CASTELOS DE GALICIA (PROVINCIA DE OURENSE)


 

ALLARIZ
Castelo de Mouresiños (San Paio dos Penedos): O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo iniciou os traballos neste castelo construído no século IX e abandonado no XI. O equipo técnico, formado por Adolfo Fernández, Patricia Vale, Fermín Pérez e Susana Reboreda, despois de elaborar un estudo documental do xacemento e unha vez realizada a primeira limpeza do espazo, comezaron as intervencións na zona, abordando un período pouco coñecido e de índole laica, xa que se trataría dun castelo e unha necrópole asociada. O xácigo divídese en dous sectores, unha zona elevada e de difícil acceso onde se atopa o lugar habitacional e un posible lugar de control de paso dun camiño que comunicaba a Limia co val do Arnoia; outro sector atópase nunha zona máis baixa, xunto unha zona de cemiterio con varias tumbas antropomorfas escavadas na rocha. No PXOM, este xacemento está catalogado, incorrectamente, como un castro con ocupación romana e logo designado como xacemento funerario de época medieval. Os traballos permitirán abordar o estudo do castelo co obxectivo de interpretar as súas estruturas, funcionalidade e cronoloxía de uso. (Información e foto extraída da páxina historiadegalicia.gal). 
Castelo da vila (Allariz): Século XI. Á beira do río Arnoia. Consérvanse restos da muralla da vila na parte coñecida como o Socastelo; pertenceu ao conde de Benavente. Destruído polos Irmandiños. Erixido sobre un primitivo asentamento castrexo. 
Monte Castelo ou Cima de Vila (Urrós): Nun outeiro con afloramentos graníticos, lindeiro co concello de A Merca. Na vertente deste concello obsérvanse tres liñas de murallas. Atopáronse restos cerámicos. Alterado pola extracción de pedra.
 

 

AMOEIRO
Castelo de Formigueiro (Trasalba): Tamén coñecido como Alba de Búbal, de onde derivaría o topónimo Trasalba. Construído sobre un primitivo asentamento castrexo, só se conservan algúns restos esparexidos pola contorna. O primeiro documento data do século XI. Derrubado polos Irmandiños e logo reconstruído. Cóntase que os veciños dos Chaos salvaron o gando da requisa polas tropas napoleónicas no 1809 agochándoo nos subterráneos abovedados do castelo. Nunha rocha aparece unha gravura medieval dunha espada. 
 

BALTAR 
O Castelo (San Paio-Abades): Aínda que a simple vista non se observan restos, a tradición sitúa aquí unha fortaleza medieval. Trátase dun outeiro rochoso cunha zona central superior achairada e arrodeada por terrapléns naturais. Tamén se distingue unha terraza circundada por terrapléns que puideran pertencer a un segundo recinto. 
 

BANDE
Ruínas do castelo (Bande). 

BAÑOS DE MOLGAS 
Outeiro da Torre (Suatorre-Ambía): Había unha edificación defensiva que foi destruída hai máis de cen anos para reaproveitar as súas pedras noutras construcións modernas. 
Fortificación de Guamil: Medieval. Sobre un outeiro granítico. Agás as defensas naturais, só se aprecia un foxo artificial. 
A Torre (Vilariño-Lama Má): Torre medieval de control, hoxe desaparecida, que asentaba sobre un pequeno outeiro. 
 

O BARCO DE VALDEORRAS
O Castro: Sábese que o castelo, construído sobre un antigo asentamento castrexo, xa existía no século XII. Vixiaba o camiño de entrada a Galiza. Pertenceu aos condes de Lemos e aos de Vilafranca do Bierzo. No século XV pasou aos condes de Ribadavia. Durante as obras de restauración da arruinada torre a mediados do ano 2012 saíu á luz un alxibe que estaba cuberto de terra, construído no século XIV e ao que se accedía só por unha trapela da cuberta abovedada; máis adiante, no século XVIII e co obxectivo de utilizalo como cárcere, abriuse unha porta. Tamén afloraron restos do primitivo castro. 
Castro do Xardoal (Forcadela): Sobre o primitivo castro pódense ver varias pedras calcarias unidas con morteiro o que fai pensar na posible existencia dun castelo medieval. 
 

OS BLANCOS 
Castelo da Raíña Loba: Na parroquia de Covas, no coñecido como Penedo da Raíña Loba, a uns 1.150 metros de altitude sobre o nivel do mar. Restos dun castelo roqueiro situado nun monte granítico datado entre os séculos XIII ou XIV. Nunha rocha hai gravado un taboleiro de xogos de "Alquerque de nove". Apareceron algúns muíños circulares de man e restos cerámicos. Pódese ver un pozo escavado na rocha que, segundo nos contou un veciño, acolle uns 5.000 litros de auga. Dise que as pedras da fortaleza foron reaproveitadas na construción das casas da aldea. Asociado a unha lenda. Ver en APÉNDICES, neste mesmo blog: O Castelo da Raíña Loba. 
O Castelo Vello: Tamén na parroquia de Covas, e non moi lonxe do anterior. Trátase dun outeiro rochoso que se eleva a uns 1.000 metros de altitude, protexido dos ventos do sur por grandes penedos. Vense os alicerces dun muro formado por grandes sillares de granito asentados sobre a rocha e rebaixes para asentar os sillares e as vigas de madeira. Estaría en relación co castelo da Raíña Loba. Contáronnos que alí "viviu xente" e que se podían ver restos de muros e moxóns. 
Castelo do Outeiro da Fraga (Covas): Situado no derradeiro outeiro rochoso ao sur do Castelo da Raíña Loba. Vense os alicerces dunha torre medieval de planta rectangular que formaría parte do complexo da Raíña Loba. 
O Cemiterio (Covas): Xacemento emprazado no cumio dun grande outeiro rochoso situado ao sur do Castelo da Raíña Loba, coñecido tradicionalmente polos veciños como O Cemiterio pola aparición de gran cantidade de ósos. Pódense ver os alicerces dunha construción de planta cuadrangular levantada con muros de mampostería de granito que puideran corresponder aos restos dunha torre medieval relacionada co castelo da Raíña Loba. Localizáronse anacos de filiación medieval e ósos de animais.
 



