, mais si da torre que se atopaba en mal estado. Na fachada principal da torre había unha pedra armeira coa letra T dos Castroxeriz e os seis roeis dos Castro. Foi atacado polos Irmandiños. Derrubado no ano 1941. 
Torre de Castrillón (Castrillón-Ribeiras de Lea): Disque estaba situada nun outeiro coñecido como Castrillón da Farola. Se existiu, non fican restos. 
Torre de Seivane (A Torre-Castro de Ribeiras de Lea): Baluarte defensivo que formaba parte do pazo de Seivane, documentado a partir do ano 1552. Só se conserva unha pedra armeira do século XVI nunha vivenda que hai no lugar. Declarada BIC. No catálogo da Xunta figura como Castelo de Leivane. 
 

CASTROVERDE 
Casa-torre de Soutomerille: Descoñécese a data da súa fundación. Moi mutilada, consérvanse algúns restos das primitivas dependenzas, entre elas a porta de entrada á torre de arco de medio punto. Nunha fachada vense unhas seteiras.   
Castelo de Castroverde: Séculos XIII-XV. Construído sobre un antigo castro. Foi propiedade dos Castro e dos Moscoso. Queda en pé a Torre da Homenaxe, de 20 m de altura e cinco andares. No seu lenzo sur salienta unha ventá con lintel semicircular adornado coa figura dun guerreiro; na cara norte hai unha pedra armeira dos Castro. Pódense ver algúns restos das antigas murallas. Catalogado como BIC.
Torre de Arriba (Soutomerille): Vivenda de tres alturas reedificada no ano 1590, con vestixios de fortaleza e orixe descoñecida. Conserva parte da fachada principal construída en cachotaría e cadeirado de granito no cercado dos ocos. A torre é a parte máis antiga que se conserva. Apenas quedan restos o que non impide que a Xunta de Galicia a teña catalogada como BIC. 
Torre de Abaixo (Soutomerille): Abandonada, atópase en ruínas. Situada xunto a prerrománica e tamén abandonada igrexa de San Salvador de Soutomerille. Catalogada como BIC.
Torre de Bascuas ou do Pereiro (Montecubeiro): Asentaba nun promontorio rochoso. Primeiro foi dos Castro e logo dos Altamira. 
Torre e pazo de Cellán.  
Torre de Sobreda (Barredo): No lugar coñecido como O Pingueiro, nun afloramento granítico, consérvanse restos da desaparecida torre baixomedieval cuxas pedras foron reaproveitadas noutras construcións do pobo. Aínda existe o lugar onde se emprazaba a forca.
A Torre (Pena): Segundo Vázquez Seijas, o señorío de Coto da Pena exercérono os Saavedra, con documentación que data do ano 1453, mais ignórase onde estaría a torre. 
Torre de Vilalle.

 

 


 

 

CERVANTES
Torre de Donís: No Diccionario Heráldico y Geanológico de apellidos españoles y americanos, dos irmáns García Garrafa, aparece Onís ou Donís. Na xeanoloxía alúdese a un cabaleiro que ingresou na Orde de Santiago, ao seu pai e a un avó que figuran apelidados como Donís, así como á súa nai que pertencía á mesma casa, mais aparecendo apelidado Onís o avó materno. Noutro documento referido a un irmán do citado cabaleiro, teñen o apelido Onís o pretendente e os sucesores. O edificio ten forma rectangular, adosada á torre. Na fachada hai unha pedra armeira. A xurisdición de Cervantes exerceuna o conde de Grallal.
Castelo-pazo de Quindous: Século XVI. Ata finais do século XIX habitáronno os marqueses de San Sadurniño. Ten traza rectangular con dous torreóns cilíndricos. A igrexa parroquial foi capela do pazo.
Castelo de Doiras: Século XV. Coñecido tamén como da Ponte de Doiras, Ferreira ou da Ferreiría. Pertenceu ao conde de Graxal de Campos. Álzase a 77 m de altitude sobre o río Cervantes ou Cancelada, na desembocadura do río Doiras. Construído sobre un rochedo, só se pode acceder á fortaleza por un camiño. Ten planta rectangular de grosos muros e unha Torre da Homenaxe de catorce metros de altura en forma de cubo. Revendida en varias ocasións, na actualidade atópase en mal estado de conservación. Tirada dunha antiga lenda oral que os veciños se transmitiron de xeración en xeración, disque Gustavo Adolfo Bécquer teceu aquí a lenda A Corza Branca.
Castelo de Frades: É o nome dunha aldea do concello. Non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia o que non impide que estea declarado como BIC.
Pena do Castelo: Uns veciños da Acea das Pontes contáronme que un afloramento rochoso que se ergue por riba do lugar recibe o nome de Pena do Castelo onde, segundo a tradición, houbo unha torre, romana ou medieval, que vixiaba o paso pola ponte do Río das Pontes.


 

CERVO
Castelo de Fontao: Estaba situado preto da desembocadura do río Xunco. Pertenceu ao mariscal Pardo de Cela. Non quedan restos. O condado de Fontao pertenceu a Alfredo Moreno Mosocoso, casado con Isabel Falguera e Moscoso de Altamira. No ano 1839 o condado foi obstentado por José María Moscoso de Altamira e Quiroga. No 1921 figuraba como terceiro conde José Moreno e Osorio Moscoso de Altamira e Chacón e a súa muller María Uribe e Garrido.
Castelo mariño de San Cibrán: Citado por Vázquez Seijas. Sobre os seus restos levantouse unha factoría de salgado de peixe. 
 

CHANTADA 
Castelo de Muradelle (Paderne-Muradelle): Segundo o Madoz atoparíase nunha altura coñecida como Castelo de Paderne, construído como defensa contra os sarracenos. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, di que era unha fortaleza romana. Escribe Vázquez Seijas que foi derrubada polos Irmandiños. Non hai restos. 
Torre de Arcos: Formou parte dun castelo mandado contruír polos Fernández de Temes nos séculos XIII ou XIV. Segundo o P. de la Gándara, no seu Armas y Triunfos, este Temes tiña en Chantada un enterramento coa lenda seguinte: "Aquí jaz Vasco Fernández de Temes, pequeno de corpo, grande de esforzo, bo de rogar, e man de forçar". Logo pasou aos condes de Ribadavia. Cóntase que foi o rei galego Paio quen lla doou ao seu capitán Lupo Cambeiro de Candaz polos servizos prestados na loita contra os árabes. Dise que Teodomiro, o primeiro bispo compostelán, nace no castelo. Destruída polos Irmandiños no ano 1467. Escribe Vázquez Seijas que se tentou demoler a torre con dinamita para reaproveitar os seus materiais. Atópase en ruínas. Declarada como BIC.
Torre de Candaz (Pedrafita): Edificada sobre un primitivo asentamento castrexo. Da súa antigüidade fala o seu fundador, un militar romano chamado Gelión Cambero. Foi destruída polos normandos cando era propiedade dos condes de Traba.
Torre de Pacio (Líncora): Mantivéronse en pé algunhas pedras ata o ano 1905 que se reaproveitaron na construción das casas. Declarada BIC.
Torre de Pereira: Os últimos restos desapareceron a comezos do século XX. Catalogada como BIC pola Xunta de Galicia.
Torre de Vilar de Eiriz: Non queda ningún resto. Curiosamente está catalogada como BIC.
Torre de Vilaúxe: Edificada sobre un outeiro rochoso, na actaulidade só se conserva o topónimo. Declarada como BIC.
 

O CORGO
A Torre (Anseán): Vázquez Seijas, no seu Fortalezas de Lugo y su provincia, di que aquí houbo unha torre que foi derrubada polos Irmandiños. No opúsculo do sévulo XV La Guerra Hermanina do presbítero Xosé Couselo Bouzas onde relaciona as fortalezas derrubadas polos Irmandiños, cita a torre de Anseán, do marqués de Astorga. Aínda que foi reedificada polos condes de Altamira, co decorrer dos anos volveu a arruinarse. Segundo un documento do ano 1602 acusaron a un tal Bastián López de tirar a torre e levar a pedra, atopando ademais un tesouro que o fixo moi rico. 
Torre de Cerceda: Mandada edificar no ano 1587 polo crego Rodrigo de Páramo. Aínda que Vázquez Seijas sitúa a aldea de Cerceda no concello de Láncara, esta parroquia pertence ao Corgo. Son varios os lugares que se incorporan a esta casa, entre outros o castro de Moscán, no Páramo. No vínculo fundado no ano 1598 polo seu propietario dispoñíase aos sucesores, entre outros, a obriga de que fixesen dicir varias misas para sempre pola súa alma cada día 18 de xaneiro, 2 de xullo, no sábado de Nosa Señora e polo cabodano. A torre e as súas dependenzas está adicada a casa de labranza. Sobre a porta principal vese unha pedra armeira en cuxa parte inferior lese: "Rº DE PARAMO FA 1587". 

COSPEITO 
Casa-torre de Vilaguisada (Xermar): O primeiro dono do que se ten noticia foi Pedro de Miranda, casado con Inés de Parga, a quen sucede o mariscal Álvaro González de Ribadeneira. A casa estaba comprendida nunha xurisdición que posuía o mariscal Pardo de Cela. No século XIX foi vendida a uns caseiros que a dividiron e converteron en casa de labranza, desaparecendo a pedra armeira que había na fachada.   
Castelo da Barreira: Na parroquia de Santa María de Cospeito. Pertenceu aos Ribadeneira. Situado a 480 m de altitude, só se conservan os foxos e contrafoxos do castelo medieval destruído por Fernando de Acuña, gobernador do Reino de Galiza, por mandato dos Reis Católicos. 
Castelo de Caldaloba (Pino): Século XV. Destruída polos Irmandiños, foi reconstruída por Fernán Ares, xenro do decapitado Pardo de Cela, quen, xunto coa súa muller e filla do mariscal, Constanza de Castro, rexeitaron os ataques dos das tropas dos Reis Católicos ata que podreceu a auga do alxibe. Os reis, despois da conquista, puxéronna á venda para sufragar os gastos do asedio. No ano 1646 aparece como propietario o conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira, Álvaro Pérez de Viveiro. No 1755 foi vendida a Gabriel María Montenegro, do pazo de Caldaloba, situado a medio quilómetro. Para a súa construción aproveitaron o emprazamento dun antigo castro conservando os catro foxos que o defendían. En ruínas, aínda se pode ver a torre de 25 metros de altura con planta cadrada e catro andares construída en cadeirado de granito nas esquinas e de pizarra no resto. Segundo a lenda, un pasadizo comunica o castelo co pazo de Caldaloba. Declarado como BIC.
Torre de Momán: Pouco se sabe sobre a súa orixe, mais crese que foi derrubada polos Irmandiños. Non se coñecen restos. Curiosamente está declarada como BIC pola Xunta de Galikcia.
Torre de Támoga ou do Torrillón: Estivo emprazada no lugar do Castro. Erixida sobre un antigo asentamento castrexo. Cando a derrubaron os Irmandiños pertencía a Fernán Rodríguez de Saavedra e Aguiar e a Sancha Fernández de Aguiar e Peredo, señora de Narla. A principios do século XX aínda se podían ver as súas ruínas e os vestixios dos foxos que logo desapareceron polos terreos adicados a cultivo.

FOLGOSO DO COUREL
Castelo de Carbedo (Esperante): Para a súa construción aproveitouse un antigo asentamento castrexo erixido sobre un rochedo de 20 m de altura, preto do monte Cido onde apareceu a famosa Tessera Hospitalis do Courel. Vixiaba o paso entre León e Lugo. En ruínas, aínda se poden ver os restos da muralla, unha torre circular e un alxibe. Descoñécese a súa orixe, mais sábese que pertenceu a Nuno Peláez e á súa dona Alda. No ano 1181 doáronllo aos cabaleiros da Orde de Santiago. Os monxes de Samos agocharon aquí ao rei Afonso II O Casto, que estaba baixo a súa costodia, cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino do seu pai Fruela II. O Licenciado Molina menciona o castelo no ano 1550. Benito Vicetto, na súa novela Los Hidalgos de Monforte, situou aquí a morada de Ildara do Courel, fermosa muller á que lle cantou o inesquecido Uxío Novoneyra: "Ildara de Romeor olla e cala pro ucedo raia do solpor".
Casa fortaleza de Meirín (Vilasibil-Meiraos): Do século XII, pertenceu á familia Fidalgo. As portas principais e posterior foron construídas con arcos de medio punto. A porta principal está formada por quince pedras que foron utilizadas durante séculos para afiar as ferramentas. Na parte máis alta da vivenda alzábase unta torre que tiña un brasón, hoxe en día desaparecido. A torre foi rebaixada para evitar sobrecargas nos muros.

A FONSAGRADA
Castelo de Burón (A Pobra do Burón): Século XIV. Construída polos condes de Altamira. Das varias torres que tivo só se conserva unha en ruínas, feita con grosos muros de mampostería de xisto recheado con cachotaría e morteiro. Os Irmandiños, capitaneados por Pedro Osorio, que o derrubaran durante a Revolta do século XV, foron logo obrigados pola familia dos Moscoso a reconstruílo. Ademais do castelo, a importancia do antigo concello da Pobra do Burón, extinguido no ano 1835, falan os hospitais para peregrinos, xa citados no século XIII, que se levantaban no lugar que, dende Oviedo, ían a Santiago de Compostela e os preitos que mantiveron con Dona Urraca. Declarado BIC.
Castelo da Allonquiña (A Allonca): Era coñecida como Torre Vella da Allonquiña. Sábese que tiña uns nove metros de altura, composta por dúas plantas e unha baixa. Segundo Vázquez Seijas foi derrubada no ano 1910 polo seu derradeiro dono Laureano López Monteserín quen cos seus materiais edificou unha casa. A principios do século XVI pertencía aos Caraduxe, uns labregos que procedían de casa señorial, posuíndo Real Carta Executoria de fillosdalgo. Un Caraduxe foi alcalde de Burón no ano 1771.
Torre da Bastida.

FOZ 
Casa-torre de Marzán: No monte coñecido como Capela do Santo, segundo cita Vázquez Seijas, hai dúas casas, unha coñecida como Casa Grande ou Casa Torre habitada polos labregos onde figura unha pedra armeira. A outra casa ten un escudo na fachada, realizado en pedra caliza de consistencia marmórea cunha inscrición que di: "ESTAS ARMAS I APELLIDOS SON DE LOS PILLADOSM CAVOS I CORDIDOS I RIBADENEIRAS. AÑO DE 1761". No capítulo destinado ao catálogo de Abades, do traballo Apuntes para la Historia del Monasterio de San Salvador de Lorenzana, escrito polo abade de Samos Mauro Gómez Pereira, fai mención a unha carta do abade Munio, que gobernou o mosteiro entre os anos 969 e 1015, onde se cita o casal de Marzán.
Castelo da Espiñeira (A Espiñeira-Vilaronte): Pertenceu ao conde de Ribadeo. Derrubado polos Irmandiños. Non fican restos.   
Castelo da Frouxeira (No Pico da Frouxeira-Santa Cilla do Valadouro): Século XV. Ademais dalgunhas pedras esparexidas pola contorna, só se conservan as penedas graníticas onde asentaba o inexpugnable castelo. Pertenceu á mitra mindoñense e logo ao Mariscal Pedro Pardo de Cela. Cando o levantamento do mariscal contra os Reis Católicos, a fortaleza foi asediada polas tropas casteláns. Incapaces de conquistala por medio das armas, recorreron á traizón, mercando a uns criados que lles ceibaron a porta, entre outros un tal Roi Cofano do Valedouro. O Mariscal conseguiu fuxir, mais foi apreixado no castelo de Castro de Ouro, condenado a morte e decapitado na praza de Mondoñedo. Recentemente, Pardo de Guevara atopou na Chancillería de Valladolid unhas copias do orixinal do testamento de Pardo de Cela, escrito en galego, que pode que obrigue a reescribir a historia: ao parecer non estaba casado cunha filla do conde de Lemos, foi axustizado no mes de outubro e non no de decembro e sempre estivo ao lado dos Reis Católicos. Catalogado como BIC e situado erroneamente no concello de Alfoz.

