ARQUIVO APÉNDICES I

Neste apartado pódense ver os artigos publicados no seu  momento como apéndice ás entradas xerais do blog. En primeiro lugar as achegas máis recentes.

> Un menhir nas Ferrerías, Friol?
> Os conventos que Monforte perdeu
> Unha torre inédita en Cervantes
> Máis mámoas en Cervantes
> Agresión a unhas mámoas en Navia de Suarna
> Un novo castro en Baralla
> Que facer coa torre de Taboi?
> Castelo do Orcellón
> Agresión a mámoas no monte do Gato (Oza-Cesuras)
> A chacota dos BIC
> Mártires de Oseira
> Agresión á mámoa de Montouto (Láncara)
> Protección para o relevo de Salcedo
> Nova agresión a unhas mámoas en Ferrol 
> A destrución do Patrimonio en Vtelevisión
> Dúas enigmáticas penas en Friol
> A Pena da Auga (Friol), un espazo ritual?
> Desfeita no Monte das Madorras (Láncara)
> Agresión a unha mámoa en Outeiro de Rei
> Requiem pola casa torre de Dumia (Cervantes)
> O misterio do relevo de Salcedo
> O abandono derruba a casa-torre de Veiga de Forcas (Pedrafita do Cebreiro)
> Un mosteiro en Parada, Outeiro de Rei?
> As caliveras de San Salvador do Mao (O Incio)
> O petroglifo a maior altitude de Galicia
> Altar de sacrificios en Sarria
> Pedrafita das Cabanas de Moura
> Machado neolítico en Baralla
> Mahamud en Santa Cristina do Viso, O Incio?
> Mámoas en O Saviñao
> Agresión a unha mámoa no Monte Xalo (Culleredo)
> Agresión a unhas mámoas en Friol
> Trilitos en Vilalba
> Os petroglifos do Agro do Pepe (O Incio)
> Tres torres medievais no Carballiño
> Mosteiro de San Adrao do Monte Páramo (Sarria)
> Mosteiro de Santa María do Mao (O Incio)
> As caliveras da igrexa-priorado dos Vaos (Ribeira de Piquín)
> Mámoas do Campo da Matanza e do Monte da Cruz (Baleira)
> O mosteiro de Lampai e outros cenobios de Teo
> Pedra das Cazolas (Friol), esteo dunha anta ou unha pedrafita?
> Igrexa de Tórdea (Castroverde), un pequeno museo
> Dúas pezas romanas en Río (Láncara)
> Tres gravuras en Outeiro de Rei
> Dactonium e a civitas Lemavorum
> A torre sen dono (As Nogais)
> Novos datos sobre un miliario en Montederramo
> De ben nacidos...
> Agresión a unha mámoa en Ferrol
> Reposta a pedrafita das Catro Cruces (Bande)
> Tres pedrafitas no concello de Fene
> A Tabula Lougeiorum
> O complexo tardorromano de Temes (Carballedo)
> Unha ara galaica en Vilar (Taboada)?
> Dous miliarios en Sarria e en Taboada
> O castelo da Raíña Loba
> Aliñamento lítico prehistórico na Faladoira? 
> Os megalitos no concello de Lugo
> Galicia, o paraíso para o Patrimonio
> A Casa dos Baqueiros (A Veiga)
> A desfeita de Coeses (Lugo)



UN MENHIR NAS FERRERÍAS, FRIOL?
Días atrás, vimos no facebook de Arqueoloxía de Galicia a foto dun gran fito chantado á beira dun camiño. A única referencia falaba de que se atopaba nun sitio indeterminado do concello de Friol e que a súa altura rondaba os dous metros. Días despois demos coa procedencia da foto no blogue manuelprejubilado.blogspot.com. O autor fíxoa o día 29 de outubro de 2016 cando ía cara Santiago polo Camiño Primitivo. A foto era a feble pista coa que contabamos. 
Os comentarios á vista da foto en Arqueoloxía de Galicia foron bastantes variados, pero predominando os que se inclinaban por unha pedrafita-menhir, isto é, supoñéndoselle unha cronoloxía prehistórica. Eu, sen dispoñer tampouco doutros datos, inclineime pola cautela, sabendo que non é a primeira vez que se mete (metemos) a zoca. Para elo puxen dous exemplos, un na provincia da Coruña onde se considerou coma un menhir un fito situado nun campo de mámoas pero que foi chantado no lugar hai uns corenta anos e procedente dun monte próximo, e outra pedra chantada nunha finca na provincia de Ourense que ata o daquelas actuara como lintel da porta dunha corte.
Para saír de dúbidas, o 15 de novembro de 2016, Brais Rodríguez Romero, Pilar Carpente máis eu fomos na procura do fito. Para a nosa surpresa (agradable porque ás seis xa se bota a noite), á primeira persoa que preguntamos nas Ferrerías (na parroquia de Vilalvite, en Friol) indicounos exactamente a situación: unha pedra de semellante porte non pasa desapercibida, e menos para os veciños. En efecto, localizamos o chanto dentro dun pasteiro situado a carón do devandito camiño a Compostela, tamén vello Camiño Real que dende Lugo ía ata Friol, decatándonos que a súa altura sobrepasaba, con moito, os dous metros. En efecto, despois de medilo deunos, a parte á vista, unha altura de 3,30 metros. Na base, case lisa, na parte que da ao camiño, mide 1,30 metros; na cara esquerda, tamén case lisa, 1 metro. O resto do fito ten forma arredondada. Dende a base vaise estreitando lixeiramente cara a cima que presenta forma truncada. Non observamos ningún tipo de marca que nos chamara a atención. 
Mais a sorte continuou a sorrirnos. Cando xa marchabamos atopámonos co señor Cesáreo, unha persoa amabilísima que, mira por onde, resultou ser o dono da finca. As preguntas, claro está, non se fixeron esperar. As respostas do señor Cesáreo, tampouco. Hai uns vinte anos, cando estaba a acondicionar a finca para pasto, a pequena pa escavadora petou cunha gran pedra que estaba enterrada. Purra que purra, a máquina apenas a movía uns poucos centímetros. Despois de moito porfiar, conseguiu poñela á vista. O primeiro que lle chamou a atención foron as súas dimensións: uns seis metros de altura; e en segundo lugar a boa factura da mesma. Deulle pena esnaquizala: era tan fermosa! Con máis maña que forza, despois de facer un burato duns tres metros de profundidade, arrastrou a pedra ata a boca da focha e foina achegando lentamente coa escavadora ata metela dentro. Despois, para poñela vertical, empurrouna pouco a pouco coa hidráulica. Se non for porque utilizou unha máquina moderna, o sistema utilizado para chantala de seguro que non estaría moi lonxe do que empregaban os megaliteiros.
Non se trata de facer conxecturas indemostrables, mais cómpre achegar algúns datos que poden resultar interesantes. Polo que nos contou o señor Cesáreo, non existe memoria, antes de que dera coa pedra, da súa existencia. Cando a moveu e a colocou no lugar actual, non a danou, presentando o aspecto que presenta hoxe en día. Non fai falla ser un experto para decatarse de que o chanto foi traballado por man humana (un canteiro, amigo do señor Cesáreo, así llo asegurou). A zona é moi potente arqueoloxicamente: preto de dous castros, dunha ferrería con orixes romanas e, sobre todo, de que apareceu xunto un campo de mámoas. Enterrada xunto esta pedra había outra semellante pero un pouco máis pequena que o señor Cesáreo tamén fincou nas proximidades (enterámonos disto ao falar con el, díxonos que na actualidade está tapada pola maleza. Como xa se facía tarde deixámola para a próxima visita). 
Menhir? Pedra cortada para outros usos? Probablemente, nunca o saberemos.
 
 
OS CONVENTOS QUE MONFORTE PERDEU
Cando se fala da historia de Monforte, o primeiro que nos vén á cabeza é a súa vinculación ao condado de Lemos que comezou a súa andaina no ano 1456, cando Henrique IV decretou que o título de Conde de Lemos, ligado ata aqueles ao de Trastámara e Sarria, pasase a ter carácter hereditario. O primeiro conde foi Pedro Álvarez Osorio que faleceu no ano 1483. Á morte de Joaquín López de Zúñiga no ano 1777, XIII conde de Lemos, que non deixa descendencia, extínguese a Casa de Castro, pasando o Condado os Berwik e Alba. Sen dúbida, o persoeiro de maior relevancia foi o VII conde, Pedro Fernández de Castro (1576-1622), sobriño do non menos importante o cardeal Rodrigo de Castro (1523-1600), quen mandou construír o Colexio de Nosa Señora da Antiga que orixinariamente foi gobernado polos xesuítas e a partir do ano 1773 pasou a seren rexentado polos escolapios (nome polo que se coñece popularmente).
 

Máis descoñecida é a súa vida conventual/monacal. Na actualidade só contamos coa presenza física, máis ou menos íntegra, de catro edificios. 
O mosteiro bieito de San Vicente do Pino (convertido en parador de turismo) erixiuse no monte do mesmo nome que acolleu a capital do pobo dos Lemavos (o castro Dactonium) e séculos máis tarde a grandiosa fortaleza dos Lemos, en cuxa igrexa se venera á Nosa Señora de Monserrat, patroa da cidade. Aínda que hai quen retrotrae a súa fundación ao século VIII, a súa orixe non é anterior ao século X (a fachada e o claustro que podemos ver hoxe en día é de traza neoclásica do século XVI).
 

O outro edificio que aínda permanece en pé é o convento de Santa Clara (as Clarisas), situado á beira do Cabe, fundado no ano 1622 por Catalina de la Cerda, muller do VII conde de Lemos. Dentro dos seus muros está o Museo de Arte Sacra, un dos máis completos na súa categoría.

Do mosteiro bieito de San Pedro de Valverde consérvanse algúns arruinados restos no edificio anexo ao templo. Foi mandado construír no 1124 por Munio Romaniz e María Petriz, se ben existe un documento do ano 1078 onde se le: : "Exemenus monasterio Vallis Viridi abbas", confirmando un documento de Samos. Da igrexa queda a pegada románica na portada do muro norte e a nave.
 

O convento de San Xacinto sitúabase onde está a igrexa de San Domingos da Régoa, edificada na primeira metade do século XVI na faldra do monte de San Vicente do Pino. Debe as orixes ao cura Alonso Ares, mediante doazón de bens que fixo no 1569, establecéndose en San Martiño de Pantón. Por intervención do VII conde de Lemos e da súa dona, que deron a renda necesaria, previa conformidade do bispo de Lugo e a autorización do papa Gregorio XV, no ano 1621 foi trasladao a Monforte, concluíndose as obras no 1636. A igrexa conventual está adicada a parroquial da Régoa dende mediados do pasado século, despois da demolición a mediados do século XIX do antigo edificio que se atopaba na Praza de España, citada nun diploma do ano 915.
  
 

Houbo outros mosteiros e conventos en Monforte? Onde estaban ubicados? 
Nas Devesas, na parroquia de Baamorto, a única referencia atópase na reitoral da igrexa, coñecida como a Casa do Priorado. Na fachada leste vense dous escudos de pedra, un dos Quiroga e outro dos Somoza.

En Cinsa, tamén en Baamorto, Nicandro Ares di que estivo ubicado o mosteiro de Sancto Ihohanne de Cinissa do cal queda na microtoponimia a Casa do Priorado con emblemas da Cruz de Malta, utilizada polos hospitalarios de San Xoán. 
O priorado de San Salvador de Moreda é citado por frei Martín Sarmiento na súa viaxe a Galicia do ano 1745.

En Montecelo, na parroquia de Chavaga, está a Fonte dos Frades, situada nunha fraga, delimitada por uns muros de cachotería que protexen o manancial e unha cuberta de lousa. Segundo a tradición, a fonte surtía ao un mosteiro que había nas inmediacións.
 

No século XIII hai referncias dun "Hospital de Lemos", mais descoñécese con exactitude a data da fundación. As primeiras noticias son do ano 1564, nun Libro de Xuntas do mosteiro de San Vicente do Pino do ano 1577. Sábese que no 1583 xa existía o convento-hospital do Sancti Spiritus, propiedade do Concello e administrado polos Irmáns Obregones, con anterioridade á entrada dos Hospitalarios. Os Obregones deben o nome a Bernardino de Obregón (Burgos, 1540-Lisboa, 1599) que serviu aos pobres enfermos, agregándose logo outros compañeiros que co tempo tomaron o nome de Hermanos Mínimos de Bernardino de Obregón, e que profesaban na orde dos Agostiños. Por Real executoria librada polo Supremo Consello e Audiencia de Cámara, Eugenio Aguado, en 19 de outubro de 1753, na cal se insire a súplica elevada por dona Rosa María de Castro e Portugal, condesa de Lemos, a fin de aprobar e sancionar a transación e concerto entre dita señora e o licenciado Francisco Gil, en nome da vila e Concello de Monforte a 9 de outubro de 1752, na vila de Madrid, con referencia a poñer ao cargo dos relixiosos de San Xoán de Deus o Convento-Hospital do Sancti Spiritus e o Hospital de San Lázaro (consérvase a capela; no arco da porta da entrada lese: "Esta es yglesia de refugio") e a cuxa cabeza debería de estar Fr. Bartolomé Márquez, cedéndolle ao efecto o edificio, bens e rendas da súa anexión, con outras agregacións e baixo determinadas condicións. As últimas noticias sobre a presenza dos Hospitalarios en Monforte, que ocupaban as dependenzas do antigo Concello, datan de principios do ano 1833. Despois da exclaustración, os servizos do Hospital foron trasladados ao mosterio de San Vicente do Pino que quedara baleiro pola mesma causa, sendo atendido polas monxas dos Anciáns Desamparados. A capela do hospital subsistíu ata os anos trinta do pasado século XX.
   
 

O convento franciscán de San Antonio foi fundado no ano 1503 por Rodrigo Enríquez Osorio, II conde de Lemos, no Campo de San Antonio. As obras duraron varios anos, rematando en tempos do cardeal Rodrigo de Castro. A igrexa era de estilo gótico. Asaltado polos franceses durante a Guerra da Independencia, a súa existencia rematou coa desamortización do ministro Mendizábal e a conseguinte exclaustración, sendo demolido pouco despois. Do desaparecido convento consérvase na actualidade un baixorrelevo reaproveitado como lintel que se atopa sobre a porta dunha capela particular situada na rúa do Dr. Casares, antes de San Pedro. Formando parte da construción dalgunhas casas abandonadas que hai fronte os Escolapios e no patio do antigo Concello hai unhas columnas que pertenceron ao claustro. Unha talla de San Antonio atópase na actualidade na igrexa da Régoa. O cruceiro de pedra que hai no Campo de San Antonio tamén procede do antigo cenobio.
  
 
 

UNHA TORRE INÉDITA EN CERVANTES
Hai aproximadamente un ano enterámonos da existencia dun monte coñecido polo nome de Os Picos da Torre. Está situado preto da aldea do Piornedo, na parroquia de Donís (Cervantes), a 1.106 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Pero non foi ata os días 24 e 25 de xuño deste ano cando os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares peiteamos o lugar para comprobar a que podía obedecer o chamativo topónimo. Cómpre aclarar que en Galicia moitos montes levan o nome de Torre ou Castelo o que non sempre indica a existencia dunha fortaleza defensiva, pode denominarse dese xeito por tratarse simplemente dun lugar elevado ou que as penas que os coroan poden ter unha lonxana semellanza cunha fortaleza. 
 

Dende lonxe, os Picos da Torre semella un castro totalmente cuberto por carballos e alta e espesa maleza (rebolas, xestas, piornos, etc.). Só cando chegamos ao pé se advirte a presenza dunhas enormes moles graníticas practicamente verticais cunha altura aproximada duns 20 metros. Ante a imposibilidade de acceder ata o cume polas penas puxémonos a buscar un posible acceso por un lugar máis doado. Despois de salvar a mesta maleza arredor do outeiro demos co único sitio onde o acceso era posible. 
Nada máis coroar a cima decatámonos de que o sitio puído acoller un posible asentamento defensivo, o que en arqueoloxía se coñece como torre ou castelo roqueiro. En efecto, esta parte alta do outeiro ten unhas medidas aproximadas de 25 por 30 metros. Polo sur-oeste está delimitada por grandes penas graníticas que foron preparadas artificialmente para actuar como murallas e ás que se accedía por unha especie de pasillo de entre 0,70 e 1 metro de ancho escavado sobre as propias rochas. O resto estaba defendido polo fortísimo desnivel do terreo. O interior do recinto consta dunha plataforma practicamente chá, cunhas medidas aproximadas de 8 por 9 metros (uns 72 metros cadrados). A parte máis vulnerable (a que non ten as rochas) supuxemos que estaría defendida por unha muralla feita con pedras que ao longo dos séculos, como aconteceu en moitísimos casos, desapareceron para seren reaproveitadas en peches de fincas, casas ou outras construcións. Tamén se ven algúns pequenos rebaixes e buratos nas rochas que servirían para encaixar as vigas. 
Dende este outeiro o dominio visual é impresionante, exercendo un control total sobre os pequenos vales e as depresións fluviais dos ríos Ser, As Pontes, Ponte de Bous, Veiga Cimeira, etc., encaixados entre os altos picos da serra dos Ancares con altitudes que van dos 1.300 aos case 2.000 metros.
 