 

BOBORÁS 
Castelo do Castro Cavadoso (Paradela-Moldes): Pertenceu aos condes de Ribadavia. Foi destruído polos Irmandiños. Aínda se poden ver as ruínas das murallas e doutras edificacións. 
Pico da Moura (Xendive): Na documentación medieval figura como Torres de Meixome. Servían para custodiar o camiño real entre Xurenzás e Fenteira. Aprécianse restos dos muros circulares de xisto e foxo defensivo. Sufriu escavacións furtivas no centro da torre o que provocou un apreciable rebaixe. 
Torres de Meixo (Meixo-Xendive): Medieval. Destruída cando a construción da estrada N-541. Desaparecida. 
A Torre (O Penedo-Xuvencos): Medieval. Desaparecida. Identificada por X. L. Sobrado coa Torre de Xuvencos, rexistrada documentalmente como unha das torres destruídas polos Irmandiños. Na súa investigación recolleu materiais cerámicos e escouras de mineral. 
 

A BOLA
Castellum Berreti (Berredo): Situado no cume dun pico rochoso, a 750 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre dous regueiros e sobre un primitivo asentamento castrexo. Defendido de forma natural polas acusadas pendentes. Pódense observar restos de cachotaría de granito espallados polo lugar que ben puideron pertencer a unha muralla e rebaixes artificiais na rocha. Mandado construír polo rei portugués Afonso Henriques o cal lle entregou a súa tenza ao conde Velasco (probablemente o conde Vasco Sánchez de Barbosa). Os primeiros documentos datan do ano 999 que o citan como Castellum Berreti, nunha doazón no que o monxe Gaudinus Albarín doa ao mosteiro de Celanova as súas propiedades. Volve haber noticias no 1001 en que Maltrona vende ao monxe Munio varias terras en Seixomil, coa indicación de que se atopan "Subtus castro Berreto discurrente rivulo Mauregati". As noticias sobre esta fortificación perduran ata o século XV. 
 

O BOLO
Castelo do Bolo (O Bolo): Séculos XII-XV. Construído por mandato de Dona Urraca, pasou logo aos condes de Lemos. Destruído polos Irmandiños, volveu a reconstruírse a finais do século XVI por iniciativa do conde de Benavente. Ao longo do tempo foi utilizado como canteira, escola, cadea e campo da festa. Restaurado dende o ano 2001, acolle o Centro de Interpretación do castelo. Pertence ao concello do Bolo. Tiña planta rectangular con sete cubos e a Torre da Homenaxe. A torre, que non conserva as ameas, foi reedificada por Xoán Pimentel no s. XIV; ten planta cadrada con tres andares e soto. Tamén se consevan parte da muralla e un alxibe. 
 

CALVOS DE RANDÍN
Castelo da Picoña: Século XII. Situado na raia con Portugal, no outeiro da Almena, na marxe esquerda do río Salas. Defendía o Couto Mixto. Foi derruído polas tropas castelás no ano 1650. Conserva os alicerces e un alxibe escavado na rocha. 

O CARBALLIÑO
Castelo de Orcellón: Nada se sabe sobre a fundación deste castelo nin da súa situación exacta. Se o situamos no Carballiño é por unha ambigua da Historia Compostelana. Si se sabe que pertenceu a Dona Urraca e que no 1121 a raíña retivo nel ao arcebispo Xelmírez. Foi derrubado polos Irmandiños no ano 1467. 
Coto da Torre (Trigás Sagra): A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a ficha desta torre que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. A 369 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dun impresionante outeiro granítico de forma cónica, pola súa relativa altura sobre a contorna, con grandes escarpes cara o regato Varón e con ampla visibilidade sobre unha zona do Ribeiro. O cume ten pouca superficie, mais cara o norte ten unha terraza chaira onde se documentou unha estrutura rectangular que pode tratarse dunha torre. O emprazamento non pode ser máis axeitado para este punto de control e vixiancia sobre o territorio circundante; cara o norte pecha os destros da casa reitoral onde se documentou un xacemento romano. Polos demais puntos resulta inexpugnable debido á altura e aos escarpes con afloramentos. Un veciño informou a Nieves de que se atopara tégula romana no cumio do outeiro. A estrutura rectangular documentada está orientada NO-SL, cunhas dimensións de 12x6 metros, con muros cunha anchura de 75 centímetros de media. Aínda que pode tratarse dunha torre medieval é probable que o sitio fora utilizado en época romana. 
A Torre/O Castillo (Godás do Río-Longoseiros): A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a ficha desta torre que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. A 349 metros de altitude sobre o nivel do mar, no único outeiro rochoso que hai no pobo, visible dende a estrada xeral. Trátase dun conxunto de infraestruturas medievais, estratexicamente situadas en relación co paso do río Arenteiro neste punto. A torre ubícase nun outeiro granítico que domina visualmente e por cercanía o val e o río. No extremo NL do outeiro consérvase parte dunha torre realizada en sillares de granito e que sería de planta rectangular, apoiándose nos penedos. No sector norte o muro conserva 1,60 metros de altura e 7,50 metros de longo. É probable que no resto do outeiro haxa outras estruturas medievais relacionadas coa torre. Vense sillares soltos espallados polo lugar e os muros que o circundan. Cara o SO da torre está o paso sobre un regato que desemboca no río Arenteiro, poucos metros máis abaixo. Trátase dun pontillón realizado con grandes pedras de granito, sen peitorís e sen arcos, tipo poldra. Este é o paso do regato para o camiño denominado de A Brea, de segura orixe medieval, que vén da Ponterriza e diríxese cara Longoseiros. Uns metros despois de cruzar o regato o camiño bifúrcase en dous: un polo val cara Longoseiros, e outro que ascende pola ladeira do outeiro cara a torre e o pobo de Godás do Río. Este último camiño está tallado na rocha, cunha anchra de 1,50 metros e con rodeiras moi profundas. Lugar asociado a unha lenda de mouros. Tamén din os veciños que existe un pozo que a través dun túnel comuncia este lugar co castelo do Castro Cavadoso, en Paradela de Moldes (Boborás). No mes de novembro de 2016, Patrimonio autorizou as escavacións para deixala ao descuberto e consolidala. 
A Torre (Pol-A Piteira): A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a ficha desta torre que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. Posible torre medieval situada nun outeiro que se eleva a 416 metros de altitude sobre o nivel do mar e dende o que se domina visualmente o val do río Arenteiro e un paso sobre o mesmo. Debido á mesta matogueira que cubría as estruturas e aos traballos agrícolas, abandonados na actualidade e que seguramente destruíron os muros, non foi posible atopar restos visibles. Na fotografía aérea do ano 1956 apréciase o coto como un lugar transformado, con posible foxo arredor do cumio e cos camiños e pontillón para cruzar o río. Tense coñecemento de varias torres situadas no concello do Carballiño en patróns de asentamento semellantes a este: un lugar de tránsito obrigado e de paso do río, no que aínda se conservan os trazados dos camiños medievais. É o único coto que domina visualmente a chaira, a súa situación é moi parecida á da Torre de Godás do Río.   
Torre de Cabanelas: Desmontada arredor do ano 2010 pra vender a pedra. (Información achegada por Nieves Amado Rolán). 
 