 

 

FRIOL
Torre de Anafreita: Só se conserva o muro do corpo baixo da torre. Estaba arrodeada por un foxo natural. Foi convertida en casa vivenda.
Torre de Friol: Século XIII. O edificio actual conserva elementos dos séculos XV ao XVIII que é cando se engadiu a Torre da Homenaxe de planta cadrada. A fachada leste coñécese como "Vara Alta". Na súa parte máis antiga presenta un arco de medio punto con doelas e xanelas de aresta achafranadas. Nos muros pódense ver as marcas dos canteiros, típicas do románico. Propiedade dos Altamia, pasou aos Prado no século XVI, e no XIX aos condes de Maceda.
Torre de Miraz: Século XV. Do primitivo castelo consérvase a Torre da Homenaxe, ameada, que dende o século XVIII forma parte do pazo. Ata o século XV, que pasou aos Andrade, pertenceu aos Saavedra. A torre, en cantaría de granito, ten planta cadrada con dúas plantas. Tamén conserva seis gárgolas, tres delas zoomorfas, que actuaban como canos de desaugue do tellado. As pedras armeiras dos Saavedra, Ulloa, Taboada e Ribadeneira adornan os muros.
Castelo de San Paio de Narla (Narla): Levantado sobre un antigo castro nos séculos XII e XIII. Derrubado polos Irmandiños, o edificio actual data dos séculos XVI-XVII. Consta dun corpo central, un torreón e a Torre da Homenaxe ameada de catro andares. Ao recinto accédese a través dun portón con arco de medio punto. Pertenceu, entre outros, aos Ulloa e aos Seixas. Dende o 1983 acolle o Museo Etnográfico. Segundo unha lenda referida por un monxe de Sobrado no s. XVIII, o señor do castelo, Vasco das Seixas, asasinou nel á súa muller, dona Catarina, que foi considerada santa porque o seu corpo se mantivo incorruptible. Don Vasco foi morto en Portugal nunha liorta con fidalgos do duque de Bragança. Segundo un estudo do arquitecto José Ángel Santos Ferro, a fortaleza contaba na súa orixe con dúas torres e un paseo de rolda con foxos e contrafoxos que, na súa meirande parte, foron destruídos cando a Revolta Irmandiña.
Torre de Bustelo (San Martiño de Condes): Destruída polos Irmandiños.
Torre da Devesa (Sisto-Santalla de Devesa): Moi transformada. Conserva a porta de estilo renacentista e un escudo coas armas dos Parga, Prado, Ulloa e Varela.


GUITIRIZ 
Casa-torre de Santa Cruz de Parga.  
Castelo de Parga (San Estevo de Parga): Século XII, reedificado no XIV, en tempos de Fernán Pérez de Andrade "O Bo". Construído sobre un primitivo asentamento castrexo situado nun outeiro sobre o río Parga. Conserva parte das murallas de cadeirado granítico e unha torre cilíndrica con seteiras. A principios do s. XX as pedras dos muros foron reaproveitadas para a construción da igrexa e dalgunhas casas. Cóntase que para saír da fortificación en tempo de guerra os seus moradores utilizaban un pasadizo secreto. 
Torre de Lagostelle.

GUNTÍN DE PALLARES
Casa-Torre de Mera (Vilamaior do Negral): Vázquez Seijas di que a freguesía chamábase antes Vilamaior de Mera. A casa foi fundada por Alonso López de Ulloa, casado con Mencía de Baamonde. Un dos fillos loitou ao lado do rei na toma de Sevilla aos árabes. O derradeiro habitante da familia foi Xoán Teixeiro de Mera quen no ano 1676 a deu en foro. Sufriu varias reformas, quedando do vello edificio a porta de entrada e sobre o lintel o escudo dos Mera.
Torre de Francos (Francos): Hoxe en día atópase totalmente arruinada. Tiña planta cadrada cunha torre abeirada por distintas dependencias. A torre é coñecida como do Mirapeixe, en lembranza da familia que atendía por ese nome. Declarada BIC.
Castelo da Mota (A Mota): Levantado no século IX polo conde Ero González. Logo pasou a Don Arias, conde de Monterroso, que tivo como herdeira á súa filla Elvira Ulloa Ribadeneira. En tempos do rei Xoán II era señora da Mota Tareixa García de Baamonde e Montenegro. No ano 1612 pertencía aos bispos de Lugo. Convertido en casa de labor, conserva parte do recinto, unha torre e un torreón ameado en forma de cubo. Foi destruído durante a Revolta Irmandiña. O seu estado de conservación é malo. No Museo de Lugo gárdase unha cadea que puido utilizarse para izar a ponte levadiza ou como cadea de asilo.
Castelo de San Fiz do Ermo: Coñecido tamén como Castelo do Besgo. Non se conservan restos. Ao parecer levantábase sobre unha peneda existente na confluenza dos ríos Ferreira e Entrabasaugas. Asociado á orde do Temple. Malia o anterior, a Xunta de Galicia tenno como BIC.
Torre de Quintela (Quintela-A Mota): Pertenceu ao señorío de Camba e Taboada. A principios do século XVII era propietario o párroco de San Cristovo de Souto, na Peroxa, que no 1613 outorgou testamento en favor da sua sobriña Iseo López de Taboada. A torre emprazábase no lugar de Quintela, entre Peimoure e A Mota. Cando foi derrubada a principios do século XX conservaba unha pedra armeira dos Camba e Taboada que na actualidade se atopa na ampliación da casa-torre.
Torre de Santa Euxea: Destruída polos Irmandiños, non se conservan restos. Dise que algunhas das súas pedras foron reutilizadas na construción da igrexa parroquial, nun dos contrafortes pódense ver varias pedras decoradas reaproveitadas doutro edificio na construción do templo.
Torre de San Salvador de Francos.  
Torre de Sirvián: Máis coñecida como A Torre do Mouro. Erixida nun altorelo sobre o río Ferreira, ao parecer nos séculos XII ou XIII.
Torre de Tosende: Formaba parte dunha cadea de fortes establecidos para a vixiancia das terras do señorío. Consérvase parte da torre que sufriu varias reformas para convertela en vivenda. Ao reconstruíla colocouse nun dos muros exteriores unha peza de granito procedente da primitiva construción onde aparece a figura tallada dun cáliz coa hostia no centro e dúas rodas de carros aos lados, un paxaro e unha arboriña. Pertenceu ao señorío dos Camba, descendentes do conde don Ero e da infanta dona Laura.
 

 


O INCIO
Casa-forte de Castrogude: Crese que xa existía a mediados do século XV. O primitivo edificio sufriu varias reformas. Foi abandonada no século XVIII, pasando os donos a vivir en Eimer, parroquia de San Fiz de Rubián (Bóveda). Dise que foi cando desapareceu unha non documentada torre que ocupaba o antigo asentamento castrexo. Na fachada había unha pedra armeira que se perdeu ao convertela en casa de labranza. 
Casa-forte de Rubián de Cima: Citada nun documento do ano 1664 referido a un foro. Non quedan restos.  
Casa-Torre de Romariz (Romariz-Rendar): Segundo Vázquez Seijas sufriu varias reformas nos séculos XVIII e XIX. Na casa hai un corpo de vivenda que correspondía ao da torre, construída en lousa, con tres corpos e teitado do mesmo material a catro augas. 
 

LÁNCARA 
Casa-torre de Láncara: O señorío de Láncara tiña xurisdición civil e criminal. O vínculo desta casa fundouno Leonor Pimentel Ribadeneira. Os ascendentes dos señores de Láncara foron os Churruchaos, familia da que provén Fernán Pérez Churruchao, partidario de Pedro I que, por matar ao arcebispo don Suero de Santiago, confiscáronlle moitos bens perdendo o apelido, adoptando logo o de Suárez de Deza. No ano 1777 era dono José Joaquín de Yebra e Pimentel, dono da casa-tore de Toirán. A casa-torre, coñecida como Palacio de Láncara ou Casa Grande, está formada por tres corpos, atopándose no da dereita a torre. Na fachada vense os escudos coas armas dos Suárez de Deza, Castro, Bolaño, Osorio e Losada. 
Torre-pazo de Cabezais (Vilouzán): No último terzo do século XVI pertencía, co seu couto e a xurisdición civil e criminal, a Domingo Fernández do Barrio e Estrada. O pazo foi vendido no século XIX a uns labregos que fixeron varias reformas, derrubando a torre.
 

LOURENZÁ
Castelo-Pazo de Tovar: O seu carácter de fortaleza apenas mudou dende a súa construción no ano 1530. Na Torre da Homenaxe conserva unha pedra armeira dos Bolaño Ribadeneira. Declarado Ben de Interese Cultural. No ano 2010, a Xunta de Galicia destinou unha partida de 360.000 euros para a súa recuperación. 
 

LUGO
Casa-Torre de Outeiro (Outeiro-Saa): Pola documentación do último terzo do século XVI sábese que se fixo apeo formal da casa. O derradeiro herdeiro foi Francisco Pardo Díaz quen lla vndeu ao párroco de Santiago de Saa para que fose destinada a reitoral, aínda que o novo propietario utilizouna para uso persoal. 
Fortaleza de Labio. 
Monte Castelo (Monte do Castelo-Labio): Ocupa un pequeno outeiro con gran control visual sobre a contorna. A súa situación aproveita un afloramento rochoso onde se poden ver restos de ladrillo, tella e pedras que pertencerían a algunha estrutura. Identifícase como unha torre de control e vixiancia. Hai unha caseta de vixiancia forestal. Citado nun documento do ano 1032, como límite do mosteiro de Irizon (Orizón) que o rei Vermudo III doa á Sé de Lugo.
Murallas da cidade: A antiga muralla romana serviu de defensa na Idade Media. A principios do século XV mesmo se suscitou un preito pola posesión das chaves das portas da cidade entre o Concello e o bispo, resolto favorablemente para o segundo no 1316 por fallo da raíña María de Molina (López Carreira, 1999).
Pena da Ermida (Alto de San Fitoiro-Labio): Nun afloramento rochoso atopáronse fragmentos de tella e cerámicos. Entre as penas obsérvase un cono de violación. Dende o lugar domínanse os montes circundantes.
A Torre (Eirexe-Bascuas): Torre de vixiancia medieval. O lugar atópase practicamente arrasado. Polos arredores vense pedras e tellas, así como algún resto de lenzo dun muro.
Torre de Aez (Camoira): Medieval. Levantada sobre un pequeno outeiro rochoso, conserva unha das paredes laterais. Na parte superior conserva unha ventá de aresta sobre a que hai un escudo dos Castro e Gaioso. A torre era de planta cadrada.
Torre de Riazón (Ombreiro): Medieval. Restos dunha torre que apenas conserva os lenzos dos seus muros. O seu estado ruinoso e encostado nunha casa non impide que a Xunta de Galicia a teña incluída como BIC no catálogo. 

 

MONDOÑEDO
Castelo da Toxiza: Aínda que figura catalogado como BIC, non existen nin datos arqueolóxicos nin escritos que testemuñen a súa existencia. F. Mayán cre que no lugar puido erixirse un castro.
Torre do Gorrete (Masma): Ruínas. Declarada BIC.
Muralla da Vila: A cidade contaba cunha muralla (século XIV) que circundaba o núcleo urbano. Hoxe en día só se conservan restos na rúa da Ponte. Tiña unha lonxitude de 850 metros e contaba con varias portas de acceso: Porta da Vila ou da Fonte, Porta de Batitales, Porta das Angustias, Porta da Rúa de Pumar ou da Cruz, e a Porta do Perexil. Entre finais do século XVIII e durante o século XIX leváronse a cabo as tarefas de demolición.
Os Castelos (Viloalle): Francisco Mayán, que o estudou a mediados do século XX, identificouno cun asentamento da Idade do Ferro; atopou restos cerámicos e de metais aínda que hai dúbidas canto a súa adscrición cronolóxica que ben puidera pertencer a época medieval.


MONFORTE DE LEMOS
Castelo de Monforte: Séculos XII-XIII. No ano 1332, Afonso XI cedeulle o castelo a Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos, contruído no monte de San Vicente do Pino, no lugar onde asentaba o castro Dactonio, capital da tribo dos Lemavos. Logo da derrota dos Irmandiños, que atacaron o castelo no ano 1467, dise que o mariscal Pardo de Cela lle suxeriu ao conde, que quería reconstruír a fortaleza, que colgase aos vasalos dos carballos, ao que este lle respostou que "Eu non vivo dos carballos". Na actualidade consérvase en bo estado a Torre da Homenaxe, de trinta metros de altura, de planta cadrada e catro andares cunha escaleira de acceso á terraza ameada dende onde se divisa unha espectacular panorámica do Val de Lemos. Tamén se poden ver varios tramos do que foi o impresionante castelo, escollido por Benito Vicetto para situar a súa novela Los Hidalgos de Monforte. A torre foi cedida ao concello por Turespaña, xestora do parador de turismo creado no antigo mosteiro bieito de San Vicente do Pino.
O Castelo Grande (Reigada): Asentamento fortificado de época medieval formado por unha plataforma superior arrodeada por un terraplén que acada o seu máximo desenvolvemento no lado noroeste e circundada por unha suave pendente.
O Castelo Pequeno (A Veiga-Reigada): Situado nun outeiro que se levanta na parte baixa e cha do Val de Lemos. Nos terzos NO e SE presenta dúas pequenas elevacións amesetadas que se erguen sobre dous cavorcos de pouca altura. Aínda que está considerado como un castro, pola súa localización (controla o acceso leste a Monforte) e máis o seu carácter amesetado pode tratarse tamén dunha vixía de adscrición romana ou medieval. Apareceron restros en superficie de época medieval.
Torre de Moreda (A Torre-Bacelares-Moreda): Ao parecer, a primitiva torre foi destruída polos Irmandiños. Presenta unha planta rectangular e fábrica de cantaría de granito, con soto e dous andares. A porta principal, alintelada de aresta con liña curva na parte superior, ábrese á altura do primeiro andar, accedéndose por unha escaleira exterior. Porta e escaleira están defendidas por unha seteira. No primeiro piso ábresense tamén dúas ventás alinteladas, localizándose no lado sur unha porta que comunica a torre coa vivenda. No segundo andar ábrese unha fiestra con arco de medio punto e doelas. Malia datar probablemente do século XV, os restos da fábrica do paramento exterior da fachada oeste presentan diferenzas co resto do edificio o que parece indicar que se trata dunha reedificación. Declarada BIC. 
Castelo de Tor: Escribe Vázquez Seijas que un cabaleiro da liñaxe dos Garza, que tiveron o seu primitivo solar na torre de Castillón, construíu o castelo de Tor, no territorio do señorío que obtivo por se distinguir na loita contra os normandos, con dereito de asilo, vasalaxe, o patrimonio dos beneficios eclesiásticos e xurisdición civil e criminal (a pouca distancia do actual pazo hai un campo que aínda é coñecido como da Forca). Por térense arruinado o castelo, a residencia dos señores de Tor xa non se edificou coas características daquel, senón como as dun pazo que conserva na actualidade, aínda que algo mutilado xa que lle falta a parte onde se emprazaba a torre que foi incendiada polos franceses durante a Guerra da Independencia.



