CASTELOS DE GALICIA (PROVINCIA DE PONTEVEDRA)


CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

AGOLADA
Pazo de Borraxeiros ou de Salgado: Para a construción do pazo do século XVII que vemos na actualidade utilizáronse as pedras do antigo castelo dos Altamira derrubado polos Irmandiños que segundo algúns investigadores foi levantado durante a Reconquista. Pertenceu a Vasco Pérez de Ulloa e logo a Lope Sánchez de Ulloa. Na igrexa románica de Borraxeiros atópase o sepulcro de Antonio Salgado Gundín, conde de Borraxeiros, que ten unha estatua orante do século XVII. Aínda se aprecian os alicerces da antiga torre da homenaxe e un foxo e contrafoxo.
A Torre e As Torres: Topónimos. Lugares das parroquias de Borraxeiros e Brántega. 
 

ARBO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Barcela.
 
BAIONA
Castelo de Monte Real (Baiona): No Monte do Boi. Aínda que a muralla data da segunda metade do século XIV, o castelo xa existía con anterioridade (hai quen remonta a antigüidade antes do século VIII), no lugar que acollera un antigo asentamento castrexo. O conxunto actual mostra elementos militares defensivos con outros máis modernos (Parador de Turismo). Conserva tres portas: a do Sol, que é a máis antiga; a Real, do século XVI, coa pedra armeira dos Austria; e a de Felipe IV. Canto ás torres, salientan a Torre do Reloxo, ameada, que agochaba unha campá para dar a alarma en caso de ataque inimigo; a Torre da Tenaza que tiña como cometido defender o porto; e a Torre do Príncipe que actuaba como faro e que quizais deba o nome a que nela estivo prisioeiro, cara o ano 1137, o príncipe portugués Afonso Henriques. 
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Baredo.

BUEU 
A Torre Vella (A Torre-Cela): se conservan os restos dun muro e unha pedra armeira. 
Castelo de Pereiró (A Illa de Ons): Nun esporón ao sur da illa. Batería costeira. Consta dun só corpo de garda asentado sobre a rocha, con planta de media lúa. Moi deteriorado.
Castelo da Roda (A Illa de Ons): Batería de principios do século XIX, construída durante a Guerra da Independencia para protexer a illa dos barcos inimigos. Quedan uns muros de sillería de granito en forma de U.
 

CALDAS DE REIS
Torre de Caldas: Segundo recolle o cardenal Jerónimo del Hoyo no ano 1607, a torre fora mercada pola mitra compostelá ao rei. Filgueira Rei di que nos comezos do século XIII a torre pertencía á mitra, e nela tiña fixada a súa sé o pazo arcebispal, ao menos no ano 1214. Segundo unha inscrición dunha pedra da torre datada no ano 1228, a construción fora modificada, variando a primitiva traza románica. No século XVII, o arcebispo Andrés Girón afora a torre a Alonso Troncoso de Lira e Soutomaior, segundo un documento do ano 1674, pasando a ser residencia das persoas que exercían o cargo de xuíz. Con motivo da Desamortización, a torre queda abandonada. No ano 1879, solicítase ao arcebispo compostelán a súa demolición para aproveitar as pedras na construción da nova igrexa. Así, no ano 1891, a "Torre de Dona Urraca" foi derruída definitivamente. (Galbán Malagón. 2011).   
Torre de Marán: Isaac González Iglesias informoume dunha torre que existiu no lugar de Marán, pertencente á parroquia de Arcos da Condesa. O nome é probable que veña da condesa Munia ou Munina Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, conde de Traba, que residía na casa ou palacio da familia, en Marán. Na casa da finca onde se levantaba a torre consérvase un escudo; a cruz que obstenta, como indica Isaac, semella templaria. Na entrada da finca tamén hai un capitel.
Torre Vella de Godos: Reconvertida en pazo (Pazo Vello de Godos), documentada no século XIII.
 
 

CAMBADOS
Torre de San Sadurniño (Cambados): A torre actual foi construída no illote da Figueira (unido por unha ponte co barrio da Vila Vella) entre os séculos XV e XVI para a defensa da cidade, edificada sobre outra anterior do século X, na época do bispo Sisnado, para defenderse dos normandos, se ben non existen referencias documentais que permita afirmar que pertencera a unha rede de torres defensivas erixidas na ría no para protexer a costa das invasións vikingas (dise que por medio de fogueiras comunicábase coas torres de Catoira e da Lanzada). No século XII foi reformada polo arcebispo Xelmírez. No século XIII era dono Paio Gómez Charino de Soutomaior. Destruída polos Irmandiños no 1467, mandouna reconstruír Suero Gómez de Soutomaior. Foi abandonada definitivamente no século XVIII. Totalmente arruinada, apenas quedan en pé parte de dous muros. No mes de febreiro de 2015, o equipo dirixido polo arqueólogo Ángel Acuña descubriron no lugar varias pezas cerámicas que poden datar da primeira Idade do Ferro, entre o 800-600 a.C. 

 
CANGAS
Castelo de Darbo ou Daravelo: Formado por un grupo de casas protexidas por unha muralla. Pertenceu á mitra compostelá dende o ano 1184. Derrubado polos Irmandiños. Na actualidade sobrevive pouco máis ca o nome, agás algunha ruína perceptible.
Monte Facho: Consérvase unha garita que formou parte dun posto de vixiancia costeira da coroa española entre os séculos XVII e XIX, cunhas impresionantes vistas sobre a Costa da Vela, as Illas Cíes e o Cabo Home. Nalgún momento actuou como faro.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Darbo.
 

A CAÑIZA
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Valeixe.
 
CATOIRA
Torres do Oeste (Oeste): Séculos IX-XI. O Castellum Honesti foi construído por mandato de Afonso III na desembocadura do río Ulla para defender Compostela dos ataques dos pobos escandinavos e dos sarracenos. Afonso V reconstrúeo no século XI, e a principios do XIII pasa á Mitra Compostelá. Hoxe en día consérvanse dúas torres das sete que tivo. No século XVIII as súas murallas resistiron os ataques ingleses. Apegada a unha das torres atópase a capela de Santiago, construída no ano 1122. Abandonado longo tempo, no ano 1970 iniciáronse as obras de restauración. No primeiro domingo do mes de agosto celébrase a afamada Romaría Viquinga. Apareceron dúas aras de época romana, unha dedicada aos Lares Viais e outra adicada a/por Pietati; o fragmento doutra foi reutilizado como materiral de construción.
 

 

COTOBADE
Castelo de Tenorio: Ou do Couto do Abade. Ruínas. Levantábase no monte Castelo. Logo de ser conquistado polos Irmandiños, o conde de Caminha, Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), puido reconquistalo, malia tenaz defensa dos viláns capitaneados por Gómez Pazos, grazas á traizón dun criado que revelou os puntos máis febles.
Coto da Torre ou Torre do Castelo (Rebordelo): A 525 metros de altitude, no límite coas parroquias de Carballedo, Tenorio e Borela. Medieval. Sobre un outeiro rochoso que domina o val do río Almofrei. Poden verse pedras graníticas de boa feitura e rebaixes nas rochas. Apareceron tellas. Nunha peneda hai unha inscrición de término cunha chave e a letra T. No ano 2011 por afectar ao xacemento, denegouse a explotación dunha canteira.
A Torre Vella: Topónimo. Lugar da parroquia deTenorio.
 
COVELO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Piñeiro. 

CRECENTE
Torre de Fornelos: Situada en San Pedro de Crecente, xunto o río Ribadil. Dise que a súa orixe remóntase a unha construción de época romana. Derrubada no século XI, sobre os seus restos ergueuse, no 1111, o castelo. Foi escenario dos combates entre Afonso VII, rei de Galicia, e Afonso Henriques, rei de Portugal. Destruído polos Irmandiños, foi mandado reconstruír por Pedro Madruga quen tivo preso na Torre da Homenaxe ao bispo de Tui Diego de Muros. A torre, de planta cadrada con tres andares e soto, mide 19 metros de altura. Ao interior accédese por unha escalinata que se atopa no primeiro andar.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Ribeira. 