 
 
 

CARTELLE
Fotaleza de Sande: Século XII.XIV. Construída sobre un espectacular outeiro granítico sobre o río Arnoia, no lugar onde posiblemente houbo un primitivo asentamento castrexo, para a vixiancia e defensa das terras da súa xurisdición. Consérvase a torre de 13 m de altura, ten planta rectangular e tres andares. Na parte superior, de onde desapareceron as ameas, sobresaen un grupo de ménsulas. Ao interior accédese por medio dunha porta con arco semicircular coa pedra armeira dos Sande. Nos muros pódense ver os signos pétreos dos canteiros. No ano 1141, o rei Afonso VII dooulla ao mosteiro do Salvador de Celanova logo de que o señor da torre, Nuno Sande, matara ao seu abade. Xogou un importante papel no ano 1165, cando as loitas entre Fernando II e o rei portugués Afonso Enriques. Declarada monumento de interese nacional no ano 1949. 
 

CASTRELO DE MIÑO 
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Sobre o primitivo castro ergueuse unha torre na Alta Idade Media e da que non se conservan restos. No mesmo lugar construíuse a actual igrexa de Santa María de orixe románica. 
 

CASTRO CALDELAS
Castelo de Castro Caldelas: Séculos XII-XV. A principios do século XIV, Afonso XI cedeulle o castelo aos condes de Lemos. Os Irmandiños, que o destruíron no ano 1467, foron obrigados por Pedro Álvarez Osorio a reconstruílo despois da derrota. Por orde do xeneral Loison, foi incendiado no ano 1809 como represalia pola morte duns soldados napoleónicos, feito que provocou a perda de inestimables documentos referidos ao castelo e á propia vila. De altas murallas, ten uns torreóns ameados situados nos vértices. Sobre as súas portas aparecen as pedras armeiras dos Lemos. No patio de armas consérvanse un alxibe e un forno. Acolle o Museo Etnográfico. 
 

CELANOVA
Torre da Homenaxe (Vilanova dos Infantes): Séculos XII-XIV. Do castelo erixido por Guterre Menéndez e Santa Ilduara, pais de San Rosendo, só se conserva a Torre da Homenaxe, construída en cadeirado de granito, de planta cadrada e 19 m de altura. Os primeiros propietarios foron os monxes de Celanova. Logo pasou a Fernando de Castro que o tivo baixo o seu señorío ata o ano 1369 en que o rei o obriga a cedérllelo a Xoán Rodríguez de Biedma e aos seus herdeiros os condes de Monterrei. Derrubado polos Irmandiños, foi reconstruído a mediados do s. XVI. A Fundación Terra de Celanova mantén aquí unha exposición permanente sobre o xacemento arqueolóxico de Castromao e a Idade Media. Declarada como BIC. 
Fortaleza de Milmanda (Alcázar de Milmanda): Situada nun outeiro sobre o río Tuño, ao parecer foi construída sobre un asentamento de época romana. No século X pertencía ao mosteiro de Celanova, e no XII foi reconstruída e cedida en señorío a Sancho Eanes. Foi ocupada por Fernando I de Portugal. No século XV foi destruída polos Irmandiños quen logo foron obrigados a erguela de novo. No século XVIII, xa en plena decadencia, construíuse no lugar a igrexa de Santa María de Milmanda, utilizando de campanario unha das torres do castelo. Nunha casa en ruínas próxima vense restos reutilizados da antiga fortaleza.
   

 

CENLLE
Castelo da Pena ou Coto dos Mouros (A Pena-Cenlle): Medieval. Levantado sobre un primitivo castro, desapareceu no século XVIII. Pertenceu aos condes de Ribadavia. Aínda se poden ver os rebaixes na rocha para asentar as vigas e un alxibe escavado na pena. Apareceron fragmentos cerámicos castrexos e medievais. 
Castelo Alto (Pereiro-Cenlle): Medieval. Trátase dun promontorio rochoso aproveitado mediante socalcos con protección natural polos lados sur e leste. Restos de muros. Cerámica en superficie. 
Castelo do Campo (O Campo-Esposende): Medieval. Nun promontorio granítico de escasa elevación pero estratexicamente situado e protexido de forma natural. Restos de muros asentados mediante rebaixes sobre as rochas. Fragmentos cerámicos. 
Castelo de Roucos (Roucos-Pena): Medieval. Situado nun afloramento granítico con muros de cachote de grande espesor. Desapareceu no século XVIII. Atopouse un escudo coas armas dos Samiento, hoxe en día en paradoiro descoñecido. Foi lugar de extracción de pedra que alterou de forma irreversible o xacemento. 
 
 

COLES
Torre de Albán (Coles): Reconstruída no século XV. 

CUALEDRO 
A Reboleira (As Estibadas-Atás): Asentamento medieval emprazado no cume dun outeiro rochoso. Pódense ve varios rebaixes na rocha granítica destinados para o encaixe dos lenzos dos muros e vigas, posiblemente de madeira. Polo lugar hai numerosos anacos de tella de cubrición. Trataríase dunha torre de vixiancia relacionada co castelo de Trasmiras. 
Castelo do Alto do Seixo ou Pena Rachada (Baldriz): Segundo a tradición había un castelo que vixiaba Portugal e que se comunicaba co da Pena (Xinzo de Limia) e O Castro (Sandiás). No lugar hai un vértice xeodésico mais non se aprecián restos ao seren removido o terreo polas máquinas. (Información achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán). 
Torre de Lucenza (Lucenza): Pertenceu aos condes de Monterrei. No ano 1710, durante os conflitos con Portugal, transformouse en forte. Na actualidade non se conservan restos. Hai un deseño na biblioteca de Lisboa. 
Pedra Mouriña (Lucenza): Trátase dun asentamento medieval fortificado no que se aprecia unha muralla cun foxo, así como lenzos dos muros pertencentes a posibles edificacións. As rochas conservan as marcas de apoio. 
 