A clara evidencia da existencia dunha antiga torre roqueira que actuaría como atalaia de vixiancia e control da zona quedou confirmada pola localización dun alquerque de tres, ou xogo de tres en raia, gravado sobre unha pena lisa e horizontal utilizado polos vixiantes para pasar o tempo durante as longas horas. Foi un xogo moi popular na Idade Media (xunto cos máis complexos alquerques de 9 e 12) se ben xa se practicaba, ao menos, dende época romana. En Galicia temos exemplos de alquerques gravados na rocha só nos castelos de Esteiro (Muros), Castromaior (Abadín), da Raíña Loba (Os Blancos), A Rocha Forte (Santiago) e Lobeira (Vilanova de Arousa). Tamén se atoparon exemplares en igrexas, mosteiros ou campamentos romanos, entre outros sitios. Este dos Picos da Torre é de forma cuadrangular, cunhas medidas de 30 por 33 centímetros, con nove coviñas laterais unidas por unha liña e unha coviña central. As liñas que partían desta coviña central e que unían os demais puntos non aparecen, ben porque quedou incompleto ou ben porque cada vez que se xogaba se pintaban as liñas (temos casos de alquerques onde só figuran as coviñas). Para saber máis pódese ver a entrada do meu blog O xogo de alquerque. Tanto as coviñas coma as liñas están moi desgastadas. 
 

Ao rematar a visita achegámonos ata O Piornedo na procura dalgunha información a maiores, por se a houbera. E claro que a houbo. Varias persoas de avanzada idade dixéronnos que, segundo se transmitira oralmente de xeración en xeración, os Picos da Torre acolleu un castelo cuxas pedras foron levadas para edificar a cercana igrexa de San Fiz de Donís do século XVI pero de posbile orixe anterior (tal como figura nunha inscrición) así como a Torre de Donís de orixe baixo-medieval. Se é certo que as pedras foron reutilizadas nestas construcións, a fortaleza dos Picos da Torre sería bastante anterior, quizais altomedieval. 
Tamén tivemos a fortuna de falar con Roberto, o propietario do monte onde se levantaba a torre. Ademais de confirmarnos o dito polos outros veciños, contounos que de neno atopara o anaco dunha especie de botella de barro. Díxonos que para el sería unha alegría que se puxeran en valor os Picos da Torre como un atractivo máis da aldea do Piornedo, laiándose do abandono que está a padecer tanto o pobo como toda a zona dos Ancares. 
 

Descoñecemos que función tería exactamente a torre, encravada nesta zona montañosa, a ausencia de documentación escrita é total (a falta de documentos non é unha excepción, no coñecedísimo castelo de Doiras acontece outro tanto). A pouca distancia, sobre o río das Pontes atópase outro outeiro coñecido como O Castelo que, segundo a tradición, estivo habitado polos romanos se ben, de existir dita fortaleza (aquí non atopamos evidencias dela), cremos que sería para controlar a ponte medieval de orixe romana que hai aos seus pés. De todos os xeitos xunto os Picos da Torre discorre un antigo camiño que viña dende a actual provincia de León, atravesando a Serra dos Ancares polas inmediacións do Pico do Mostallar situado a unha altitude de máis de 1.900 metros. Tampouco podemos desbotar a existencia neste lugar dun posible asentamento romano, non moi lonxe temos documentadas dúas explotación mineiras da época coñecidas como Mina do Ouro Vello e mina do Teso do Prado.  
Os achados xa os puxemos en coñecemento do Concello de Cervantes e do Servizo do Patrimonio Cultural para a súa catalogación.
MÁIS MÁMOAS EN CERVANTES
O día 7 de xuño de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos que os seus técnicos xa visitaron e catalogaron as dúas mámoas que os do noso colectivo localizamos o pasado mes de febreiro no concello de Cervantes. Inventariáronnas cos nomes de Savane 1 e Savane 2 por atoparse nos montes de Savane, parroquia de Quindous.
Ese mesmo día, o axente forestal da Consellería do Medio Rural, Severino Orozco Carro, informounos da existencia doutros posibles enterramentos na mesma zona. Ao día seguinte, guiados por Seve, achegámonos  ata o lugar. Estes montes, totalmente cubertos pola maleza e con plantacións de árbores (rebolas e piñeiros), son comunais. Nun radio aproximado duns 450 metros puidemos comprobar a existencia de ata seis enterramentos megalíticos non documentados ata o presente. As mámoas teñen unhas medidas que van dos 10 aos 12 metros de diámetro e unha altura que varía entre 1,5 e 0,50 metros. Catro túmulos están gravemente alterados, todos con cráter de violación e coa masa tumular moi espallada; nun par deles observamos restos de pedras de cuarzo que puideron formar parte dunha coiraza pétrea, e outro está cortado por un vello camiño, na actualidade en desuso. No quinto, tamén moi alterado, vense algunhas pedras de bo tamaño esparexidas pola mámoa que, sen dúbida, formaban parte da cámara funeraria.
Pero a sorpresa levámola cando Severino nos mostrou o sexto enterramento. A mámoa, duns 11 metros de diámetro e 1,5 de altura, conserva no seu interior gran parte da cámara megalítica de forma poligonal composta por sete ortostatos verticais, algúns cortados, e que ten unhas medidas de máis de dous metros cadrados da que semella partía un corredor pouco desenvolvido orientado cara o sur-leste. A tampa cobertoira desapareceu, posiblemente destruída cando profanaron o enterramento para buscar "tesouros". O túmulo está cuberto de maleza e rebolas. 
Hai moitos anos, buldozer do antigo ICONA levantaron gran parte do monte que, xunto coas posteriores plantacións de árbores, foron os responsables do estado en que se atopan estes enterramentos.
Con estas seis novas mámoas, o conxunto ascende a once. Tres, coñecidas como da Pena dos Mouros, xa estaban catalogadas, e as outras dúas foron as que documentamos no mes de febreiro. Sen moito marxe para o erro, cremos que con estes novos achados, esta necrópole atópase entre as que conservan un maior número de mámoas da provincia de Lugo, só detrás das da Lagoela (Paradela), Monte das Tenzas (Lugo) e Lousada (Xermade).
Na comarca dos Ancares é a segunda localizada con cámara megalítica. A outra é o dolme de Ferreirúas onde recentemente denunciamos unha agresión á tampa cobertoira. Hai outra con cámara funeraria no Alto do Restelo, no límite con Navia de Suarna, se ben esta xa pertence ao concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada.
Solicitamos unha entrevista co alcalde de Cervantes para que, á vista da importancia desta necrópole megalítica, inicie as conversas cos comuneiros para poñela en valor. O custo que suporía facer visitables as mámoas, situadas moi cerca unhas das outras, limítase á limpeza da zona e á colocación duns paneis informativos. Ademais, cóntase coa vantaxe de que se atopan case a carón dunha estrada comarcal e con bos sitios para aparcar.
Os achados xa llos comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Cervantes. 




AGRESIÓN A UNHAS MÁMOAS EN NAVIA DE SUARNA
O día 31 de maio de 2016, un veciño do concello de Navia de Suarna avisounos aos do Colectivo Patrimonio dos Ancares da agresión a unhas mámoas da coñecida como Medorras do Peredelo, situadas no límite entre os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna, a carón da estrada comarcal PR0708, entre as parroquias de Cabanela e Lamas de Moreira. Cando nos dirixiamos cara o lugar fixemos unha parada xunto un dolme que hai na necrópole megalítca da Campa da Pena, coñecido como Anta de Ferreirúas, situado na aldea de Ferreirúas, parroquia de Cabanela (Navia de Suarna) e tamén xunto a estrada arriba citada. Trátase do único dolme da comarca onde se aprecia a cámara funeraria formada por sete ortostatos de lousa e cuarcita fincados verticalmente no chan (un deles desprazado da posición orixinal) e tampa cobertoira desprazada do seu lugar (retirada hai moitos anos para buscar “tesouros”). A mámoa onde está inserida esta cámara funeraria ten unhas medidas de 24 metros de diámetro e unha altura de 2 metros. Dada a coñecer por Enrique López Fernández no seu Megalitos y mámoas en el Ayuntamiento de Fonsagrada, publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo no ano 1992, traballo que foi presentado e lido en Ourense no ano 1986, durante a celebración dos actos que tiveron lugar no decurso dunha homenaxe a Florentino López Cuevillas con motivo do centenario do seu nacemento. Foi o primeiro enterramento megalítico documentado e estudado da comarca dos Ancares. Forma conxunto con outros seis. Nada máis achegarnos puidemos comprobar que a tampa que cubre o dolme fora rota en varias partes, descoñecendo se intencionadamente ou ao pisar sobre a mesma. O certo é que se desprenderon varios anacos da pedra o que aumenta a deterioración que xa viña padecendo.
Continuamos cara as Medorras do Peredelo, necrópole neolítica formada por tres enterramentos. Se xa de por si estas mámoas se atopaban moi alteradas por plantacións de piñeiros, camiños e unha estrada local, agora o lugar utilízase como vertedoiro do lixo. Sobre unha das mámoas, a mellor conservada, tiraron un colchón, e xunto outra construíron un silo para botar plásticos agrícolas. Ademais do dano causado aos monumentos, o impacto visual é enorme.
As agresións xa llas comunicamos por escrito aos Concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna e ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

 
UN NOVO CASTRO EN BARALLA
A mediados do mes de xuño de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Baralla. Está situado na aldea de Recesende, nun outeiro a 666 metros de altitude, non moi lonxe da igrexa parroquial de factura barroca.
O castro está formado por dous recintos. O inferior, de forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 140 por 115 metros. O superior, ou croa, ten forma case circular, cunhas medidas aproximadas de 75 por 70 metros. En varios tramos aínda se observan restos da primitiva muralla feita con pedras de lousa. Para dificultar o acceso ao interior traballaron no chan rochoso sobre o que asenta o castro, construíndo pronunciados terrapléns, case verticais, que nalgunhas partes acada os 5 metros de altura. Polo sur-oeste vese un muro de lousa de factura moderna pero que aproveitou a liña da antiga muralla. Tamén se aprecian restos dun foxo defensivo. A pesar de que todo o recinto castrexo está cuberto de carballos, arbustos e maleza, vese perfectamente que o interior está totalmente chan, acondicionado para construír as vivendas. Xunto un terraplén atopamos unhas grandes pedras rectangulares de lousa de espléndida factura pero que, polo de agora, descoñecemos a súa función, se ben unha ten un burato como os linteis utilizados para encaixar os gonzos das portas.
En liñas xerais o castro atópase en aceptable estado de conservación se ben hai que subliñar que parte da cara oeste foi destruída, posiblemente para extraer pedra e polo acondicionamento agrícola dos terreos colindantes. Unhas veciñas contáronnos que hai máis de 40 anos no castro había un campo de fútbol que tamén se utilizou como campo da festa.
Tamén soubemos que hai uns 50 anos, un veciño atopou un muíño de man, polas indicacións posiblemente de forma navicular, e anacos cerámicos ao traballar a terra. Chámanos a atención que este castro, moi evidente, estea sen catalogar, máis aínda cando o lugar é coñecido polos veciños como Os Castros. Ao non figurar no PXOM inicial puxémolo en coñecemento do Concello de Baralla e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
QUE FACER COA TORRE DE TABOI?
O día 7 de maio de 2016 entereime que na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) requiriu que a Xunta de Galicia intervira para garantizar a conservación da Torre de Taboi, situada no concello de Outeiro de Rei, en grave risco de derrube. O Partido Popular (PP) opúxose porque, de facelo, saltaríanse “os mínimos principios de legalidade xurídica” xa que a protección do monumento, en mans privadas, é cousa dos seus propietarios.
  
Á vista da resposta, dedúcese que a Xunta de Galicia o único que pode facer ao respeito é mirar como a torre, do século XVI, se cae a cachos. Pero é así realmente? Coido que non, ao menos se queremos crer que as leis sobre o patrimonio valen para algo. Vexamos.   
Por decreto de 22 de abril de 1949 do Ministerio de Educación Nacional, garantízase a protección dos castelos españois, calquera que sexa o seu estado de ruína, quedando estes baixo a protección do Estado. Noutro decreto do ano 1963, protéxense tamén os escudos, pedras heráldicas, etc. cunha antigüidade de máis de cen anos. Alancando no tempo, a Lei do Patrimonio Histórico Español do ano 1985 mantén para as torres e castelos a máxima protección legal, é dicir, Ben de Interese Cultural. 
Co traspaso de competencias á Comunidade Autónoma, no ano 1995 ve a luz a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (aínda en vigor ata que se publique a nova lei aprobada recentemente), correspondéndolle a esta todo o relacionado co patrimonio cultural. No artigo 4 ordena que os concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que radiquen no seu termo municipal, e que en caso de urxencia lle corresponde adoptar as medidas cautelares, cando visen o seu interese ameazado, para salvagardalos. O artigo 25 di que os seus propietarios ou pusuidores están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Os poderes públicos garantizarán a súa protección e conservación. Dito incumprimento, segundo reflicte o artigo 31, será causa de interese social para a expropiación forzosa dos bens declarados e catalogados. O artigo 33 abonda na súa protección para non poñer en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. E por último, o artigo 89 fala do réxime sancionador, considerándose como falta grave o incumprimento do deber de conservación dos propietarios ou posuidores dos bens declarados de interese cultural. 
Imos ver. Está claro que a Xunta de Galicia non pode entrar a saco nunha propiedade privada, pero tamén o está que a administración ten unhas obrigas, entre outras as de garantizar a conservación da torre de Taboi, primeiro requiríndollo aos propietarios e, se estes se negan, aplicar, simplemente, a lei. 
A menos que só se trate de publicidade, como aconteceu con aquel Facenda somos todos” que, durante a celebración dun mediático xuízo, aclarou unha avogada do Estado.
CASTELO DO ORCELLÓN
Ata o momento, pouco ou nada sabiamos sobre a fundación do castelo do Orcellón nin a súa ubicación exacta. Se algúns autores o situaban en terras do Carballiño ou en Xuvencos (Boborás) é por unha ambigua mención da Historia Compostelana. Ao parecer, pertenceu a Dona Urraca, e que no ano 1121 a raíña retivo nel ao arcebispo Xelmírez. No 1467 foi derrubado polos Irmandiños. X. L. Sobrado sitúa unha torre medieval en O Penedo (Xuvencos) que foi destruída polos Irmandiños; no lugar recolleu materiais cerámicos e escouras de mineral.
Pero ese descoñecemento semella que chegou ao seu fin. Hai algún tempo, a arqueóloga Nieves Amado Rolán localizou na Ponte das Poldras, en Brués (Boborás), sillares, pedras decoradas, marcas de canteiro e inscricións procedentes do castelo do Orcellón, e tamén a ubicación deste. A mediados do mes de abril de 2016, guiada por Rafa Otero Janeiro, emparentado coa familia Arias Teixeiro, propietaria do pazo de Teixeira e gran coñecedor do patrimonio da zona, descubriron, reaproveitados no edificio, distintas marcas e o antigo escudo condal de Monterrei ao que pertenceu o Orcellón dende, ao menos, o século XV. Os Reis Católicos déronlle permiso a Sancho de Ulloa para edificar ou reedificar aquí. Aclara Nieves que antes tivo que haber algo, tal como semella evidenciar a presenza dunha cruz románica. 
O castelo ubicábase nun outeiro ao que o río Viñao lle facía de foxo. Na metade sur hai un castro (o de Teixeira), e na metade norte o castelo, ambos con profundos foxos. Aos pés do castro está o manancial termal de Brués, de aí que na documentación apareza como castelo de Caldelas do Orcellón ou Castro Caldelas de Orcellón. 
As dúas inscricións reaproveitadas na ponte parece ser que pertenceron a unha capela que posteriormente se construíu sobre os restos da fortaleza.
Nieves e outras persoas xa comezaron a buscar máis documentación sobre o sitio. 
(Información e fotos de Nieves Amado Rolán)







AGRESIÓN A MÁMOAS NO MONTE DO GATO (OZA-CESURAS)
No mes de abril de 2016, Luis S. Seoane avisoume da agresión a dúas mámoas no Monte do Gato, no concello de Oza-Cesuras.
Unha vez máis, o atentado foi debido a unha tala de eucaliptos con maquinaria pesada. Unha das mámoas perdeu parte da masa tumular ao pasar sobre ela unha desbrozadora de cadeas.
O día 25 de abril xa llo comunicamos ao Concello e ao Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña.


A CHACOTA DOS BIC
Dentro do réxime xeral de protección do Patrimonio Histórico obstentan o maior grao de protección os declarados como Ben de Interese Cultural (BIC).
A lei 8/95 do Patrimonio Cultural de Galicia di que os Concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que se ubiquen no seu término municipal, correspondéndolles, en caso de urxencia, adoptar as medidas cautelares necesarias para salvagardar os que se visen ameazados. E os propietarios, posuidores e demais titulares de bens integrantes do noso patrimonio teñen a obriga de conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. O incumprimento destas obrigas conlevará unha multa, ou mesmo a súa expropiación.
 