CUNTIS
Casa forte de Sebil (Cequeril): Próxima ao río Umia, existiu cando menos dende o século XIII. Non quedan restos. O campo da festa de Sebil aínda conserva o nome do Campo da Torre. Na contorna da torre de Sebil debía de haber varias pequenas torres que servirían para controlar o territorio.    
Fortaleza de Montival (Troáns): Próxima ao río Umia. Actuaba como centro de control. Parece que xa existía no século XIV, e que a finais do século XV formaba parte das propiedades do mariscal de Castela Sueiro Gómez de Soutomaior quen gobernou esta freguesía xunto coas de  Piñeiro, A Portela e o couto de Arcos de Furcos. No século XIX aínda permanecía en pé. Foi nesta época cando se desmontou a torre e derrubáronse as murallas, quedando unicamente a casa principal con cercados secundarios. O edificio tiña a condición de mero, mixto, imperio, o que vén a sinalar en palabras do historiador López Ferreiro que o dono do couto non só tiña a potestade de impoñer penas aos delincuentes, senón a de coñecer, sentenciar e terminar calquera causa civil. 
A Torre dos Mouros (Agro do Monte-Cequeril): Levantada non moi lonxe da ponte do Ramo, nunha elevación montañosa. Consérvanse a cimentación e algúns perpiaños. Está asociada a varias lendas. Dise que un morador da torre disparou unha frecha cara o castro de Sebil, matando ao último mouro que nel vivía. Hai un túnel entre a torre e o río Umia que é por onde os mouros baixaban os cabalos para de beber.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Estacas.
 

A ESTRADA
Torre de Guimarei: A torre é o único vestixio que queda do desaparecido castelo construído no século XII. Foi derrubado polos Irmandiños no século XV. No s. XVII agregóuselle o pazo dos séculos XVI-XVIII. De planta cadrada, ten 10 metros de altura (puídos chegar aos 15). En todos os muros ábrense seteiras. Un dos muros está parcialmente destruído, e as raíces ábrense paso entre as pedras.
Castelo da Barreira (Riobóo): Século XII. Os poucos restos que quedan do antigo castelo están comidos pola matogueira. Derrubado por orde do bispo Xelmírez, foi reconstruído por Pedro Enríquez de Castro no s. XIV que tivo que entregarllo á Sé Compostelá que alegou que era da súa propiedade. Derrubado durante a Revolta Irmandiña. A documentación fala de que o castelo tiña tres patios, a Torre da Homenaxe e unha capela posta baixo a advocación de Santa Mariña. 
Castelo do Castro Valente (Barcala): No límite co concello de Padrón. A 350 metros de altitude. Contrólase o curso baixo do río Ulla, Padrón, os accesos á Ría de Arousa, ademais dun amplo control visual cara os vales de Teo, Vedra e Boqueixón. Trátase dun recinto amurallado que ocupa máis de 10 hectáreas. A muralla presenta unha anchura media de 3,5 metros. Obsérvase abundante tella, na meirande parte de tradición romana ou trado antiga. (Fonte: J.C. Sánchez e C.J. Galbán, 2015). Segundo noticias aparecidas nos medios a finais de xaneiro de 2023, arqueólogos da USC localizaron 30 cubos ou torres que son pouco comúns nas fortificacións do NO. A súa importancia, segundo Mario Fernández, radica na defensa que ofrecía. A súa cornoloxía estaría entre os séculos V e VII: "Os galaicos defendíanse dos suevos en sitios fortificados e este pode ser un deles". Pero Mario Fernández vai máis ala, dicindo que os fragmentos de  ladrillo atoopados poderían indicar que os cubos estaban cubertos por teitos sememellantes á muralla romana de Lugo. Tamén identificaron outras estrutúras pétreas, pero aínda se descoñece a funcionalidade. Aos pés do recinto consérvanse os restos da antiga ermida do San Xoán trasladada no século XVIII. A principios do ano 2021, a asociación Móvete pediu a recuperación e posta en valor.
Torre da Insua de Cora: Na parroquia de Cora. No río Ulla. Citada en distinta documentación como Casa Forte da Ínsoa, Fortaleza da Ínsua de Cora, Castelo da Ínsoa, Torre da Ínsua de Vea, Torre de Touceda e Torre dos Mouros. Nos primeiros documentos que se coñecen aparece asociada ao Arcebispado de Santiago. A finais do século XIV e principios do XV tiña a concesión do señorío a familia Núñez de Isorna. Cara o 1400 era señor da torre o escudeiro Xoán Núñez de Isorna, a quen o seucedeu o seu fillo Álvaro Núñez de Isorna que foi bispo de Mondoñedo, León, Cuenca e logo arcebispo de Santiago. Este ditou testamento o 10 de setembro de 1448, mandando que se lle entregase ao Cabido o lugar de Vilar "he desta parte o castelo da Insoa...". Outra manda do testamento refírese á fortaleza, citándoa como casa-forte da Ínsoa. No 1467 foi asediada polos Irmandiños, volvendo a ser recontruída. Ata mediados do século XIX foi propiedade dos marqueses de Montesacro. Segundo a lenda, hai uns túneles que comunican esta torre co lendario Pico Sacro, en Boqueixón. (Información moi extractada recollida de Sobre a Torre da Ínsua de Cora, de Henrique Neira Pereira, 2007, publicado en aestrada.gal).
A Torre, A Torrevella, Torre do Vilar, A Torrevedra e Torreboredo: Topónimos. Lugares das parroquias de Guimarei, Santa Cristina de Vea e Souto. 
 
 
 


FORCAREI
Castelo de Garellas: Construído sobre un castro. Apareceron enterramentos de laxas, probablemente tardorromanos. Con importantes defensas e torreón, vixiando o paso dunha vía romana. É pobable que se construíra cando a invasión visigoda. 
Torre de Barciela (A Barciela-Castrelo): Torre de alarma utilizada para chamar aos veciños ante unha eventualidade. Construída no século XV, ten planta cadrada con muros de cachotaría de granito. A parte superior, á que se accede por medio dunha escaleira exterior, está formada por unha espadana. 
Torre do Castro de Montes: Levantouse sobre un castro logo romanizado. Visitada polo cardenal Xerónimo del Hoyo no 1607 quen a describiu do seguinte xeito: "La fortaleça de Montes esta en la feligresia de San Miguel de Presqueiras, rodeada de un rio, con su barbacana. No tiene mas que las paredes y estas arruynadas por muchas partes". Derrubada polos Irmandiños. Fóra da fortaleza levantouse no século XVII a ermida de Nosa Señora do Castro. O debuxo do castelo que achego foi feito por Agustín Portela no ano 1969.

 


 
FORNELOS DE MONTES
Torre de Alemparte (Chans de Vilán): Século XII. O desaparecido castelo foi asaltado polos Irmandiños no ano 1467. Quince anos máis tarde foi cercado, por orde do bispo de Tui, polas tropas do corrixidor de Baiona que non lograron apoderarse das ruínas polo que tiveron que reccorrer a Pedro Madruga quen, finalmente, conseguiu conquistalo. No ano 1893, os poucos restos que quedaban foron desfeitos definitivamente. 

GONDOMAR
Castelo do Outeiro dos Mouros (Parada): Situado onde se construíu o miradoiro do Castelo. Na Baixa Idade Media houbo un castelo coñecido como de Santa Helena, citado nun documento de principios do século XII. Vense varios rebaixes na rocha. Apareceron anacos de tellas. Hai unha gravura medieval con tres cruces escavadas na rocha. Destruído no século XV. Asociado a varias lendas.  
Fortaleza do Monte Galiñeiro: A 694 metros de altitude. Estaba situado nun impoñente promontorio rochoso. Restos dun recinto fortificado cunha ampla visibilidade sobre a ría de Vigo, así como a contorna de Gondomar, Baiona e Val de Louriña. En determinados tramos, a muralla está feita de bloques ciclópeos, e noutras con cachotaría irregular aproveitando ás veces os afloramentos rochosos.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Chaín.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Chaín, Couto e Vincios.
 