ENTRIMO 
O Castelo (Ferreiros de Arriba-Entrimo): Parece que o lugar acolleu unha torre que segundo a tradición controlaba a fronteira neste sitio. Apréciase unha planta octogonal conformada por un montón de pedras. Domínase o val do río Agro. 
Pía da Moura (Galez): Promontorio rochoso que acolleu algún tipo de edificación defensiva erixida sobre un primitivo asentamento castrexo. Ademais dos rebaixes nas rochas, pódense ver escaleiras feitas de pedra e escavadas na propia rocha. 
O Castelo (Guxinde-Pereira): Situado nas inmediacións das Penas de Ananán. Obsérvanse varios rebaixes nas rochas. Acolleu unha torre defensiva. 
 

ESGOS
Castelo de Litoria (Arcos-San Pedro de Rocas): Época sueva?. Construído a 886 m de altitude sobre un primitivo asentamento castrexo. No lugar hai unha pedra cunha inscrición datada a finais do século VI dun tal Dux Leovigildus. 
 

LAZA 
O Castelo (Matamá): Segundo información facilitada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, en Laza existen varias referencias e topónimos, pero ningún resto claro. O Alto do Seixo é o pico máis alto da Serra de Meda, onde se xuntan os tres concellos de Laza, Cualedro e Monterrei. A tradición oral di que neste monte do Castelo houbo unha torre de vixiancia que dependía da fortaleza de Monterrei.
Nieves tamén me achega que xunto o pobo de Retorta consévase o topónimo Os Castelos, con lendas de mouros.       

LEIRO
Castelo de Pena Corneira (Lamas): O pouco que se sabe sobre o castelo é pola Historia Compostelana. Sábese que no século XII pertencía a Arias Pérez, fillo de Pedro Arias de Deza, casado con Ilduara, filla do conde de Traba. Cando a coronación de Afonso VII, non o recoñeceu polo que tivo que ser sometido polo arcebispo Xelmírez. O famoso prelado compostelán estivo preso na fortaleza denantes seren trasladado ao castelo de Lobeira, en Vilagarcía de Arousa. O castelo estaba asentado nunha estreita plataforma que coroa un destacado outeiro que ofrece unha ampla visibilidade. Na parte superior foron localizados restos cerámicos medievais e fragmentos de tellas. No oeste existen grandes batolitos graníticos que estarína integrados no perímetro defensivo da fortaleza.
 

LOBEIRA 
Castelo Sancte Crucis (Santa Cruz de Grou): No libro manuscrito Celanova ilustrada, do século XVII, de Fr. Benito de la Cueva, lemos: "Na rebelión dos nobres de Galicia contra o rei Ramiro II no 979, á que seguiu a proclamación e consagración de Vermudo II na catedral de Santiago ao ano seguinte, orixináronse grandes revoltas no país. Algúns daqueles señores fixéronse fortes nos castelos de Sande, Castro Leboreiro e Santa Cruz, pertencente este último ao couto de Grou, do mosteiro de Celanova, e dende alí roubaban as propiedades dos conventos e cometían toda clase de atrocidades". O licenciado Molina di que foi derrubado polos Irmandiños. 

LOBIOS
O Castelo da Vila ou de Araúxo (A Vila-Araúxo): Edificado no século XII, pasou aos condes de Monterrei no século XV. Aínda que non existen documentos que o confimen, semella que foi destruído durante a Revolta Irmandiña. Tivo un importante protagonismo cando a guerra pola independencia de Portugal. Na actualidade atópase en ruínas. No ano 1991 realizáronse algunhas sondaxes arqueolóxicas. Tratábase dun castelo roqueiro erixido nunha zona con boas defensas naturais, reforzadas con murallas, torreóns e foxo escavado na rocha; tamén abundan os rebaixes nas pedras. Moi alterado polas actividades agrícolas e forestais. 
A Fraga Raxada (A Cela): Medieval. Torre emprazada no cume dun montículo roqueiro. Apenas se conservan restos. Pódense ver unha serie de derrubes pétreos que popularmente se consideran pertencentes a un mosteiro. 
O Castillo (Compostela-Manín): Sobre un pequeno outeiro situado entre dous regatos. Ao parecer, tratábase dunha torre medieval da que só se conserva a cimentación xa que as pedras foron reaproveitadas noutras construcións modernas. 
Castelo de Donas ou Ventosiño (Manín): Medieval. Torre de vixiancia construída sobre un altorelo rochoso. Polo lugar aínda se atopan pedras provenientes da construción e os rebaixes na rocha para encaixar as vigas. 
Castelo da Raxeira (Bouzas-San Paio): Medieval. Castelo roqueiro. Os únicos restos que se aprecian son algúns rebaixes nas rochas. 
 

MACEDA
Castelo de Maceda (Maceda): A orixe remóntase ao século XI. A fortaleza, xunto cos seus dominios, foi doada como dote de María Fernández, filla do conde de Traba, co gallo dos seus esponsorios con Xoán Ares de Novoa. Os Irmandiños, capitaneados por Diego de Lemos, arrasáronno no século XV. No s. XVII era conde de Maceda e señor do castelo, Alonso de Lanzós e Novoa, descendente do dirixente Irmandiño Alonso de Lanzós. Nos anos noventa do s. XX, a arruinada construción pasou ao Concello de Maceda que iniciou diversas obras de reconstrución non exentas de polémica. Está construído con perpiaño de granito. A Torre da Homenaxe é o edificio máis antigo (s. XI). Nas pedras pódense ver as marcas dos canteiros. Segundo a tradición, foi aquí onde Afonso X aprendeu o galego. Tamén se di que naceu o navegante portugués Joâo de Novoa, descubridor da illa de Ceilán. 
 

MANZANEDA
Castelo e Murallas da vila (Manzaneda): A muralla e a fortaleza teñen a orixe no século XII. No século XIV os seus propietarios eran os condes de Lemos. Destruídos polos Irmandiños, foron recontruídos posteriormente, pasando no século XVI aos condes de Ribadavia, manténdose no seu poder ata a desaparición dos señoríos no século XIX. Os seus vestixios aínda están presentes na súa muralla exterior cuns 400 metros de lonxitude, dos que na actualidade se conservan uns 100, e dez metros de alturas nalgúns tramos. O elemento mellor conservado é a Porta da Vila ou do Arco. Ademais desta tamén contaba coa coñecida como Porta de Abaixo da que só queda un lateral, e a Porta Falsa que desapareceu. Orixinariamente a vila estaba protexida por un foxo que levaba o nome de "cárcava" e que quedou na memoria colectiva co nome de "Cavarca". O castelo conforma outro recinto fortificado á marxe da liña da muralla, reforzándoa e tomando un aspecto máis defensivo xunto a Torre da Homenaxe. Só quedan restos da barbacá onde se ven tres troneiras de tipoloxía posterior ao século XV, algún muro así como columnas, capiteis, pedras armeiras, etc. Existen documentos que falan de que a Torre da Homenaxe foi derrubada para utilizar as súas pedras na construción do firme da estrada de Cabalar a Reigada no ano 1912. 
  