Con independencia da declaración individual dun ben, o decreto do Ministerio de Educación Nacional de 22 de abril de 1949 outorga aos castelos a máxima protección, e a lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español, entre outras, ás manifestacións da arte rupestre. 
Que ninguén se asuste, non vou a plasmar aquí os centos de artigos que constitúen as leis e decretos, para este cometido abonda quedarse co resumido máis arriba. 
Si, de castelos e petroglifos vai isto. Podería estendelo a outros monumentos, pero, destas, só me interesan estes que, xa de por si, son BIC, monumentos, se tomamos a lei ao pé da letra, que habería que gardar coma ouro en pano.
 

Petroglifo da Chaira (Monfero), parcialmente estragado por unha máquina cortalumes. Torre de Peito Bordel (Abegondo), fáltalle a parte superior e apenas se distingue por estar cuberta de maleza. Petroglifo do Agro do Pepe (O Incio), con gravuras modernas sobre as antigas e asulagado gran parte do ano polo encoro de Belesar. Castelo da Mota (Guntín de Pallares), en mans particulares, arrepía comprobar o seu estado. Petroglifo do Outeiro Grande (Beariz), sobre as gravuras colocaron unha torreta e unha caseta de telefonía. Castelo de Monterrei, coa construción do parador pasa a ser de uso case exclusivo dun grupiño de privilexiados. Petroglifos de Mogor (Marín), o PXOM do Concello considera a zona onde están ubicados como urbanizable. Torre de Fafián (Rodeiro), en grave risco de derrube.
Diredes: Pouco máis de media ducia de monumentos ameazados e este queixándose. Pero si Galicia é un paraíso para o Patrimonio! Enganosa ilusión! Os citados collinnos ao chou. Como non pretendo asustar, direi que na miña Lista Vermella do noso patrimonio achego, como mínimo, un por cada concello (314), pero se queredes que afine, podo asegurar que máis da metade das 3.799 parroquias do país teñen algún monumento coa condición de BIC en serio perigo de desaparición. Que esaxero? En Galicia, o Patrimonio abandonado supera, con moito, ao conservado. O que me demostre o contrario está invitado a un cocido no Mesón de Catroventos.
 

Nesta nosa Galicia adórnanse castelos con alpendres de bloques de cemento mentres que outros, din, non teñen dono, destrúense petroglifos para unha plantación de kiwis ou utilizan a tampa dun dolme para asentar a marquesina dunha parada do bus sen que que as Administracións responsables de velar para que se cumpra a lei fagan nada, ou moi pouco, para evitalo. Día si e día tamén temos que asistir á destrución dun ben patrimonial e ver como os que teñen a obriga de protexelos miran cara outro lado. Como dixo hai anos un alcalde de Oia cando a destrución dos petroglifos de Boaventura: "Oia ten que mirar ao futuro non ao pasado, e unhas pedras non poden ser obstáculo". Desfeita que sería moito maior se non for por un grupiño de insubmisos que non fan máis que dar a vara denunciando ese desleixo, sabedores, ademais, de que ninguén lles vai adicar unha corredoira nin nomealos fillos predilectos.


 
MÁRTIRES DE OSEIRA
O baldaquinado barroco da Igrexa do mosteiro de Oseira foi protagonista dunha das máis sanguentas traxedias de Galicia que comezaba o mil novecentos. Os sucesos teñen a súa orixe en abril de 1908, durante unha visita pastoral do Bispo de Ourense, D. Eustaquio Ilundain e Esteban, quen manda retirar o baldaquino do mosteiro cisterciense de Oseira ante o seu mal estado de conservación. Non contaba o prelado coa recia oposición dos veciños do lugar, que en febreiro de 1909 paralizan calquera intento de desmonte do baldaquino. 
Ante a imposibilidade de chegar a calquera compromiso, o bispo recorre ao Gobernador Civil da provincia. Así, en abril de 1909 os carpinteiros chegan a Oseira para retirar o baldaquino, acompañados pola Garda Civil encargada de protexelos. Non se arredan os veciños que, armados con fouces e outros útiles de labranza, encérranse na igrexa do mosteiro. Ao non conseguir vencer a súa resistencia, o tenente Salinas ordenou á garda civil facer uso das súas armas, co resultado de sete mortos e doce feridos. Os mortos foron: María Paz Fernández, de Vilanfesta, de 14 anos; Ramón González Fernández, de 40 anos, de Tanxil; Baltasar Fernández de 70 anos, de San Martiño; María González Rodríguez de 23 anos, de Betar (embarazada de xemelgos); Angel Cibeira Trigo, de 70 anos; José Moure Gil; Manuel González Guerra, da Áspera, de 35 anos, máis outros dous feridos graves cuxa morte era inminente ao relatalos feitos.
Estes sucesos causaban unha fonda conmoción na Galicia do momento, xa de por si alterada polas campañas agraristas. O xornal ourensán El Miño, que xa viña defendendo a actitude dos veciños, será moi crítico tanto coa Igrexa coma coas autoridades. Agora ben, os sucesos de Oseira terán pronto unha repercusión maior, chegando ata o Parlamento na voz de Castelao, ao Senado nun acendido discurso de Eugenio Montero Ríos acusando ao Goberno da traxedia, inspirou personaxes e alusións en novelas de Blanco Amor, apareceu nos debuxos de Castelao do álbum Nós, e ata o propio Murguía opinou ao respecto. Por outra parte, os xornais publicados en Madrid faranse eco do asunto, reproducindo os artigos El Miño. Por enriba de todo isto, a matanza de Oseira permaneceu na memoria popular, situación á que sen dúbida contribuíron as coplas de cego escritas para rememorar os sucesos: "Que nunca sosiego gocen/ni jamás disfruten calma/y purguen en el infierno".   
Finalmente, o baldaquinado non sería retirado ata 1925. Pero, axiña veu o obrigado silencio e o esquecemento.
O alcalde de San Cristovo de Cea dende hai 25 anos, José Luis Valladares, non ten interese algún en falar do tema, nin moito menos lembrar nin honrar a memoria das vítimas. Hai veciños de Cea que levan tempo querendo erguer un monumento para lembrar aqueles feitos, pero atópanse sempre coa oposición do señor alcalde que seica non quere remexer esas augas. 
Pasado máis dun século, seguen inxustamente esquecidos aqueles pobres inocentes que só pretendían protexer e manter no seu pobo o que consideraban seu. Cando visitedes o fermosísimo mosteiro de Oseira, lembrade aos/ás mártires de Oseira. 
(Para confeccionar esta tráxica historia, recorrín a textos de Paco Martelo e Afonso Eiré)
 
AGRESIÓN Á MÁMOA DE MONTOUTO (LÁNCARA)
O día 20 de abril de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha agresión á mámoa da Revolta ou Madorra de Montouto, situada a 970 metros de altitude, a carón dun camiño que parte do Alto de Vilaesteva (na estrada que vai de Sarria a Becerreá) e que actúa como divisorio entre as parroquias de Lexo (Baralla) e Vilaesteva (Láncara).

A mámoa, catalogada, ten uns 20 metros de diámetro e unha altura de 1,5 metros. Sobre o túmulo hai plantados máis dunha ducia de piñeiros e está cuberto pola maleza. A mámoa, ademais de estar alterada polas plantacións de árbores, presenta un gran corte de case 4 metros de longo, por 1,5 de ancho e 1 de profundidade, producido, ou ben por unha máquina ou por escavadores furtivos; debaixo dos fentos tamén se aprecian as rodeiras dun vehículo pesado.
 

O lugar é utilizado como vertedoiro do lixo, así puidemos ver o parachoques dun coche, barras fluorescentes, ferros, trapos ou recipientes de plástico para depositar os envoltorios dos xeados (nun lese: "Nestlé, cuida tu entorno". Chocante, cando menos).
 

A agresión xa a puxemos en coñecemento do Concello e do Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo para que tomen as medidas no tocante á protección, solicitándolle ademais que se proceda, baixo o correspondente control arqueolóxico, á tala das árbores e á limpeza tanto do túmulo como da contorna. 

No escrito dirixido ao Concello de Láncara tamén informamos do estado en que se atopa a necrópole megalítica do Monte das Medorras, na parroquia de Vilarello, onde hai algunhas semanas puidemos comprobar que dúas mámoas foron gravemente alteradas por unha plantación de piñeiros, con enormes gabias feitas por maquinaria pesada para plantar as árbores. Esta necrópole estaba formada por cinco túmulos, tres dos cales foron practicamente destruídos.
 

No mesmo camiño, non moi lonxe da mámoa de Montouto, atopamos o anaco dunha estalagmita, o que, certamente, non deixou de sorprendernos. Este camiño vai dar á Cova de Saballeiros que, aínda que non é moi longa, é moi ampla dende a entrada principal. Conta cun río subterráneo e nesta época adoita estar anegada. No seu interior acubilla pequenos morcegos. Na primeira metade dos anos setenta do pasado século atopáronse dous fémures humanos que presentaban adherencias calcárias na superficie ósea. Tamén se atoparon restos de animais, se ben non consta que exista unha relación directa entre ambos. Os fémures foron depositados no Museo de Lugo no ano 1975. A cova ten sufrido a rapina de irresponsables que a visitan, apoderándose de anacos de estalagmitas e estalactitas. Ao principio da cova tamén puidemos ver abundantes cartuchos de armas de caza por alí esparexidos. É moi probable que o anaco de estalagmita que atopamos proceda desta cova.
 

O día 24 de maio de 2016 recibimos contestación do Concello de Láncara, informándonos que tomaban nota do tema e que xa lle comunicaran as agresóns ás comunidades de montes de Vilaesteva e Vilarello.
PROTECCIÓN PARA O RELEVO DE SALCEDO
A principios do mes de marzo de 2016, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dirixímonos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que nos dixeran se o relevo de Salcedo, procedente da Pobra do Brollón e na actualidade no Cebreiro, figuraba catalogado. A mediados do mes de abril contestáronnos que non, e que "pola súa tipoloxía non ten a consideración de Ben de Interese Cultural".
Aínda que esperabamos a resposta, non deixou de sorprendernos que tendo coñecemento da existencia do relevo, esta singular peza non figure no inventario de bens patrimoniais da Xunta de Galicia.
O mesmo día da resposta solicitamos á Xunta de Galicia a súa inclusión no catálogo e, ao mesmo tempo, enviamos unha carta ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecen, que a peza foi mercada por Elías Valiña Sampedro, "O cura do Cebreiro", arredor dos anos setenta do pasado século para engordar o patrimonio da aldea do Cebreiro. Dende aquelas, o relevo sempre permaneceu na hospedaría-hospital de San Xiraldo. Cando morreu don Elías, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai algúns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. A peza desapareceu do mesón, os familiares de Valiña Sampedro leváronna, "en herencia", canda eles. 
Un dos motivos que nos empurrou a solicitar a súa catalogación urxente é para evitar que o relevo "desapareza", tal como xa aconteceu, xunto con outras pezas, co Cristo gótico que presidía o presbiterio (o que hai hoxe é, supostamente, unha copia) e cuxo orixinal, segundo nos fixeron crer (así figura aínda nas páxinas web do Concello de Pedrafita e do Bispado de Lugo) está nun inexistente museo de arte sacra de Madrid. Nin nese ficticio museo nin en ningún outro, mesmo chegaron a asegurar que fora enviado a restaurar no seu momento ao Museo Nacional de Escultura de Valladolid, unha falsedade máis que tamén puidemos comprobar. Cando nos interesamos polo seu paradoiro, pois coma Pilatos, todos se lavaron as mans (que se pasou moito tempo, que se é mellor non remexer no pasado...).
Dende o noso colectivo témolo moi claro, se a Xunta de Galicia non cataloga o relevo, imos acodir aos tribunais, e non só para que pase a formar parte dos bens patrimoniais de Galicia, senón para que se aclare a quen pertence: se á familia, á Igrexa ou ao conxunto monumental do Cebreiro que foi restaurado con cartos públicos, e con cartos públicos se mercaron as pezas para engordar o seu patrimonio.


Máis información sobre o relevo de Salcedo en:


NOVA AGRESIÓN A UNHAS MÁMOAS EN FERROL
A principios do mes de febreiro de 2015, Luis S. Seoane máis eu denunciamos ante o Concello de Ferrol e o Servizo de Patrimonio Cultural na Coruña unha agresión a unha mámoa na necrópole de Mougá, na parroquia de Doniños, formada por máis de vinte enterramentos megalíticos. A mámoa fora arrasada por unha máquina ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos. Daquelas, dende o Concello puxéranse en contacto cos propietarios para que non realizaran máis plantacións na zona ao que fixeron oídos xordos xa que ao pouco tempo plantaron máis eucaliptos xunto o túmulo.
Nesta ocasión achandáronse dúas mámoas máis, primeiro ao talar os eucaliptos que plantaran sobre os túmulos, e a continuación pasaron por riba unha desbrozadora de cadeas o que lles produciu profundos sucos. Témese que, debido a que pasaron sobre as mámoas a desbrozadora, volvan a plantar máis árbores sobre os monumentos.
Sobra lembrar que as mámoas están protexidas pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 1995 polo que, en ningún caso, se pode actuar sobre elas, e para realizar calquera tipo de traballos nas inmediacións débese solicitar permiso á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Como xa temos denunciado en moitas ocasións, as plantacións e talas incontroladas de eucaliptos e piñeiros están a ocasionar, nos últimos anos, un dano irreparable nos xacementos prehistóricos, lésase mámoas, petroglifos e castros. Temos a seguridade de que na maior parte das ocasións, os responsables das desfeitas actúan con coñecemento de causa (non nos vale a ignorancia), e o que resulta máis grave, as administracións públicas, encargadas de velar polo noso patrimonio, permíteno ou non se enteran de nada quedando impunes estes atentados.
As agresións xa foron comunicadas ao Servizo de Patrimonio Cultural na Coruña e ao Concello de Ferrol.

 

A DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO EN VTELEVISIÓN
O sábado, 26 de marzo de 2016, ás 22 horas, emitiuse un documental en VTelevisión sobre o lamentable estado en que se atopa o patrimonio monumental en Galicia. Todos os intervenientes coincidimos en subliñar o desleixo ao que está sometido por parte das administracións pública.


DÚAS ENIGMÁTICAS PENAS EN FRIOL
Ás nove da mañá do día 24 de marzo de 2o16, o amigo Brais Rodríguez Romero máis eu xa estabamos a tomar café nun bar de Friol. Uns días antes quedaramos en aproveitar a festividade do Xoves Santo para visitar, unha vez máis, varios lugares deste enorme concello que, cunha extensión de 292 quilómetros cadrados repartidos por 32 parroquias, é un dos máis grandes de Galicia, galardón que non evita, como outros tantos do país, o seu imparable declive económico e demográfico.
A mesta néboa que nos recibiu axiña esvaeu, un fermoso día de primavera acompañounos o resto da xornada. 
O noso primeiro destino foi a parroquia de Narla, non para achegarnos ao famoso castelo do século XII, derrubado polos Irmandiños trescentos anos despois e que tamén foi o escenario, segundo nos relata no século XVIII un monxe de Sobrado, do asasinato de dona Catarina a mans do seu home, señor da fortaleza, Vasco das Seixas. Dise que a muller foi considerada santa porque o seu corpo se mantivo incorruptible, e que o asasino foi morto en Portugal nunha liorta con fidalgos do duque de Bragança.  
Fixemos a primeira parada no lugar da Eirexe, onde se levanta a igrexa parroquial de orixe románica, cuxa entrada ao adro-cemiterio está presidida por unha Cruz de Caravaca, creo que un símbolo non moi frecuente na arquitectura relixosa galega. Nos canzorros do aleiro do templo, o mestre canteiro esmerouse en reproducir os órganos sexuais masculino e feminino, e quizais o seu propio retrato, cun pillabán sorriso, ignoramos se dirixido á Terra ou ao Ceo.


Como de costume, Brais confeccionara, minuciosamente, os lugares a visitar. Despois de sacarlle unha foto a unha mámoa que hai pegada ao pobo, encamiñámonos ata a próxima aldea de Montecelos. Primeiro por unha fermosa corredoira abeirada por prados, e despois atravesando unha recente plantación de eucaliptos, albiscamos a Pena Castrela que se ergue, maxestosa, nunha pequena elevación do monte do Pedrido.

Xa dende lonxe, a enorme pena, fendida de arriba abaixo, impresiona. Ao chegar decátase un da súa magnitude, cunha altura que pode rondar os doce metros. Entramos no espacioso acubillo que ten ao pé, cunha altura máxima de 1,60 metros de alto, é que pode dar cabida a unha decena de persoas. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco pequenas coviñas. Estas gravuras foron feitas, sen dúbida algunha, por man humana, ou quizais sobrenatural como veremos máis adiante. Visto o interior, escalamos á parte alta. Unhas pías colosais, a semellanza de bañeiras, inzan a cima, estas si produto da erosión. Ademais de seren visible dende lonxe, dende o alto da pena domínase toda a contorna, semella que foi elixida para que a ninguén lle pasara inadvertida. Baixamos e bordeamos a pena, na busca de catro entalladuras documentadas hai máis de vinte anos por Juan Núñez e Laura Rodríguez. Demos con elas na cara oeste da pena. Trátase de catro pías aliñadas gravadas artificialmente na rocha, cunhas medidas cada unha de trinta por vinte centímetros. Nós localizamos outra máis, das mesmas características e non citada por estes investigadores, situada debaixo das anteriores, ademais dunha cazoleta duns sete centímetros de diámetro.