O GROVE
O Adro Vello (O Carreiro-San Vicente): O nome de Adro Vello vén dunha igrexa, posta baixo a advocación de San Vicente, que funcionou no lugar ata o seu traslado no século VIII. Os primeiros estudos realizounos don Elías Lamelas no ano 1966, mais as primeiras excavacións non encomezaron ata anos despois da man do arqueólogo José Carro Otero que sacou á luz unha vila romana baixoimperial, aínda que en uso dende o século I d.C., cunha actividade relacionada coa salgadura. Superposta atopouse unha necrópole de longa duración datada entre os séculos V e VII ao XVIII. Tamén documentou unha torre ou fortificación dos séculos XII-XIII.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de San Vicente do Grove.
  

A GUARDA
Torre da Atalaia (A Guarda): Construída polos portugueses que invadiron a vila da Guarda no ano 1665. Tiña uns 20 metros de diámetro e oito de altura. No 1779 foi reconstruída para salvagardar o porto de entrada de barcos piratas, dotándoa cunha batería. Destruída no ano 1945 por un contratista que estaba a realizar obras no porto a pesares da oposición unánime da Corporación Municipal. O lugar ocúpao o Museo do Mar.
Castelo de Santa Cruz (A Guarda): Recibiu o nome en honra do marqués Álvaro de Bazán, marqués de Santa Cruz, morto no ano 1588 cando estaba a preparar a saída da Armada Invencible cara as costas inglesas. A construción comezou no ano 1663 trala toma da fortaleza de Goián polas tropas portuguesas para o que se utilizaron as pedras da muralla que arrodeaba a vila. Na actualidade apenas se conservan restos da construción orixinal. 
Facho de Santa Tegra: Di Vázquez Seijas (1967) que é o facho máis famoso de Galicia, que se conservou a través dos séculos e que logo conservou un marcado carácter relixioso, pois a el suben en peregrinación anual os veciños, en voto penitencial, ritual que é anterior ao século XV. En todo o litoral galego abundaban os fachos, torres ou atalaias destinadas á vixilancia da costa para alertar do ataque de forzas inimigas, piratas, etc., construídos en puntos de maior visibilidade. Os avisos facíanse por medio de fogueiras e disparos.  
Murallas da vila: Consérvanse algúns vestixios do antigo recinto amurallado.
 


A ILLA DE AROUSA
Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, di que a casa do prior de Vilanova, situada na Illa de Arousa, estaba preto dun pequeno monte onde se conservaban pedras "dunha torre moi antiga", que se levantaba ao oriente "distante un tiro de fusil". Conta que cincuenta anos atrás aínda estaba en pé, e que os últimos restos foran derrubados polo vento seis anos antes. 
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia da Illa de Arousa.

LALÍN
Castelo de Busto ou Madriñán (Alemparte-Busto): Época baixomedival. Restos dunha pequena fortaleza construída nun saínte rochoso da Serra do Carrio, a unha altitude de 715 metros. Aínda se aprecian fiadas de perpiaños que formarían parte dos muros da edificación, posiblemente cadrada. Trataríase dunha torre de control do territorio. Nun incendio no ano 2006 deixou ao descuberto os restos dos muros exteriores, tella curva e barro e anacos cerámicos. Segundo a lenda, os cristiáns co Apóstolo Santiago á fronte, tiñan colocado un potente canón na fortaleza dende onde bombardeaban a cidade de Santiago de Compostela; co apoio deste canón puideron asaltar a cidade e botar dela aos infieis. (Información de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net, con lenda recollida por Antonio Presas).  
Castelo de Paradela (Porto Martín-Zobra): Épocas altomedieval e baixomedieval. Posible estrutura defensiva entre os ríos Deza e Chedas, no Candán. Consta dunha pequena estrutura habitacional derrubada entre a que se poden atopar anacos de tella do país. É posible que o esporón estea separado da ladeira por un foxo artificial, pero debido ás enchentas do río foi imposible comprobalo. Só se realizou unha inspección visual ao sitio arqueolóxico dende a outra banda da ladeira, así que a súa función defensiva é aínda hipotética. (Información de Manuel Gago en patrimoniogalego.net).   
Monte do Castelo: Fortaleza que se situaba no monte Carrio, construída no século XIII polos Suárez de Deza. 
Torre de Galegos: Erixida no século XIII polos Suárez de Deza. 
Torre de Lalín: Mandada construír no século XIII polos Suárez de Deza, dise que sobre un antigo asentamento suevo. Erguíase no parque do aviador Loriga. Foi destruída no ano 1846, as súas pedras utilizáronse para construír a casa de Quiroga, desfeita nos anos setenta, e para a casa do meiriño en Lalín de Arriba.     
Torre de Valouta (Muimenta): Construída no século XIII polos Suárez de Deza.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Cadrón.
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Madriñán, Moimenta e Vilatuxe.

A LAMA
Castelo de Pigarzos ou do Suído: A 900 metros de altitude. Monte rochoso dende onde se divisa gran parte da Serra do Suído, Serra da Castrelada, O Castelo Grande e O Casteliño, ademais de dominar o val da Xesta, montes de Fornelos, Pazos, Soutomaior e a Ría de Vigo. Polo de agora non se atoparon restos.

MARÍN
Castelo de San Fernando ou O Forte (Marín): Ten a orixe no ano 1521, cando o administrador de Marín, dependente do mosteiro de Oseira, ordena a súa construción para defenderse dos ataques dos piratas, que sustituiría ao castelo da Mouta que se levantaba onde se atopa o Concello. En xaneiro de 1809 foi conquistado polas tropas napoleónicas. A mediados do século XIX o estado puxo en venta as ruínas. O terreo foi ocupado polas dependenzas da Escola Naval.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Seixo.

MOAÑA
Torre de Meira (Reibón-Meira): Medieval. Situada nun promontorio de pequenas dimensións sobre a Ría de Vigo. Escavada no ano 1976 polo Instituto Padre Sarmiento (publicado no Boletín Auriense), localizouse os cimentos dunha torre que, segundo Villaverde, era case cadrada, protexida por unha muralla. Apareceu material cerámico, metálico e ósos. Alterada por escavacións e demolicións. Asediada polos Irmandiños, ao final foi Pedro Madruga quen a derrubou no 1476. Está a ser recuperada por Árbore Arqueoloxía e Restauración, coa colaboración do Concello de Moaña, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Meira.
 


MONDARIZ
Castelo do Sobroso (Vilasobroso): Séculos IX-XV. A primeira referencia ao castelo é do século X, de cando o rei Vermudo II se refuxia nel no ano 983 durante a guerra entre os seus partidarios e os de Ramiro III de León. En tempos do rei galego Afonso V é conquistado por Almanzor. A finais do s. XI, Dona Urraca, condesa de Galicia, cédello ao bispo de Tui. No ano 1117 a mesma Dona Urraca, que casara en segundas nupcias con Afonso I de Aragón, foi cercada polo exército do seu fillo Afonso VII o que a obrigou a fuxir por un suposto pasadizo que saía xunto o río Tea ou, segundo outras versións, xunto a Pena dos Namorados, tres penedas que non se sabe se se trata dunha caprichosa formación rochosa ou foron colocadas pola man do home. No Sobroso casáronse o rei Dinis de Portugal e Isabel (logo convertida en santa), filla de Pedro III. Logo doutros non menos importantes acontecementos, o rei Xoán I outorgoulle o señorío ao señor de Ribadavia. Reconstruído despois da Revolta Irmandiña, Pedro Madruga apoderouse del, perdéndoo durante o seu cativerio en Benavente. Cando ficou ceibe, tentou, sen éxito, recuperalo polo que decidiu construír un castelo no veciño monte da Picaraña. Aínda que os Reis Católicos ordenaron a súa demolición en dúas ocasións, esta non se levou a cabo pasando a mans dos Sarmiento, señores do Sobroso e Salvaterra. No ano 1923, o seu propietario, o conde de Torrecedeira, vendeu as ruínas, por 5.000 pta., a Aleixo Carrera que logo se converteu no primeiro alcalde republicano de Mondariz e no impulsador da reconstrución da fortaleza. No 1981, o Concello de Ponteareas mercoullo á súa herdeira. O castelo presenta unha planta poligonal irregular con cerca exterior, Torre da Homenaxe e residencia. Durante as obras de restauración apareceu un escudo do Reino de Galiza que coroa a entrada principal. A torre, apegada ao corpo, ten unha altura de 13 metros e está coroada por garitas cilíndricas nas esquinas apoiadas en modillóns. Atópase en bo estado de conservación. Acolle o Museo Histórico e Etnográfico da comarca do Condado. 
O Coto Grande (A Igrexa-Sabaxáns): A 516 metros de altitude. Sobre o castro levantouse un asentamento en época medieval.
 