 

MASIDE 
Torre do Bolo de Senda: Nada se sabe dela, dise que estaba no Bolo (Garabás) ou nas inmediacións. 
Torre de Mundín (Garabás): Utilizada como graneiro e adega. 
Torre de Pazos: Arruinada, só se conserva a portada. (Información e foto achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán).   
Torre de Santa Comba de Trevoedo (Trevoedo).
  

A MERCA 
Monte Castelo (Urrós-Proente): Na parte máis alta do outeiro sobresaen uns afloramentos graníticos onde puido existir unha torre medieval. Apareceron restos cerámicos en superficie de época medieval. 
Monte Castrelo (A Mezquita): Castelo roqueiro cunha torre central. Situado no límite entre Allariz e A Merca. Apareceron restos cerámicos. Datado no século I-XII.   
Outeiro do Castro (Ponte Ermida-Zarracós): De forma elíptica, presenta unha pequena croa achandada. Cara o oeste vanse sucedendo tres plataformas a modo de terrazas. Amosa toda unha secuencia arqueolóxica de ocupación dende época castrexa ata a Baixa Idade Media. Apareceron materiais romanos e ao seu pé un asentamento de época romana, tardorromana-altomedieval e con perduración ata o século X-XII, necrópoles de cronoloxía altomedieval (sepulcros antropomorfos e de laxes fincadas), posible fortificación Baixomedieval e unha ermida, quizais altomedieval con permanencia ata finais da Baixa Idade Media que sería o derradeiro vestixio desta secuencia de poboamento.    
O Castelo ou Torre de San Pedro (A Mezquita): Existen restos dunha antiga fortificación, hoxe en día practicamente desaparecida debido a que as pedras foron reaproveitadas na casa actual que conserva un arco oxival e un escudo, e na construción da casa de Os Vilares. 
 
 
 

A MEZQUITA

 

MONTERREI
Castelo de Monterrei: Séculos XII-XIII. Crese que se erixiu no lugar que ocupaba o castro de Baronceli. Pertenceu aos Ulloa, Zúñiga, Biedma, Fonseca, Acevedo e Alba. Foi mandado construír por Afonso Henriquez, neto de Afonso VI. No ano 1136 foi refuxio de Pedro I "O Cruel", no decurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. No 1506, Filipe o Fermoso reuniuse nel co Cardeal Cisneros. Aquí imprimiuse o Missale Auriense, o primeiro libro editado en Galiza, coa imprenta de tipos móbiles. O castelo consta de tres recintos amurallados. Un dos accesos presenta unha ponte levadiza. A Torre da Homenaxe, de 22 m de altura, foi construída no século XV, en tempos do primeiro conde de Monterrei, Sancho Sánchez de Ulloa; é de planta cadrada coroada cunha barbacá con oito cubos. A Torre das Damas é anterior (s. XIV), acaroada ao pazo renacentista do s. XVI. No interior acolle unha igrexa gótica dos séculos XIV e XV. Declarado como BIC. 
O día 20 de febreiro de 2014 confirmouse: segundo a directora de Paradores do Estado, co aval da Xunta de Galicia, vaise construír un parador no castelo. Dende logo chama a atención que queiran un novo parador cando a poucos metros xa hai un que, por falla de rendibilidade económica, non funciona. Ao despilfarro que supón a obra, hai que engadir que se van modificar, é dicir, alterar, as construcións medievais, ademais de impedir que o público poida acceder despois ás instalacións, se non é, claro, como cliente.   
Torre da Atalaia: Torre fortaleza construída no monte de San Salvador no ano 1664, a uns 200 metros do castelo de Monterrei. 
Castelo de Lobarzán: En Vilaza. Situado a 655 metros de altitude sobre o nivel do mar no Monte das Chás, coñecido tamén como Monte do Castelo. Erixido no século IX sobre un primitivo asentamento castrexo durante o reinado de Afonso IX (1188-1230) que mesmo chegou a residir nel ocasionalmente. A fortaleza foi utilizada para a defensa do Támega, preferíndoo ao emprazamento do despois poderoso castelo de Monterrei, feito debido, probablemente, á oposición do mosteiro de Celanova, o seu propietario, a permitir no lugar calquera tipo de construción. No ano 1217, o rei entregoullo como dote ás súas fillas Sancha e Dulce. A finais do século XII os bispados de Ourense e Braga preitearon polo control dos territorios de Cabreiroá e Lobarzán. Pola documentación sábese que no ano 1292, por presión do mosteiro de Celanova, o rei Sancho IV ordenou a Pay Méndez que non volvese a molestar aos veciños dos coutos de Pazos, Verín e Mixós para traballar nunhas obras que se estaban a realizar no castelo xa que endexamais estiveran suxeitos a tales obrigas. 
Fortaleza de Montecelo (Medeiros): Século XVII. Formaba parte do sistema de vixiancia da "raia" que servía de apoio ao castelo de Monterrei durante o conflito con Portugal. Existen hipóteses que sitúan aquí un antigo asentamento castrexo e/ou romano. No ano 2008, por mor dunha denuncia de Adega, a empresa de telefonía Movistar foi obrigada a cambiar o emprazamento dunha antena que estaba a colocar a dez metros do xacemento. 
Torre de Medeiros: O Facebook de A Tribo dos Tamagani achega unha boa nova para os amantes do patrimonio de Galicia. A súa sospeita dunha posible torre baixomedieval en Medeiros viuse confirmada pola investigadora do CSIC Rebeca Blanco Rotea. Nun documento de herdanza Medeiros cítase como Medeiros da Torre. 
 

 

MUÍÑOS 
Torre: Figura declara como BIC. Ao parecer tratábase dunha torre defensiva. 