 

 

MONTERROSO
Torre de Bidouredo (Bidouredo): Ten a orixe no século XII. Non se conservan restos o que non é obstácula para a Xunta de Galicia de tela catalogada como BIC. As súas pedras foron reutilizadas nas casas da zona.
Torre de Cumbraos (Cumbraos): Construída a finais do século XV ou principios do XVI por mandato de Álvaro Gaioso e Osorio. Trátase dunha torre de planta rectangular. Posteriormente anexionóselle o pazo.
Torre de Fente (A Torre-Fente): Século XV. Totalmente arruinada, pertenceu ao conde de Monterrei e logo ao duque de Alba. Mantíñase en pé unha parte da torre a principios do século XX. En documentos do século XVI denomínase como torre e fortaleza de Vilanova de Monterroso. Otero Pedrayo, na súa Guía de Galicia, chámaa Torre feudal de Fente. Sábese que durante algún tempo estivo adicada a prisión. A maior parte dos seus materiais foron reaproveitados para edificar as casas da veciñanza. Declarada BIC.
Torre de Penas: Forma conxunto cun pazo que conserva as pedras armeiras dos Ribadeneira e Taboada e a igrexa parroquial de orixe románica. Cóntase que se comunicaba co castelo de Amarante, en Antas de Ulla, por medio de sinais. Sufriu varias transformacións ata o século XVIII. A súa historia está vencellada as linaxes dos Arias, Ulloa, Taboada, Ozores, Gaioso e Neira. Uns veciños de Sirgal contáronme que a torre levantouse coas pedras do castelo de Sirgal, hoxe en día desaparecido. A casa de Medinaceli, o seu propietario, presentou a principios do ano 2013 unha proposta á Consellería de Cultura para a súa rehabilitación para logo cederlla ao Concello e convertela nun centro de interpretación histórica.
Castelo de Sirgal: Construído sobre un antigo castro, non se conservan restos. Sobre el edificouse un castelo na Idade Media que foi derrubado por mandato do emperador Carlos V, segundo consta nunha información de nobreza practicada no século XVII. A fortaleza estaba arrodeada por un foxo e contrafoxo. Conta a tradición que neste castelo naceu Santa Ilduara, nai de San Rosendo. Formoso Lamas, no seu Apuntes para la Historia de Chantada (1905), di que foi fundado polos sirios que chegaron a Galiza e despois xuntáronse cos galos por cuxa razón se lle chamou torre de Sirgal. Uns veciños dixéronme que as súas pedras foron reutilizadas na construción da Torre de Penas e na Casa Grande de Monterroso. Tamén que había un túnel que comunicaba o sitio co río que é por onde baixaban os cabalos dos mouros para beber.



 

MURAS
O Castro (Muras): No lugar onde se levantou un castro, a tradición asegura que tamén se ergueu un castelo medieval cuxa cisterna comunicaba co río Eume. Dende o outeiro domínase os núcleos do Burgo e Muras.
Torre de Muras (O Burgo): A documentación máis antiga data do século XII onde se fai referencia a un castelo pertencente aos condes de Lemos. Entre os privilexios que no ano 1368 expediu o rei Pedro I, referidos aos servizos prestados polo concello de Viveiro para premiar a lealdade na guerra contra o seu irmán Henrique, sobre os dominios da vila do Landro á que pertencían os coutos e freguesías, menciónase a casa-forte de Muras. Segundo Manuel Murguía, no século XII era coñecida como Casa do Castro e que debía de pertencer aos condes de Lemos polo que, di Vázquez Seijas, que habería que atribuír a aquela época a construción da Torre Vella da que falan documentos do século XVI o que, como di Amor Meilán, semella denunciar a existencia doutra levantada posteriormente. Esta casa-forte tamén se menciona en documentos do sécculo XIV, e que nalgún tempo debeu de pertencer ao mariscal Pardo de Cela, e nun aforo, a Freire de Andrade. A fortaleza estaría emprazada no lugar coñecido como Fraga do Castelo onde se atopou o anaco dunha pedra armeira. Os restos utilizáronse para a construción da reitoral e en casas particulares. Aínda que xa non existe, está declarada BIC. 
Torre de Silán.
 

 

NAVIA DE SUARNA 
Casa-forte de Fontela (Muñís): Conta Vázquez Seijas que aínda que non se conserva o corpo da torre, por tradición familiar denominábase a un sitio situado no NO da casa como "habitación da torre".    
Castelo de Altamira (A Pobra de Navia): Ano 1037. Pertencente aos condes de Altamira, foi derrubado polos Irmandiños no século XV. Conserva parte das primitivas murallas e torreóns con portas situadas a diferentes niveis. Construído en laxe de lousa sobre un rochedo situado por riba do río Navia, crese que foi erixido para a defensa da Ponte Vella. O seu estado de conservación é malo.
Pena Castelo (Laxo-Rao): Aínda que se carece de noticias documentais sobre a existencia dun castro ou castelo, os veciños contáronme que si houbo un castelo que foi destruído. De feito hai unha lenda que di que foi tal a pólvora utilizada na súa destrución que no lugar onde se instalaran os canóns non volveu medrar ningún tipo de vexetación. Cando visitei a pena en agosto de 2011, a pesares da mesta matogueira, observei algúns restos de muros que os veciños me aseguraron non pertencían a ningunha vella casa nin a un cortín.


AS NOGAIS 
Casa-torre de Noceda (As Nogais): O primeiro que se asentou nela foi Lope Sánchez de Ulloa, por terlle sido adxudicada en partillas que fixera o seu irmán Vasco Sánchez de Ulloa. Vendida polos herdeiros, foi convertida en casa de labranza. Os restos da torre foron reaproveitados para a construción doutras vivendas. A unha parte do edificio antepúxoselle outro corpo no ano 1850. Os escudos da fachada desapareceron, un deles, ao parecer, presentaba as armas dos Ulloa e dos Ribadeneira.
Castelo de Torés: Século XV. Mantense en pé unha torre arruinada. Segundo a lenda, a construción débese á lendaria raíña Lupa como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros que transportaban o carro onde os discípulos puxeran o corpo do Apóstolo Santiago. A casa de Medinaceli cedeu por 25 anos o uso do castelo ao concello. En xaneiro de 2013 comezaron os traballos de limpeza das estruturas e acondicionamento da contorna por parte dos alumnos dun Obradoiro de Emprego solicitado polo Concello.
Torre de Doncos: Erixida na segunda metade do século XV. Pertenceu aos Valcarce, pasando despois ao conde de Monterrei. No ano 1603, sendo o seu propietario Fernando de Toledo, xa ficaba medio arruinada. Do antigo castelo segue en pé a Torre da Homenaxe de planta cadrada con tres andares e un soto escavado na rocha. Ten unha altura de 24 m. Foi construída en cachotaría de pizarra, agás nas xanelas que son de perpiaño. Coñécese tamén como Castelo da Anca, pola lenda que narra o secuestro dunha muller por un sarraceno que, acosado por trece cabaleiros cristiáns, degolou á moza para que ninguén puidera posuíla. 
 

 

 

OUROL
Torre de Ferrira de Bravos: Poucos datos existen sobre esta posible torre. Vázquez Seijas di, sen precisar a data, que foi destruída por un incendio. Quizais fose a principios do século XVII xa que a capela que pertencía á torre foi reedificada no ano 1640. 

OUTEIRO DE REI
Casa forte de Outeiro de Rei: Fundada pola familia irlandesa O´Kelly a partires dunha torre medieval a finais do século XV. Logo pasou aos Gaioso. Da primitiva construción só quedan restos dun muro.
Torre de Arcos: Non se conservan restos. Ao parecer, Lupo Camberro de Candal, por privilexio de Don Paio, recibiu o señorío de Arcos pola súa valentía contra os árabes durante a Reconquista. 
Torre da Barreira (Gaioso): Citada en documentos a partires do ano 1575. Pertenceu aos Ares de Monterroso e Taboada. Co tempo pasou a mans duns labregos. Moi modificada, só quedan restos dalgunhas dependenzas. Na fachada principal hai un escudo coas armas dos Castro e dos Baamonde.    
Torre de Pardo de Cela: Ao parecer, na freguesía de Cela localizábase unha torre pertencente ao famoso mariscal Pedro Pardo de Cela que máis tarde pasou aos Ribadeneira. Situábase ao oriente da igrexa parroquial.
Torre de Taboi (Pacio-Taboi): Século XVI. Pertenceu aos Saavedra. Mantense en pé unha torre en ruínas, construída en cachotaría de lousa cunha porta de acceso correspondente á desaparecida ponte levadiza. 
Torre de Sobrada (Sobrada de Aguiar): Século XV. Erixida por mandato de Fernán Pérez de Ribadeneira, foi derrubada polos Irmandiños no ano 1467. A ruinosa torre, de planta cadrada con tres andares, ten 15 m de altura.


 

PALAS DE REI 
Castelo do Castro das Seixas (Castro das Seixas-Merlán): Sobre o primitivo asentamento castrexo, Vasco Gómez das Seixas construíu un castelo en época medieval. Os Seixas foron propietarios do castelo de San Paio de Narla, en Friol. Non quedan restos. 
Castelo de Curbián: Estivo situada na marxe esquerda do río Pambre, citado por López Ferreiro na súa novela O Castelo de Pambre. Vázquez Seijas di que Manuel García Blanco localizou unha das torres dos Ulloa na parroquia de Curbián. 
Castelo de Pambre (Pambre): Ano 1375. Mandado construír por Gonzalo Ozores de Ulloa. Foi escenario de numerosas loitas, entre outras a mantida entre a nobreza e Alonso III Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela. Os Irmandiños respectaron o castelo logo de que Sancho Sánchez de Ulloa, despois dunha reunión cos revolucionarios en Melide, decidiu fuxir sen presentar batalla. Ademais da función militar, exerceu como fielato onde se cobraba o portádego polo uso do camiño. No 1484 pasou aos condes de Monterrei, e no 1895 o duque de Alba vendeuno a un veciño de Palas de Rei. O seu último propietario, Manuel Taboada, conde de Borraxeiros, falecido no ano 2009, dooullo aos Padres Misioneiros, unha orde relixiosa asentada en Teis, Vigo. Despois de varias negociacións, a Xunta de Galicia mercou o castelo por cinco millóns de euros. O castelo é de planta cadrada, con catro torres de planta cadrada situadas nos vértices. No medio érguese a Torre da Homenaxe, de tres andares.
Segundo información achegada por La Voz de Galicia, edición de Lugo, o día 30 de xaneiro de 2014 e recollida do portelo culturagalega.org, as obras de rehabilitación están supoñendo unha auténtica sorpresa para o equipo responsable da reforma. Na capela do castelo do século XI, que sempre foi un enigma pola súa ubicación fóra da fortaleza, atopáronse tumbas e enterramentos de diferentes épocas e tipoloxías. Apareceron estruturas de muros de época tardoantiga e sueva. Tamén se atoparon materiais de época castrexa e galaicoromana (cerámica, moedas e un puñal de antenas).
Castelo de Felpós (O Corral-Felpós): A Casa-torre do Corral ocupa o lugar onde se erguía o Castelo de Felpós. Entre os séculos XIII e XIV foi gorida de bandoleiros que asaltaban aos peregrinos a Santiago de Compostela. Foi mandado destruír no ano 1321 polo arcebispo compostelán Berenguel de Landoira.
Os Castelos de Remesedo: Manuel Gago, no seu Capítulo cero, achega unha nova fortificación altomedieval situada nun altorelo sobre o río Pambre. En mal estado de conservación, aínda se poden ver os alicerces dunha muralla. 
Torre de Quindimil.

 

PANTÓN
Castelo de Maside (Doade): Séculos XI-XVIII. Foi propiedade dos Lope de Cangas, Losada, Mosquera, Arias e Quiroga. No século XIX foi restaurado por Xoaquín Arias. Aquí viviu o líder irmandiño Diego de Lemos, morto no ano 1492 e soterrado no mosteiro do Salvador de Ferreira. Na actualidade foi habilitado como vivenda.
Castelo de Marce (Marce-Vilar de Ortelle): Construída sobre un antigo asentamento castrexo, nun esporón rochoso sobre o río Miño. O desaparecido castelo aparece documentado no ano 841 nunha doazón de Afonso II á catedral de Lugo. Noutro documento do 1158 coñécese como Castelo do Miño. A súa situación era moi estratéxica para a vixiancia do coñecido como Porto de Chouzán, no río Miño. Cóntase que a torre era tan alta que a súa sombra chegaba ao río Miño e facía sombra á igrexa románica de Chouzán.
Castellum Minei (Marce-Vilar de Ortelle): Na Pena do Castelo, tamén coñecida como O Castro. Situábase nun outeiro con excelentes defensas naturais. En toda a área pódese observar como os afloramentos graniticos están cortado para conseguir superficies máis planas e niveladas. Posiblemente foi abondonada cando se erixiu a Torre de Marce, a un quilómetro de distancia, nunha posición máis elevada. Nas súas inmediacións construíuse unha capela posta baixo a advocación de San Sadurniño, hoxe en día totalmente arruinada. 
Torre de Vilamelle: Di Vázquez Seijas que no século XV era dono da torre Amaro de Vilamelle, fidalgo do conde de Lemos. Ramón Castro López, no seu Reseña Histórica Descriptiva de Vilar de Ortelle y su Comarca (1929), describe unha batalla que tivo lugar no campo chamado da Pedrosa durante a Idade Media, en tempos de Xoán II. Non quedan restos. Lembro que o fidalgo citado por Vázquez Seijas é un dos protagonistas de Los Hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto, que o autor pon coma fillo do mariscal Pardo de Cela.


O PÁRAMO
Torre da Barreira (A Torre): De finais do século XV, con pedras do castelo de Paredes, derrubado polos Irmandiños. Só permanece en pé un pequeno muro cuberto pola matogueira o que non impide que estea declarada como BIC pola Xunta de Galicia.
Torre de Trebolle (A Torre).
Torre de Pena Aguieira (Paredes-O Páramo): Coñecida tamén como de Pardo de Cela ou do Mariscal. Dende a torre dominábase unha ampla panorámica, mesmo se distinguía a cidade de Lugo. A torre aproveitaba un pronunciado afloramento en forma de esporón. Consérvase algunha fileira de pedras e entalladuras nas rochas onde apoiaban algunhas estruturas de madeira. Apareceron obxectos cerámicos, metálicos e proxectís. Foi derrubada polos Irmandiños.
 

PEDRAFITA DO CEBREIRO 
Casa-torre de Pacios: No Madoz (1849) o nome da aldea aparece citado como Pacios de Lousada. Os fundadores e propietarios tiñan dereito ao paso directo ao coro da igrexa. Na fachada norte da casa figura un escudo en pedra coas armas dos Armesto, Ron e Valcarce. 
Castelo dos Armesto (Veiga de Forcas): Citado por Vázquez Seijas e do que non quedan restos. No lugar consérvase a casa-pazo e torre que sufriu varias reformas, entre outras unha no ano 1964 que fixo desaparecer varios elementos. O pazo aínda conserva dúas pedras armeiras coas armas dos Ron e dos Armesto. Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade a Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión.
 

 

POL
Casa-forte de Outeiro de Luaces.
Castelo de Santa María de Luaces: Citado por Bouza Brey nun artigo da Comisión de Monumentos históricos e artísticos de Ourense titulado Origen y descendencia de los Luaces (1951). Non fican restos. 

A PONTENOVA
Castelo de Viloudriz: Citado por Amor Meilán, quen di que xa existía antes do século XVI, demolido por un tal Diego Fernández de Boulloso que recibira en foro do bispo de Mondoñedo polo ano de 1595 e 1599. Non quedan restos.  