MORAÑA
Torre de Amil ou de Moraña: Apegada á casa reitoral. Medieval. Edificación circular que, aínda que non moi clara, parece ser que cumpriría unha función defensiva.
Torre de Arriba e Torre de Abaixo: Topónimos. Lugares da parroquia de Amil.
 

MOS
Monte Castelo ou Castelo Grande de Mos: Un batolito rochoso presenta uns rebaixes onde asentaba unha torre medieval dende onde se dominaba o val do Louro, a 400 metros sobre o nivel do mar. Crese que foi derrubada polos Irmandiños ou os Reis Católicos, se ben existen dúbidas sobre elo. Na primeira investigación no ano 2017 documentouse a actividade dun ferreiro no alto da torre. No ano 2019 atopáronse unhas castañas asadas en época medieval e a cuncha dunha ostra datada hai 900 anos. Tamén apareceron restos cerámicos e metálicos.
 
 
AS NEVES
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de San Cibrán de Ribarteme. 

NIGRÁN
Castelo do Outeiro dos Mouros ou de Santa Helena: Ampla panorámica sobre o Val Miñor. Castelo roqueiro de época medieval do que apenas quedan restos. O primeiro documento histórico onde se cita data do ano 1106, se ben o seu esplendor data do século XIV, ligado a Sueiro Ianez de Parada, adiantado de Galicia e señor de Toroño en tempos de Pedro I. Poden verse rebaixes, buratos de postes, chanzos e algunhas outras pegadas. Apareceron anacos cerámicos, moedas e perpiaños. Ao parecer, ata ben entrado o século XX aínda eran visibles parte dos muros. Non se sabe se foi derrubado polos Irmandiños ou como consecuencia da orde de 1482 dos Reis Católicos. 
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Camos.
 

OIA
A Cabeciña (Mougás): Dende o outeiro controlábase o acceso polo norte ao litoral de Oia. Sobre este primitivo asentamento castrexo, segundo recollín da páxina da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, construíse posteriormente unha fortaleza. Na cartografía de principios do século XVIII obsérvase, a medio camiño entre Oia e Silleiro, unha icona coa denominación de Cabestán.
Castelo da Chavella (Alto do Castelo-Oia): Non moi lonxe do mosteiro de Oia, a súa construción puido ser parella á do cenobio. Aprécianse restos da muralla.  
Os Castelos ou Castelo de Torroña: En Torroña, na parroquia de Burgueira. Hai quen sitúa aquí un castelo do século IX que dominaba un amplo territorio denominado Turonia, topónimo que xa aparece nun documento de mediados do século V.
Castelo de Lousado.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Loureza.
 

PONTEAREAS
Alto de San Cibrao: Crese que puído existir unha fortaleza altomedieval. 
Castelo da Picaraña: Construído no cume da Picaraña por Pedro Madruga para vixiar o castelo do Sobroso e estudar a forma de atacalo. Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Non se conservan restos.
Castelo da Torre (A Torre-Nogueira): Baixomedieval. Promontorio a uns 100 metros de altitude. Non se observan restos de construcións, mais si marcas nas pedras. Boas defensas naturais. 
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Nogueira.
A Torre e A Torre do Sino: Topónimos. Lugares das parroquias de Cristiñade e Nogueira. 
 

PONTE CALDELAS
Castelo da Ponte (Ponte Caldelas).

PONTEVEDRA
Murallas da cidade: Foron levantadas no século XIII. Perduran algúns tramos. Segundo os estudos realizados, tiña un muro duns sete metros de altura por dous de ancho, con sillería nas portas e torres. A parte superior coroábase con ameas e era percorrida por un paseo de rolda. En determinados lugares estaba reforzada con defensas especiais, como a Bastida Grande na Porta de Santo Domingo, a Rocha Forte na de Santa Clara, a Torre dos Abades preto da cabeceira de San Francisco e a Torre do Ouro, de planta poligonal, no canto nordeste (López Carreira, 1999). Pontevedra foi o primeiro sitio de Galiza onde se utilizou a pólvora. O artífice da novedosa arma de guerra foi Pedro Álvarez de Soutomaior, o famoso conde máis coñecido como Pedro Madruga. Vasco da Ponte di que o alcume veulle porque madrugaba moito cando facía as súas cabalgadas. Tamén hai quen pon a súa pel na de Cristovo Colón, teoría con feble base se temos en conta que, ademais de ser un inimigo declarado de Isabel a Católica, parece ser que morreu seis anos antes do descubrimento de América.
Castelo de Citofacta/Cedofeita (Lérez): Non hai consenso canto á existencia dun castelo onde se ergue o pazo de Cedofeita (s. XV-XVI), aínda que a referencia documental, "in muro de Citofacta" semella unha clara alusión a algún tipo de construción fortificada. Segundo algúns autores pode situarse a súa construción a finais do século IX-X xa que no ano 916 aparece recollida a súa existencia no couto do mosteiro de San Salvador de Lérez. Aínda que a súa execución se atribúe ao bispo Sisnado II, parece ser que é anterior. Estaría ubicado entre os lugares de Casaldarado e O Castelo. Malia o anterior, unha pista sobre a súa situación pódenola achegar Fr. Martín Sarmiento. Segundo a súa Viaxe a Galicia do ano 1745 (Fr. Martín Sarmiento, Edición e estudo de J. L. Pensado), estando no colexio de Lérez conta: "O luns subín ao último do castelo de Citofacta, hoxe Cedofeita, que ten un vértice desde o que se ve moito. Pontevedra vese de cheo tendida de oriente a poñente, e a súa ponte de mediodía a norte, e rexístrase todo Lérez coas dúas xunqueiras. A Barca e moito da ría, peo non se ve o Ullóo. É unha vista amenísima. O vértice non ten castelo, pero si sinais en rocha viva que alí houbo porta". Hai autores que sitúan o castelo de Citofacta en Ribadeo, na parroquia de Cedofeita.
Castelo dos Churruchaos: O palacio dos Churruchaos atopábase ao principio da rúa Charino, enfronte das Torres Arcebispais e a porta de Santo Domingo. Foi destruído a principios do século XX. Os Churruchaos foron unha das familias galegas con máis poder no século XIV.
Castellum Sancti Pelagii de Luto (Ponte Sampaio-Pontevedra): Situábase no illote do Castelo. Consérvanse os alicerces dalgúns muros, así como pedras labradas para encaixalos. Segundo a tradición, data da época en que os sarracenos, ás ordes de Almanzor, facían incursións por Galicia, mais as primeiras referencias documentais datan do século XII en que o conde Raimundo de Borgoña cobraba nel os dereitos de portádego.
Torre de Campañó: Os traballos de desbroce e acondicionamento nun monte de Campañó no mes de abril de 2013 sacaron á luz os restos dunha torre medieval. As primeiras hipóteses sitúana nos inicios da Idade Media. Encravada nun alto, podería ter sido utilizada como atalaia de vixiancia e estar en contacto visual co castelo de Cedofeita.
Torre de Montenegro: Na rúa Arcebispo Malvar. Antiga torre de Tristán de Montenegro que foi derrubada no ano 1877 cando a urbanización da Av. de Santa Mariña. (Información de Óscar Franco en patrimoniogalego.net).
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Lérez.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Lérez.