OÍMBRA 
A vila tivo un castelo que foi incendiado e destruído no ano 1641 polos portugueses; os veciños tiveron que refuxiarse na capela de Santa Ana, no monte de Soutullo. 
Castelo da Ceadá (As Chás): Documentado por Bruno Rúa. O lugar, coñecido tamén como As Laxes das Chas, estivo ocupado posiblemente entre o Calcolítico e a Idade Media. Dentro do que foi un castro, en menos de tres hectáreas, hai un mínimo de 78 petroglifos, un aliñamento de pedras, unha cova con cerámica calcolítica, tumbas paleocristiáns, restos dun do que puído ser un vello templo e dun castelo que aínda estaba en pé no século XV. Ten dúas entradas, con dous torreóns en cada unha. No interior vense varios compartimentos que une o castelo coa Ceadá. Dise que había un túnel que o comunicaba con Medeiros e por el pasaban os mouros para roubar os cabalos ou secuestrar as mozas. 
 

OURENSE
Castelo das Caracochas ou dos Ladrós (A Granxa): Nun outeiro coñecido como O Castelo, consérvanse as ruínas dun asentamento fortificado de época medieval do que se aprecian dous recintos cuadrangulares que conservan partes dos muros de máis de tres metros de altura. Na entrada, flanqueando un camiño que posiblemente sexa o orixinal, vese un pequeno torreón. Cóntase que ata non hai moitos anos, eran visibles os restos do castelo, conservándose muros de construción, pero foron desmantelados ao cambiar de mans a propiedade. Aínda que recibe o nome de Castelo das Caracochas, popularmente coñécese como Castelo dos Ladróns, mentres que Caracochas é o topónimo que recibe a cima onde se ubica. Na zona aínda se aprecian algúns restos construtivos. En dúas rochas hai gravadas un orante e unha bela de datación indeterminada. Asociada ao castelo, atópase ao norte a Fonte do Monte, tipo mina, documentada xa dende o século XV, que está construída en cachotaría de granito; dise que beber da súa auga dá fame. Documentado por Zeta Arqueoloxía no Proyecto de interpretación urbana y acondicionamiento de la red ferroviaria de Ourense. Tramo Taboadela-Seixalbo. 
Castelo Ramiro: Séculos XIII-XV. Non se conservan restos. Fundado polo bispado de Ourense a principios do s. XIII, no lugar coñecido como Castrum Ramirum. No 1366, por mor dos enfrontamento entre o Concello e o bispado, foi destruído, volvendo a erguerse por orde do bispo Pascual García no ano 1382, converténdose no referente da opresión sobre a Cidade das Burgas. Logo da Revolta Irmandiña pasa aos condes de Benavente que continúan cos abusos o que provoca o levantamento da cidade. Os Reis Católicos ordenan a súa destrución definitiva no ano 1486. 
 
 

PADERNE DE ALLARIZ 
A Torre (A Torre-Figueiroá): Tamén coñecida como Torre Murquiz. Século XV. Moi modificada, na actualidade adícase a corte para os animais e almacén. Nun lintel distínguese un escudo moi erosionado dos Castro. Dise que na torre había un cárcere e aqueles presos que conseguían fuxir e chegar á igrexa quedaban ceibes. 
 

PADRENDA
Castelo de Desteriz. 
O Castelo (San Pedro da Torre): Século X-XIII. Castelo roqueiro cun gran domininio visual que aproveita as afloracións rochosas. Tiña unha muralla e, ao menos, unha torre. 
Torre de Grixó (San Pedro da Torre): Levantada entre o 1580 e o 1660, durante as guerras con Portugal. Foi recuperada como casa de turismo. 
 

PARADA DE SIL 
A Fortaleza: En A Torre, parroquia de Barxacova. Consérvanse restos dunha casa coñecida como A Fortaleza, con pedra armeira do século XVI. 

PEREIRO DE AGUIAR 
Castelo de Aguiar de Pedraio: Polos documentos de doazón feita por Afonso VIII, rei de Galiza e León, á súa dona Berenguela, parece que a súa localización se atopaba na aldea de Pedraio, na parroquia de Santa Marta de Moreiras. Xa existía, cando menos, dende o século XIII. Declarada como BIC, no catálogo figura como Torre de Pereiro de Aguiar. 
Torre-Pazo da Lamela (A Lamela): Medieval. Pertenceu á casa da Pena. Edificio formado por varios corpos rectangulares unidos entre si do que destaca a torre rectangular que lle dá nome cunha interesante ventá gótica. 
 

A PEROXA 
Castelo de Fontearcada (A Peroxa): Desaparecido por construcións modernas, o Concello entre outras, naves, camiños, etc., apenas se conservan restos. Fora erixido sobre un primitivo castro. Disque había un túnel que comunicaba co castelo da Peroxa, por onde levaban os cabalos para beber ao río. Declarado BIC. 
Castelo da Peroxa (A Perxoa Vella-A Peroxa): Século XIII. Construído nun outeiro sobre o regueiro Rial, ocupa o lugar dun antigo asentamento castrexo. De orixe descoñecida, hai autores que sitúan a primeira construción no ano 793, durante o reinado de Afonso II. Segundo a lenda, o castelo foi conquistado polos árabes, mais, grazas ao Apóstolo Santiago que chegou voando sobre o seu cabalo, reconquistouno. No ano 1370 pasou a Pedro Ruiz Sarmento, primeiro señor de Ribadavia. No século XV foi destruído polos Irmandiños. Ao longo dos séculos, os veciños da Peroxa foron vasalos dos condes de Ribadavia, Maceda, Vilamarín e do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Na segunda década do s. XX mercouno Artemiro Fernández quen vendeu as pedras da Torre da Homenaxe e boa parte dos muros para a contrución da igrexa parroquial. Construído en perpiaño granítico, ten planta poligonal reforzada por catro torreóns semicirculares. Nun dos torreóns, situado xunto á porta de entrada, ábrese unha seteira. No interior pódese ver un alxibe.
 

A POBRA DE TRIVES 
Pena Folenche: Nunha grande rocha aínda se poden ver os alicerces do que puideron ser os restos dunha torre medieval. Segundo a lenda no interior da rocha había un tesouro custodiado polos mouros; tamén que dende unha fraga próxima saltou Santiago co seu cabalo, deixando as pegadas do cuadrúpede sobre a pena. Existen algunhas covas na base que foron utilizadas como adegas. Sobre unha das penedas construíuse un depósito de auga, e apegadas ás colosais penas construíronse vivendas. 
 