PORTOMARÍN
Casa-torre do castro de Portomarín.  
Igrexa fortaleza: Antes de San Xoán, hoxe en día de San Nicolau. Século XII.

QUIROGA 
Castelo de Ares (Augas Mestas): Citado por Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia, do que di que non quedan restos. Sabemos que no lugar houbo un primitivo asentamento castrexo. O mesmo autor fai mención dun Castelo de Malpica, situado no mesmo concello, mais ignórase onde se podería ubicar.  
Castelo da Encomenda ou de Torrenovaes (Os Novais): Situado nun outeiro a carón da estrada xeral, ten a orixe no século XII. Entre os séculos XVI e XVII habitáronno os Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén. Consérvanse parte das murallas e foxo. No ano 1809, a meirande parte da documentación da Orde de Malta en Galiza que se gardaba no castelo foi queimada e destruída polas tropas napoleónicas. Declarada como BIC pola Xunta de Galicia. Esta denominación tamén a ten un chamado castelo de Sequeiros que debe de ser o mesmo que o castelo da Encomenda. 
Castelo de Lor: Recibe o nome por estar situado preto do río Lor, na parroquia de Quintá de Lor (Vázquez Seijas fala da parroquia de Santa María de Lor, hoxe en día inexistente). Pertenceu aos Arias de Sirgal. Podería ubicarse nun meandro do lugar chamado Esmorille, onde houbo un castro. As súas pedras parece que foron utilizadas na construción dun túnel do ferrocarril. 
Castelo de Montefurado: Sobre o túnel de Montefurado crese que puído erixirse un castelo de orixe romana, construído sobre o primitivo xacemento castrexo, para controlar o paso por riba da boca do túnel. Insiro un gravado do último terzo do século XIX onde se representa o túnel e a fortaleza.


RIBADEO
Baluarte da Atalaia: Construído no primeiro terzo do século XVI, para a vixiancia e protección da costa. No ano 1540 figuran nas actas municipais varios gastos para arranxar as cercas e para construír troneiras. Estaba dotado con artillería. No ano 1643 reforzouse o baluarte. Foi abandonado a mediados do século XVIII e os seus materiais desapareceron ata non ficar rastro algún.
Forte de San Damián (Vilaselán): Século XVII. Defendía a Ría de Ribadeo. Foi construído polo marqués de Cerralbo. Os ingleses destruíronno no ano 1719. Sobre as súas ruínas levantouse un novo castelo a mediados do século XVIII, instalándose nel uns canóns de gran calibre. No ano 1809 voáronno as tropas napoleónicas. Na actualidade só se conserva un edificio de planta cadrada realizada en cachotaría cun gran patio amurallado, conformando o conxunto unha planta poligonal.
Murallas da Vila: Escribe Vázquez Seijas que as primeiras defensas da vila puideron levantarse polos bispos que exerceron señorío sobre ela para protexela das acometidas bélicas e dos piratas normandos que asolaban as costas cantábricas. Sábese que a primitiva poboación estaba establecida, a mediados do século XII, no lugar coñecido como Vilavella, que posteriormente foi abandonada polos seus habitantes, os cales se trasladaron máis cara o interior. Nesta época construíronse as murallas, sen que se poida precisar a data exacta do seu comezo, e se as obras foron iniciadas polo primeiro conde, o cabaleiro francés señor de Villaines. A mediados do século XVI detállanse nas contas do Concello varios gastos por arranxos e modificacións realizadas nas defensas. No 1797, en vista de que ameazaba ruína, o Concello acordou derrubar a porta de Santo Domingo. A partires do século XIX o Concello facultou aos veciños a aproveitar o seu terreo e a pedra.
Torre das Cabanas: Nada se sabe onde estaba emprazada, aínda que se cre que puído estar no lugar coñecido como Penafurada. Sábese que no ano 1540 era alcaide Lope de Reigada. 
A Torre Vella: Foi erixida en Vilaselán para servir de guía aos navegantes. No ano 1622 fíxose nela un forte dotado con dúas pezas de artillería. Sábese que no ano 1813 estaba totalmente arruinada, e nese lugar construíuse un faro.

RIBAS DE SIL
Torre de Malpica (Vilanova): Apenas se conservan restos. Pertenceu aos condes de Lemos. O castelo foi derrubado durante a Revolta Irmandiña. 

RIBEIRA DE PIQUÍN
Casa-torre de Santalla de Piquín: Pertenceu á xurisdición do mosteiro de Meira. Non quedan restos. 
Casa-torre de Muxén (Os Vaos): Fala dela un libro parroquial no que di que o día 6 de novembro do ano 1622 bautizouse na igrexa de Santalla de Piquín un fillo dos fidalgos da Torre de Muxén, ao que puxeron como nome Pedro López Rancaño, que logo foi dono da torre e estivo casado con Inés de Ros Luaces. Conservándose algúns vestixios da torre.  
Torre de Navallos: Citada en documentos do castelo de Caldaloba, no concello do Pino. Non quedan restos.      

RIOTORTO
Torre do Mouro (Santa Marta de Meilán): Século XIV.
Castelo de Penaflor (O Machín-Santa Marta de Meilán): Situado no monte Castelo, a 300 metros de altitude. Nada se sabe da data de construción nin por mandato de quen, mais si que xa existía no ano 1305, cando o bispo de Mondoñedo pretendeu obrigar a Fernán Pérez do Pazo a derrubalo. A meirande parte das súas pedras foron reaproveitadas na construción de casas e valados. Para saber máis, consultar o interesante traballo de Carlos Andrés González El castillo de Peñaflor (Riotorto-Lugo): iglesia y nobleza en la Mariña Lucense a finales de la Edad Media, publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo.
Torre de Mendaña (Meilán): Século XIV-XV. Foi destruída durante a Revolta Irmandiña. Moi reformada, presenta un arco oxival e ventanais aximezados. Pertenceu aos marqueses de Bendaña ou Mendaña. 

SAMOS
Casa-forte de Lusío (San Cristovo do Real): Foi fundada por Vázquez de Vilamexe e a súa muller Leonor Alfonso de Balboa no ano 1551, tal como figura na inscrición da pedra armeira existente nunha das fachadas da casa. Lusío pertenceu á antiga xurisdición na que exercía señorío o mosteiro de Samos. Da primitiva construción mantense en pé un corpo da torre moi transformado e os muros da cerca.  
Casa-torre de Lourido (Renche): Só se sabe que foi incluída na dote de María Xosefa de Ribadeneira e Montenegro para casar con Baltasar Antonio López de Armesto e Losada, sucesor da casa de Castragude (O Incio), quedando incorporado a esta esta última a principios do século XVII. 
Castelo da Toca (Toca-Renche): Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Pertencía ao mosteiro de Samos. Non quedan restos. 

SARRIA
Torre de Sarria (Sarria): Século XII. O desaparecido castelo foi construído, probablemente, por mandato de Guterre Ruiz de Castro. Destruído polos Irmandiños, só se conserva unha torre de quince metros de altura.
Casa forte de Froián: As reformas variaron a morfoloxía orixinal. Obsérvanse varias pedras armeiras nas paredes exteriores. A fundación prodúcese en tempos de dona Urraca. O documento máis antigo, citado no Cadernos de Estudos Galegos por Xesús Carro, data do ano 1396 que comeza así: "Estando e no campo da casa forte de Froián, que he na terra de Saviñao...". Da antiga casa-forte só se conserva a parte destinada a vivenda, modificada e convertida en casa de labranza; a torre foi demolida. 
Casa-torre do Barrio: Atópase emprazada nun outarelo das estribacións do monte de Meda. Descoñécese a data exacta da súa construción, mais sábese que xa existía no século XV. En testamento outorgado por Ares Fernández do Barrio no 1574, noméase herdeiro ao seu fillo Pedro Fernández do Barrio. Moi modificada, conserva dous escudos, un coas armas dos Valcarce-Figueiroa, Montenegro, Estrada, Taboada-Mariño, Balboa e Guitián, e outro nun sepulcro que hai na capela. 
Casa e torre de Farbán. 
Casa-torre de Louseiro: Estaría situada en O Barrio, segundo se desprende dun preito por unhas lindes entre o propietario da casa-torre e o convento da Madalena de Sarria a mediados dos século XVIII.  
Castelo dos Infantes (Castelo dos Infantes): Sobre un primitivo asentamento castrexo levantouse unha torre medieval da que aínda se observa un muro de xisto. Coñécese unha ocupación poboacional na Alta Idade media por un inventario do 1082, citándose como Castellum, e noutros documentos de 1098 e 1120 como Castelo. Vázquez Seijas cre que foi derrubado polos Irmandiños. Esta xurisdición era independente de Sarria. Alterado polo núcleo de poboación.  
Torre de Domiz (Meixente): O documento máis antigo que fala da torre data do ano 1616, unha escritura de venta. Non quedan restos.
Torre de Vilar (Vilar da Torre-Loureiro): Aínda que desapareceu a principios do século XVIII, está declarada como BIC. Segundo o excronista oficial de Sarria e membro do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco, Xaime Félix López Arias, estivo vinculada á familia Castragude e tamén había unha capela, igualmente desaparecida. Sábese que foi doada en foro a finais do século XVIII, e que parte das rendas foron vendidas a fins do século XX. Consérvase o topónimo.


O SAVIÑAO 
Castelo de Xuvencos: No testamento outorgado no ano 1402 por Gonzalo Ozores, cedendo a fortaleza de Pambre ao seu primoxénico Lope Sánchez de Ulloa, figura entre outros bens o castelo de Xuvencos. Tamén consta nunha escritura de doazón de principios do século XV. Derrubado polos Irmandiños. Ao parecer ocuparía a cima do primitivo castro da Cibdá ou de Xuvencos. 
Torre de Arxeriz (Arxeriz-Fión): Levantábase, ao parecer, sobre o castro de Arxeriz. Vázquez Seijas escribe que lle informaran da aparición dalgúns restos.   
Torre da Candaira (Rebordaos): Torre ameada construída en cadeirado de granito a mediados do século XIII, vencellada á casa dos Vilamaior. Planta cadrada con tres andares. Accédese por medio dunha porta alintelada. Foi propiedade dos señores do pazo de Tor. Moi bo estado de conservación.

SOBER
Castelo de Sober (Refoxo): Sufriu varias transformacións na súa estrutura ao longo dos séculos. No frontal conserva dúas ménsulas que soportan un tímpano co escudo dos Lemos anterior ao século XIV. Os torreóns da entrada son do século XVI, e as fachadas exteriores dos séculos XVII e XVIII. En escrituras forais do século XIX menciónase como dono ao marqués de Camarasa e conde de Amarante. A principios do século XX pasou a mans de Ubaldo Iglesias por compra feita a María Gasset y Chinchilla. Á morte do señor Iglesias, os seus herdeiros, por atoparse o pazo en estado ruinoso, dispuxeron a súa total demolición no ano 1933.
Torre de Moreda: Foi erixida despois da Revolta dos Irmandiños. Mandada construír polo conde Xoán Gutiérrez, en terras arrebatadas ao mosteiro de Pombeiro.
 

 

TABOADA
Castelo de Vilar (Vilar-Esperante): Século XVI. Mandado contruír por Alonso López de Lemos e Inés de Castro. Na fachada conserva as pedras armeiras dos Lemos, Castro, Ulloa, Taboada, Camba e Mosquera. Ten planta de tendencia rectangular, con planta baixa e primeiro andar. Os muros son de cadeirado e cachotaría de granito. 
Fortaleza de Sonán (Insua): Non quedan restos e tamén se descoñece quen a mandou construír. Escribe Vázquez Seijas que debeu ser unha das máis antigas erixidas na provincia de Lugo xa que no século XVII era coñecida como palacio vello de Sonán. Na primeira metade do século XVI fundou vínculo da casa grande Sonán Lope de Taboada, o Vello, descendente dos señores do castelo de Castro Candaz, en Chantada. Na fortaleza existía unha ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora do Carme, que xa a mediados do século XIX estaba arruinada.   
Pazo fortaleza de San Pedro ou de Bembibre: Ano 1413. Pertenceu aos conde de Taboada, orixinarios da torre de Candaz (Pedrafita-Chantada). O edificio, de pedra de cantería, levántase sobre unha planta en forma de U cun anexo no seu lado do mediodía, onde se asenta unha torre de tres andares con remate ameado. Na fachada principal localízase a porta principal formada por un arco de medio punto. Por riba da porta sitúase a heráldica do pazo. No interior salienta o patio con arcadas en tres dos seus frontes con corredor superior. 
Torre de San Mamede.

O VALADOURO 
Casa-torre de Gradaílle.  
Casa-torre de Santa Cruz (Santa Cruz do Valadouro).
Torre-Pazo de Parga (A Torre-Recaré): Ten a orixe no século XV. Pertenceu ao mariscal Pedro Pardo de Cela. Propiedade privada. 
Torres de Recaré: Fala delas Vázquez Seijas na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia (1973). A de San Xiao atópase situada sobre un pequeno castro, construída en granito e lousa á que se lle engadiu posteriormente outra construción. Na actualidade pertence a uns labregos. Descoñécese a quen pertenceu, mais preto dela hai unha fonte coñecida como Fonte do Conde. Na mesma parroquia hai outro edificio no lugar chamado A Torre, edificación con porta de entrada con arco de medio punto como a citada anteriormente. Na parroquia de Santa Cruz existe o lugar do Torrillón, na aldea de Cendemil, que ao parecer pertenceu ao mariscal Pardo de Cela.
 

VILALBA
Casa-forte de Samarugo: Descoñécese a data da fundación. Está situada na parte meridional do Monseivane. Dise que os señores de Samarugo foron os fundadores da aldea e da freguesía que radicaba no lugar denominado Castro ou Castelo. No último terzo do século XV constitúese a casa de Samarugo en centro e cabeza dos señoríos da familia, non téndose noticia de que os seus donos a ocuparan con anterioridade a esa data. No Memorial da casa de Saavedra califíase de moi poderosa en rendas e vasalos. Achega Vázquez Seijas que don Enriquez, señor de Vilalba, As Nogais, Becerreá e outras terras señoreaba tamén, a mediados do século XV, Samarugo, Vilaxoán, Pedrafita e Vilamaior. Cando a visitou Vázquez Seijas a finais dos anos cincoenta do pasado século XX conservábase en regular estado, ostentando na fachada dous escudos coas armas dos Castro, Osorio, Ulloa e Aguiar. 
Torre dos Andrade (Vilalba): Século XI. Doada por Pedro I a Fernán Pérez de Andrade "O Bo". Foi reedificada no s. XIV trala destrución do castelo durante a Revolta Irmandiña. Logo do perigo que correu a principios do século XX en que quixeron derrubala, foi rehabilitada nos anos sesenta do pasado século e convertida en parador de turismo. Do antigo castelo non quedan restos. Declarada como BIC.
Torre de Codesido: Derrubada a mediados do século XX, quedou reducida ás cimentacións. Declarada BIC. 
Torre de Lanzós: Di Vázquez Seijas que a súa orixe hai que situala a finais do século XIII ou principios do XIV. Unha das figuras máis destacadas da torre foi Alonso de Lanzós que segundo López Ferreiro foi un dos adaliles dos Irmandiños na Terra Chá que se levantaron contra o poderío dos Andrade. Na casona actual apréciase o que puido ser o corpo da primitiva torre. Consérvanse dous pequenos escudos moi desgastados. 
Torre de Pude (San Simón da Costa): Pouco se sabe da súa orixe. Vázquez Seijas di, por referencias orais, que data de finais do século XVI ou comezos do XVII tal como figuraba nunha inscrición que desapareceu cando unha reforma efectuada no ano 1952. Os desgastados escudos conteñen as armas dos Montenegro, Andrade, Ulloa, Valcarce e Aguiar.