 
 
  


O PORRIÑO
Castelo de Miravel ou de Cans (Cans): Situado  nun enorme afloramente granítico na zona coñecida coma "O Penedo do Pianista", no monte Castelo, a 358 metros de altitude. Segundo a documentación, no século XI xa existía este castelo, fundado por Rui de Miraver. Enrique III dooullo a Álvaro Fernández de Valladares. O lugar onde asentou é facilmente recoñecible: Acceso, disposición da Torre da Homenaxe, rebaixes onde asentaban os muros escavados na rocha e alxibe. Descoñécese porque desapareceu, segundo a tradición foi destruído durante a Revolta Irmandiña, sen desbotar que fora mandado destruír polos Reis Católicos.
Faro de Budiño: Trátase dun recinto de 3 ou 4 ha en cuxo interior atopáronse edificacións rectangulares e restos de cerámica e tégula romana. O castelo puido ter a orixe cando a invasión visigoda da Gallaecia. Dito isto, no primeiro semestre do ano 2023, varios arqueólogos, utilizando fondos propios, atoparon no interior da fortaleza abundante material que, aínda que pendente das análises, permiten achegar fundadas hipóteses. Os arqueólogos Mario Pereiro e José Carlos Sánchez-Pardo, que dirixen as intervencións, apuntan que, ademais do singular edificio en forma de U, do que non se coñecen referencias coetáneas, saíu á luz un edificio do século V que estaba baixo a construción que investigaban. Nas intervencións do 2018 atoparon un fragmento e restos de cerámica asociados, pero agora foron capaces de identificar toda a superficie. "Tanto a escavación do século V como a do VIII teñen unha calidade construtiva e unha magnitude fóra do normal... O de Budiño non era un castelo máis, senón o castelo onde radicaba o centro de poder de todo o Val da Louriña, como mínimo", explica Pereiro. No Faro de Budiño, ademais de sextuplicar a superfice doutros castelos da zona entre os séculos VIII e XIX, salienta a complexidade do urbanismo con boas calidades construtivas e material cerámico asociado de boa factura. Agora a esperar, seguro que proximamente haberá máis sorpresas.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Atios. 
 


PORTAS
Castelo de Lantaño: Citado por Vasco de Aponte que di que foi construído por Diego Álvarez de Soutomaior. Na investigación realizado por Manuel C. Díaz e José García Oro, falan dunha nota sacada dun manuscrito da antiga biblioteca do duque de T´Serclases onde describe a fortaleza, a unha legua de Lobeira, con torre, foxo e ponte levadiza. A historiadora Purificación Díaz González, ante a imposibilidade dunha investigacións física debido a que non se conservan restos, investigou a posibilidade de que non estivera en Lantaño senón no lugar de Lantañón, na parroquia de Santa María de Paradela, no concello de Meis, baseándose para elo en que nos escritos da época aparece citado como Lantanoo que se transformaría en Lantañón. Mais esas, no preito Tabera-Fonseca fala de Lantaño, cuxo castelo fora destruído polos Irmandiños. 
Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Lantaño.
 

REDONDELA
Murallas da vila: Existe constancia documental dos anos 1333 e 1356.
 
RIBADUMIA
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Barrantes.

RODEIRO 
Torre de Fafián ou Tulla de Outeiro (Outeiro-Fafián): As primeiras referencias que se coñecen son do século XVI. A fortificación constituíu unha avanzadilla do condado de Lemos, aliado do arcebispado de Santiago como contrapoder na comarca do Deza fronte á poderosa casa de Camba. No século XVIII foi convertida en tulla, utilizada para almacenar o gran proveniente da recadación de trabucos. O arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, outorgou a Rodrigo Fernández Noguerol "por los días de su vida" o xulgado da terra de Camba, habitando no lugar de "Otero de Camba", cargo ao que renunciou no ano 1543, pregándolle ao arcebispo que lle concedera a xurisdición ao seu irmán o licenciado Alonso López de Lemos e Ulloa. Consérvase, en mal estado, a estrutura granítica da casa e dos almacéns. 
Torre de Guillar (A Torre-Guillar): Do século XVII. Nos anos 1224 e 1230, Guillar aparece citado como Gilar.  Aínda que moi reformada, consérvanse restos da primitiva torre. 
Torre de Río (Río): Houbo unha torre construída no último terzo do século XVI. Ligada á linaxe dos Calviño.    
Torre de Senra (San Paio de Senra): Houbo unha torre erixida a principios do século XVI. 
Casa forte de Rodeiro: Ao parecer a súa orixe deriva dun privilexio outorgado por Sancho, fillo do rei Afonso, no 1282. Tamén aparece documentada no século XIV. No preito Tábera-Fonseca ofrécense varias descricións da fortaleza, tanto no período anterior á Revolución Irmandiña como despois. Sábese que estaba arrodeada por un foxo, e no centro da fortificación estaba a torre da homenaxe. Antes de ser confiscada pola Mitra compostelá pertenceu aos Churruchaos. Despois dos Irmandiños, o arcebispo Alonso de Fonseca fixo nela importantes reparacións. A súa desaparición data de finais do século XIX. A actual Casa do Concello levántase onde estaba a fortaleza. Nalgunhas pedras das casas próximas poden verse signos lapidarios do antigo edificio e restos da vella muralla. 
Casa forte de Seoane de Camba ou dos Churruchaos (San Xoán de Camba): Século XVII-XVIII. A familia Camba exerceu o seu dominio sobre a zona. Un dos seus membros participou na toma de Granada, sendo premiado polos Reis Católicos. Pedro de Camba serviu en episodios militares en tempos de Felipe II; foi cabaleiro da Orde de Santiago. Ten pranta en U. A torre da homenaxe é de pranta cadrada. O pazo está unido á capela de San Xoán (disque ten a orixe no século IX) a través dun pasadizo para que a familia acudira aos actos relixiosos sen ter que saír ao exterior. 
Coto dos Castros (A Povoanza e Loureiro-Camba): Di o Pxom que posúe un recinto de forma ovalada ou circular, duns 100 metros de diámetro, defendido en todo o seu perímetro por unha muralla de pedra arruinada. Polo sur, no interior do recinto, e delimitando a masa rochosa que se ergue no centro do xacemento, aparece unha nova muralla de pedra. Continúa que o asentamento, como tal, é bastante inhóspito, e case toda a superficie atópase ocupada por afloramentos rochosos, polo que cabe supoñer un reducido espazo habitacional e unha escasa potencia estratigráfica. Por estas características debe tratarse dun castelo medieval, aínda que non se pode desbotar a existencia dun xacemento ou promontorio. O que semella fóra de toda cúbida é que non se trata dun castro. (A información débolla a Elixio Vieites).
A Torre de Carboentes e A Torre: Topónimos. Lugares das parroquias de Carboentes e Guillar.
 
 
 
O ROSAL
Castelo do Monte Torroso (A Fecha-O Rosal): Xacemento altomedieval-baixomedieval situado a 340 metros de altitude, formando parte dunha cimeira que exerce de divisoria dun cordal do Terroso. Trátase dunha serie de aterrazamentos delimitados por muros de considerable grosor que alcanzan unha lonxitude total de 300 metros no seu eixo N-S, dimensións que se recortan no eixo E-O aos 140 metros. O conxunto aparece definido por unha muralla que rodea o cumio de forma discontinua, visible en todo o seu perímetro, especialmente nas abas situadas ao O. Dentro deste xacemento existen varios petroglifos e cruces de termo.
 

SALCEDA DE CASELAS
Castelo das Coruxeiras (Pegullal-Santa María de Salceda): Sobre un outeiro, na marxe esquerda do tramo medio do val do río Caselas. Na parte central e máis elevada ergueuse un castro, e o castelo nun esporón. A construción dun campo de fútbol, que separa o castro do castelo, destruíu as defensas deste último. Tamén se viu afectado por unha canteira. Na parte central hai unha caseta de bloques de cemento e dous postes que suxeitan unhas antenas de radio e televisión. Varias pistas e camiños atravesan tanto o castro coma o castelo. Segundo a lenda, hai un túnel que pasa debaixo do río Caselas que comunica o castelo e o pazo de Pegullal.
Castelo de Entenza (Entenza): Erixido sobre un castro que aproveitaba os penedos rochosos e a pendente do terreo como defensas, complementado con foxos e parapeitos. Saíu á luz cerámica castrexa, romana e medieval. Conxectúrase que os restos poderían ser os do castelo Turonia (que tamén se identifica con Torroña, en Oia). Fala del o crego bieito Frei Prudencio de Sandoval quen di que cando no ano 1140 era conde Gómez Muñoz, apoderouse dos bens de Tui. A fortaleza xogou un importante papel cando as guerras contra Portugal. Na contorna hai rochas con petroglifos.   
Torre do Coto de Condide (Condide-Salceda): Torre medieval contruída sobre un primitivo asentamento castrexo. Presenta na base traballos de cantaría. Ao recinto arrodéano varias vivendas e outras contrucións. As actuais terrazas de cultivos destruíron as defensas.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Entenza.
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Entenza e Corzáns.

