* Aras romanas na igrexa de Amoexa (Antas de Ulla)

A igrexa de Santiago de Amoexa é románica do século XII. Hai autores (Ramón y Fernández, 1943) que substituíron o nome de Amoexa polo de Monxa, deducindo que noutro tempo foi igrexa mosteiral de monxas, teoría rexeitada polo etimólogo Nicandro Ares Vázquez que di que semella un topónimo prerromano comparable co antropónimo Ammo, -onis, Amonus, Amunius e con Aegi Amunniaego, teónimo atopado nunha prancha de bronce, desaparecida, de Viana do Bolo. No 1033 aparece como Sancto Iacobu de Amonegia. En 1160 cítase como Castro de Monegia. No 1162 como Castro de Amonegia. En 1172, no tombo de Sobrado, como Amoega. En 1289, S. Iacobi de Amoneia. Mesmo, no 1383, figura un home natural de Moesa. No século XVI, Amoexa e Amoexe.

 

A igrexa, dunha nave, ten unha ábsida semicircular decorada con canzorros. No centro desta vese unha ventá decorada con dous capiteis con motivos animais e vexetais. Os canzorros, agás un que exhibe unha cabeza humana, presentan decoración xeométrica variada (bolas, perlas, cruces aspadas, etc.); decórase tamén cun motivo xeométrico un rombo, a pedra empotrada no piñón posterior da nave. A cabeceira, no interior, leva unha imposta xedrezada. No interior hai varios retábulos do século XVIII. Chaman a atención as dúas columnas de mármore que soportan o teito do pórtico lateral, pezas que se atopan, maiormente, en época paleocristiá. Nas inmediacións temos o castro de Amoexa.

Xunto a entrada lateral do muro xur, á que se accede a través do pórtico, atópase reutilizada, en posición invertida, unha ara granítica de época romana coa epígrafe bastante desgastada que Sobrado Vázquez (2010) le: ?VGETAM/CONIA EX/VOTO L/VATI/S M, "Vgeta? M^a/conia ex/voto L/Luatis/s(olvit) m(erito)", "Ugeta? Maconia cumpriu de boa gana seu voto aos (deuses) Luatos". O que se me escapa é quen eran estes "deuses Luatos", non citados, que eu saiba, en ningunha outra parte.

 

No interior, e tamén en posición invertida, hai outra ara anepígrafa reutilizada como pía de auga bendita. Ao estar soterrada a cornixa, non se pode testemuñar a presenza do posible campo epigráfico nin as dimensións da peza.