Como comentei máis arriba, ao mellor as marcas que se ven na rocha non foron feitas por un simple mortal. Iso é, ao menos, o que quedou gravado no maxín popular e que deseguida paso a relatar. 
  
Hai non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde hoxe en día se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela,/rompíchesme a ola/matáchesme a nena/heiche fender dende o rabo á orella" (outras versións rematan: "o demo te fenda/dende o rabo á orella", ou "malo raio te fenda/do rabo á orella"). A pena quedou partida tal como a podemos ver na actualidade. As entalladuras das que falamos máis arriba dise que son as pegadas dos pés que deixou a moura cando rachou a pedra, as coviñas das que parten os sucos que son as unllas cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos. 

Unha segunda versión da lenda, recollida do magnífico blogue Friol: Algo máis que pan e queixo, é a seguinte: Hai moitos anos unha meiga e a súa filla vivían na Pena Castrela. Un día, sen que se saiba o motivo, a filla cortoulle a cabeza á nai. Pero antes de morrer, a meiga conseguiu atravesarlle o corazón cunha unlla. Morreron as dúas. Entón, a pena abriu polo medio, quedando a filla entalada entre as dúas metades da rocha (entre as dúas metades hai unha gran pedra), e a meiga desapareceu, quedando enterrada debaixo da pena.

A tiro de pedra da Pena Castrela está a Pedra da Moura. Na gran rocha non atopamos nada que nos chamara a atención, e os veciños descoñecen o porqué de tal nome. Pero como ben sabemos, todos os topónimos teñen o seu fundamento.

Despois de xantar partimos cara a parroquia de Trasmonte. Na entrada da aldea da Bouzaboa, xusto a carón da estrada local, amósasenos a Pena Bicuda. 

Dise que recibe este nome porque nun dos seus extremos a pedra prolóngase a xeito de fuciño ou bico, quizais dun descoñecido animal que en tempos pretéritos deambulaba por estes lugares. Na parte inferior da pena, nun pequeno acubillo, vese unha gran pía escavada na pedra, cremos que de carácter antrópico. Tamén puidemos ver unha pequena pía (posiblemente natural) e varias coviñas artificiais distribuídas en dous grupos. O que si chama a atención é o equilibrio que mantén a enorme rocha pois, apoiada sobre outra gran pena, o seu contacto con esta é minúsculo (lémbranos a Pena Abaladoira da Picaraña, en Ponteareas). É máis, semella que mantén o equilibrio grazas a un carballo que medrou entre as fisuras da rocha inferior.
  
Pena e carballo. Curiosa coincidencia. Os galegos e as galegas sabemos que as penas e os carballos son algo máis ca uns simples minerais e vexetais. Nas nosas penas latexa o misterio: nas laxes graníticas os nosos devanceiros insculpiron os inintelixibles petroglifos, xigantescas penas abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio, nas moitas penas do altar repartidas por Galicia oficiábanse as prácticas relixiosas, diante dunha pena as parellas de namorados anovaban as súas promesas, mentres que outras sandaban doenzas físicas e mentais.... Os carballos, pola súa madeira de gran calidade, utilizáronse para facer as doelas dos bocois, na construción naval, etc. A casca, moi rica en tanino, usábase para curtir o coiro. No toro críase un lique co que se tinguían os tecidos cocéndoos en auga con cinza. Na antigüidade considerábase coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, agochaba tamén a pedra do raio polo que se consideraba coma unha árbore purificadora.
   
Nalgunha parte vimos publicado que ao redor da Pena Bicuda circula outra lenda case cuspidiña, por non dicir idéntica, á que vimos na Pena Castrela, polo que cremos que se trata dunha confusión.

Con estas dúas, en Friol xa é a terceira pena co seu aquel (véxase a entrada neste mesmo blogue: A Pena da Auga, un espazo ritual?). A Pena Castrela e A Pena da Auga están próximas a campos de mámoas, e ambas as dúas contan con cadanseu acubillo, se ben cremos que é a primeira, polas súas características, a que puído ser utilizada como asentamento en tempos prehistóricos, quizais no Neolítico ou no Calcolítico. E pola situación, motivos gravados, folclore, etc. lévanos a conxecturar que as tres puideron ser o centro de espazos onde se practicarían algún tipo de rituais.
Estamos seguros de que os montes do concello de Friol agochan moitas outras sorpresas que, aos poucos, tentaremos desvelar.

Lamentablemente, ao longo do día, por momentos, tamén puxemos os pés na terra: unha enorme mámoa (madorra como lle chaman por eiquí) situada na aldea de Todón foi arrasada por unha plantación de eucaliptos hai catro anos. E o recinto e as murallas do castro de Trasmonte tamén foron invadidos por piñeiros e eucalpitos para o que non dubidaron en fender a terra con maquinaria pesada, producíndolle unhas incurables feridas a xeito de profundas gabias.


A PENA DA AUGA (FRIOL), UN ESPAZO RITUAL?
A medidados do mes de febreiro de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata o coñecido como petroglifo da Pena da Auga (así figura catalogado), na parroquia de Ousá, en Friol.    
A Pena da Auga é o nome polo que se coñece un afloramento de xisto situado a uns 730 metros de altitude no Cordal de Ousá, lindeiro entre os concellos de Friol e Outeiro de Rei. Dende o lugar domínase unha ampla panorámica, destacando na lonxanía as serras da Cova da Serpe, Corno do Boi e Careón que actúan como fronteiras naturais coa provincia da Coruña. O afloramento, de gran tamaño e altura, tamén é ben visible.  
Sobre unha pedra horizontal, na base do afloramento e case rente ao chan, graváronse máis dun cento de coviñas aliñadas de pequeno tamaño, e outras de maior tamaño nos extremos (algunhas semellan formar xogos de tres en raia). A laxe coas gravuras presenta a particularidade de que se atopa a cuberto, nunha especie de acubillo que semella, ao menos en parte, traballado por man humana.
Resulta doado acceder á parte máis alta a través dunha especie de toscos escalóns. Nada máis poñer o pé no primeiro vemos unha cruz latina de suco ancho e profundo, gravada posiblemente para cristianizar un lugar de culto pagano. Na parte de arriba do afloramento vese algunha coviña illada, pero o que chama a atención son dúas pías unidas por un suco-canle, e unha terceira pía da que xorde un suco curvo que une as outras dúas; están dispostas a xeito de salto. 
No ano 1873, Villa-Amil y Castro fala do Altar da Recadieira, en Mondoñedo, con buratos e canles que puideron servir para realizar algún tipo de cerimonia. No seu Corpus Petroglyforum Gallaecia, Sobrino Buhigas di que as coviñas utilizábanse para recoller o sangue das vítimas. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) cita o Altar dos Corgos, en Antas de Ulla,  polas coviñas e pías que ten a rocha na parte superior; o mesmo autor nomea a Pena dos Xigantes, en Culleredo, con buratos circulares que se comunican por medio de canles e que actuaría como altar druídico. Ao longo de Galicia hai outras penas con coviñas ou pías asociadas a primitivos cultos: Monte do Boi (Baiona), Rego de Pazos (Vilarmaior), ou o recentemente redescuberto por nós en Sarria, o coñecido como o Altar dos Sacrificios, etc. Fóra de Galicia, noutras partes da Península, outros investigadores teñen documentado posibles altares rituais con coviñas e pías. 
Polo de agora non conseguimos folclore asociado á Pena da Auga. Non moi lonxe, monte abaixo, están os petroglifos de Quintá, catro rochas de xisto con coviñas, algunhas unidas por canles; nunha das rochas hai un gravado que consiste nun trazo oval unido nun dos seus extremos a unha coviña por medio dunha canle. Estas penas atópanse próximas a dúas mámoas.


DESFEITA NO MONTE DAS MADORRAS (LÁNCARA)
A necrópole do Monte das Medorras está formada por cinco mámoas. Sitúase a 525 metros de altitude, en Veiga de Anzuelos, parroquia de Vilarello (Láncara), divisoria entre os concellos do Corgo e Láncara.   
Todos os enterramentos están plantados con piñeiros, e con gabias sobre os túmulos feitas con maquinaria pesada para plantar as árbores, traballos que os alteraron gravemente, ata o punto de que tres case desapareceron. Sobre dúas mámoas vese gran cantidade de pedras de cuarzo e cuarcita. 


AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN OUTEIRO DE REI
Esta mámoa, inédita, atópase entre as parroquias de Francos e Aspai, preto da estrada local. Ten unhas medidas duns 14 metros de diámetro e 0,50 de altura, cun cráter de violación pouco profundo dun 3 metros de diámetro. 
O día 20 de febreiro de 2016, o amigo Brais Rodríguez Romero máis eu comprobamos que non hai moito plantaron sobre o túmulo varios eucaliptos, utilizando para elo maquinaria o que afectou gravemente á masa tumular. Anteriormente tiña plantados piñeiros que foron cortados sen control arqueolóxico.
Xa o puxemos en coñecemento do Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo e do Concello de Outeiro de Rei para que sexa catalogada e se tomen as medidas necesarias para a súa protección.
 
  
REQUIEM POLA CASA TORRE DE DUMIA (CERVANTES)
A casa-torre de Dumia ubícase na aldea do mesmo nome, na parroquia de San Tomé de Cancelada, concello de Cervantes. A torre ten a orixe no século XII. O edificio atópase en que serio perigo de derrubamento, con partes que xa caeron e outras con máis que preocupantes fendas. Foi solar e casa da familia Neira ou Vázquez de Neira. No muro do peche conserva unha gran pedra armeira de mármore onde se pode ler: "Estas armas y blasones son de Neiras ynfanzones y estas son de los de Lamas de Álvarez Alba y de Canceladas, apellidos desta casa", mandado colocar por Gil de Mosteyro Neyra no 1660, cando unhas obras de reedificación. No século XVI, dona María de Neira merca ao arcebispo de Santiago o Pazo de Oca, entrando a linaxe dos Neira de Dumia a ser señores de Oca. A linaxe Neira no Val de Cancelada está vencellada aos pazos e torres de Penelas, Vilafrial e O Fabal, no mesmo val. Vázquez Seijas di que en escritura de 28 de xaneiro do ano 1490, outorgada entre Diego Díaz de Guitián e Basco Gómez de Cancelada, este recoñece a aquel por dono propio do pazo de Dumia, así como de todos os bens anexos, como marido de Aldara Vázquez de Cancelada, filla de Alonso López de Cancelada e Viringuela López polo cal Basco demitiu o dereito que a ditos bens podía ter, coa súa propiedade, Diego Díaz. Don Diego e a súa muller, por escritura do ano 1505, doan a favor de Diego Sánchez de Cancelada, da casa-torre e pousa de Dumia, durante a súa vida. Lope Díaz de Guitián fundou no ano 1600 o morgado da linaxe, ao que foron agregados os que posteriormente fixeran a súa muller, María de Balboa, no 1626, e de Pedro Díaz de Guitián, o seu fillo segundo, no 1649. Rodrigo Fenández de Cancelada, Diego Díaz de Guitián e Fernando Díaz de Guitián e Neira, outorgaron contrato o día 9 de xaneiro de 1660 sobre a reedificación da torre de Dumia. 
A casa estaba composta de planta baixa e alta, cunha cerca de pedra calcaria bastante grosa e que constituiría o perímetro da primitiva torre. Na parte alta da segunda planta hai outra pedra armeira de xisto bastante desgastada, coroada tamén con helmo e viseira. A mediados do ano 1964 era propietaria da casa e bens de Dumia María Álvarez Valcarce, filla de Decoroso Álvarez Santín, residente en Baralla, casada con Manuel Fernández Fernández e que fora adquirida por un seu avó, Carlos Álvarez Carballo, aos seus donos que vivían en Vilafranca do Bierzo. Ao parecer, na actualidade pertence a varias persoas.
As pedras armeiras gozan da máxima protección legal.




O MISTERIO DO RELEVO DE SALCEDO
Foi a mediados dos anos noventa cando vin na hospedaría do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando me interesei pola peza, contáranme que era a copia dun petroglifo cuxo orixinal fora reaproveitado como lintel dunha palloza na aldea de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Cando o atoparon graváronlle a data de 1952 que aparece na parte superior esquerda. Ao parecer había algunha copia máis por aí, ao menos unha en Barcelona e outra en Sevilla.
Na superficie da pedra de xisto, cunhas medidas aproximadas de 80 x 40 centímetros, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente marcados e mirando un cara o outro, vense senllas espadas gravadas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que saen os brazos extendidos en cruz, cos dedos das mans claramente definidos, e cabeza redonda co nariz e os ollos esculpidos. Sobre o peito dun dos xinetes vese un círculo cruzado por catro liñas, e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa. Completan o panel outro animal (un can?), unha espada e outros símbolos de difícil interpretación, ademais da data citada.
Sen outros datos ao meu dispor, documenteino no blog.
Sorprendentemente, recoñezo, non volvín a interesarme pola peza ata o día 18 de novembro de 2015 (uns vinte anos despois!), grazas a unha chamada de Francisco Albo, de La Voz de Galicia, quen me preguntou sobre ela (ver no xornal do día seguinte, o artigo O misterio do petróglifo de Salcedo).
Dous días despois, para emendar a neglixencia, lisquei cedo para Salcedo, con tan boa sorte que dei coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O meu principal informante foi don José Rivera que ten a casa xusto pegada á do lugar de procedencia da pedra orixinal coas gravuras.
A historia que me contou defire substancialmente dos escasos datos que posuía. Don José díxome que a pedra apareceu no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando o estaban a derrubar. Os gravados miraban cara o interior e estaban do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios a venderon por unhas 15.000 pesetas. E de alí, para O Cebreiro, para a hospedaría de San Xiraldo de Aurillac que é onde eu a vira a mediados dos anos noventa.
Cando lle preguntei a don José se sabía onde fora a parar o orixinal, contestoume que era o que se atopaba no Cebreiro, feito que puído comprobar no ano 1998 cando foi á romaría do Santo Milagre. Non tiña dúbida ningunha, como amigo e veciño dos propietarios da casa (coñecida como Casa dos Currais), axudara a derrubar o antigo curral que, segundo el, tiña centos de anos. O mesmo me asegurou outra vecña que tamén a vira cando a atoparon e despois no Cebreiro. Don José Rivera contoume que cando trasladaran a pedra para a fachada, o albanel, ademais de gravar a data, "retocara" as gravuras para realzalas.
Para aclarar definitivamente o misterio, o día 28 do mesmo mes, Suso, un veciño de Barxamaior, acompañounos a Sergio Fernández e a min para falar cos actuais propietarios quen nos confirmaron que se trataba da peza que viñera de Salcedo. Contáronnos que o comprador fora o seu tío, don Elías Valiña Sampedro, o Cura do Cebreiro, que xunto con Chamoso Lamas impulsou a restauración do poboado e da igrexa do Cebreiro e recuperou o Camiño Francés de Santiago.
A hospedaría pechou, e a pedra coas gravuras, lamentablemente, non está exposta ao público.
Canto a se a peza está completa, descoñecémolo, se ben cremos que era sensiblemente máis grande. Sobre a súa procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. Procedería dalgún dos catro castros que hai na parroquia de Salcedo: Domiz, O Pereiro, A Roda do Castro ou Beirán? O que si dá a impresión é que a pedra foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dun afloramento onde adoitaban gravarse os petroglifos galegos. Os motivos de Salcedo difiren substancialmente das representacións ao aire libre da Idade do Bronce en que as esceas de monta son moi esquemáticas; o mesmo acontece coas figuras humanas. En troques, nas representacións de Salcedo móstranse unhas figuras ben definidas, doadas de identificar. A frontalidade das figuras dos cabaleiros con cabeza redonda, onde destacan os ollos globulados, seméllanse moito ás representación das cabezas do Noroeste, así como o círculo insculpido sobre un dos persoeiros que podería facernos pensar nun escudo tipo caetra. Nos petroglifos galegos, as armas (espadas neste caso) sempre aparecen soas ou empuñadas. Polo tanto habería que desbotar a súa pertenza a un período anterior ao século I a.C.
Pero, e se o círculo non é a representación dun escudo tipo caetra e se trata, como ben me apuntou o arqueólogo André Pena Graña, dunha roda solar? Esta representación dun círculo cos eixos orientados a todos os puntos cardinais é unha evolución do círculo simple dos petroglifos que estivo presente en todas as culturas europeas da Idade do Bronce. A cruz celta tamén é unha evolución cristiá da roda solar. Pero as rodas solares tamén son bastante frecuentes durante o período romano. Por citar algúns exemplos en Galicia, vense rodas solares nas estelas de Recebés (Coirós), Mazarelas (Oza dos Ríos) ou da rúa de Pontevedra de Vigo, datadas arredor do século III d.C.
Pero hai máis. E se ese círculo cos eixos fose un crismón pero sen as letras gregas da abreviatura do nome de Cristo e outros elementos como alfa e omega? Constantino converteuno en emblema do seu exército (dise que despois dun soño). O crismón foi moi importante na iconografía dos templos románicos onde en varios casos só vemos o círculo cos eixos e sen letras. O crismón era un símbolo de protección e de triunfo do cristianismo sobre o paganismo. Por outra banda, debaixo do brazo esquerdo do cabaleiro aparece un cadrado cunha aspa no interior que nos fai pensar na coñecida como Cruz de Santo André que simboliza ao guerreiro invisible.
Atendendo á morfoloxía da peza (foi cortada e preparada para logo facer as figuras) e á perfección dos motivos, podemos desbotar que se trate dunha representación da Idade do Bronce, é dicir, non é un petroglifo. Uns cabaleiros-guerreiros galaicos? É moita a tentación pero se así fose trataríase dunha peza, atrévome a dicir que única. 
A pesares da deteriorización da peza nalgunhas partes e nos "arranxos" do albanel, vese que se atopa en bastante bo estado, apreciándose a "intervención" só nos cabalos pero non nas cabezas, non observándose un desgaste significativo polo que é probable que non estivera exposta aos axentes meteorolóxicos.
Na Idade Media, este tipo de representacións (homes a cabalo) son abondosas, e se lle engadimos o crismón e a cruz de Santo André, a súa adscrición románica sería bastante clara, quizais do século XI ou principios do XII como apunta Pena Graña. Un curto engadido: hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da vella roda do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco (1747) cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios.
André Pena lembroume que a cruz de Santo André é un símbolo anterior ao cristianismo, como tamén o é a cruz cristiá, polo que cabe a posibilidade de que sexa tardoantiga, non desbotando que puidera ser castrexa, mais tamén que se trate da escea dun duelo popular románico.
Está claro que non resulta doado interpretar a escea, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que esta peza, se cabe, sexa aínda máis singular.
Á hora de escribir isto, achegáronme algunha información a maiores que haberá que comprobar e, así, tentar desvelar o misterio do relevo de Salcedo.