SALVATERRA DE MIÑO
Atalaia de San Paulo de Porto (O Mirón-Porto).
Castelo de Salvaterra (Salvaterra de Miño): Coñecido tamén como Castelo de Dona Urraca. Construído sobre o río Miño, ten a orixe no século X. Dona Pega dirixía dende aquí as súas operacións militares contra Tareixa de Portugal. E o conde de Caminha, Pedro Madruga, atopou no castelo o refuxio axeitado nas súas desputas co arcebispo Fonseca. Pola súa condición de fortaleza fronteiriza, xogou un importante papel durante as loitas con Portugal no ano 1640. Ten planta rectangular e no interior do recinto amurallado atópanse a Casa do Conde, o Pazo de Dona Urraca e a capela da Virxe da Oliveira construída polos portugueses que ocuparon o castelo durante dezaseis anos. Do século XII son as coñecidas como Covas de Dona Urraca, con escaleiras dobres de caracol. Sobre a porta principal vense as marcas de tres pedras armeiras que aínda conservan a cruz e as coroas símbólicas portuguesas. 
Castelo de Santiago de Aitona (As Barreiras-Salvaterra): Foi mandado construír polo Capitán Xeneral de Galicia Guillén Ramón de Moncada, marqués de Aitona, no anos 1646, no marco da guerra de Restauración con Portugal. O enxeñeiro que dirixiu as obras foi Juan Ruíz de Quecedo. Segundo Felipe de la Gándara, no seu Armas y Triunfos de Galicia, o forte, con catro baluartes, tiña cabida para 1.500 homes. Na actualidae só se aprecia o reduto central e parte dun foxo. 
O Castelo da Ermida e O Castelo: Topónimos. Lugares da parroquia de Salvaterra. 
 

 
SANXENXO
Torre da Lanzada: A torre é o que queda dun castelo do século X, construído por mandato do bispo Sisnando II de Iria  para a defensa de Compostela dos normandos. Crese que se levantou sobre un antigo faro fenicio ou romano. No ano 1121, Dona Urraca e o bispo Xelmírez acordan que pase a este último. Aquí tivo lugar o derradeiro enfrontamento entre os Irmandiños pontevedreses e Pedro Madruga, cando un grupo de labregos e mariñeiros, comandados por Xoán García de Chichontes e Xoán García de Barla, conquistan o castelo. Hai unha ermida románica.
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Adina e Torrón.  

SILLEDA
Castelo de Férveda (Xestoso-Férveda-Escuadro): Restos dunha fortaleza medieval construída no século XIII polos señores de Dez e levantada nun esporón a 615 metros de altitude, con ampla visión cara as terras de Escuadro. Ten planta elíptica duns 100 metros de no eixo norte-sur e uns 45 metros no eixo leste-oeste. Defendido por grandes terrapléns que o rodean e que configuran as encaixadas canles dos ríos de Escuadro ao sur e o rego do lugar de Fontelas ao norte. No flanco máis exposto do SO aínda se aprecia o sistema de terraplén, foxo e parapeito exterior. Coñecido tamén como Coto do Castelo e Eira dos Mouros. Pertenceu a Alonso Suárez de Deza, e despois de ser asasinado na Rocha Forte de Santiago, xunto con outros nove representantes da nobreza no ano 1317, foi ocupado pola mitra compostelán. Destaca a gran beleza natural do lugar en que se atopa, rodeado de carballeiras e das canles de auga que discorren por impresionantes fondais. Na ladeira norte do esporón, a canle dos ríos dan lugar na súa caída á coñecida domo Fervenza da Férveda. (Información, extractada, achegada por Elixio Vieites e publicada en patrimoniogalego.net).
Coto do Castelo da Torrevedra (Torrevedra-Rellas): Época Baixomedieval. Trátase dun outeiro de forma cónica rodeado na zona sur polo rego de Escuadro, antes de xuntarse uns 100 metros ao leste co río Toxa, e ao que amosa rexas pendentes cara a súa canle. Na zona oeste mántén esas fortes pendentes que configuran a súa característica forma apuntada. Ten excelente dominio por esta zona das terras de Rellas e Escuadro e pasa ao seu carón un camiño que atravesa unha pontella sobre o rego de Escuadro. Na zona norte presenta menos elevación con respecto ao terreo circundante, podendo apreciarse un parapeito cun foxo que a día de hoxe está moi colmatado. No cume hai unha pequena superficie chan duns 10 metros de diámetro. (Información achegada por Elixio Vieites e publicada en patrimoniogalego.net). 
Fortaleza de Chapa (Chapa): Levantada polos Suárez de Deza no século XII. Sufriu o sitio de Berenguel de Landoira no ano 1320 e pasou a mans do cabido compostelán ata que a casa de Altamira reclamou os dereitos dos Deza. Foi atacada polos Irmandiños. Durante as loitas revolucionarias do ano 1846, o xeneral Rubin fixo noite nela. Non quedan restos, sobre ela levantáronse edificacións modernas.
Torre de Cira: Restos dun antigo castelo fundado por Bernardo Suárez de Deza no ano 1115 sen licenza da Mitra nos tempos de Xelmírez. No ano 1121, Dona Urraca recluíu aquí ao arcebispo Xelmírez. Destruída polos Irmandiños, foi reconstruída polo conde de Altamira. Controlaba a zona polos pasos da ponte de Ledesma e a Ponte Ulla. Tan só permanecen en pé os restos da Torre da Homenaxe, datada no século XV, de planta rectangular con van apuntado de grandes doelas e outro alintelado.
A Torrevedra: Topónimo. Lugar da parroquia de Rellas.
 

SOUTOMAIOR
Castelo de Castrizán: Construído no Castro da Peneda no ano 1477 polo arcebispo Alonso Fonseca para poder controlar o de Soutomaior xa que apoiaba a Isabel a Católica. Destruído por Pedro Madruga, partidario da raíña Xoana e dos portugueses, cando regresou do seu cativero en Benavente; sobre as súas ruínas ergueuse unha capela posta baixo o padroado da Virxe das Neves. Cóntase que hai un pasadizo con tres posibles entradas ou saídas. O túnel utilizouse para enviar reforzos contra os franceses na soada batalla de Pontesampaio onde o exército napoleónico recibiu a primeira derrota dende a súa invasión da Península. O P. Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no 1745, escribiu: "...sóbese a un alto dende o que se divisa toda a ría de Vigo... aquí existe un monte altísimo como pirámide, que chaman A Peneda. No alto hai ruínas dun castelo, e hoxe hai unha nova ermida de Nosa Señora... Este monte deixa case ao poñente a ría de Vigo, e case ao oriente Soutomaior".
Castelo de Soutomaior: Levantado a 120 metros de altitude sobre o nivel do mar, dominaba o val do río Verdugo ata a enseada de San Simón. Ten a orixe no século XII, fundado por Paio Méndez Sorrelle, o primeiro en utilizar o apelido Soutomaior. Derrubado durante a Revolta Irmandiña, foi reconstruído por Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga). Despois da morte do conde no ano 1486, as desputas sucesorias fan que esvaeza o protagonismo da familia. A principios do século XX era a súa propietaria a marquesa de Ayerbe, coñecida como "A Marquesa Roxa", precursora do movemento feminista en España. Debido á actividade política que tiña lugar intramuros do castelo, converteuse nun lugar sospeitoso de conspiración o que conlevou a perda da propiedade no ano 1917. No ano 1982 foi adquirido pola Deputación Provincial de Pontevedra que procedeu á súa restauración. A fortaleza ten dobre perímetro amurallado de planta oval irregular que se adapta ao terreo. Descoñécese se o segundo recinto foi engadido despois do asalto dos Irmandiños ou se substituíu a outro anterior. Consérvase a primitiva Torre da Homenaxe de 15 metros de altura e planta rectangular con entrada pola primeira planta onde se atopaba a ponte levadiza.
 