 

 

VIVEIRO
Murallas da vila (Viveiro): Foi nos séculos XIII e XIV cando se configurou a vila de Viveiro. Unha muralla con torreóns arrodeaba a Cidade do Landro. Ao interior do recinto accedíase por varias portas e portelos. Na actualidade consérvanse restos das antigas murallas e tres portas: a do Castelo da Ponte, a do Valado e a da Vila.
O Castelo (Celeiro): Monte situado a 181 metros de altitude sobre o nivel do mar, domina a ría de Viveiro. Trátase dun promontorio rochoso onde se ven restos de sillares de boa feitura. A construción medieval debeu de erixirse sobre un antigo asentamento castrexo de onde procede un muíño de man.
Monte de San Martiño Castelo (Landrove): Aínda que non existen vestixios a simple vista, crese que no lugar, onde se ergue unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño, houbo unha fortaleza ou torre de vixiancia medieval. Domínase o val do río Landro. 
Torre de Duttón.  
Torre de San Xoán de Covas: Nada se sabe de onde puido estar emprazada esta torre. Di Vázquez Seijas que si se sabe que foi derrubada polos Irmandiños, e que segundo Lence Santar figura comprendida na relación publicada por López Gacía baixo a denominación de Castelo da Cova. Aínda que só como conxectura, puido erguerse nos Castelos da praia de Covas.


XERMADE
Pena do Castelo (Goía-Lousada).
Torre de Roupar: Pertenceu á casa de Amarante. As principais construcións foron derrubadas cando a revolución de Rego contra Ferando VII no ano 1823. Aínda que apenas quedan restos está declarada como BIC polo Xunta de Galicia. 
 

XOVE
Monte Castelo: (Vilachá-Portocelo): O topónimo localízase no cumio que coroa a Punta Roncadoira, no extremo máis septentrional do concello. Segundo a tradición, no lugar houbo un castelo, de feito asegúrase  que apareceron restos cerámicos esparexidos polo monte. Nos afloramentos graníticos abundan as pías, a simple vista naturais.


CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DE OURENSE

ALLARIZ
Castelo da vila (Allariz): Século XI. Á beira do río Arnoia. Consérvanse restos da muralla da vila na parte coñecida como o Socastelo; pertenceu ao conde de Benavente. Destruído polos Irmandiños. Erixido sobre un primitivo asentamento castrexo.
Monte Castelo ou Cima de Vila (Urrós): Nun outeiro con afloramentos graníticos, lindeiro co concello de A Merca. Na vertente deste concello obsérvanse tres liñas de murallas. Atopáronse restos cerámicos. Alterado pola extracción de pedra.
 

 

AMOEIRO
Castelo de Formigueiro (Trasalba): Tamén coñecido como Alba de Búbal, de onde derivaría o topónimo Trasalba. Construído sobre un primitivo asentamento castrexo, só se conservan algúns restos esparexidos pola contorna. O primeiro documento data do século XI. Derrubado polos Irmandiños e logo reconstruído. Cóntase que os veciños dos Chaos salvaron o gando da requisa polas tropas napoleónicas no 1809 agochándoo nos subterráneos abovedados do castelo. Nunha rocha aparece unha gravura medieval dunha espada.


BANDE
Ruínas do castelo (Bande).

BAÑOS DE MOLGAS
Outeiro da Torre (Suatorre-Ambía): Había unha edificación defensiva que foi destruída hai máis de cen anos para reaproveitar as súas pedras noutras construcións modernas.
Fortificación de Guamil: Medieval. Sobre un outeiro granítico. Agás as defensas naturais, só se aprecia un foxo artificial.
A Torre (Vilariño-Lama Má): Torre medieval de control, hoxe desaparecida, que asentaba sobre un pequeno outeiro.

O BARCO DE VALDEORRAS
O Castro: Sábese que o castelo, construído sobre un antigo asentamento castrexo, xa existía no século XII. Vixiaba o camiño de entrada a Galiza. Pertenceu aos condes de Lemos e aos de Vilafranca do Bierzo. No século XV pasou aos condes de Ribadavia. Durante as obras de restauración da arruinada torre a mediados do ano 2012 saíu á luz un alxibe que estaba cuberto de terra, construído no século XIV e ao que se accedía só por unha trapela da cuberta abovedada; máis adiante, no século XVIII e co obxectivo de utilizalo como cárcere, abriuse unha porta. Tamén afloraron restos do primitivo castro.


OS BLANCOS
Castelo da Raíña Loba: En Aguiar, na parroquia de Covas. Restos dun castelo roqueiro situado nun monte granítico datado entre os séculos XIII ou XIV. Nunha rocha hai gravado un taboleiro de xogos de "Alquerque de nove". Asociado a unha lenda. 
 

BOBORÁS
Castelo do Castro Cavadoso (Paradela-Moldes): Pertenceu aos condes de Ribadavia. Foi destruído polos Irmandiños. Aínda se poden ver as ruínas das murallas e doutras edificacións.
Torres de Meixo (Meixo-Xendive): Medieval.
A Torre (O Penedo-Xuvencos): Medieval.

A BOLA
Castellum Berreti (Berredo): Situado no cume dun pico rochoso, a 750 metros de altitude sobre o nivel do mar e entre dous regueiros e sobre un primitivo asentamento castrexo. Defendido de forma natural polas acusadas pendentes. Pódense observar restos de cachotaría de granito espallados polo lugar que ben puideron pertencer a unha muralla e rebaixes artificiais na rocha. Mandado construír polo rei portugués Afonso Henriques o cal lle entregou a súa tenza ao conde Velasco (poblamente o conde Vasco Sánchez de Barbosa). Os primeiros documentos datan do ano 999.

O BOLO
Castelo do Bolo (O Bolo): Séculos XII-XV. Construído por mandato de Dona Urraca, pasou logo aos condes de Lemos. Destruído polos Irmandiños, volveu a reconstruírse a finais do século XVI por iniciativa do conde de Benavente. Ao longo do tempo foi utilizado como canteira, escola, cadea e campo da festa. Restaurado dende o ano 2001, acolle o Centro de Interpretación do castelo. Pertence ao concello do Bolo. Tiña planta rectangular con sete cubos e a Torre da Homenaxe. A torre, que non conserva as ameas, foi reedificada por Xoán Pimentel no s. XIV; ten planta cadrada con tres andares e soto. Tamén se consevan parte da muralla e un alxibe.

CALVOS DE RANDÍN
Castelo da Picoña: Século XII. Situado na raia con Portugal, no outeiro da Almena, na marxe esquerda do río Salas. Defendía o Couto Mixto. Foi derruído polas tropas castelás no ano 1650. Conserva os alicerces e un alxibe escavado na rocha.

O CARBALLIÑO
Castelo de Orcellón: Nada se sabe sobre a fundación deste castelo nin da súa situación exacta. Se o situamos no Carballiño é por unha ambigua da Historia Compostelana. Si se sabe que pertenceu a Dona Urraca e que no 1121 a raíña retivo nel ao arcebispo Xelmírez. Foi derrubado polos Irmandiños no ano 1467.

CARTELLE
Fotaleza de Sande: Século XII.XIV. Construída sobre un espectacular outeiro granítico sobre o río Arnoia, no lugar onde posiblemente houbo un primitivo asentamento castrexo, para a vixiancia e defensa das terras da súa xurisdición. Consérvase a torre de 13 m de altura, ten planta rectangular e tres andares. Na parte superior, de onde desapareceron as ameas, sobresaen un grupo de ménsulas. Ao interior accédese por medio dunha porta con arco semicircular coa pedra armeira dos Sande. Nos muros pódense ver os signos pétreos dos canteiros. No ano 1141, o rei Afonso VII dooulla ao mosteiro do Salvador de Celanova logo de que o señor da torre, Nuno Sande, matara ao seu abade. Xogou un importante papel no ano 1165, cando as loitas entre Fernando II e o rei portugués Afonso Enriques. Declarada monumento de interese nacional no ano 1949. 
 

CASTRELO DE MIÑO
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Sobre o primitivo castro ergueuse unha torre na Alta Idade Media e da que non se conservan restos. No mesmo lugar construíuse a actual igrexa de Santa María de orixe románica. 
 

CASTRO CALDELAS
Castelo de Castro Caldelas: Séculos XII-XV. A principios do século XIV, Afonso XI cedeulle o castelo aos condes de Lemos. Os Irmandiños, que o destruíron no ano 1467, foron obrigados por Pedro Álvarez Osorio a reconstruílo despois da derrota. Por orde do xeneral Loison, foi incendiado no ano 1809 como represalia pola morte duns soldados napoleónicos, feito que provocou a perda de inestimables documentos referidos ao castelo e á propia vila. De altas murallas, ten uns torreóns ameados situados nos vértices. Sobre as súas portas aparecen as pedras armeiras dos Lemos. No patio de armas consérvanse un alxibe e un forno. Acolle o Museo Etnográfico. Declarado como BIC.

CELANOVA
Torre da Homenaxe (Vilanova dos Infantes): Séculos XII-XIV. Do castelo erixido por Guterre Menéndez e Santa Ilduara, pais de San Rosendo, só se conserva a Torre da Homenaxe, construída en cadeirado de granito, de planta cadrada e 19 m de altura. Os primeiros propietarios foron os monxes de Celanova. Logo pasou a Fernando de Castro que o tivo baixo o seu señorío ata o ano 1369 en que o rei o obriga a cedérllelo a Xoán Rodríguez de Biedma e aos seus herdeiros os condes de Monterrei. Derrubado polos Irmandiños, foi reconstruído a mediados do s. XVI. A Fundación Terra de Celanova mantén aquí unha exposición permanente sobre o xacemento arqueolóxico de Castromao e a Idade Media. Declarada como BIC.
Fortaleza de Milmanda (Alcázar de Milmanda): Situada nun outeiro sobre o río Tuño, ao parecer foi construída sobre un asentamento de época romana. No século X pertencía ao mosteiro de Celanova, e no XII foi reconstruída e cedida en señorío a Sancho Eanes. Foi ocupada por Fernando I de Portugal. No século XV foi destruída polos Irmandiños quen logo foron obrigados a erguela de novo. No século XVIII, xa en plena decadencia, construíuse no lugar a igrexa de Santa María de Milmanda, utilizando de campanario unha das torres do castelo. 
 

CENLLE
Castelo da Pena ou Coto dos Mouros (A Pena-Cenlle): Medieval. Levantado sobre un primitivo castro, desapareceu no século XVIII. Pertenceu aos condes de Ribadavia. Aínda se pode ver un alxibe escavado na rocha. Apareceron fragmentos cerámicos castrexos e medievais.
Castelo Alto (Pereiro-Cenlle): Medieval. Trátase dun promontorio rochoso aproveitado mediante socalcos con protección natural polos lados sur e leste. Restos de muros. Cerámica en superficie.
Castelo do Campo (O Campo-Esposende): Medieval. Nun promontorio granítico de escasa elevación pero estratexicamente situado e protexido de forma natural. Restos de muros asentados mediante rebaixes sobre as rochas. Fragmentos cerámicos.
Castelo de Roucos (Roucos-Pena): Medieval. Situado nun afloramento granítico con muros de cachote de grande espesor. Desapareceu no século XVIII. Atopouse un escudo coas armas dos Samiento, hoxe en día en paradoiro descoñecido. Foi lugar de extracción de pedra que alterou de forma irreversible o xacemento.

COLES
Torre de Albán (Coles): Reconstruída no século XV.

CUALEDRO
A Reboleira (As Estibadas-Atás): Asentamento medieval emprazado no cume dun outeiro rochoso. Pódense ve varios rebaixes na rocha granítica destinados para o encaixe dos lenzos dos muros e vigas, posiblemente de madeira. Polo lugar hai numerosos anacos de tella de cubrición. Trataríase dunha torre de vixiancia relacionada co castelo de Trasmiras.
Torre de Lucenza (Lucenza): Pertenceu aos condes de Monterrei. No ano 1710, durante os conflitos con Portugal, transformouse en forte. Na actualidade non se conservan restos. Hai un deseño na biblioteca de Lisboa.
Pedra Mouriña (Lucenza): Trátase dun asentamento medieval fortificado no que se aprecia unha muralla cun foxo, así como lenzos dos muros pertencentes a posibles edificacións. As rochas conservan as marcas de apoio.

ENTRIMO
O Castelo (Ferreiros de Arriba-Entrimo): Parece que o lugar acolleu unha torre. Apréciase unha planta octogonal conformada por un montón de pedras. Domínase o val do río Agro.
Pía da Moura (Galez): Promontorio rochoso que acolleu algún tipo de edificación defensiva erixida sobre un primitivo asentamento castrexo. Ademais dos rebaixes nas rochas, pódense ver escaleiras feitas de pedra e escavadas na propia rocha.
O Castelo (Guxinde-Pereira): Situado nas inmediacións das Penas de Ananán. Obsérvanse varios rebaixes nas rochas. Acolleu unha torre defensiva.

ESGOS
Castelo de Litoria (Arcos-San Pedro de Rocas): Época sueva?. Construído a 886 m de altitude sobre un primitivo asentamento castrexo. No lugar hai unha pedra cunha inscrición datada a finais do século VI dun tal Dux Leovigildus.
Información recollida do blogue de Antonio G. Rodicio: "De la Ribera Sagrada".

LAZA
A Pena Rachada (Baldriz): Segundo a tradición, no lugar houbo un castelo de época medieval. Dise que comunicaba co da Pena, en Xinzo, e co de Sandiás. No lugar hai un vértice xeodésico que foi removido polas máquinas.

LEIRO
Castelo de Pena Corneira (Lamas): O pouco que se sabe sobre o castelo é pola Historia Compostelana. Sábese que no século XII pertencía a Arias Pérez, fillo de Pedro Arias de Deza, casado con Ilduara, filla do conde de Traba. Cando a coronación de Afonso VII, non o recoñeceu polo que tivo que ser sometido polo arcebispo Xelmírez. O famoso prelado compostelán estivo preso na fortaleza denantes seren trasladado ao castelo de Lobeira, en Vilagarcía de Arousa. O castelo estaba asentado nunha estreita plataforma que coroa un destacado outeiro que ofrece unha ampla visibilidade. Na parte superior foron localizados restos cerámicos medievais e fragmentos de tellas. No oeste existen grandes batolitos graníticos que estarína integrados no perímetro defensivo da fortaleza.

LOBIOS
O Castelo (A Vila-Araúxo): Edificado no século XII, pasou aos condes de Monterrei no século XV. Aínda que non existen documentos que o confimen, semella que foi destruído durante a Revolta Irmandiña. Tivo un importante protagonismo cando a guerra pola independencia de Portugal. Na actualidade atópase en ruínas. Tratábase dun castelo roqueiro erixido nunha zona con boas defensas naturais, reforzadas con murallas, torreóns e foxo escavado na rocha.
A Fraga Raxada (A Cela): Medieval. Torre emprazada no cume dun montículo roqueiro. Apenas se conservan restos.
O Castillo (Compostela-Manín): Sobre un pequeno outeiro situado entre dous regatos. Ao parecer, tratábase dunha torre medieval da que só se conserva a cimentación xa que as pedras foron reaproveitadas noutras construcións modernas.
Castelo de Donas ou Ventosiño (Manín): Medieval. Torre de vixiancia construída sobre un altorelo rochoso. Polo lugar aínda se atopan pedras provenientes da construción e os rebaixes na rocha para encaixar as vigas.
Castelo da Raxeira (Bouzas-San Paio): Medieval. Castelo roqueiro.