O ABANDONO DERRUBA A CASA-TORRE DE VEIGA DE FORCAS 
Érguese na poboación de Veiga de Forcas, no concello de Pedrafita do Cebreiro. Do antigo castelo do século XV apenas quedan restos. No lugar consérvase a abandonada casa-pazo e torre que sufriu varias reformas, entre outras unha no ano 1964 que fixo desaparecer varios elementos. No pazo aínda se poden ver dous escudos coas armas dos Ron e dos Armesto. No ano 1450, o mosteiro do Cebreiro arrendou a xurisdición aos Armesto, sendo a partir de entón cando os señores da fortaleza pasaron a xestionar as terras e a cobrar os trabucos aos labregos. No 1625, Gonzalo Armesto e Ron derrubou a capela do pazo e construíu a igrexa parroquial, situada xunto a casa, contando para elo coa oposición do prior do Cebreiro pero co visto e prace do bispo de Lugo 
A mediados do século XVIII, os fidalgos xa non vivían na casa-torre xa que se trasladaran para Vilafranca do Bierzo. Na actualidade pertence a varios herdeiros, descendentes da familia fidalga.   
Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade a Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión
No mes de xaneiro de 2016, derrubouse gran parte do edificio debido ao abandono, que se agravou coa choiva e o vento. Os donos puxéronse en contacto co Concello de Pedrafita do Cebreiro para declarar a casa en ruínas. A Dirección Xeral do Patrimonio anunciou que aínda que sexa declarada en ruínas, non autorizará a demolición xa que está protexido. Quen deben garantir a seguridade da casa e reconstruíla segundo as directrices de Patrimonio son os propietarios.




UN MOSTEIRO EN PARADA, OUTEIRO DE REI?
Segundo un documento de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe, datado no ano 910 e suscrito por catro abades, oito presbíteros, catro diáconos e sete testemuñas, aquí existiu un mosteiro posto baixo o padroado do San Salvador.
Pero, onde quedaba ese mosteiro de San Xoán de Friolfe?
Se buscamos no nomenclator, dinos que San Xoán de Friolfe é unha parroquia do concello do Páramo, en cuxo pórtico da igrexa do século XII se ve unha cruz de Malta inscrita nun cadrado. 

Ángel del Castillo, na conferencia La Arquitectura románica en Galicia, lida nos IV cursos universitarios de verano celebrados na Coruña no ano 1946, e que brevemente amplía no ano 1972 no Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, di: "Friolfe. Iglesia de San Juan. En el Ayuntamiento de Páramo, provincia de Lugo. Donada el año 910 por el Abad Adalino al presbítero Leovigildo, y que el padre de dicho Abad, Sergudo, había edificado con sus manos...". Engade Ángel del Castillo que o documento de referencia foi publicado por López Ferreiro en Galicia Histórica, Colección Diplomática (1901), e que segundo anota ao final da transcrición foi recollido dunha copia sacada do orixinal existente no Arquivo Episcopal de Lugo polo paleógrafo Frei Pablo Rodríguez. 
Esta localización de San Xoán de Friolfe no Páramo foi aceptada tamén por Villa-Amil y Castro (Iglesias gallegas en la Edad Media, 1904) e por Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo, se ben este mudou de parecer en Historia de la Provincia de Lugo (1918), situándoo en San Xiao de Friol: "También lo creimos nosotros algún tiempo (que se trataba de Friolfe), obsesionados por la autoridad de aquellos paleógrafos y por hallarse la mentada iglesia en Villa Froliulfi..., pero este nombre lo mismo puede aplicarse a Friolfe que a Friol... No cabe, pues, equívoco alguno a juicio nuestro, porque aunque la iglesia de Froliulfi estaba bajo la advocación de San Juan y la de hoy de Friol lo está bajo la de San Julián, ya es sabido la frecuencia con que nuestras antiguas iglesias cambiaban de advocación". Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1943), escribe: "Amor Meilán identifica a Froliulfe con Friolfe. Más acertado estuvo el P. Rubiera, el diligentísimo autor del Tumbillo Nuevo, fechado el año 1804... Al reseñar el instrumento del Abad Adalino, apunta la sospecha de que la Villa Froliulfe sea el Friol de hoy. Esta es, en efecto, la única identificación aceptable. Tanto la documentación que comentamos (a de 910), como en el testamento del presbítero Leovigildo en favor de su sobrino Gundemaro que obra en el reverso de aquella, y lleva la fecha de 1087 (trátase dun erro, debe dicir 987) se determina la situación de la Villa Froliulfe inter mineo et nallare, es decir, entre los ríos Miño y Narla, lo que hace inadmisible la identificación de Friolfe". Está claro que Vázquez Saco descoñecía a rectificación de Amor Meilán. Tamén, a principios dos anos corenta do pasado século XX, Ventura Cañizares participa da opinión de situar San Xoán de Friolfe en Friol.
Visto o anterior, onde estaba este mosteiro de Friolfe, no Páramo ou en Friol?
Pois nin no un nin no outro. O eminente etimólogo don Nicandro Ares Vázquez, primeiro en Grial (1981) e despois en Lucensia (2000), acláranos os porqués. Primeiro tentou demostrar, sen atender ás súas connotacións monacais, que a Villa Froliulfe ou Frojulfi (así aparece nas copias do 910 e do 987) non estaba nin en San Xoán de Friolfe nin en San Xiao de Friol, senón na parroquia de San Xoán de Parada, no concello de Outeiro de Rei. No documento do ano 910 di que a Villa Frojiulfii (así figura no orixinal) estaba situada entre dous ríos, o Miño e o Narla, na proximidade da súa confluenza: "ecclesia Sancti Joannis baptistae fundata in Villa Frojiulfii inter duo flumina, Mineo et Nallare, in prope sub uno coniuncti, circa urbe lucense sedis Lugo", situación xeográfica que non se dá nin no Friolfe do Páramo nin en Friol, si en San Xoán de Parada. Pero ademais, o documento menciona como límite da Villa Frojiulfii "illa karrale qui discurrit de monte Gondani", é dicir, un camiño de carro que baixa do monte de Gondai, sobre o Miño, ao leste da parroquia de Parada. Gondai é, na actualidade, unha aldea de Parada onde se sitúa a igrexa parroquial do século XVIII (anexa á de Martul), fronte o pazo de Gondai.

A primeira mención á parroquia de Parada atopámola no discutido testamento do bispo Odoario do ano 747: "Villa Parata cum ecclesia sancti Ihoanis constipata de familia mea pro suis terminis ab integro", onde di tamén que a igrexa fora edificada polo seu pai Sesguto coas súas mans: "ego Adalinus abba babeo ipsa ecclesia de pater meo Sesguto, quia edifficavit ca in primiter cum manibus suis" (P. Risco, na súa Historia Sagrada). E máis adiante nun privilexio de Afonso III do ano 897: "ex altera parte Minei, ecclesiam S. Joannis de Parata cum cauto et villa et familia". Segundo a tradición, a primitiva igrexa estaba na aldea de Parada, onde se atoparon uns sártegos antropoides medievais. No ano 1160 cítase a igrexa de San Xoán de Parada en divesos inventarios da catedral de Lugo, pero só como ecclesia, non xa como mosteiro.
Outro dato está no documento do ano 987, escrito no reverso do pergameo, onde o presbítero Leovixildo, sobriño do Abade Adalino, deixa en testamento a devandita igrexa de San Xoán ao seu sobriño, o tamén presbítero Gundemaro, agás dous agros que lindan con San Paio, unha aldea de Parada.
Di don Nicandro que a confusión xeográfica de López Ferreiro produciu unha cadea ininterrompida de erros en autores posteriores, situando un mosteiro onde, ao menos ata o presente, non houbo: en Friolfe do Páramo e en Friol.
Tendo en conta o testamento do ano 910 feito polo Abade Adalino (Addalinus Abba), todo apunta a que a igrexa tiña carácter mosteiral, escritura que foi confirmada por outros catro abades (Gundemaro, Gondulfo, Ausendo e Froysendo dos que se descoñece a que mosteiro pertencían), oito presbíteros (Nodatio, Froxelo, Igo, Ermulfo, Exeredo, Sendino, Froilán e Gundesindo), catro diáconos (Vilifonso, Munio, Vimara e Fafila) e oito testemuñas (Randon, Fofino, Vimara, Ermemiro, Iotila, Fromagiro, Ramiro e Romarigo). O documento do 987, ademais de Leovixildo, asináronno oito presbíteros (Zanito, Vimara, Romarigo, Susualdo, Sisiberto, Xanardo, Engladio e Evosindo), dous diáconos (Ordoño e Adaúlfo), sete testemuñas (Samuel, Leovixildo, Romarigo, Sentario, Fronimio, Xoaquín e Guilfonso), outras tres presbíteros (Romarigo, Doniño e Fafila), cinco mulleres que tamén actuaron como testemuñas (Manileuba, Xeloira, Leporina, Godoexia e Euxenia) e o abade Romarigus. Entón, podería tratarse dun mosteiro familiar, posiblemente dúplice pola presenza das mulleres que confirman o testamento. Ares Vázquez di que podería tratarse de dous mosteiros, un masculino e outro feminino, cos primeiros vivindo xunto a igrexa de San Xoán, e as segundas en San Paio onde hai unha capela posta baixo a advocación deste santo, matizando, ademais, que de que apareza un abade como outorgante do primeiro testamento non fundamenta, forzosamente, a existencia dun mosteiro xa que, en palabras de García Conde (1947), aínda que non referido ao caso que nos ocupa, había abades seculares en cada comarca ou distrito diocesán, e unhas veces chamábanlle abades diocesáns e outros abades soamente. Eu mesmo teño escoitado falar aos meus avós de Ourense do "señor abade", en referencia ao cura párroco, tal como lle chamaban en moitas partes de Galicia. Pero, por outra parte, no documento do ano 987 aparece citado como herdeiro o presbítero e confesor Leovixildo, apelativo usado con frecuencia no século X como título dun monxe.

O couto do mosteiro de San Xoán de Parada

Se existiu este cenobio en San Xoán de Parada no século X, a súa duración debeu de ser curta, porque tanto antes como con posterioridade a este século só se menciona como igrexa. Se case nada sabemos deste mosteiro de herdeiros ou familiar, posiblemente dúplice que seguramente, como aconteceu neste período, sería de pequeno tamaño e que acollería unha reducida comunidade, nula é a información canto á súa xurisdición, que territorio abranguía o seu couto.
Sobre os seus dominios é do qeu vou a falar a continuación, baseando a hipótese nunha serie de marcas esculpidas en varias pedras distribuídas pola zona.
Guerra Mosquera, no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1976), fala dunha pedra exenta situada xunto unha mámoa nos montes da parroquia de Parada (non especifica o sitio) que ten unha gravura formada por un círculo superior de 16 cm de diámetro do que sae unha raia vertical cruzada por unha semicircunferencia. Cando se refire ao debuxo, ao atoparse xunto unha máoa (a máis grande da necrópole) di que podería ser interpretado como que o túmulo pertencería á tumba dun xefe, e que a raia situada baixo o círculo, así como a semicircular, podería representar a unha divindade e aos danzantes asistentes a un baile sagrado. Esta mesma pedra é citada por Núñez Jato e Rodríguez Varela nun artigo aparecido en Croa no ano 1995, Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos. Estes autores escriben que nos montes de Parada había outras dúas pedras con similares motivos, unha delas sen relación con ningunha mámoa.

No mes de marzo de 2015, acompañei ao amigo Brais Rodríguez Romero, que leva anos investigando o patrimonio arqueolóxico de Outeiro de Rei, a ver uns curiosos debuxos insculturados nunhas pedras. Primeiro fomos ata a aldea de Santa Comba, na parroquia de Aspai onde, nunha pena granítica, mostroume a gravura dunha figura formada por un círculo de 17,5 cm de diámetro do que parte unha liña vertical de 18 cm, e da que saen, a xeito de brazos, dúas liñas de 10 cm. Xunto o círculo, na parte esquerda, hai gravadas tres coviñas. Despois Brais levoume ata unha casa de Candai en cuxo xardín hai un fito que o dono atopou, ao parecer, xunto unha mámoa. Como nos casos anteriores, o fito, de 1,27 metros de altura, ten gravado un círculo duns 21 cm de diámetro do que sae unha liña vertical de 8 cm, con dous "brazos" duns 11 cm, e dúas "pernas" duns 13 cm. Ambas as dúas figuras teñen un parecido case idéntico á descrita por Guerra Mosquera. Comprobamos que presentaban uns sucos ben definidos, pensando que quizais foran repicados posteriormente para realzalos. Canto aos autores, descoñeciámolo, quedándonos, con moitas dúbidas, coa teoría formulada por Guerra Mosquera.


Meses despois, en novembro, Brais levoume a ver cinco novas figuras con similar motivo en varias partes do mesmo concello de Outeiro de Rei: un fito na Insua de Seivane que non actúa como marco (descoñecemos se noutro tempo serviu como tal), un marco lindeiro entre as parroquias de Parada e Camoira (parroquia de Lugo) situado preto dun traballado petroglifo, unha pena gravada entre Martul e Parada, outra en Province (Aspai), e por último a citada por Guerra Mosquera que non está exenta, senón que se trata do esteo dunha mámoa da necrópole megalítica de Pascuais, a mesma que Núñez Jato e Rodríguez Varela achegan nunha foto en branco e negro no seu traballo.

Postos a formular algunha hipótese que nos levara a buscarlle sentido a estas gravuras, chamounos a atención que foran realizadas sobre distintos soportes: en afloramentos e en fitos situados a certa distancia uns dos outros, en varios casos en campos de mámoas ou próximas a petroglifos, e en dous actuando como límite parroquial ou municipal, e sobre todo a semellanza entre as figuras o que nos levou a pensar ou que eran obra dunha mesma persoa ou un símbolo dunha comunidade. Foi entón cando Brais me preguntou se no concello de Outeiro de Rei houbo algún mosteiro. Entón lembreime deste posible cenobio altomedieval de Parada.




Durante a Idade Media, para delimitar os coutos mosteirais aproveitaban, en moitas ocasións, antigas mámoas, pedrafitas ou rochas con petroglifos ao aire libre. 
Para mostra achego algúns exemplos.
As aldeas de Albarellos e Vilaza, en Monterrei, aparecen citadas en dous documentos do ano 950, na desputa por unhas lindes entre o bispo Rosendo e a condesa Trudile; neles faise mención a grandes rochas, archae (mámoas), petrae fictae (pedrafitas) e penas con gravuras que actuaban como marcos.
Nun documento do mosteiro de Penamaior (Becerreá) do ano 1332, lese: "vay firir na outra mamoa de fondo da carreira da serra que vay para Gondian". 
Os marcos da Lama Grande, da Pallota e do Rosedo, coa Cruz de Santiago en baixorrelevo nunha das súas caras, situábanse no perímetro do couto do mosteiro de Vilar de Donas, en Palas de Rei.