 
 

TOMIÑO
Fortaleza do Castro (O Castro-Vilameán): Óscar Franco achega esta fortaleza en patrimoniogalego.net que foi construída sobre un primitivo castro. No lugar pode verse o que semella o baseamento dunha antiga fortaleza medieval. Aínda é posible ver as marcas da base do que podería ser unha torre feita en pedra, con 1,5 metros de ancho por uns 20 metros de altura. A torre foi reforzada entre os séculos XIV-XV, utilizando as pedras dos seus muros defensivos. 
Forte de Amorín: Ano 1657. Castelo terreiro protexido por profundos foxos, ergueuse nun outeiro sobre o río Miño. Formaba, xunto co forte dos Medos, o sistema de defensa da cidade de Tui. A causa da construción destas fortalezas xurde como consecuencia da Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), provocadas polo afán expansionista de Felipe II que anexiona o Reino de Portugal no ano 1580. A guerra estala coa proclamación da independenza de Portugal no ano 1640, conflito que tamén forma parte da nosa Historia pero sobre o que a historiografía española pasa silandeira. 
Forte das Chagas (O Pazo-Goián): Restos dunha fortificación dos séculos XVII-XVIII que formaba parte dun conxunto de fortificacións realizadas polo exército portugués durante a ocupación de Goián entre 1663 e 1668. As poucas referencias e os planos históricos contemporáneos á ocupación portuguesa que falan desta construción din que posuía planta cadrada con catro baluartes, un en cada esquina e dúas medias lúas fronte ás cortinas norte e sur, todo protexido por un foxo. Na actualidade o lugar atópase cuberto polo mato, sendo difícil facer unha lectura visual do conxunto. (Información recollida de Óscar Franco en patrimoniogalego.net).   
Forte dos Medos (Estás): Construído polos españois, rematado no ano 1664. Como o de Amorín, trátase dun castelo terreiro que tiña como función a de empecer o paso do exército portugués cara a Tui. 
Castelo de San Lourenzo de Goián: Século XVII, construído sobre o primitivo Forte da Barca. Foi conquistado polas tropas portuguesas no ano 1663. Asinada a paz no ano 1668, e xa en poder dos españois, facíase demasiado grande para acoller unha pequena gornición polo que, no ano 1671, constrúese un pequeno forte, o castelo de San Lourenzo. É de planta cadrada, con baluartes nos ángulos con garitas en cada un. A planta, de forma estrelada, está arrodeada por un foxo. O interior acollía o polvorín, as casas do gobernador e do capelán, unha capela, os almacéns, os pozos, as cortes para os cabalos e as dependenzas da tropa. Tiña como obxectivo o control do paso do Miño e do forte portugués de Vilanova de Cerveira. 
Forte da Concepción: Construído polos portugueses en terra e madeira. Era de planta irregular. Moi alterado o seu trazado orixinal, no que era o patio de armas levántase a ermida de San Roque. 
Torre dos Ratos (O Pazo-Goián): Neste lugar hai constancia dun asentamento de época romana datado entre os séulos I-II d.C. As escavacións realizadas ofreceron diverso material (tégula, restos cerámicos, fragmentos con e sen decoración, etc.) visibles a simple vista. Tamén apareceron restos de muros e estruturas de combustión. En épocas posteriores este mesmo lugar serviu para a construción da Torre dos Ratos. Trátase dunha torre de vixiancia do século XVII levantada durante as guerras con Portugal. Tiña relación co Forte e San Lourenzo situado a poucos quilómetros. Segundo as referencias bibliográficas históricas do enxeñeiro militar Miguel de Hermosilla no século XVIII, a torre posuía uns 4 metros de diámetro exterior, 2,5 metros de diámetro interior e unahs paredes cunha anchura inferior a un metro. Pousuía tamén portas e bufardas de cantería, chans e ventás de madeira e accedíase mediante unha escaleira de man. Tamén o Padre Sarmiento fai referencia a este lugar coas seguintes palabras: "Es una torre o castillo redondo, en un alto, mucho de una punta que se mete en la ría. Es del Señor de Goyán. Por su sitio, su figura, su fábrica y antigüedad prueba sería de los romanos, y que no se pudo hacer para solo Atalaya y acaso sería el castillo Abraca del geófrafo árabe...". E xa por último, Ávila y de la Cueva no ano 1852 fala da torre da seguinte maneira: "Antes de hacerse este castillo (el fuerte de San Lorenzo) había otro antiguo mas arriba del actual y cerca de el, cuyo sitio que ocupó conserba hoy en dia el nombre de Castillo Viejo. A poca distancia del qe existe hacia la parte del norte é imediato a las Orillas del Miño se halla una Atalaya o Torre con esta inscripción: Redificada por Don José Maria Cadaval y Peon Señor de este Coto el año de 1794". Na actualidade só podemos ver a plataforma onde se atopaba, con marcas de cantería por toda a pedra. Nos arredores podemos ver bancais defensivos. Foi derruída na década dos anos 30 do pasado século XX. A construción da ponte internacional no ano 2004 arrasou con gran parte do conxunto. Información recollida de Óscar Franco en patrimoniogalego.net). 
Asentamento fortificado de Outeiro da Cruz (Pinzás): Medieval. 
Castelo de Tebra (Outeiro-Tebra): Construído no ano 1532 por Álvaro Suárez de Deza (Risco di que por Pedro Madruga) tras ser destruído un anterior polos Reis Católicos, propiedade de Pedro Madruga. Ten planta rectangular con remate ameada, salientando a Torre da Homenaxe situada nun dos vértices. 
 
 
 

TUI
Murallas da vila (Tui): Séculos XII-XVIII. As portas de Bergán, dos Ferrerios, da Pía e a do Arco contaban con construcións defensivas especiais. A única entrada que se conserva é a Porta da Pía, do século XIII, aínda que desapareceu o gran arco rematado en ameas. Debe o seu nome a unha gran pía de pedra que existía nas inmediacións e que algúns autores relacionan coa lendaria fundación grega da cidade ou cos cultos da comunidade xudía que existiu na Idade Media. No século XVIII era coñecida como Porta da Pescadería ao existir nas inmediacións a praza para a venda de peixe. 
Casas Novas (Randufe): Fortaleza medieval construída nun esporón na pendente dun conxunto montañoso. Amplo control visual. Os poucos restos que quedan están cubertos pola matogueira. 
Fortaleza do Monte Aloia: No cume do monte, moi alterado pola estrada e outras construcións. Restos de murallas. Existen varias hipóteses canto á súa orixe: castro prerromano, defensas contra os suevos, ou o mítico Monte Medulio.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Guillarei e Paramos.
 


VALGA 
Monte Castelo (A Medela-Valga): No PXOM de Valga dise que non se atoparon vestixios que permitan definir o tipo de xacemento aínda que na toponimia catastral figura como castelo. En apuntes de García Alén que se gardan no Museo de Pontevedra dise que é un castro onde apareceron restos de ánforas, ímbrices e algo de cerámica castrexa sen decoración. Visitado o lugar por Elixio Vieites, de quen tomamonos a información na ficha de patrimoniogalego.net, apréciase unha pequena superficie elevada sobre unha estrutura de forma cónica feita de acumulación de terra e cachotería, aproveitando un saínte rochoso. Ten ampla visión cara o val no que se atopa a igrexa de San Miguel de Valga, por onde transcorre a ruta xacobea cara Santiago. Posúe dous marcados foxos circulares que rodean a base do recinto, agás pola banda leste de acusadas pendentes cara o río Valga. A superficie cimeira é chan e mide uns 15 metros de diámetro. Posiblemente anterior ao que se cre que son os restos dun pequeno castelo de control do territorio, habería un castro do cal foron aproveitadas algunhas estruturas. Hai lendas de mouros: Cóntase que a uns 100 metros deste lugar, ao quitar unhas pedras dun burato, había unha moura bailando.  
A Torre (Torre-Cordeiro): Asentamento fortificado de época medieval. No lugar non se atoparon evidencias evidencias construtivas, pero non moi lonxe hai unha pequena elevación con afloramentos rochosos que ben puideron acoller algún tipo de fortaleza.
Suatorre (Cerneira-Setecoros): Posible asentamento fortificado de época medieval, se ben aínda non se atoparon restos.
O Castelo (Vilariño-Setecoros): Posible asentamento fortificado de época medieval.
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Campaña e Cordeiro.
 