MACEDA
Castelo de Maceda (Maceda): A orixe remóntase ao século XI. A fortaleza, xunto cos seus dominios, foi doada como dote de María Fernández, filla do conde de Traba, co gallo dos seus esponsorios con Xoán Ares de Novoa. Os Irmandiños, capitaneados por Diego de Lemos, arrasáronno no século XV. No s. XVII era conde de Maceda e señor do castelo, Alonso de Lanzós e Novoa, descendente do dirixente Irmandiño Alonso de Lanzós. Nos anos noventa do s. XX, a arruinada construción pasou ao Concello de Maceda que iniciou diversas obras de reconstrución non exentas de polémica. Está construído con perpiaño de granito. A Torre da Homenaxe é o edificio máis antigo (s. XI). Nas pedras pódense ver as marcas dos canteiros. Segundo a tradición, foi aquí onde Afonso X aprendeu o galego. Tamén se di que naceu o navegante portugués Joâo de Novoa.
 

MANZANEDA
Murallas da vila (Manzaneda): Século XII.
Castelo de Manzaneda: Situado na parte máis alta da vila. Quedan restos das murallas, dunha porta, columnas e capiteis. No século XIV os seus propietarios eran os condes de Lemos, pasando a finais do s. XV aos condes de Ribadavia. Logo de seren derrubado polos Irmandiños, foi reconstruído no s. XVI.

MASIDE
Torre de Mundín (Garabás): Utilizada como adega.
Torre de Santa Comba de Trevoedo (Trevoedo).

A MERCA
Torre de San Pedro da Mezquita: Só se conserva unha pedra armeira situada nunha vivenda que noutrora formara parte do castelo.
Outeiro do Castro (Corvillón): Amosa toda unha secuencia arqueolóxica de ocupación dende época castrexa ata a Baixa Idade Media. Castro con materiais romanos e ao seu pé un asentamento de época romana, tardorromana, altomedieval e con perduración quizais ata o século X-XII, necrópole de cronoloxía altomedieval, posible fortificación baixomedieval e unha ermida, quizais altomedieval con pervivencia ata finais da Baixa Idade Media que sería o derradeiro vestixio desta secuencia de poboamento.
Monte Castrelo (A Mezquita): Castelo roqueiro cunha torre central. Situado no límite entre Allariz e A Merca. Apareceron restos cerámicos. Datado no século I-XII.

MONTERREI
Castelo de Monterrei: Séculos XII-XIII. Crese que se erixiu no lugar que ocupaba o castro de Baronceli. Pertenceu aos Ulloa, Zúñiga, Biedma, Fonseca, Acevedo e Alba. Foi mandado construír por Afonso Henriquez, neto de Afonso VI. No ano 1136 foi refuxio de Pedro I "O Cruel", no decurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. No 1506, Filipe o Fermoso reuniuse nel co Cardeal Cisneros. Aquí imprimiuse o Missale Auriense, o primeiro libro editado en Galiza, coa imprenta de tipos móbiles. O castelo consta de tres recintos amurallados. Un dos accesos presenta unha ponte levadiza. A Torre da Homenaxe, de 22 m de altura, foi construída no século XV, en tempos do primeiro conde de Monterrei, Sancho Sánchez de Ulloa; é de planta cadrada coroada cunha barbacá con oito cubos. A Torre das Damas é anterior (s. XIV), acaroada ao pazo renacentista do s. XVI. No interior acolle unha igrexa gótica dos séculos XIV e XV. Declarado como BIC. 
O día 20 de febreiro de 2014 confirmouse: segundo a directora de Paradores do Estado, co aval da Xunta de Galicia, vaise construír un parador no castelo. Dende logo chama a atención que queiran un novo parador cando a poucos metros xa hai un que, por falla de rendibilidade económica, non funciona. Ao despilfarro que supón a obra, hai que engadir que se van modificar, é dicir, alterar, as construcións medievais, ademais de impedir que o público poida acceder despois ás instalacións, se non é, claro, como cliente.  
Torre da Atalaia: Torre fortaleza construída no monte de San Salvador no ano 1664, a uns 200 metros do castelo de Monterrei.
Castelo de Lobarzán: En Vilaza. Situado a 655 metros de altitude sobre o nivel do mar no Monte das Chás, coñecido tamén como Monte do Castelo. Erixido no século IX sobre un primitivo asentamento castrexo durante o reinado de Afonso IX (1188-1230) que mesmo chegou a residir nel ocasionalmente. A fortaleza foi utilizada para a defensa do Támega, preferíndoo ao emprazamento do despois poderoso castelo de Monterrei, feito debido, probablemente, á oposición do mosteiro de Celanova, o seu propietario, a permitir no lugar calquera tipo de construción. No ano 1217, o rei entregoullo como dote ás súas fillas Sancha e Dulce. A finais do século XII os bispados de Ourense e Braga preitearon polo control dos territorios de Cabreiroá e Lobarzán. Pola documentación sábese que no ano 1292, por presión do mosteiro de Celanova, o rei Sancho IV ordenou a Pay Méndez que non volvese a molestar aos veciños dos coutos de Pazos, Verín e Mixós para traballar nunhas obras que se estaban a realizar no castelo xa que endexamais estiveran suxeitos a tales obrigas.
Fortaleza de Montecelo (Medeiros): Século XVII. Formaba parte do sistema de vixiancia da "raia" que servía de apoio ao castelo de Monterrei durante o conflito con Portugal. Existen hipóteses que sitúan aquí un antigo asentamento castrexo e/ou romano. No ano 2008, por mor dunha denuncia de Adega, a empresa de telefonía Movistar foi obrigada a cambiar o emprazamento dunha antena que estaba a colocar a dez metros do xacemento.
Para saber máis sobre a historia de Monterrei, pódese ver o meu blogue: Patrimonio do concello de Monterrei.

 

 

MUÍÑOS
Torre: Figura declara como BIC. Ao parecer tratábase dunha torre defensiva. 

OÍMBRA
A vila tivo un castelo que foi incendiado e destruído no ano 1641 polos portugueses; os veciños tiveron que refuxiarse na capela de Santa Ana, no monte de Soutullo.

OURENSE
Castelo Ramiro: Séculos XIII-XV. Non se conservan restos. Fundado polo bispado de Ourense a principios do s. XIII, no lugar coñecido como Castrum Ramirum. No 1366, por mor dos enfrontamento entre o Concello e o bispado, foi destruído, volvendo a erguerse por orde do bispo Pascual García no ano 1382, converténdose no referente da opresión sobre a Cidade das Burgas. Logo da Revolta Irmandiña pasa aos condes de Benavente que continúan cos abusos o que provoca o levantamento da cidade. Os Reis Católicos ordenan a súa destrución definitiva no ano 1486.

PADERNE DE ALLARIZ
A Torre (A Torre-Figueiroá): Tamén coñecida como Torre Murquiz. Século XV. Moi modificada, na actualidade adícase a corte para os animais e almacén. Nun lintel distínguese un escudo moi erosionado dos Castro. Dise que na torre había un cárcere e aqueles presos que conseguían fuxir e chegar á igrexa quedaban ceibes.
 

PADRENDA
Castelo de Desteriz.
O Castelo (San Pedro da Torre): Século X-XIII. Castelo roqueiro cun gran domininio visual que aproveita as afloracións rochosas. Tiña unha muralla e, ao menos, unha torre.
Torre de Grixó (San Pedro da Torre): Levantada entre o 1580 e o 1660, durante as guerras con Portugal. Foi recuperada como casa de turismo.

PARADA DE SIL
A Fortaleza: En A Torre, parroquia de Barxacova. Consérvanse restos dunha casa coñecida como A Fortaleza, con pedra armeira do século XVI.

PEREIRO DE AGUIAR
Castelo de Aguiar de Pedraio: Polos documentos de doazón feita por Afonso VIII, rei de Galiza e León, á súa dona Berenguela, parece que a súa localización se atopaba na aldea de Pedraio, na parroquia de Santa Marta de Moreiras. Xa existía, cando menos, dende o século XIII. Declarada como BIC, no catálogo figura como Torre de Pereiro de Aguiar.
Torre-Pazo da Lamela (A Lamela): Medieval. Pertenceu á casa da Pena. Edificio formado por varios corpos rectangulares unidos entre si do que destaca a torre rectangular que lle dá nome cunha interesante ventá gótica.

A PEROXA
Castelo de Fontearcada (A Peroxa): Moi alterado por construcións modernas, apenas se conservan restos. Declarado BIc.
Castelo da Peroxa (A Perxoa Vella-A Peroxa): Século XIII. Construído nun outeiro sobre o regueiro Rial, ocupa o lugar dun antigo asentamento castrexo. De orixe descoñecida, hai autores que sitúan a primeira construción no ano 793, durante o reinado de Afonso II. Segundo a lenda, o castelo foi conquistado polos árabes, mais, grazas ao Apóstolo Santiago que chegou voando sobre o seu cabalo, reconquistouno. No ano 1370 pasou a Pedro Ruiz Sarmento, primeiro señor de Ribadavia. No século XV foi destruído polos Irmandiños. Ao longo dos séculos, os veciños da Peroxa foron vasalos dos condes de Ribadavia, Maceda, Vilamarín e do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Na segunda década do s. XX mercouno Artemiro Fernández quen vendeu as pedras da Torre da Homenaxe e boa parte dos muros para a contrución da igrexa parroquial. Construído en perpiaño granítico, ten planta poligonal reforzada por catro torreóns semicirculares. Nun dos torreóns, situado xunto á porta de entrada, ábrese unha seteira. No interior pódese ver un alxibe. Declarado BIC. 
 

A POBRA DE TRIVES
Pena Folenche: Nunha grande rocha aínda se poden ver os alicerce do que puideron ser os restos dunha torre medieval.

PORQUEIRA
Torre da Homenaxe (A Forxa): Século XII. Xunto coas da Pena, Sandiás e Celme, a torre da Forxa foi construída para prever as posibles invasións de Afonso Henriques de Portugal. No ano 1157, o rei galego Afonso VII doouna ao bispado de Ourense. No 1387, durante as guerras de sucesión entre Pedro I "O Cruel" e Enrique II, foi ocupada polo duque de Lancaster. Asaltada polos Irmandiños no século XV, non chegaron a derrubala. Construída en cadeirado de granito, é o único vestixio que queda do desaparecido castelo que a circundaba. Ata o ano 1837 acolleu o concello da Peroxa. Logo pasou a mans particulares, e con elo chegou o deterioro.

RAIRIZ DE VEIGA
Castelo de Celme (Congostro): Ano 1139. Arruinado. Construído por Afonso Henriques, pasou logo aos condes de Ribadavia. Destruído polos Irmandiños no s. XV. Foi ocupado polas tropas inglesas do duque de Lancaster, casado cunha filla de Pedro I, cando a guerra polos dereitos dinásticos da coroa de Castela.
Castelo da Sainza (Rairiz de Veiga): Século XVIII. Trátase dunha pequena torre cuadrangular erixida sobre unha rocha. Xunto dela celébrase a afamada Romaría da Sainza onde se lembra a loita entre cristiáns e musulmáns. Declarado BIC.

RIBADAVIA
Castelo de Ribadavia: Século XI-XV. Algúns historiadores retrotraen a fundación aos primeiros anos da Reconquista. Foi ampliado durante o reinado do galego García. Outro rei galego, Afonso VII, resistiu no castelo o ataque dos partidarios de Dona Urraca. No 1375, Henrique de Trastámara concedeulle o señorío de Ribadavia a Pedro Ruiz Sarmiento. No 1467 foi derrubado polos Irmandiños, e no 1470 os veciños mataron a lanzadas á condesa de Santa Marta, viúva do conde. Pedro Madruga, o seu sobriño, atacou Ribadavia para vingala. Foi abandonado no século XVII, cando os condes fixan a súa residencia no pazo situado na Praza Maior da vila. Despois do abandono, moitas das súas pedras foron utilizadas na construción de casas. Das sete portas de acceso só se conservan tres. A porta principal, con arco de medio punto e a pedra armeira dos Sarmiento na clave, está flanqueada por dous torreóns. Tampouco quedan restos da Torre da Homenaxe nin da meirande parte das divisións interiores. Nas escavacións realizadas por Chamoso Lamas puxéronse ao descuberto vinte sepulcros antropomorfos pertencentes a unha necrópole dos séculos XI e XII. Hai poucos anos apareceron un pozo e un alxibe. Declarado BIC.

SANDIÁS
Torre do Castro (O Castro-Sandiás): O desaparecido castelo foi levantado sobre un antigo asentamento castrexo na primeira metade do século XII. No 1386 foi destruído polo duque de Lancaster cando pretendía o trono de Castela. No ano 1467, cando estaba baixo o dominio dos condes de Benavente, foi arrasado polos Irmandiños. Foi posesión dos señores de Maceda, Benavente, Viana e Monterrei. Só se conserva a arruinada Torre da Homenaxe. Declarado BIC.

SAN CRISTOVO DE CEA
Castelo dos Mouros: Asentamento fortificado de época medieval.
Outeiro dos Mouros: Asentamento fortificado de época medieval.

SAN XOÁN DO RÍO
A Torrevella (A Torre Vella-San Xoán do Río): Aínda que non existen restos, parece que existiu unha torre medieval cuxas pedras se utilizaron para a construción do castelo de Castro Caldelas.

TABOADELA
Torre de Torán: Ruínas. A torre que se conserva formou parte dun antigo castelo. De planta rectanglar, ten 12 metros de altura. En tres dos lenzos laterais ábrense unhas troneiras; no outro sitúase a porta de acceso, con arco apuntado e tímpano dunha peza. Declarada BIC.

A TEIXEIRA
Pena do Castelo (Cristosende): Asentamento fortificado medieval situado nun esporón rochoso no canón do río Mao. Os únicos vestixios son os rebaixes feitos na rocha.

A VEIGA
O Castelo (Casdenodres): Asentamento defensivo de época medieval situado nun pequeno outeiro. Aprécianse rebaixes na rocha e o terreo presenta dous niveis.
O Castelo (Edreira): Nun pequeno altorelo. Vense rebaixes nas pedras para asentar construcións. Terreo aterrazado en tres niveis.

VERÍN
Murallas da vila: Durante a Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), Verín convértese nun importante enclave defensivo do castelo de Monterrei e o paso dende Portugal cara a provincia de Ourense dende Chaves, defensas que tiveron a súa orixe na Baixa Idade Media. No ano 1949, Xesús Taboada Chivite daba a coñecer un baluarte que formaría parte da fortificación da vila. Taboada propón o trazado da muralla que, partindo de dito baluarte, circunscreve o que na actualidade se considera o casco histórico de Verín, anque ampliándoo polo leste, o noroeste e o lado norte. De época medieval consérvanse os restos dun torreón de planta cuadrangular, hoxe en día adicado a adega.