As pedrafitas do Monte Velairo, en Duio (Fisterra), foron utilizadas como lindeiras nunha doazón de Afonso VII ao mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 1135.
Ao Marco Vello (Xunqueira de Espadanedo) fai referencia un privilexio de Afonso VII no 1153 como fito demarcador do couto do mosteiro de San Pedro de Rocas: "Cantum Sancti Stephani de petraficta", onde di que xa figuraba chantado no ano 921.
Non moi lonxe da igrexa mosteiral de Lampai, no concello de Teo, atópanse os tres marcos do ano 1156 que delimitaban o antigo couto de Lampai-Pedrouso, doado por Afonso VII ao cabaleiro Sancho Eanes.
Polo de agora só dispoñemos da citada, aínda que non moi clara, documentación e estas curiosas figuras insculpidas na pedra. Quizais no futuro deamos con máis evidencias escritas e/ou arqueolóxicas que nos permitan confirmar a existencia dun mosteiro en San Xoán de Parada. 

AS CALIVERAS DE SAN SALVADOR DO MAO (O INCIO)
O día 23 de xaneiro de 2016, aproveitando o espléndido día dunha primavera que semella querer adiantarse, achegámonos, unha vez máis, ata o fermoso municipio do Incio coa intención de atar algúns cabos soltos (sempre queda solto algún) e poder completar unhas informacións que aínda nos permanecían vedadas. Despois de xantar, dirixímonos cara a parroquia de San Salvador do Mao para ver a igrexa, que nunca visitaramos, que dise pertenceu a un antigo mosteiro do que non quedan restos.

Don Nicandro Ares Vázquez (Lucensia, 2011) fala da existencia dun mosteiro "in terra de Lemos" denominado Planeto ou Flanello. Cómpre aclarar que a actual comarca da Terra de Lemos comprende os concellos de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, e non o do Incio que pertence á comarca de Sarria. Mais Ares Vázquez xa advirte que a Terra de Lemos non era soamente a contorna da ciade de Monforte e da súa comarca, senón que incluía unha zona máis ampla. Escribe que no Tombo de Samos atópase un documento no que consta que un presbítero chamado Genitrigus/Genitricus construíu no ano 947 unha igrexa nas súas herdades, situadas "in terra de Lemos". Despois de afondar na toponimia e na documentación que podería alumar a situación do cenobio, don Nicandro cre que se ubicaría na parroquia de San Salvador do Mao, nunha vila que no ano 991 se chamaba Planeto: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulo Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto et modo dicitur sanctum Salvatorem".
  
Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en las Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di que este mosteiro corresponde á terra do castelo de Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do bispado de Lugo. Argáiz escribe que recibía tamén o nome de San Salvador de Lemos. Outras escrituras falan do seu carácter dúplice e da súa anexión a Samos por Vermudo II o 30 de xullo do ano 991. A igrexa tamén figura na concordia que no ano 1195 puxo fin ao longo preito entre os abades de Samos e o Cabido de Lugo sobre a posesión do templo e dos seus bens. Nin Planeto nin o castelo Slanillo deixaron pegada na toponimia.
Amor Meilán fala do mosteiro de Valdemao, que xa existía nos primeiros anos da Reconquista, e que pode ser identificado cun dos cenobios que se levantaban en Santa María do Mao (no interior atópase o sepulcro do Santo Eufrasio que segundo a tradición foi un discípulo do Apóstolo Santiago, enviado por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a Península), San Romao do Mao e o de San Salvador do Mao.


A igrexa de San Salvador está situada na aldea do mesmo nome, na parte máis baixa da mesma, arrodeada por casas abandonadas en situación de semi ruína.
Do suposto conxunto mosteiral só chegou ata nós a igrexa de orixe románica e as ruínas da casa reitoral. Xunto coas citadas de Santa María e San Romao, comparte a peculiaridade de posuír un adro-cemiterio cuberto a unha auga e que circunda a igrexa a modo de claustro e deambulatorio que no seu conxunto podemos definir como un templo-panteón. Ademais de seren utilizado como cemiterio, aquí refúxianse os fieis antes e despois dos actos relixiosos.
  
Por sorte, a porta do adro non estaba pechada con chave. Entramos e puxémonos a percorrer o lugar, comprobando que o templo atópase moi desfigurado polas moitas reformas das que foi obxecto, conservando poucos elementos da antiga construción románica. Mais o que non esperabamos foi o que atopamos. Foi tal a sorpresa que nos conectamos cos teléfonos á internet para tentar atopar algún sitio que falara diso, nós, a verdade, non tiñamos noticia ningunha, e iso que nos constaba que tiñamos consultado a maior parte da información existente sobre a igrexa de San Salvador. Bucear na rede, ademais dalgúns datos históricos e arquitectónicos, nada nos achegou (Un par de días despois, Francisco Albo, de La Voz de Galicia, achegoume unha reportaxe que, baixo o título Insólitas igrexas do Incio, publicaran no ano 2001). 
Pero alí estaban. Ante os nosos ollos apareceron cinco caliveras empotradas no muro caleado que pecha o adro, xusto detrás da ábsida. 

Na provincia de Lugo sabiamos das caliveras da igrexa-priorado dos Vaos, en Ribeira de Piquín, que pertenceu á orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín, que administrou a parroquia ata o ano 1876. Na parede oeste do pórtico ábrese unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, expóñense cinco caliveras humanas que lembran a forma dun triángulo. Non moi lonxe dos Vaos hai outras dúas igrexas con semellante simboloxía: a de Santa Comba de Órrea, en Riotorto, e a de Santa María de Conforto, en A Pontenova, cadansúa cunha caveira empotrada nun muro. Hai anos tamén vin unha calivera humana nunha bufarda da igrexa de San Tomé de Recaré, no Valadouro, mirando cara o cemiterio.
  
Catro das caveiras de San Salvador (sen maxila inferior, como as das igrexas citadas) forman unha especie de rombo; a quinta está á dereita desta figura, na parte inferior, por riba dunha pequena ventá. Ao atoparse mirando cara a ábsida, semellan uns asistentes máis ás cerimonias relixiosas dende o exterior. Expostas na parte máis escura do lugar, aumentan a súa lúgubre apariencia. A disposición dos cranios non semella casual, todo apunta a que foron ordenados para indicar ou sinalar algo.
Pero, o que? 
Cando lle preguntamos á única persoa que vimos na aldea, contounos que levaban no lugar "dende sempre", o seu pai, que morreu con máis de noventa anos, tamén dicía o mesmo, e outro tanto os seus antepasados; segundo a tradición, pertencían aos monxes do desaparecido cenobio. Este veciño díxonos que non moi lonxe da igrexa aínda se conservaba parte do que fora unha tumba feita con pedras fincadas. Sinalounos o lugar e, en efecto, alí vimos os restos. Había máis, pero desapareceron. Díxonos que na aldea sempre se asegurou que nos baixos dunha arruinada casa que hai fronte o templo (a antiga reitoral) tamén había varias tumbas feitas con laxes.


Segundo relata Abraira Pérez (2005), algúns dos seus informantes dixéranlle que os cranios da igrexa dos Vaos pertencían a corpos de curas que pasaran pola parroquia, e en Órrea que a calivera exposta no interior da igrexa correspondía a unha monxa que habitara un primitivo convento que había no lugar do que se sabe que, ao menos dende o ano 1481, xa non volvera a ser ocupado. 
Que se pretendeu representar en San Salvador do Mao? Algo relacionado coa morte ou co morto? Ou ambos á vez? Abraira Pérez di que, botando unha ollada aos paralelos máis próximos ofrecidos pola cultura occidental cristiá, existen dúas vías de razonamento, e unha terceira intermedia. Primeiro: o cranio como complemento do sermón. Houbo un tempo en que a morte era un tema que ninguén trataba á lixeira e que os eclesiásticos non dubidaron en explotar para meter o medo no corpo aos fregueses. Esa simboloxía podía resultar máis eficaz que os sermóns pronunciados dende o púlpito. Segundo: o cranio como símbolo de necrópole. Nos mosteiros cistercienses habilitábase un espazo anexo á propia igrexa. Durante moito tempo, os ósos deberon aflorar ao chan polo que é probable que a partires desa situación se reutilizaran algúns restos como sinalización do cemiterio. Entre unha e outra hipótese, estaría a dos osarios e a súa mensaxe. A partires do século XV os cranios e ósos que devolvía a terra expoñíanse en galerías cubertas e sobre o propio pórtico da igrexa. 
Abraira tamén apunta a posibilidade de que as caliveras dos Vaos, Órrea e Conforto poderían pertencer a persoas que testamentaron o seu desexo de ser mostradas de por vida na súa igrexa ou, pola contra, que se emparedaran as cabezas como símbolo de castigo por algo malo que os seus propietarios cometeran en vida.
Mais, polo de agora, o único que temos claro é que a caveira constitúe a representación máis universal da morte.


O PETROGLIFO A MAIOR ALTITUDE DE GALICIA
O día 22 de novembro de 2015, antes das primeiras nevaradas, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos dúas novas rochas con petroglifos no concello de Cervantes.
A primeira pena atópase preto dun camiño que vai cara a Mallada do Mostallar, a uns 1.700 metros de altitude. Trátase dunha rocha granítica con cinco coviñas de entre dous e catro centímetros de diámetro. Non moi lonxe localizamos unha cruz de factura moderna gravada na cara vertical doutra pena.
O segundo petroglifo localizámolo a 1.800 metros de altitude, nunha ladeira do Pico Mostallar, preto dun vello sendeiro que baixa cara unha campa onde antigamente levaban o gando e onde aínda se conserva un curro feito con pedras. Trátase dunha pena de xisto situada case a nivel do chan onde escavaron nove coviñas que oscilan entre os dous e seis centímetros de diámetro. Este petroglifo ten a singularidade de ser o que se atopa a maior altitude de Galicia. Sitúase case no límite coa provincia de León. Segundo os datos que manexo, ata o momento obstentaba a "distinción" o petroglifo das Arcas, no concello de Manzaneda, a 1.770 metros de altitude, e tamén formado por coviñas.
Ata o presente, contando estes dous, son doce os grupos de penas con petroglifos que levamos localizadas na comarca dos Ancares (10 en Cervantes, 1 en Baralla e 1 nas Nogais).
ALTAR DE SACRIFICIOS EN SARRIA
O día 13 de novembro de 2015, José Antonio Quiroga Sobrado, natural de Betote, levounos ata un altar rupestre situado no Monte das Lamas, do que nos falara uns días antes e que visitara xunto co seu pai hai uns cincoenta anos. Antes de velo contounos que na parte máis alta dunha rocha granítica había unha gran pía da que partían varias canles que desembocaban noutras pías de menor tamaño traballadadas na parte inferior da pena. Contáranlle que na pía superior botaban o caldo que logo discorría polos sucos ata as outras pías; unha vez cheas, os moradores do lugar comían nelas o caldo.

José Antonio amosounos a súa inquedanza, temendo que o altar fora destruído por unhas edificacións que se levantaran no sitio. Cando chegamos, despois de buscar a pena pola zona, non vimos ningunha que puidera denunciar a situación do altar, só nos atopamos con pedras que foran cortadas e varios montóns de casacallos e terra provenientes dunha gran poza e varias gabias que practicaran no lugar. Iso si, nun par de pedras das que foran cortadas observamos que contiñan coviñas de factura artificial pero que nada tiñan que ver coas grandes e profundas pías que lembraba José Antonio. Por non deixar nada ao azar, procedemos a retirar os cascallos e a terra que cubría unha pena. Casualmente alí apareceron dúas profundas pías duns 12 centímetros de diámetro e os restos doutras dúas que o noso guía axiña identificou coas que vira hai tantos anos.

Despois de limpar a rocha, constatamos, lamentablemente, que, como as demais, fora utilizada para extraer pedra. Aínda así puidemos verificar a existencia das pías citadas así como algunhas canles que as comunicaban.

O afloramento, de dous por dous metros aproximadamente e un metro de altura, cremos que é o mesmo que foi descrito por Luis J. Solla Fontán no Boletín do Museo Provincial de Lugo no ano 1884, no seu traballo Petroglifos en Sarria onde achega unha vintena de penas con gravuras. Polo tanto, hai pouco máis de trinta anos este altar ritual, que o investigador denomina como Pena dos Sacrificios, aínda existía.
No concello de Sarria hai preto de trinta estacións con petroglifos se ben, como no caso que nos ocupa, non todos están inventariados. Nas vindeiras semanas imos proceder a elaborar as fichas das insculturas que coñecemos e envialas ao Servizo de Patrimonio en Lugo e ao Concello.

Uns días antes tamén nos achegamos ata o Bolo de Betote, unha enorme peneda granítica de 12 toneladas que foi cortada e trasladada no ano 2006 debido ás obras da autostrada Sarria-Nadela. Presentaba un anel peristalíco ao redor así como varias coviñas gravadas na parte superior. Interpretada como unha pena ritual, foi datada no Calcolítico. Na actualidade atópase entre a antiga estrada a Lugo e a citada autostrada, nun lugar de fácil acceso pero sen sinalizar e oculta pola matogueira. Xa me puxen en contacto co Concello de Sarria para que proceda á limpeza da contorna.


PEDRAFITA DAS CABANAS DE MOURA
Non lembro cantas veces visitei a necrópole megalítica das Cabanas de Moura, no concello de Nogueira de Ramuín, pero foron moitas, a primeira debeu ser alá por finais dos anos oitenta ou principios dos noventa. Ademais das mámoas dedicabamonos a peitear os abundantísimos afloramentos graníticos na procura de rochas con petroglifos, busca que ata o presente resultou infrutuosa. Si demos cunha pena ateigada de pías naturais á que se accedía (e se accede) por medio duinha especie de banzos escavados na rocha, quizais utilizada como altar ritual.
Mais non foi ata o outono do pasado ano cando, revisando de novo as penas, localizamos unha pedra que nos chamou a atención e que ata aquel momento nos pasara desapercibida. Tratábase dunha pedra alongada, de boa feitura, case seguro que moldeada por man humana.
Non lle dedicamos moito tempo, tirámoslle algunhas fotos e continuamos a viaxe, comprometéndonos a regresar o antes posible para estudala con máis calma. For polo que fose, transcorreu un ano ata que volvemos ao sitio. O día 8 de outubro de 2015, aproveitando a tregua meteorolóxica, achegueime ata as Cabanas de Moura co único propósito de adicarllo ao fito situado nun afloramento granítico dende o que se domina visualmente a necrópole.
Trátase dunha pedra granítica alongada que está tumbada no chan. Ten unha altura de 3,08 metros. Na parte superior da cara principal apréciase claramente que foi traballada para resaltar unha especie de "cabeza" de forma tirando a ovalada de fasquía antropomorfa, cunhas medidas de 70 por 75 centímetros. Dende a "cabeza" a pedra vai estreitándose ata a parte inferior, de forma arredondada, onde non pasa dos 40 centímetros de diámetro. Inmediatamente debaixo da "cabeza", as caras laterais miden 0,40 metros, ancheándose no medio 10 centímetros máis, para continuar estreitándose cara o pé. A parte posterior ten forma tirando a semicircular (as arestas posteriores das caras laterais apenas se perciben).
Apaxado o fito, non se observan outras marcas, se ben cómpre ter en conta que o lique cubre gran parte da pedra.
É propable que o pé da pedrafita coincida co único sitio do afloramento onde se podería fincar. Pola posición en que está, a cara principal miraría cara a posta do sol, o oeste, e cara a necrópole megalítica formada por sete mámoas, todas con cráter de violación onde aínda se poden ver algúns esteos da cámara funeraria.
Falei con dous veciños, pero pouco me aclararon, nunca viran a pedra ergueita. Un dos informantes, de idade avanzada, díxome que este e outros afloramentos foran utilizados para a extracción de pedra para os muros das fincas e as casas. En efecto, nalgunhas pedras aínda se poden ver as marcas das cuñas.
Preto deste fito hai outro que está inclinado e que semella un peón; nunha das caras inferiores vese unha pía que parece que foi realizada artificialmente.
Pouco máis podo engadir, nada se sabe sobre a súa finalidade, nin tampouco sobre a situación e orientación orixinal polo que non cabe máis que movernos no eido da hipótese. Se nos atemos á forma, con esa "cabeza" ou "cara" na parte superior, apunta á representación dun ídolo, quizais unha especie de "gardián" da necrópole.