PORQUEIRA
Torre da Homenaxe (A Forxa): Século XII. Xunto coas da Pena, Sandiás e Celme, a torre da Forxa foi construída para prever as posibles invasións de Afonso Henriques de Portugal. No ano 1157, o rei galego Afonso VII doouna ao bispado de Ourense. No 1387, durante as guerras de sucesión entre Pedro I "O Cruel" e Enrique II, foi ocupada polo duque de Lancaster. Asaltada polos Irmandiños no século XV, non chegaron a derrubala. Construída en cadeirado de granito, é o único vestixio que queda do desaparecido castelo que a circundaba. Ata o ano 1837 acolleu o concello da Peroxa. Logo pasou a mans particulares, e con elo chegou o deterioro. 
O Castelo (Paradela de Abeleda): Situado nunha plataforma rochosa con gran dominio visual. Pódense ver as pegadas dos perpiaños deixados na propia rocha que acollería unha construción de planta cuadrangular. 
 
 

QUINTELA DE LEIRADO
Castelo de Redemuíños: Erixido sobre un primitivo castro. O blogue Á sombra do Penagache achega interesantes datos sobre esta fortaleza. No libro de Olga Gallego, Organización Administrativa e Territorial da Antiga Provincia de Ourense, fala da Terra de Santa Cruz, terra que xira arredor dun castelo que xa existía antes do 1145, cando Afonso VII o doou ao mosteiro de Celanova. Os tenentes de Santa Cruz (Redemuíños) cítanse na maior parte do Tombo de Fiaes. Pero Santa Cruz deixou de ter xurisdición propia que pasou a Milmanda, pérdendose a lembranza de Santa Cruz case por completo. O castelo está descrito no tombo de Ramirás, que o sitúa por riba do lugar de Cimadevila.  

RAIRIZ DE VEIGA
Castelo de Celme (Congostro): Ano 1139. Arruinado. Construído por Afonso Henriques, pasou logo aos condes de Ribadavia. Destruído polos Irmandiños no s. XV. Foi ocupado polas tropas inglesas do duque de Lancaster, casado cunha filla de Pedro I, cando a guerra polos dereitos dinásticos da coroa de Castela. 
Castelo da Sainza (Rairiz de Veiga): Século XVIII. Trátase dunha pequena torre cuadrangular erixida sobre unha rocha. Xunto dela celébrase a afamada Romaría da Sainza onde se lembra a loita entre cristiáns e musulmáns. 
 

RIBADAVIA
Castelo de Ribadavia: Século XI-XV. Algúns historiadores retrotraen a fundación aos primeiros anos da Reconquista. Foi ampliado durante o reinado do galego García. Outro rei galego, Afonso VII, resistiu no castelo o ataque dos partidarios de Dona Urraca. No 1375, Henrique de Trastámara concedeulle o señorío de Ribadavia a Pedro Ruiz Sarmiento. No 1467 foi derrubado polos Irmandiños, e no 1470 os veciños mataron a lanzadas á condesa de Santa Marta, viúva do conde. Pedro Madruga, o seu sobriño, atacou Ribadavia para vingala. Foi abandonado no século XVII, cando os condes fixan a súa residencia no pazo situado na Praza Maior da vila. Despois do abandono, moitas das súas pedras foron utilizadas na construción de casas. Das sete portas de acceso só se conservan tres. A porta principal, con arco de medio punto e a pedra armeira dos Sarmiento na clave, está flanqueada por dous torreóns. Tampouco quedan restos da Torre da Homenaxe nin da meirande parte das divisións interiores. Nas escavacións realizadas por Chamoso Lamas puxéronse ao descuberto vinte sepulcros antropomorfos pertencentes a unha necrópole dos séculos XI e XII. Hai poucos anos apareceron un pozo e un alxibe.
 

SANDIÁS
Torre do Castro (O Castro-Sandiás): O desaparecido castelo foi levantado sobre un antigo asentamento castrexo na primeira metade do século XII. No 1386 foi destruído polo duque de Lancaster cando pretendía o trono de Castela. No ano 1467, cando estaba baixo o dominio dos condes de Benavente, foi arrasado polos Irmandiños. Foi posesión dos señores de Maceda, Benavente, Viana e Monterrei. Só se conserva a arruinada Torre da Homenaxe.
 

SAN CRISTOVO DE CEA 
Castelo dos Mouros: Asentamento fortificado de época medieval. 
Outeiro dos Mouros: Asentamento fortificado de época medieval. 

SAN XOÁN DO RÍO
A Torrevella (A Torre Vella-San Xoán do Río): Aínda que non existen restos, parece que existiu unha torre medieval cuxas pedras se utilizaron para a construción do castelo de Castro Caldelas. 

TABOADELA
Torre de Torán: Ruínas. Século XIII ou XV. A torre que se conserva formou parte dun antigo castelo. De planta rectanglar, ten 12 metros de altura. En tres dos lenzos laterais ábrense unhas troneiras; no outro sitúase a porta de acceso, con arco apuntado e tímpano dunha peza. Moitas das súas pedras foron utilizadas en vivendas modernas. Polas inmediación pasaba o camiño medieval a Castela. Asociada a lendas e mouros e túneles. Declarada BIC.
 

A TEIXEIRA 
Casa da Torre (A Teixeira): Na parte máis alta da vila. Dise que onde estaba a coñecida como Casa da Torre houbo unha torre medieval. Vense varios muros que os veciños aseguran pertenceu á antiga fortaleza. 
Pena do Castelo (Cristosende): Asentamento fortificado medieval situado nun esporón rochoso no canón do río Mao. Os únicos vestixios son os rebaixes feitos na rocha. 
 
 

TRASMIRAS 
A Torre (Abavides): Outeiro onde se emprazaba unha torre medieval que conserva restos de tres muros concéntricos. Amplo dominio visual sobre a contorna. Na actualidade o lugar está moi humanizado, na súa parte máis alta levantaron unha construción de pedra. 
O Outeiro (Escornabois): Nun outeiro próximo á capela do San Roque hai unha gran pena onde se aprecian as marcas para encaixar sillares e para apoiar os postes. Trataríase da torre de vixía dun castelo. Na actualidade está moi humanizado por vivendas modernas. 
O Outeiro do Castelo (O Castelo): Sobre un outeiro con amplo dominio visual e defensas naturais. Apareceron tégulas e ímbrices de época romana e cerámica medieval. Na ladeira oeste hai unha pía rectangular escavada na rocha onde din se lavaba a Santa. Moi preto, noutra pena, hai unha fornela onde disque naceu a Santa. Na aba NO do outeiro vense uns penedos graníticos cunha gruta cun burato chamado O Forno dos Mouros. O asentamento foi ocupado dende a Idade do Ferro, pasando por época romana, ata a Idade Media. 
   