VIGO
Castelo de Rande: Descoñécese se xa existia no século XVI, o que si sabemos é que foi destruído durante a Batalla de Rande no ano 1702. Enfronte atopábase a batería de Punta Corveiro (consérvanse algunhas pedras), dende a cal partía unha cadea ata o castelo para controlar o acceso á enseada de San Simón. No século XX, xa arruinado, as súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións. 
Castelo de San Sebastián: Foi construído a presa por temor a un ataque anglo-portugués o que supuxo que os muros non resultaran o suficientemente consistentes nin que se construíran outros anexos defensivos. Cando a invasión inglesa do 1719 o castelo foi abandonado, refuxiándose os seus defensores no castelo do Castro. No 1719 foi declarado en estado ruinoso, e no 1756 xa se sinalaba que só servía para meter alí o gando. A principios do século XIX construíuse un hospital no seu interior. No 1927 foi recuperado, e ata o 1964 actuou como cuartel. No 1970 o Concello decidiu derrubar o baluarte para construír o novo edificio do consistorio.     
Murallas da cidade: Mandáronse construír no ano 1656 por Felipe II para protexer a cidade dos portugueses. A muralla carecía de foxo e ía dende o castelo de San Sebastián ata a Porta do Sol, baixaba pola rúa Carral ata A Laxe onde bordeaba o mar ata o Berbés e ata o comezo da rúa Real. Dende alí volvía a ascender ata o castelo de San Sebastián, formando así unha pequena cidadela. Contaba con sete portas. A muralla foi derrubada a petición popular durante o reinado de Isabel II. 
Torre Busteu: Derrubada cando se construíu o Pazo da Pastora.  
Torre de Candeán (Candeán): Coñecida tamén como a Torre dos Mouros, foi construída entre os séculos XIV-XV sobre un pequeno outeiro rochoso. Tiña un dobre recinto amurallado, practicamente desaparecido, e un foxo, hoxe en día ocupado por leiras. 
Torre Lavandeira (Vigo): Destruída cando se construíu no ano 1670 o Pazo de Castrelos.  
Torres de Padín (Teis): Fortificación levantada no século XIV, destruída polos Irmandiños. Ademais do castelo, atopáronse vestixios da ocupación humana da Idade do Bronce, da época dos castros e da romanización. Mais de dous mil anos de historia arrasada polos espoliadores da memoria, encarnados, neste caso, polos que planificaron a construción dunha autoestrada e unha nave industrial sancionada por danar os poucos restos que se conservan.
Castelo do Castro (Vigo): Construído na segunda metade do século XVII, atópase na parte máis alta da cidade. Defendía o porto e a cidade. Estaba formado por tres recintos dos que só se conservan o primeiro e parte do segundo; o terceiro desapareceu na súa totalidade. Un pasadizo comunicábao co desaparecido castelo de San Sebastián. 
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Coruxo e Navia.
 


VILA DE CRUCES
Castelo de Alcobre: O cume do monte de Alcobre (413 m), entre as parroquias de Carbia e Piloño, é un excelente miradoiro sobre o río Ulla. En tempos foi un castro, citado pola infanta Elvira nunha doazón do século XI. Sobre el ergueuse unha torre ou castelo. Sábese que xa existía no ano 1280, pois neste ano as tropas de Afonso X apodéranse de varias fortalezas da Mitra, entre outras a de Alcobre. Logo foi devolto á igrexa de Santiago por Sancho IV. (Información achegada por Elixio Vieites). 
Castelo da Croa de Castromouzo (Cirela-Gres): Elixio Vieites achega esta nova fortificación en patrimoniogalego.net. De época baixomedieval, esta fortaleza asentábase no cume do monte Castromouzo, a 290 metros de altitude. Está arrodeado de fortes pendentes, cunha inmellorable visión sobre a contorna. Dominaría o paso que atravesa a Ponte Ledesma. A croa é de forma elíptica, duns 60 x 40 metros. Os restos das murallas están feitas de cachote e terra duns catro metros de altura e uns dez metros de ancho. Na parte central do recinto hai unha elevación que forma un rechán circular duns quince metros de diámetro que serviría de base a unha torre ou atalaia. Pode que a fortaleza se erguera sobre un primitivo castro. 
Castelo de Sulago (Merza): No lugar levantouse unha torre ou un castelo en época medieval; apareceron pedras e tellas. Trátase dun recinto tirando a ciruclar de pequenas dimensións arrodeado por terrapléns moi pronunciados. Non está suficientemente documentado que se levantara sobre un castro, quizais romanizado, onde se ven anacos de tégulas. 
 

VILABOA
Castelo de Ubeiras (Santo Adrao de Cobres): Séculos XIV-XV. Ruínas, só se conservan algúns restos dos muros. Foi destruído pola armada anglo-holandesa na batalla de Rande do 1702. 
 

VILAGARCÍA DE AROUSA
Castelo de Miadelo (Carril): Século XIII. Ruínas. Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, fala dunha torre. 
Monte da Torre de Cortegada (Illa de Cortegada): Aquí está documentada unha edificación de vixiancia e defensiva para controlar os ataques normandos que chegaban a esta zona da costa para despois avanzar polo río Ulla cara Iria e Santiago. (Información de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net).
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Arealonga e Baión.
    

VILANOVA DE AROUSA
Castelo de Lobeira (Lobeira-András): Séculos IX-X. No Monte Lobeira, nun enclave rochoso con panorámica sobre a Ría de Arousa. Foi doado á Mitra no ano 1111 e novamente no 1175. Dise que aquí naceu Theodomiro, bispo de Iria, do que a lenda asegura que foi un dos descubridores da tumba do Apóstolo Santiago. Consérvanse algúns restos das murallas e un alxibe. Da época de Dona Urraca son os tres alquerques que representan xogos flamengos cos que os soldados holandeses, traídos por Raimundo de Borgoña, se entretiñan. Foi destruído durante a segunda Revolta Irmandiña. Cedido pola Mitra compostelá a Xoán Antonio Mariño de Lobeira, aproveitou as pedras para construír o pazo de Rial. Durante a Guerra Civil, as súas ruínas foron tristes testemuñas dos asasinatos cometidos polos fascistas do xeneral Franco. 
Torres de Xanfardán (Tremoedo): Só se conservan algúns muros. Xunto co castelo de Lobeira, a torre de San Sadurniño e as Torres do Oeste, formaban a defensa contra os ataques dos pobos do norte de Europa.
Mosteiro de Cálago (Cálago): Ruínas, edificado sobre un castro. A fundación do desaparecido cenobio atribúese a San Froitoso de Braga no s. VII. As primeiras noticias documentais datan do ano 929, cando Afonso IV acota os seus límites. Aínda que ten pasado por priorado de San Martiño Pinario, Rubén García Álvarez afirma que boa parte da súa historia discorreu como mosteiro independente, estimando que a unión ao mosteiro compostelán faríase despois do 1150 (Manuel Lucas di que a anexión tería lugar a mediados do século XIV, cando desapareceu). Tiña abades propios, e non priores. No 1199, dona Urraca, que posuía o castelo de Lobeira, fixo unha doazón ao mosteiro. Os seus restos, dos que só se conserva o campanario, forman parte dos alicerces da antiga igrexa conventual. Hai quen conxectura que foi destruído polos normandos no século IX ou X. Tamén que no lugar existiu unha fortaleza nos século XV ou XVII como parte defensiva das terras de Compostela. Nas catro catas realizadas no mes de agosto de 2017 non apareceron restos do antigo cenobio o que non quere dicir que non existira, será cuestión de seguir escavando. O que si saíron á luz foron anacos de cerámica castrexa, unha ánfora romana, restos dun morteiro, terra sigillata, cerámica común, tégula e restos de metal.  
  

 
o noso patrimonio
Castelos e torres de Galiza (Provincia de Pontevedra)
Xabier Moure