 

MACHADO NEOLÍTICO EN BARALLA
O día 14 de xuño de 2015, o amigo Sergio máis eu fomos invitados por José Ángel Revaldería ("Roldán") á súa casa natal en San Martiño de Neira de Rei (Baralla) para amosarnos unha inscrición e unhas figuras gravadas nunha das pedras que forman parte do arco de medio punto que daba acceso a un anexo da vivenda, hoxe en ruínas. En efecto, acaroada á clave do arco hai unha pedra calcaria onde se ve unha tosca inscrición que di: "Ano de 1725", e a continuación un pentagrama (estrela de cinco puntas); debaixo hai insculpida unha cruz latina, de boa feitura, con remates tirando a pometeados. Dende a antigüidade, o pentagrama adoita asociarse co misterio e a maxia, utilizado en rituais, como amuleto, etc. Pero, do que poden significar os símbolos alí gravados nada lle puidemos dicir a Roldán xa que carecemos da información máis elemental, como por exemplo de quen eran os seus moradores no ano 1725 e para que foi utilizada.
Foi falando de varias cousas cando lle preguntamos se tiña noticia dunha mámoa que, segundo un documento de principios do século XX, había non moi lonxe da igrexa parroquial e que nós, a pesares de buscala en varias ocasións, non fomos quen de dar con ela, como tampouco conseguimos noticias orais do seu coñecemento, supoñendo que posiblemente xa non existira debido a que toda a zona foi moi alterada por camiños, labores agrícolas, etc. Foi entón cando José Ángel nos falou dunha "pedra moi curiosa" que atopara hai uns 20 anos preto dunha penichaira situada no monte da Chafarica que se ergue a unha altitude duns 650 metros por riba da aldea dos Mazos, nunha gabia aberta polas fortes choivas daquel ano. Cando regresamos para Becerreá (que é onde vive coa súa familia dende hai anos) subiu pola pedra á casa e, xa antes de caer nas miña man, axiña a identifiquei cun machado do Neolítico, feito, sobra dicir, que nos produciu unha enorme alegría, tanto pola peza en si como por ser o segundo machado deste período que se atopa na comarca dos Ancares. O primeiro foi atopado a mediados dos anos sesenta do pasado século por José Luis González, veciño de Valgos, nunha pedreira da aldea de Padornelo (Cervantes), cedéndolloo ao Concello no ano 2012.
A finais dos anos noventa do pasado século, todas as publicacións falaban da ausencia case total de enterramentos megalíticos no macizo montañoso oriental da provincia de Lugo. O único concello onde estaban documentadas era no da Fonsagrada, grazas ao traballo de Enrique López Fernández Megalitos y mámoas en el Ayuntamiento de Fonsagrada que deu a coñecer nunha homenaxe a Florentino López Cuevillas celebrada en Ourense no ano 1986. Na actualidade, só na comarca dos Ancares, levamos documentadas 70 mámoas.
Na provincia de Lugo atopáronse machados neolíticos nos concellos de Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guntín de Pallares, Lugo, Meira, Monterroso, Outeiro de Rei, Pantón, Vilalba e Xermade, exemplares que podemos ver nos museos do castro de Viladonga, Lugo e Vilalba.
Como é sabido, nas mámoas téñense localizado gran cantidade de pezas, moitas das cales son algo máis que simples obxectos, que están cargados dun forte valor simbólico e ritual (coma os idoliños, por exemplo), enterrando cos mortos unha serie de ofrendas funerarias compostas por trebellos domésticos (cacharros cerámicos), ferramentas e armas (mazas, puntas de frecha, machados) ou obxectos de adorno (contas de colar, amuletos). Entre todos os obxectos, os machados deben ser incluídos no horizonte máis antigo do Neolítico, período que abrangue, aproximadamente, dende o 6.000 a.C. ao 2.800 a.C. É dicir, o machado atopado en Baralla pode ter unha antigüidade de entre 7.000 e 8.000 anos.
O proceso de elaboración dun instrumento de pedra puída requiría moitas horas de traballo, primeiro había que labrar e lascar a pedra para darlle a forma desexada, continuando logo co puído da superficie frotándoa contra outras rochas. A Idade da Pedra Puída (como tamén se coñece o Neolítico) é un período en que as sociedades nómadas dos cazadores-recolleitadores se converten en sedentarias en que practican a agricultura e a gandería, nacendo aquí os primeiros asentamentos estables o que propiciou o traballo da pedra puída, a cerámica (que mudará o xeito de cociñar) e os tecidos (co proceso da la e o liño para facer vestidos).
Entre os machados puídos distínguense, fundamentalmente, dous tipos. Ao primeiro (caso do de Cervantes) pertencerían os que presentan unha forma tirando a cuadrangular e de grande espesor. Ao segundo (como o de Baralla) pertencen os que presentan unha forma xeralmente trapezoidal ou tendente a triangular, maior anchura e menor espesor, cunha sección transversal rectangular ou oval. 
Este machado de San Martiño de Neira de Rei é de seixo moi ben puído e de forma tirando a triangular. Mide 8,5 cm de longo, 5 cm de ancho na parte central, 2 cm na parte supeiror, e 4 cm no fío lixeiramente curvado. Pesa 200 gramos.
No Colectivo Patrimonio dos Ancares temos localizados 12 túmulos en Baralla, pero ningún nesta zona, contando só coa referencia do documento citado máis arriba. Descoñecemos se no lugar se conserva algunha mámoa, nós non a atopamos e ningún veciño lembra ver unha, se ben hai que subliñar que o sitio foi adicado a labores agrícolas durante séculos o que provocou a súa total alteración, ademais de camiños, cortalumes e as mestas repoboacións forestais dos que foi e continúa a ser obxecto.
Polas pequenas dimensións da peza, cremos que, máis que ser utilizada para realizar algún traballo, debeu formar parte do enxoval funerario dun enterramento megalítico.
MAHAMUD EN SANTA CRISTINA DO VISO, O INCIO?
No século XVII, o coengo da catedral de Lugo, Juan Pallares Gayoso, na súa Argos Divina, sitúa no castro de Santa Cristina do Viso (O Incio) a batalla entre as tropas do musulmán Mahamud ben Abd al-Yabbar e do cristián Afonso II o Casto. O enfrontamento produciríase arredor do ano 840. 
Os datos que posuímos desta batalla achéganola un fragmento da Crónica de Afonso III, unha serie de relatos que abranguen dende o visigodo Wamba (646-688) ata Ordoño I (821-866).
Mahamud, cidadán de Mérida e muladí de berce, que se rebelou contra o emir de Córdoba, Abderramán, e dirixiu moitos ataques contra el e puxo en fuga os seus exércitos. Cando xa non puido habitar naquela terra, dirixiuse ao rei Afonso II, e o rei acolleuno con honores. E el habitou en Galicia durante sete anos con todo o seu séquito, e alí, empoleirado polo fasto da súa soberbia, conspirou en van contra o rei e a patria. Reuniu os seus camaradas, xuntou unha tropa e saqueou a terra. Cando o rei soubo de tal feito, reuniu o seu exército e correu cara Galicia. Unha vez que o dito Mahamud se enterou da chegada do rei, agochouse cos seus nun castelo moi forte que se chama Santa Cristina”.
 

Trátase dunha obra cunha clara intención laudatoria e ideolóxica, onde se tentaba demostrar unha lexitimidade monárquica fronte aos señoríos existentes, valéndose para elo dunha manipulada xeanoloxía que viña dende o citado Wamba. Polo tanto, os datos da crónica (atribuída ao propio Afonso III) sobre o enfrontamento, moi alonxado no tempo dos acontecementos, semellan moi pouco fiables.
O Chronicon albeldense, redactado cara o ano 881, fala de in castro sancte Cristina. A anónima versión Rotense da Crónica de Afonso III, escrita cara o ano 890, non cita o nome de Santa Cristina, pero ao referirse ao sitio onde se fixo forte Mahamud fala de castello fortissimo, castro e castrum. Na coñecida como versión Ad Sebastianum, obra de Sebastián, sobriño de Afonso III e bispo de Ourense, mellorouse o estilo pero censurou varios fragmentos e introduciu varias correccións. Aquí faise mención a un castellum qui uocatur Sancta Cristina, chamándolle tamén castrum. Xa máis tardiamente, na Historia Silense, do século XII, cítase a fortaleza de Mahamud como castrum.
Novo Güisán, en Santa Cristina do Viso, O Incio, Lugo: un castro antiguo o un castillo medieval? (2002) fai mención a dous documentos de doazón a favor da Igrexa lucense. O primeiro é do 832 e o segundo do 841. Pero di que son falsos, redactados nos séculos XI-XII, nun contexto de litixio entre as sés episcopais de Lugo, Braga, Ourense e Astorga. Mais esa falsidade, engade, non ten porque afectar aos lugares cunha pertenza que se pretendía xustificar. O documento do 832 menciona o lugar como castrum, dicindo máis adiante quod vocatum est ab antiquis Castrum Sancta Christina
J. Francisco Masdeu, nun longo título do ano 1804 (Diploma de Ramiro Iº: vindicado de las falsedades que en los tomos XVI y XVII de la historia crítica de España escribió su autor en respuesta al apologista Compostelano), recolle a doazón que Afonso II lle fai á igrexa de Lugo no 841: "In primis est illud Castrum antiquum vocitantum Sancta Christina quod abstuli a sarracenis cun Eclesia in eo fondata, cun terminis suis antiquis...", engadindo que o castrum está situado in territorio Lemabus, et Sarriae sub Urbe Lucensi. No 1949, Floriano Cumbreño, en Diplomática española del periplo astur: estudio de las fuentes documentales del Reino de Asturias (718-910), cita tamén a doazón.
 

Cóntase que durante o combate, as tropas de Afonso II e dos nobres galegos pasaron a coitelo a 50.000 sarracenos (cifra un pouco esaxerada), entre eles o propio Mahamud que foi apreixado e logo degolado. Os superviventes foron obrigados a se converter ao cristianismo. En El folklore en los castros gallegos (1971), González Reboredo achega a seguinte tradición: “Santa Cristina era moura, pero se enamorou dun blanco e traicionou aos mouros, e deuse unha batalla tan fera que iba a auga do río Mao roxa ata Belesar. Emporiso o río Mao non ten peixes senon soio troitas”.
Dende que Sánchez Albornoz, no seu Orígenes de la nación española. Estudios críticos sobre la historia del reino de Asturias (1974), e logo en Estudios sobre Galicia en la temprana Edad Media (1981), escribiu: "Alfonso, rey de los cristianos, se apoderó del castillo referido (Santa Cristina do Viso) y dio muerte a Mahamud con todos los suyos; suceso que aconteció en el mes de Recheb del año 225 (maio-xuño do 840)", case ninguén puxo en dúbida a identificación de Santa Cristina do Viso co castelo de Mahamud; só Elías Valiña Sampedro, no Inventario de Lugo y su provincia (1983), suxeriu o emprazamento no ben protexido castro de Santa Cristina de San Román, parroquia do concello de Lugo. 
Agás as crónicas que enxalzan a Afonso II, que hai que coller con pinzas, que falan dun castelo pero tamén dun castro, o resto dos documentos baixomedievais e publicacións posteriores, incluída a Historia de la provincia de Lugo (1918) de Amor Meilán, sitúan en Santa Cristina do Viso un poboado prehistórico, o que non desbota que sobre este se levantara posteriormente un castelo (en Galicia abondan os exemplos). Trátase dun asentamento que se ergue nun outeiro situado a 565 metros de altitude, encaixado entre os montes circundantes. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 70 por 50 metros, cunha acrópole de 40 por 25 metros. As fortes pendentes cara os ríos Mao e Penalba actuaban como defensas naturais. O resto puído estar protexido por un enorme foxo. Sobre a croa edificouse a igrexa de orixe románica (só se conservan uns canzorros), o cemiterio e o Centro Social; o resto resultou moi alterado por outras construcións. Atopáronse anacos cerámicos, vidros e moedas de época romana. Posuía unha boa comunicación visual cos castros da Roda de Romariz e de Goo.
 

Pero, por que no Viso e non noutro lugar? Supoñendo a existencia desta batalla e do propio castelo, o topónimo de Santa Cristina non é exclusivo desta parroquia do Incio. Na provincia de Lugo constatamos o nome de Santa Cristina nun monte da parroquia de Santalla de Arxemil, en Sarria, con petroglifos e dous castros próximos; Santa Cristina de San Xiao, en Cospeito, cun castro; Santa Cristina de Paradela; Agro de Santa Cristina, en Carballedo, en cuxas inmediacións localizamos un posible asentamento; en Antas de Ulla, na parroquia de Areas; e o citado de Santa Cristina de San Román, en Lugo, cun castro de forma ovalada cunhas medidas de 125 por 70 metros. Malia o anterior, como quedou reflectido máis arriba, os diplomas dos anos 832 e 841 sitúan Santa Cristina, de forma nidia, en terras de Lemos e Sarria. 
Aínda que Sánchez Albornoz, que transcribe a descrición a partires de Pallares Gayoso, fala sempre de castelo cando o coengo só cita o sitio como castro, e que nos documentos dos anos 832 e 841 ocorra o mesmo, non ten porque invalidar, segundo o meu parecer, a existencia dunha fortaleza en Santa Cristina do Viso. Na documentación medieval non resulta inusual atopar castelos citados como castros, e á inversa. Castelo vén do latín castellum, diminutivo de castrum
Por outra banda, que Afonso II permitira ao muladí Mahamud instalarse cos seus nestas afastadas terras cando fuxiu de Mérida no ano 834, despois de que Abderramán sufocara a revolta da que era un dos líderes, non ten porque resultarnos estraño. A cercana vila de Samos medrou á sombra do mosteiro consagrado aos mártires de Antioquía Xián e Basilisa, orixes que se remontan ao século VII. Aquí, os monxes agocharon ao infante Afonso cando fuxiu do seu curmán Aurelio, asasino do seu pai Froila II, alternando o refuxio co castelo de Carbedo e co monasterium de Soveretum, citado no ano 853 no Tombo de Samos, que se situaría no actual Sobredo, no concello de Folgoso do Courel. Os monxes de Samos exerceron xurisdición sobre a meirande parte do Val do Mao, incluídos varios mosteiros: San Salvador, Santa María e Valdemao cuxas orixes se remontan a antes do cambio de milenio. Sobra dicir que a relación de Afonso II cos monxes de Samos era máis que estreita.
En definitiva, ata o presente, agás o dito, non contamos con datos arqueolóxicos para saber se o castro de Santa Cristina foi logo reutilizado para construír un castelo altomedieval. Ao mellor, algúns dos seus restos esperan baixo o morteiro dos muros da igrexa ou nas pedras das casas da aldea.

O que si me chama poderosamente a atención é a ausencia de información, aínda que fose mínima, na abundante documentación do mosteiro de Samos.
 
MÁMOAS EN O SAVIÑAO
Reportaxes de La Voz de Galicia do mes de outubro de 2015 sobre a limpeza e sinalización dunhas mámoas no concello do Saviñao, ademais doutro artigo sobre o estado de conservación dos megalitos no sur da provincia de Lugo.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-savinao/2015/10/04/mamoas-resurgen-tierras-savinao/00031443902299931631545.htm
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2015/10/08/mamoas-patrimonio-invisible/0003_201510M8C3991.htm
 

AGRESIÓN A UNHA MÁMOA NO MONTE XALO (CULLEREDO)
O día 2 de setembro de 2015, Luis S. Seoane, que xa leva denunciado un bo número de agresións, comunicoume un novo atentado contra o noso patrimonio.
Nesta ocasión trátase da medoña da Chan do Castelo, un enterramento duns trinta metros de diámetro catalogado no Monte Xalo, concello de Culleredo. Debido a unha tala masiva de piñeiros (como di Luis, o monte está en mán común pero na cabeza de ninguén) talaron unha ducia de árbores que había sobre a mámoa, pasando maquinaria forestal pesada por riba do túmulo sobre o que quedaron marcadas as rodeiras. Parte dos tocóns dos piñeiros foron arrincados, levantando a terra por todas partes.
Xa postos, mesmo arrincaron e derrubaron o cartel que se ve na foto, colocado no lugar este mesmo ano, anunciando a mámoa.
O feito xa o puxemos en coñecemento do Servizo de Patrimonio na Coruña e do Concello de Culleredo.


http://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2015/09/03/historiadores-alertan-agresion-emblematicas-mamoas/991382.html

 
O día 3 de setembro, persoal do Servizo de Patrimonio da Coruña e a policía autonómica persoáronse no lugar, comprobando os danos e levantando o correspondente informe. Tamén se achegou ata a necrópole o historiador do Concello quen me dixo que, ao parecer, a Xunta de Galicia (non me soubo concretar que Consellería) autorizara a tala, se ben descoñecía se a dita autorización permitía actuar sobre o túmulo. O permiso xa foi confirmado pola Xunta de Galicia. 
Esperemos a ver que nos contestan de Patrimonio.

  
A unha moción presentada pola Marea Veciñal no Pleno do Concello de Culleredo celebrado o día 10 de setembro de 2015 sobre a agresión á mámoa, o alcalde respondeu que lle constaba que a Secretaría Xeral de Montes, dependente de Medio Rural, deu autorización para a tala sen coordinarse coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Tamén criticou que Montes non informe ao Concello das talas que autoriza no municipio.
(Na segunda foto pódese ver como estaba a mámoa antes da agresión).