A VEIGA 
O Castelo (Casdenodres): Asentamento defensivo de época medieval situado nun pequeno outeiro. Aprécianse rebaixes na rocha e o terreo presenta dous niveis. 
O Castelo (Edreira): Nun pequeno altorelo. Vense rebaixes nas pedras para asentar construcións. Terreo aterrazado en tres niveis. 
 

VERÍN 
Murallas da vila: Durante a Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), Verín convértese nun importante enclave defensivo do castelo de Monterrei e o paso dende Portugal cara a provincia de Ourense dende Chaves, defensas que tiveron a súa orixe na Baixa Idade Media. No ano 1949, Xesús Taboada Chivite daba a coñecer un baluarte que formaría parte da fortificación da vila. Taboada propón o trazado da muralla que, partindo de dito baluarte, circunscreve o que na actualidade se considera o casco histórico de Verín, anque ampliándoo polo leste, o noroeste e o lado norte. De época medieval consérvanse os restos dun torreón de planta cuadrangular, hoxe en día adicado a adega. 
 

VIANA DO BOLO
Torre de Viana: Erixida sobre un castro no século IX, como defensa contra os esporádicos ataques dos árabes, foi reedificada por Fernando II no ano 1180. A Torre da Homenaxe é o único vestixio que queda do antigo castelo. Consta de tres corpos, cunha planta cadrada de 10x10 metros e unha altura de 18 metros. O soto da torre, con bóveda de canón, está reforzado con arcos faxóns apuntados. Pertenceu a Pedro Osorio de Castro, o conde de Trastámara, e máis tarde Filipe II dooulla a Pedro Pimentel de Velasco, fillo do conde de Benavente. No século XV, despois da Revolta Irmandiña, tivo que ser reconstruída. Durante as guerrras carlistas do século XIX abríronse unhas seteiras para vixiancia. Foi utilizada como cárcere da vila. Moi ben conservada, acolle o Museo Etnográfico. Segundo a lenda, o Cid guerreou aquí contras os musulmáns. Declarada BIC. 
A Vila de Sen (Bembibre): Asentamento fortificado medieval que posiblemente estivo ocupado dende a Idade do Ferro. Consérvanse dúas construcións angulares que popularmente adoitan relacionarse cunha vella igrexa e un cemiterio. 
O Castelo (Mourisca): Sobre un outeiro que se ergue na penichaira entre os regueiros de San Mamede e Pontón. Atopáronse fragmentos cerámicos de época medieval. Nunhas pedras poden verse unhas gravuras con dous cruciformes e un cadrado cun punto insculpido no seu interior. 
A Escrita (Mourisca): Nunha penichaira, entre os regueiros de San Mamede e dos Balsos. Pódense ver varias rochas con gravuras, unha con dous cadrados que á súa vez teñen outros catro inscritos, unidos por liñas. Noutro represéntanse outros dous cadrados con outros inscritos no seu interior pero, neste caso, sen unirse o un co outro. 
O Castelo do Estevo (Paradela): Sobre un outeiro rochoso. Crese que cumpría labores de vixiancia da fortaleza de Viana do Bolo. 
O Castrillón (Tabazoa de Umoso): Entre as aldeas de Dradelo e Tabazoa de Umoso, sobre un esporón nun meandro do río Bibei. Posible función de torre de control de paso sobre o curso do río Bibei.
 

VILAMARÍN
Castelo-Pazo de Vilamarín: De orixe descoñecida, sábese que o antigo castelo foi doado polo rei galego Afonso VII ao tenente do castelo de Allariz, pasando logo aos condes de Ribadavia. Despois da destrución polos Irmandiños foi convertido en Pazo polo conde de Maceda. Durante os séculos XIX e XX pasou por varias mans ata que foi mercado pola Deputación de Ourense no ano 1976 en que se comezaron as obras de restauración que remataron no ano 1987. En perfecto estado de conservación, acolle a obra do pintor ourensán Xaime Quesada. 
 

VILAR DE BARRIO
Monte Castelo: Na parroquia de Padreda. Coñecido na Idade Media como Castellum Sancti Iohannis, foi construído sobre un antigo castro. Aínda se poden apreciar os alicerces dalgún muro escavado na rocha. Apareceron pezas cerámicas de época castrexa, romana e medieval. 
 

VILARDEVÓS
Castelexón ou Outeiro do Castelo: Situado nun outeiro. Preto, unha empresa portuguesa construíu un parque eólico. Trátase dun castro que puido ser utilizado como castelo en época moderna, coincidindo coas guerras con Portugal. 
Castelo da Pena: Medieval. Contaba con muralla e foxo. Estragado por unha canteira e unha pista. Atopáronse tellas, moedas, fragmentos cerámicos, útiles de ferro, etc. Lindeiro co concello de Riós. 
Asentamento fortificado de Vilardevós: Situábase nunha penichaira. Totalmente destruído. 

XINZO DE LIMIA 
Asentamento fortificado do Touzal (Mosteiro de Ribeira): No Monte Castelo. Vense varias pedras labradas, restos de muros e pedras con rebaixes, así como unha pedra cunha cruz gravada (posiblemente un sinal de término). Practicamente desaparecido, moi alterado pola extracción de pedra. 
O Castelo ou A Torre Vella (Ganade): Situábase na parte alta do pobo. Na actualidade forma parte doutras construcións. Segundo os veciños, antigamente "había pedras escritas" e a torre tiña unha cruz no alto, que non se conservan. 
Torre da Pena (A Pena): Século XII. Chamada tamén Torre da Portela. Xunto coas torres de Sandiás, Porqueira e Celme formaba parte das construcións erixidas para prever os intentos de invasión de Afonso Henriques de Portugal. No ano 1386, cando pertencía aos Biedma, foi conquistada polo duque de Lancaster. Logo pasou aos condes de Monterrei aos que lle disputaron a súa posesión os condes de Lemos. É de planta rectangular con tres andares, os dous últimos cubertos con bóveda de canón.
 
 

XUNQUEIRA DE AMBÍA
Torre da Pousa (A Pousa-Armariz): Medieval, pertenceu aos señores de Armariz e logo ao marqués de Bóveda de Limia. Situábase nun promontorio rochoso. Acaroada a unha casa moderna, só se conservan os alicerces. A torre foi desfeita para facer as casas do pobo. (Información achegada por José Antonio Gavilanes).

o noso patrimonio
Castelos de Galicia (Provincia de Ourense)
Xabier Moure