VIANA DO BOLO
Torre de Viana: Erixida sobre un castro no século IX, como defensa contra os esporádicos ataques dos árabes, foi reedificada por Fernando II no ano 1180. A Torre da Homenaxe é o único vestixio que queda do antigo castelo. Consta de tres corpos, cunha planta cadrada de 10x10 metros e unha altura de 18 metros. O soto da torre, con bóveda de canón, está reforzado con arcos faxóns apuntados. Pertenceu a Pedro Osorio de Castro, o conde de Trastámara, e máis tarde Filipe II dooulla a Pedro Pimentel de Velasco, fillo do conde de Benavente. No século XV, despois da Revolta Irmandiña, tivo que ser reconstruída. Durante as guerrras carlistas do século XIX abríronse unhas seteiras para vixiancia. Foi utilizada como cárcere da vila. Moi ben conservada, acolle o Museo Etnográfico. Declarada BIC.
A Vila de Sen (Bembibre): Asentamento fortificado medieval que posiblemente estivo ocupado dende a Idade do Ferro. Consérvanse dúas construcións angulares que popularmente adoitan relacionarse cunha vella igrexa e un cemiterio.
O Castelo (Mourisca): Sobre un outeiro que se ergue na penichaira entre os regueiros de San Mamede e Pontón. Atopáronse fragmentos cerámicos de época medieval. Nunhas pedras poden verse unhas gravuras con dous cruciformes e un cadrado cun punto insculpido no seu interior.
A Escrita (Mourisca): Nunha penichaira, entre os regueiros de San Mamede e dos Balsos. Pódense ver varias rochas con gravuras, unha con dous cadrados que á súa vez teñen outros catro inscritos, unidos por liñas. Noutro represéntanse outros dous cadrados con outros inscritos no seu interior pero, neste caso, sen unirse o un co outro.
O Castelo do Estevo (Paradela): Sobre un outeiro rochoso. Crese que cumpría labores de vixiancia da fortaleza de Viana do Bolo.
O Castrillón (Tabazoa de Umoso): Entre as aldeas de Dradelo e Tabazoa de Umoso, sobre un esporón nun meandro do río Bibei. Posible función de torre de control de paso sobre o curso do río Bibei.

VILAMARÍN
Castelo-Pazo de Vilamarín: De orixe descoñecida, sábese que o antigo castelo foi doado polo rei galego Afonso VII ao tenente do castelo de Allariz, pasando logo aos condes de Ribadavia. Despois da destrución polos Irmandiños foi convertido en Pazo polo conde de Maceda. Durante os séculos XIX e XX pasou por varias mans ata que foi mercado pola Deputación de Ourense no ano 1976 en que se comezaron as obras de restauración que remataron no ano 1987. En perfecto estado de conservación, acolle a obra do pintor ourensán Xaime Quesada.

VILAR DE BARRIO
Monte Castelo: Na parroquia de Padreda. Coñecido na Idade Media como Castellum Sancti Iohannis, foi construído sobre un antigo castro. Aínda se poden apreciar os alicerces dalgún muro escavado na rocha. Apareceron pezas cerámicas de época castrexa, romana e medieval.

VILARDEVÓS
Castelo da Pena: Medieval. Contaba con muralla e foxo. Estragado por unha canteira e unha pista. Atopáronse tellas, moedas, fragmentos cerámicos, útiles de ferro, etc. Lindeiro co concello de Riós.
Asentamento fortificado de Vilardevós: Situábase nunha penichaira. Totalmente destruído.

XINZO DE LIMIA
O Castelo ou A Torre Vella (Ganade): Situábase na parte alta do pobo. Na actualidade forma parte doutras construcións. Segundo os veciños, antigamente "había pedras escritas" e a torre tiña unha cruz no alto. 
Torre da Pena (A Pena): Século XII. Chamada tamén Torre da Portela. Xunto coas torres de Sandiás, Porqueira e Celme formaba parte das construcións erixidas para prever os intentos de invasión de Afonso Henriques de Portugal. No ano 1386, cando pertencía aos Biedma, foi conquistada polo duque de Lancaster. Logo pasou aos condes de Monterrei aos que lle disputaron a súa posesión os condes de Lemos. É de planta rectangular con tres andares, os dous últimos cubertos con bóveda de canón. Declarada BIC.
 

 

XUNQUEIRA DE AMBÍA
Torre da Pousa (A Pousa-Armariz): Medieval, pertenceu aos señores de Armariz e logo ao marqués de Bóveda de Limia. Situábase nun promontorio rochoso. Acaroada a unha casa moderna, só se conservan os alicerces. A torre foi desfeita para facer as casas do pobo. (Información achegada por José Antonio Gavilanes).


CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

AGOLADA
Castelo de Borraxeiros: Século XV. Para a construción do pazo do século XVII que vemos na actualidade utilizáronse as pedras do antigo castelo dos Altamira derrubado polos Irmandiños.

BAIONA
Castelo de Monte Real (Baiona): Aínda que a muralla data da segunda metade do século XIV, o castelo xa existía no século X, no lugar que acollera un antigo asentamento castrexo. O conxunto actual mostra elementos militares defensivos con outros máis modernos (Parador de Turismo). Conserva tres portas: a do Sol, que é a máis antiga; a Real, do século XVI, coa pedra armeira dos Austria; e a de Filipe IV. Canto ás torres, salientan a Torre do Reloxo, ameada, que agochaba unha campá para dar a alarma en caso de ataque inimigo; a Torre da Tenaza que tiña como cometido defender o porto; e a Torre do Príncipe que actuaba como faro e que quizais deba o nome a que nela estivo prisioeiro, cara o ano 1137, o príncipe portugués Afonso Henriques.

CALDAS DE REIS
Torre de Caldas: Segundo recolle o cardenal Jerónimo del Hoyo no ano 1607, a torre fora mercada pola mitra compostelá ao rei. Filgueira Rei di que nos comezos do século XIII a torre pertencía á mitra, e nela tiña fixada a súa sé o pazo arcebispal, ao menos no ano 1214. Segundo unha inscrición dunha pedra da torre datada no ano 1228, a construción fora modificada, variando a primitiva traza románica. No século XVII, o arcebispo Andrés Girón afora a torre a Alonso Troncoso de Lira e Soutomaior, segundo un documento do ano 1674, pasando a ser residencia das persoas que desenvolvía o cargo de xuíz. Con motivo da Desamortización, a torre queda abandonada. No ano 1879, solicítase ao arcebispo compostelán a súa demolición para aproveitar as pedras na construción da nova igrexa. Así, no ano 1891, a "Torre de Dona Urraca" foi derruída definitivamente. (Información recollida de Arquitectura militar y aspectos constructivos de las fortalezas bajomedievales. Origen, función, contexto y evolución de las fortalezas de Altamira, Vimianzo y Cira, de C. J. Galbán Malagón. 2011).

CAMBADOS
Torre de San Sadurniño (Cambados): Século X. Construída no illote da Figueira para a defensa da cidade. No século XIII foi reformada polo arcebispo Xelmírez. Destruída polos Irmandiños, mandouna reconstruír Suero Gómez de Soutomaior. Foi abandonada definitivamente no século XVIII. Totalmente arruinada, apenas quedan en pé parte de dous muros. Declarada BIC.

CANGAS
Castelo de Darbo ou Daravelo: Formado por un grupo de casas protexidas por unha muralla. Pertenceu á mitra compostelá dende o ano 1184. Derrubado polos Irmandiños. Na actualidade sobrevive pouco máis ca o nome, agás algunha ruína perceptible.
Monte Facho: Consérvase unha garita que formou parte dun posto de vixiancia costeira construído no século XVIII. Nalgún momento actuou como faro.

CATOIRA
Torres do Oeste (Oeste): Séculos IX-XI. O Castellum Honesti foi construído por mandato de Afonso III na desembocadura do río Ulla para defender Compostela dos ataques dos pobos escandinavos e dos sarracenos. Segundo a documentación, Afonso V reconstrúeo no século XI, e a principios do XIII pasa á Mitra Compostelá. Hoxe en día consérvanse dúas torres das sete que tivo. No século XVIII as súas murallas resistiron os ataques ingleses. Apegada a unha das torres atópase a capela de Santiago, construída no ano 1122. Abandonado longo tempo, no ano 1970 iniciáronse as obras de restauración. No primeiro domingo do mes de agosto celébrase a afamada Romaría Viquinga.


COTOBADE
Castelo de Tenorio: Ou do Couto do Abade. Ruínas. Levantábase no monte Castelo. Logo de ser conquistado polos Irmandiños, o conde de Caminha, Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), puido reconquistalo, malia tenaz defensa dos viláns capitaneados por Gómez Pazos, grazas á traizón dun criado que revelou os puntos máis febles.
Coto da Torre (Rebordelo): Medieval. Sobre un outeiro rochoso que domina o val do río Almofrei. Pódense ver pedras graníticas de boa feitura e rebaixes nas rochas. Apareceron tellas. Nunha peneda hai unha inscrición de término cunha chave e a letra T.

CRECENTE
Torre de Fornelos: Situada en San Pedro de Crecente, xunto o río Ribadil. Dise que a súa orixe remóntase a unha construción de época romana. Derrubada no século XI, sobre os seus restos ergueuse, no 1111, o castelo. Foi escenario dos combates entre Afonso VII, rei de Galiza, e Afonso Henriques, rei de Portugal. Destruído polos Irmandiños, foi mandado reconstruír por Pedro Madruga quen tivo preso na Torre da Homenaxe ao bispo de Tui. A torre, de planta cadrada con tres andares e soto, mide 19 metros de altura. Ao interior accédese por unha escalinata que se atopa no primeiro andar.

A ESTRADA
Torre de Guimarei: A torre é o único vestixio que queda do desaparecido castelo construído no século XII. Foi derrubado polos Irmandiños no século XV. No s. XVII agregóuselle o pazo. De planta cadrada, ten 15 metros de altura. En todos os muros ábrense seteiras.
Castelo da Barreira (Riobóo): Século XII. Os poucos restos que quedan do antigo castelo están comidos pola matogueira. Derrubado por orde do bispo Xelmírez, foi reconstruído por Pedro Enríquez de Castro no s. XIV que tivo que entregarllo á Sé Compostelá que alegou que era da súa propiedade. Derrubado durante a Revolta Irmandiña. A documentación fala de que o castelo tiña tres patios, a Torre da Homenaxe e unha capela posta baixo a advocación de Santa Mariña.


FORCAREI
Torre de Barciela (A Barciela-Castrelo): Torre de alarma utilizada para chamar aos veciños ante unha eventualidade. Construída no século XV, ten planta cadrada con muros de cachotaría de granito. A parte superior, á que se accede por medio dunha escaleira exterior, está formada por unha espadana.
Torre do Castro de Montes: Derrubada polos Irmandiños.

FORNELOS DE MONTES
Torre de Alemparte (Chans de Vilán): Século XII. O desaparecido castelo foi destruído polos Irmandiños no ano 1467. Quince anos máis tarde foi cercado, por orde do bispo de Tui, polas tropas do corrixidor de Baiona que non lograron apoderarse das ruínas polo que tiveron que reccorrer a Pedro Madruga quen, finalmente, conseguiu conquistalo. No ano 1893, os poucos restos que quedaban foron desfeitos definitivamente. 

GONDOMAR
Fortaleza do Monte Galiñeiro: Estaba situado nun impoñente promontorio rochoso. Parecer ser que apareceron algúns restos das murallas. Declarada BIC.   

A GUARDA
Torre da Atalaia (A Guarda): Construída polos portugueses que invadiron a vila da Guarda no ano 1665. No 1779 foi reconstruída para salvagardar o porto de entrada de barcos piratas. Destruída no ano 1945 por un contratista que estaba a realizar obras no porto a pesares da oposición unánime da Corporación Municipal.
Castelo de Santa Cruz (A Guarda): Recibiu o nome en honra do marqués Álvaro de Bazán, marqués de Santa Cruz, morto no ano 1588 cando estaba a preparar a saída da Armada Invencible cara as costas inglesas. A construción comezou no ano 1663 trala toma da fortaleza de Goián polas tropas portuguesas para o que se utilizaron as pedras da muralla que arrodeaba a vila. Na actualidade apenas se conservan restos da construción orixinal.
Murallas da vila: Consérvanse algúns vestixios do antigo recinto murado.
 

A ILLA DE AROUSA
Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, di que a casa do prior de Vilanova, situada na Illa de Arousa, estaba preto dun pequeno monte onde se conservaban pedras "dunha torre moi antiga", que se levantaba ao oriente "distante un tiro de fusil". Conta que cincoenta anos atrás aínda estaba en pé, e que os últimos restos foran derrubados polo vento seis anos antes. 

LALÍN
Monte do Castelo: Fortaleza que se situaba no monte Carrio, construída no século XIII polos Suárez de Deza.
Torre de Galegos: Erixida no século XIII polos Suárez de Deza.
Torre de Lalín: Mandada construír no século XIII polos Suárez de Deza sobre un antigo asentamento suevo.
Torre de Valouta (Muimenta): Construída no século XIII polos Suárez de Deza.

MARÍN
Castelo de San Fernando (Marín): Século XVII. O terreo foi ocupado polas dependencias da Escola Naval.

MOAÑA
Torre de Meira (Reibón-Meira): Medieval. Levantábase nun promontorio de pequenas dimensións. Escavada no ano 1976, localizouse os cimentos dunha torre que, segundo Villaverde, era case cadrada, protexida por unha muralla. Apareceu material cerámico, metálico e ósos. Alterada por escavacións e demolicións.

MONDARIZ
Castelo do Sobroso (Vilasobroso): Séculos IX-XV. A primeira referencia ao castelo é do século X, de cando o rei Vermudo II se refuxia nel no ano 983 durante a guerra entre os seus partidarios e os de Ramiro III de León. En tempos do rei galego Afonso V é conquistado por Almanzor. A finais do s. XI, Dona Urraca, condesa de Galiza, cédello ao bispo de Tui. No ano 1117 a mesma Dona Urraca, que casara en segundas nupcias con Afonso I de Aragón, foi cercada polo exército do seu fillo Afonso VII o que a obrigou a fuxir por un suposto pasadizo que saía xunto o río Tea ou, segundo outras versións, xunto a Pena dos Namorados, tres penedas que non se sabe se se trata dunha caprichosa formación rochosa ou foron colocadas pola man do home. No Sobroso casáronse o rei Dinis de Portugal e Isabel (logo convertida en santa), filla de Pedro III. Logo doutros non menos importantes acontecementos, o rei Xoán I outorgoulle o señorío ao señor de Ribadavia. Reconstruído despois da Revolta Irmandiña, Pedro Madruga apoderouse del, perdéndoo durante o seu cativerio en Benavente. Cando ficou ceibe, tentou, sen éxito, recuperalo polo que decidiu construír un castelo no veciño monte da Picaraña. Aínda que os Reis Católicos ordenaron a súa demolición en dúas ocasións, esta non se levou a cabo pasando a mans dos Sarmiento, señores do Sobroso e Salvaterra. No ano 1923, o seu propietario, o conde de Torrecedeira, vendeu as ruínas, por 5000 pta., a Aleixo Carrera que logo se converteu no primeiro alcalde republicano de Mondariz e no impulsador da reconstrución da fortaleza. No 1981, o Concello de Ponteareas mercoullo á súa herdeira. O castelo presenta unha planta poligonal irregular con cerca exterior, Torre da Homenaxe e residencia. Durante as obras de restauración apareceu un escudo do Reino de Galiza que coroa a entrada principal. A torre, apegada ao corpo, ten unha altura de 13 metros e está coroada por garitas cilíndricas nas esquinas apoiadas en modillóns. Atópase en moi bo estado de conservación. Acolle o Museo Histórico e Etnográfico da comarca do Condado.

MORAÑA
Torre de Amil ou de Moraña: Apegada á casa reitoral. Medieval. Edificación circular que, aínda que non moi clara, parece ser que cumpriría unha función defensiva.
 

MOS
Monte Castelo: Un batolito rochoso presenta uns rebaixes onde disque asentaba unha torre medieval. Apareceron restos cerámicos e metálicos.

OIA
A Cabeciña (Mougás): Dende o outeiro controlábase o acceso polo norte ao litoral de Oia. Sobre este primitivo asentamento castrexo, segundo recollín da páxina da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, construíse posteriormente unha fortaleza. Na cartografía de principios do século XVIII obsérvase, a medio camiño entre Oia e Silleiro, unha icona coa denominación de Cabestán,
Os Castelos ou Castelo de Torroña: En Torroña, na parroquia de Burgueira. Hai quen sitúa aquí un castelo que dominaba un amplo territorio denominado Turonia, topónimo que xa aparece nun documento de mediados do século V. Declarado BIC.

PONTEAREAS
Castelo da Picaraña: Construído no cume da Picaraña por Pedro Madruga para vixiar o castelo do Sobroso e estudar a forma de atacalo. Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Non se conservan restos.

PONTE CALDELAS
Castelo da Ponte (Ponte Caldelas).

PONTEVEDRA
Murallas da cidade: Foron levantadas no século XIII. Perduran algúns tramos. Segundo os estudos realizados, tiña un muro duns sete metros de altura por dous de ancho, con sillería nas portas e torres. A parte superior coroábase con almeas e era percorrida por un paseo de rolda. En determinados lugares estaba reforzada con defensas especiais, como a Bastida Grande na Porta de Santo Domingo, a Rocha Forte na de Santa Clara, a Torre dos Abades preto da cabeceira de San Francisco e a Torre do Ouro, de planta poligonal, no canto nordeste (López Carreira, 1999). Pontevedra foi o primeiro sitio de Galiza onde se utilizou a pólvora. O artífice da novedosa arma de guerra foi Pedro Álvarez de Soutomaior, o famoso conde máis coñecido como Pedro Madruga. Vasco da Ponte di que o alcume veulle porque madrugaba moito cando facía as súas cabalgadas. Tamén hai quen pon a súa pel na de Cristovo Colón, teoría con feble base se temos en conta que, ademais de ser un inimigo declarado de Isabel a Católica, parece ser que morreu seis anos antes do descubrimento de América.
Castelo de Citofacta/Cedofeita (Lérez): Non hai consenso canto á existencia dun castelo onde se ergue o pazo de Cedofeita (s. XV-XVI), aínda que a referencia documental, "in muro de Citofacta", semella unha clara alusión a algún tipo de construción fortificada. Segundo algúns autores pódese situar a súa construción a finais do século IX-X xa que no ano 916 aparece recollida a súa existencia no couto do mosteiro de San Salvador de Lérez. Aínda que a súa execución se atribúe ao bispo Sisnado II, parecer ser que é anterior. Estaría ubicada entre os lugares de Casaldarado e O Castelo. Malia o anterior, unha pista sobre a súa situación pódenola achegar Fr. Martín Sarmiento. Segundo a súa Viaxe a Galicia do ano 1745 (Fr. Martín Sarmiento, Edición e estudo de J. L. Pensado), estando no colexio de Lérez conta: "O luns subín ao último do castelo de Citofacta, hoxe Cedofeita, que ten un vértice desde o que se ve moito. Pontevedra vese de cheo tendida de oriente a poñente, e a súa ponte de mediodía a norte, e rexístrase todo Lérez coas dúas xunqueiras. A Barca e moito da ría, peo non se ve o Ullóo. É unha vista amenísima. O vértice non ten castelo, pero si sinais en rocha viva que alí houbo porta".
Torre de Campañó: Os traballos de desbroce e acondicionamento nun monte de Campañó no mes de abril de 2013 sacaron á luz os restos dunha torre medieval. As primeiras hipóteses sitúana nos inicios da Idade Media. Encravada nun alto, podería ter sido utilizada como atalaia de vixiancia e estar en contacto visual co castelo de Cedofeita.


O PORRIÑO
Castelo de Miravel: Segundo a documentación, no século XI xa existía este castelo, situado na zona coñecida coma "O Penedo do Pianista", no monte Castelo. Descoñécese porque desapareceu, aínda que segundo a tradición foi destruído durante a Revolta Irmandiña. O lugar onde asentou é facilmente recoñecible (acceso, disposición da Torre da Homenaxe ou onde asentaban os muros escavados na rocha).
O Castelo (Cans). Crese que existiu un castelo ou unha torre de época medieval.
 

PORTAS
Castelo de Lantaño: Citado por Vasco de Aponte que di que foi construído por Diego Álvarez de Soutomaior. Na investigación realizado por Manuel C. Díaz e José García Oro, falan dunha nota sacada dun manuscrito da antiga biblioteca do duque de T´Serclases onde describe a fortaleza, a unha legua de Lobeira, con torre, foxo e ponte levadiza. A historiadora Purificación Díaz González, ante a imposibilidade dunha investigacións física debido a que non se conservan restos, investigou a posibilidade de que non estivera en Lantaño senón no lugar de Lantañón, na parroquia de Santa María de Paradela, no concello de Meis, baseándose para elo en que nos escritos da época aparece citado como Lantanoo que se transformaría en Lantañón. Mais esas, no preito Tabera-Fonseca fala de Lantaño, cuxo castelo fora destruído polos Irmandiños. 
 

REDONDELA
Murallas da vila: Existe constancia documental dos anos 1333 e 1356.

RODEIRO
Torre de Fafián (Outeiro-Fafián): Pertenceu aos condes de Maceda. No século XVIII foi convertida en tulla, utilizada para almacenar o gran proveniente da recadación de trabucos. Consérvase a estrutura granítica da casa e dos almacéns.
Casa forte de Rodeiro ou Torre dos Churruchaos: Aparece documentada no século XIV. Antes de ser confiscada pola Mitra compostelá pertenceu aos Churruchaos. Formada por varios corpos, conserva unha torre de planta cadrada con dúas ventás de arcos lixeiramente apuntados.


SALCEDA DE CASELAS
Castelo das Coruxeiras (Pegullal-Santa María de Salceda): Sobre un outeiro, na marxe esquerda do tramo medio do val do río Caselas. Na parte central e máis elevada ergueuse un castro, e o castelo un esporón. A construción dun campo de fútbol, que separa o castro do castelo, destruíu as defensas deste último. Tamén se viu afectado por unha canteira. Na parte central hai unha caseta de bloques de cemento e dous postes que suxeitan unhas antenas de radio e televisión. Varias pistas e camiños atravesan tanto o castro como o castelo.
Torre do Coto de Condide (Condide-Salceda): Torre medieval contruída sobre un primitivo asentamento castrexo. Presenta na base traballos de cantaría. Ao recinto arrodéano varias vivendas e outras contrucións. As actuais terrazas de cultivos destruíron as defensas.

SALVATERRA DE MIÑO
Castelo de Salvaterra (Salvaterra de Miño): Coñecido tamén como Castelo de Dona Urraca. Construído sobre o río Miño, ten a orixe no século X. Dona Pega dirixía dende aquí as súas operacións militares contra Tareixa de Portugal. E o conde de Caminha, Pedro Madruga, atopou no castelo o refuxio axeitado nas súas desputas co arcebispo Fonseca. Pola súa condición de fortaleza fronteiriza, xogou un importante papel durante as loitas con Portugal no ano 1640. Ten planta rectangular e no interior do recinto amurallado atópanse a Casa do Conde, o Pazo de Dona Urraca e a capela da Virxe da Oliveira construída polos portugueses que ocuparon o castelo durante dezaseis anos. Do século XII son as coñecidas como Covas de Dona Urraca, con escaleiras dobres de caracol. Sobre a porta principal vense as marcas de tres pedras armeiras que aínda conservan a cruz e as coroas símbólicas portuguesas.

SANXENXO
Castelo da Lanzada: Ruínas, século X. Aquí tivo lugar o derradeiro enfrontamento entre os Irmandiños pontevedreses e Pedro Madruga, cando un grupo de labregos e mariñeiros, comandados por Xoán García de Chichontes e Xoán García de Barla, conquistan o castelo. Declarado BIC.

SILLEDA
Fortaleza de Chapa (Chapa): Levantada polos Suárez de Deza no século XII. Sufriu o sitio de Berenguel de Landoira no ano 1320 e pasou a mans do cabido compostelán ata que a casa de Altamira reclamou os dereitos dos Deza. Foi atacada polos Irmandiños. Durante as loitas revolucionarias do ano 1846, o xeneral Rubin fixo noite nela. Non quedan restos, sobre ela levantáronse edificacións modernas. A pesares de non existir vestixios, a Xunta tenna declarada como BIC.
Torre de Cira: Restos dun antigo castelo fundado por Bernardo Suárez de Deza no ano 1115. No ano 1121, Dona Urraca recluíu aquí ao arcebispo Xelmírez. Destruída polos Irmandiños, foi reconstruída polo conde de Altamira. Tan só permanecen en pé os restos da Torre da Homenaxe, datada no século XV, de planta rectangular con van apuntado de grandes doelas e outro alintelado.

SOUTOMAIOR
Castelo de Castrizán: Construído no Castro da Peneda no ano 1477 polo arcebispo Alonso Fonseca para poder controlar o de Soutomaior. Destruído por Pedro Madruga cando regresou do seu cativero en Benavente, ergueuse sobre as súas ruínas unha capela posta baixo o patrocinio da Virxe das Neves. Cóntase que hai un pasadizo con tres posibles entradas ou saídas. O túnel utilizouse para enviar reforzos contra os franceses na soada batalla de Pontesampaio onde o exército napoleónico recibiu a primeira derrota dende a súa invasión da Península.
Castelo de Soutomaior: Levantado a 120 metros de altitude sobre o nivel do mar, dominaba o val do río Verdugo ata a enseada de San Simón. Ten a orixe no século XII, fundado por Paio Méndez Sorrelle, o primeiro en utilizar o apelido Soutomaior. Derrubado durante a Revolta Irmandiña, foi reconstruído por Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga). Despois da morte do conde no ano 1486, as desputas sucesorias fan que esvaeza o protagonismo da familia. A principios do século XX era a súa propietaria a marquesa de Ayerbe, coñecida como "A Marquesa Roxa", precursora do movemento feminista en España. Debido á actividade política que tiña lugar intramuros do castelo, converteuse nun lugar sospeitoso de conspiración o que conlevou a perda da propiedade no ano 1917. No ano 1982 foi adquirido pola Deputación Provincial de Pontevedra que procedeu á súa restauración. A fortaleza ten dobre perímetro amurallado de planta oval irregular que se adapta ao terreo. Descoñécese se o segundo recinto foi engadido despois do asalto dos Irmandiños ou se substituíu a outro anterior. Consérvase a primitiva Torre da Homenaxe de 15 metros de altura e planta rectangular con entrada pola primeira planta onde se atopaba a ponte levadiza.


TOMIÑO
Forte de Amorín: Ano 1657. Castelo terreiro protexido por profundos foxos, ergueuse nun outeiro sobre o río Miño. Formaba, xunto co forte dos Medos, o sistema de defensa da cidade de Tui. A causa da construción destas fortalezas xurde como consecuencia da Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), provocadas polo afán expansionista de Filipe II que anexiona o Reino de Portugal no ano 1580. A guerra estala coa proclamación da independenza de Portugal no ano 1640, conflito que tamén forma parte da nosa Historia pero sobre o que a historiografía española pasa silandeira.
Forte dos Medos (Estás): Construído polos españois, rematado no ano 1664. Como o de Amorín, trátase dun castelo terreiro que tiña como función a de empecer o paso do exército portugués cara a Tui.
Castelo de San Lourenzo de Goián: Século XVII, construído sobre o primitivo Forte da Barca. Foi conquistado polas tropas portuguesas no ano 1663. Asinada a paz no ano 1668, e xa en poder dos españois, facíase demasiado grande para acoller unha pequena gornición polo que, no ano 1671, constrúese un pequeno forte, o castelo de San Lourenzo. É de planta cadrada, con baluartes nos ángulos con garitas en cada un. A planta, de forma estrelada, está arrodeada por un foxo. O interior acollía o polvorín, as casas do gobernador e do capelán, unha capela, os almacéns, os pozos, as cortes para os cabalos e as dependencias da tropa. Tiña como obxectivo o control do paso do Miño e do forte portugués de Vilanova de Cerveira.
Forte da Concepción: Construído polos portugueses en terra e madeira. Era de planta irregular. Moi alterado o seu trazado orixinal, no que era o patio de armas levántase a ermida de San Roque.
Asentamento fortificado de Outeiro da Cruz (Pinzás): Medieval.
Castelo de Tebra (Outeiro-Tebra): Construído no ano 1532 por Álvaro Suárez de Deza tras ser destruído un anterior polos Reis Católicos, propiedade de Pedro Madruga. Ten planta rectangular con remate ameada, salientando a Torre da Homenaxe situada nun dos vértices.




TUI
Murallas da vila (Tui): Séculos XII-XVIII. Do século XIII consérvase a Porta da Pía. As portas de Bergán, dos Ferrerios, da Pía e a do Arco contaban con construcións defensivas especiais.
Casas Novas (Randufe): Fortaleza medieval construída nun esporón na pendente dun conxunto montañoso. Amplo control visual. Os poucos restos que quedan están cubertos pola matogueira.
Fortaleza do Monte Aloia: No cume do monte, moi alterado pola estrada e outras construcións. Restos de murallas. Existen varias hipóteses canto á súa orixe: castro prerromano, defensas contra os suevos, ou o mítico Monte Medulio. Declarada BIC.

VALGA
A Torre (Torre-Cordeiro): Asentamento fortificado de época medieval.
Suatorre (Cerneira-Setecoros): Asentamento fortificado de época medieval.
O Castelo (Vilariño-Setecoros): Asentamento fortificado de época medieval.

VIGO
Murallas da cidade: Documentadas no ano 1461.
Torre de Candeán (Candeán): Coñecida tamén como a Torre dos Mouros, foi construída entre os séculos XIV-XV sobre un pequeno outeiro rochoso. Tiña un dobre recinto amurallado, practicamente desaparecido, e un foxo, hoxe en día ocupado por leiras.
Torres de Padín (Teis): Fortificación levantada no século XIV, destruída polos Irmandiños. Lugar que amosa o desleixo polo noso patrimonio. Ademais do castelo, atopáronse vestixios da ocupación humana da Idade do Bronce, da época dos castros e da romanización. Mais de dous mil anos de historia arrasada polos espoliadores da memoria, encarnados, neste caso, polos que planificaron a construción dunha autoestrada e unha nave industrial sancionada por danar os poucos restos que se conservan.
Castelo do Castro (Vigo): Construído na segunda metade do século XVII, atópase na parte máis alta da cidade. Defendía o porto e a cidade. Estaba formado por tres recintos dos que só se conservan o primeiro e parte do segundo; o terceiro desapareceu na súa totalidade. Un pasadizo comunicábao co desaparecido castelo de San Sebastián.


VILABOA
Castelo de Ubeiras (Santo Adrao de Cobres): Séculos XIV-XV. Ruínas, só se conservan algúns restos dos muros. Foi destruído pola armada anglo-holandesa na batalla de Rande do 1702.

VILAGARCÍA DE AROUSA
Castelo de Miadelo (Carril): Século XIII. Ruínas. Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, fala dunha torre.

VILANOVA DE AROUSA
Castelo de Lobeira: Séculos IX-X. Foi doado á Mitra no ano 1711 e novamente no 1175. Dise que aquí naceu Theodomiro, bispo de Iria, do que a lenda asegura que foi un dos descubridores da tumba do Apóstolo Santiago. Da época de Dona Urraca son os tres petroglifos que representan xogos flamengos cos que os soldados holandeses, traídos por Raimundo de Borgoña, se entretiñan. Foi destruído durante a segunda Revolta Irmandiña. Cedido pola Mitra compostelá a Xoán Antonio Mariño de Lobeira, aproveitou as pedras para construír o pazo de Rial. Durante a Guerra Civil, as súas ruínas foron tristes testemuñas dos asasinatos cometidos polos fascistas do xeneral Franco.
Torres de Xanfardán (Tremoedo): Só se conservan algúns muros. Xunto co castelo de Lobeira, a torre de San Sadurniño e as Torres do Oeste, formaban a defensa contra os ataques dos pobos do norte de Europa.