AGRESIÓN A UNHAS MÁMOAS EN FRIOL
O Concello de Friol ten arredor de 270 mámoas inventariadas, distribuídas en varias necrópoles megalíticas, atopándose entre os municipios de Galicia que contan cun maior número deste tipo de enterramentos, con 0,92 túmulos por quilómetro cadrado, duplicando a densidade doutras áreas con importante presenza deste tipo de monumentos.
O enterramento máis coñecido é a mámoa da Mouruxosa, na parroquia de Cotá, que está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC).
Pero hai unha necrópole formada por 15 mámoas (2 sen inventariar) que si está sinalizada. Trátase da necrópole de Narla
O día 18 de xullo, guiados polo amigo Brais Rodríguez Romero, visitamos algunhas mámoas do concello de Outeiro de Rei, entre outras a Pedra Dereita que case nos pasa desapercibida porque se atopa totalmente cuberta pola maleza, e as mámoas de Pascuais. Despois achegámonos ata a necrópole megalítica de Narla (aínda que é coñecida como necrópole de Narla, en realidade as mámoas atópanse na parroquia da Devesa, erro histórico que me aclarou Gonzalo Meijide, arqueólogo do Servizo de Patrimonio en Lugo), en Friol, que conta coa singularidade de ter dúas mámoas que se encontran entre as máis grandes de Galicia, cun diámetro que rondan os 60 metros (a media das mámoas galegas está nos 20 metros). Estas dúas mámoas son coñecidas como Medorra de Monteirón e Medorra Aberta. Da primeira (a do Monteirón) xa sabiamos como a iamos a atopar: chea de maleza e plantada con con árbores plantados sobre o túmulo. En efecto, dende a última visita de Brais hai uns meses nada cambiara, a mámoa, debido á matogueira, faise literalmente invisible.
Mais a sorpresa levámola cando chegamos xunto a segunda mámoa (a Medorra Aberta). Hai poucos meses, o impresionante túmulo destacaba, xa dende lonxe, na paisaxe, apreciándose perfectamente o enorme casquete semiesférico. Mais nesta ocasión, nin de lonxe nin de cerca xa que o terreo onde se atopa foi plantado de millo, mámoa incluída. Outra mámoa situada non moi lonxe desta, duns 30 metros de diámetro, correu a mesma sorte. Ambas as dúas foron fendidas polo arado para plantar as gramíneas. 
Se case nunca vale como xustificación o descoñecemento dos propietarios, neste caso que nos ocupa non hai escusa posible xa que tanto a Medorra do Monteirón como a Medorra Aberta teñen uns paneis onde se informa da existencia da necrópole mesmo ao lado. 
E non só iso. No ano 2009, o Concello de Friol, segundo reza nos paneis, iniciou os trámites para que a Xunta de Galicia declarase esas mámoas como Ben de Interese Cultural.
O día 20 púxenme en contacto coa Tenente de Alcade, dona Isabel García, á quen lle comuniquei a agresión. Díxome que ía enviar ao técnico do Concello para levantar o informe sobre a situación. 
A agresión tamén foi comunicada ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo
Pouco tempo despois, Gonzalo Meijide, arqueólogo do Servizo de Patrimonio en Lugo, persoouse no lugar para recabar información. Contestoume o día 20 de agosto. O terreo fora fresado de forma superficial, e fíxose por motivos ecolóxicos xa que a pradería estaba infestada de típula e non se poden utilizar pesticidas. Si constata o arqueólogo que, evidentemente, a plantación impide a contemplación das dúas mámoas, asegurando que isto non se repetirá no futuro. O obxectivo de Patrimonio é revitalizar a ruta da necrópole, deixando claramente visible e accesible tamén a medorra do Monteirón. Ao parecer hai unha actitude moi positiva por parte dos veciños, do Monte Común e do Concello.
Non me canserei de repetir que denunciar feitos coma este pode axudar a que a xente tome conciencia da necesidade de conservar o noso patrimonio






 



TRILITOS EN VILALBA
A ninguén se lle escapa que Galicia é un gran cemiterio neolítico, con milleiros de mámoas esparexidas ao longo e ancho do seu territorio. Ás coñecidas pedrafitas da Lapa de Gargantáns, O Carrizo, A Pedra Alta ou a da Agra, hai que engadir máis dun cento de exemplares que se redescubriron nos últimos anos, ben illados ou formando parte das necrópoles megalíticas, moitos reutilizados posteriormente como marcos e case todos asociados a algún rito ou lenda. Canto aos círculos líticos, a maioría aos que fan referencia Saralegui, Murguía, Villa-Amil ou Maciñeira dánse por desaparecidos, sobrevivindo na actualidade o do Freixo, o do Prado das Chantas e o do monte Lobeira, se ben é certo que nos últimos tempos estanse a localizar algunhas estruturas que semellan primitivos cromlech.
Mais esta profusión megaliteira antóllasenos incompleta. Estoume a referir aos trilitos. Un trilito, do grego trilithos, está formado por tres grandes pedras, dúas en posición vertical sobre as que apoia outra horizontal.
Na nosa bibliografía, apenas se fai mención a este tipo de monumentos que seguen o concepto esquemático dos dolmens. É que os nosos megaliteiros descoñecían este tipo de estruturas documentadas noutras áreas da costa atlántica europea? Ou é que os temos tan á vista que nos pasan desapercibidos? Non será que na maior parte dos casos aproveitaron as formacións rochosas naturais que reunían determinadas condicións para completar a obra?
O escritor e investigador Calros Solla e o antropólogo Rafa Quintía levan localizadas algunhas estruturas situadas en contextos arqueolóxicos e mítico-lendarios onde se "traballaron" grandes pedras, como se manifesta no Portalén (a Porta do Máis Alá) do Monte do Seixo, en Cerdedo. Na comarca dos Ancares documentamos a coñecida como Porta do Sol, en Navia de Suarna, e outra estrutura xistosa na Campa do Barreiro, en Cervantes.
Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1951), di que Xosé Cuba Restrebada lle comunicara que o mellor dos monumentos megalíticos da parroquia de San Simón da Costa (Vilalba), e quizais o máis artístico de Galicia, atopábase preto da pequena aldea de Funcasta. Estaba constituído por unha pedra de granito plana de tres metros de longo, tallada e puída pola cara inferior, que descansaba sobre dous fitos en forma de tesoira. Gardábaselle reverencia porque os veciños consideraban que o levaran alí por encantamento e maxia, xa que ninguén se podía explicar como non habendo pedra de granito a menos de tres quilómetros de distancia, puideran transportar para aquel lugar unhas pedras de varias toneladas de peso. Respectado durante milenios, o trilito foi voado con dinamita nos anos corenta.
Despois desta descuberta bibliográfica, comenteillo a Cristina Vázquez Neira e a Xurxo Broz, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, por se tiñan coñecemento dalgún monumento deste tipo. Foi entón cando Cristina quedou de falar cun seu tío, natural de San Simón da Costa. 
Para facelos máis identificables, Cristina e Xurxo fixéronlle un croquis de como eran estes megalitos. Despois de preguntar a varias persoas, si lembraban o vello trilito de Funcasta, mesmo o tío de Cris, que marchou de moi novo dalí, lembraba algo semellante. E como sinalaba Vázquez Seijas, constataron que fora destruído.
Tamén lle dixeron que no Monseivane existe aínda un "bilito", segundo el mesmo o denominou, pois quitáronlle a pedra horizontal superior, quedando só os dous chantos verticais. Incluso saben o veciño que levou a pedra para a casa e a utilidade que lle deu: reutilizouna como pedra de cheminea.
Salientan Cristina e Xurxo que cando lle falaron do tema ao tío e preguntou, a ninguén lle resultou estrano ese elemento, polo que se pode confirmar que os trilitos, practicamente descoñecidos no resto de Galicia, si están ou estiveron presentes nesa zona.
 

OS PETROGLIFOS DO AGRO DO PEPE (O INCIO)
Os petroglifos do Agro do Pepe atópanse no encoro de Vilasouto, na conca do río Mao, non moi lonxe da antiga e abandonada igrexa de orixe románica de San Mamede. As augas deste pantano artificial construído no ano 1969 e situado entre as parroquias de Eirexalba, Goo e Vilasouto asolagaron os gravados que permanecen gran parte do ano mergullados baixo as augas.
 

As insculturas, gravadas sobre unha lousa lixeiramente inclinada, foron realizadas pola técnica da percusión. Obsérvanse coviñas, ferraduras, cruciformes (ao menos un semella a representación esquemática da figura humana), un posible serpentiforme e un cadrado cunha cruz inscrita no interior. Pero a figura central que domina o conxunto é un antropomorfo situado na parte superior da pedra onde podemos ver a cabeza coa representación dos ollos e a boca, brazos e pernas, e o que semellan os órganos xenitais de ambos os dous sexos. Debaixo dos brazos extendidos hai dous cruciformes simples, que pode ser interpretado como unha escea de proteccionismo, a semellanza da Pena do Polvorín (A Coruña). Da coviña situada por riba da cabeza parten unhas estreitas canles que rematan en cazoletas de pequeno tamaño, motivo que se podería interpretar coma un tocado. No remate das supostas extremidades superiores adivínanse o que parecen dedos. Crese que pode ser a representación dunha divindade feminina de carácter funerario. Ao pé do panel principal hai outro con gravuras de ferraduras.
 

Pode que o panel con representacións fose máis grande, perdéndose, quizais, pola febleza da pedra en que foron insculpidas ou pola acción do home.
Pero estes petroglifos, uns dos máis interesantes da provincia de Lugo, atópanse en serio perigo. Por unha parte está a acción das augas do encoro que cubren o soporte pizarroso cando está no nivel máis alto, erosionando os motivos. E pola outra, moito máis nocivos, están os actos vandálicos. Os petroglifos están ubicados nunha grande área recreativa que arrodea o encoro, con bastante afluencia de xente nos meses de verán. O día 4 de xullo de 2015, cando nos achegamos ata o lugar, vimos unhas persoas que tiñan as toallas e outros enseres sobre o panel inferior onde están gravadas as ferraduras.
Sobra dicir que o sitio arqueolóxico está sen protección de ningún tipo, nin sequera un simple cartel anuncia os petroglifos: o sinxelo feito de delimitalos e sinalizalos podería ser unha forma de disuadir aos vándalos.
Había uns sete ou oito anos que non me achegaba ata os petroglifos do Agro do Pepe. Daquelas xa advertira que se atopaban en regular estado de conservación, observando claramente que moitas figuras foran resaltadas (repicadas), e xunto delas había varias inscricións de recente factura gravadas sobre a lousa feitas por desaprensivos que quixeron perpetuar o seu nome: "Bruno 99", "Alex 2004", "Judit 2001", "Melena y Jaime (cun corazón atravesado pola frecha de Cupido)" e algunha outra ilexible. Non lembro moi ben se había algunha máis, pero creo que nesta nova visita comprobei que aumentaran os "artistas": "Krixto", "Stefi", "Jose", "Diox"...
Defendo a musealización in situ, de non sacar os achados fóra do seu contexto, de non alterar ou de alterar o menos posible os xacementos (como acontece, por exemplo, nunha escavación arqueolóxica). Pero, que facer en casos coma este? Dende a miña última visita puíden observar que desapareceu, debido á acción da auga, parte da base do afloramento o que pode ocasionar o derrube da parte superior onde se atopan as gravuras; as figuras están a ser erosionadas pola acción da auga durante a maior parte do ano, ademais de que, sobre todo en época estival, padecen as pisadas continuas da xente. Amén, como xa quedou dito, das selvaxes agresións.
 

Ademais dos anacos de pedras con gravuras procedentes de canteiras ou doutras actuacións ocasionadas pola acción do home, hai algúns casos que debido ao perigo que corrían algúns petroglifos optouse por darlles unha ubicación máis segura, poñamos como exemplos os do Couto (Santa Cruz de Arrabaldo-Ourense), a Laxe dos Cebros (Cotobade) ou a Laxe das Picadas (Poio), estes dous últimos no Museo de Pontevedra.
Polo descrito, coido que os petroglifos do Agro do Pepe se atopan entre os que merecen ser trasladados debido ao seu alto grado de fraxilidade, evitando así que a non tardar só nos quede, como aconteceu con outros moitos esparexidos pola xeografía galega, a memoria da súa existencia.



A arqueóloga Nieves Amado Rolán achegoume as ficha destas descoñecidas torres que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. 

Coto da Torre 
En Trigás, parroquia de Sagra. A 369 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dun impresionante outeiro granítico de forma cónica, pola súa relativa altura sobre a contorna, con grandes escarpes cara o regato Varón e con ampla visibilidade sobre unha zona do Ribeiro. O cume ten pouca superficie, mais cara o norte ten unha terraza chaira onde se documentou unha estrutura rectangular que pode tratarse dunha torre. O emprazamento non pode ser máis axeitado para este punto de control e vixiancia sobre o territorio circundante; cara o norte pecha os destros da casa reitoral onde se documentou un xacemento romano. Polos demais puntos resulta inexpugnable debido á altura e aos escarpes con afloramentos. Un veciño informou a Nieves de que se atopara tégula romana no cumio do outeiro. A estrutura rectangular documentada está orientada NO-SL, cunhas dimensións de 12x6 metros, con muros cunha anchura de 75 centímetros de media. Aínda que pode tratarse dunha torre medieval é probable que o sitio fora utilizado en época romana. 
 

 

A Torre/O Castillo 
En Godás do Río, parroquia de Longoseiros. A 349 metros de altitude sobre o nivel do mar. É o único outeiro rochoso que hai no pobo, visible dende a estrada xeral. Trátase dun conxunto de infraestruturas medievais, estratexicamente situadas en relación co paso do río Arenteiro neste punto. A torre ubícase nun outeiro granítico que domina visualmente e por cercanía o val e o río. No extremo NL do outeiro consérvase parte dunha torre realizada en sillares de granito, que sería de planta rectangular, apoiándose nos penedos. No sector norte, o muro conserva 1,60 metros de altura e 7,50 metros de longo. É probable que no resto do outeiro haxa outras estruturas medievais relacionadas coa torre. Vense sillares soltos espallados polo lugar e os muros que o circundan. Cara o SO da torre está o paso sobre un regato que desemboca no río Arenteiro, uns metros máis abaixo. Trátase dun pontillón de grandes pedras de granito, sen peitorís e sen arcos, tipo poldra. Este é o paso do regato para o camiño denominado de A Brea, de segura orixe medieval, que vén da Ponterriza e diríxese cara Longoseiros. Uns metros despois de cruzar o regato o camiño bifúrcase en dous: un polo val cara Longoseiros, e outro que ascende pola ladeira do outeiro cara a torre e o pobo de Godás do Río. Este último camiño está tallado na rocha, cunha anchra de 1,50 metros e con rodeiras moi profundas. Lugar asociado a unha lenda de mouros. Tamén din os veciños que existe un pozo que a través dun túnel comuncia este lugar co castelo do Castro Cavadoso, en Paradela de Moldes (Boborás).
 

 

A Torre 
En Pol, parroquia da Piteira. Posible torre medieval situada nun outeiro que se eleva a 416 metros de altitude sobre o nivel do mar e dende o que se domina visualmente o val do río Arenteiro e un paso sobre o mesmo. Debido á mesta matogueira que cubría as estruturas e aos traballos agrícolas, abandonados na actualidade e que seguramente destruíron os muros, non foi posible atopar restos visibles. Na fotografía aérea do ano 1956 apréciase o coto como un lugar transformado, con posible foxo arredor do cumio e cos camiños e pontillón para cruzar o río. Tense coñecemento de varias torres situadas no concello do Carballiño en patróns de asentamento semellantes a este: un lugar de tránsito obrigado e de paso do río, no que aínda se conservan os trazados dos camiños medievais. É o único coto que domina visualmente a chaira, a súa situación é moi parecida á da Torre de Godás do Río.
 

 

Torre de Cabanelas 
Hai uns meses, Nieves tamén me falou desta torre, desmontada arredor do ano 2010 pra vender a pedra.
 

MOSTEIRO DE SAN ADRAO DO MONTE PÁRAMO (SARRIA)
A ermida do San Marco atópase na serra do Páramo, parroquia de Biville (Sarria), e non moi lonxe da divisoria co concello do Páramo, a 849 metros de altitude, de onde se divisa unha espléndida panorámica. Dise que asenta sobre un castro, se ben nós non atopamos pegadas claras do mesmo. 
Na Alta Idade Media ergueuse un eremitorio, construído polos anacoretas Radosindo e Ambrosio, que co tempo se converteu nun pequeno mosteiro cuxa primeira mención data do ano 899 en que o rei Afonso III confirma distintas posesións da igrexa de Lugo. No testamento de Sumilano do ano 976 fai doazón ao abade de Barbadelo da igrexa de San Adrao do monte Páramo. No ano 1009, o abade de Barbadelo dóalla ao abade de Samos, citándose no Tombo deste último mosteiro como Sancto Adriani in monte Paramo. Outros documentos dos séculos XVI, en que xa pertencía á mitra lucense, e XVII fan alusión a esta capela. O Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, nomea en Biville a Fonte de San Adrao.
Nada se sabe cando mudou a súa advocación do San Adrao pola de San Marco, como tampouco de cando data exactamente a romaría que se fai na honra deste santo evanxelista, coa beizón dos campos e as peticións que lle solicitan os devotos. 
Acaroados á capela, construída sobre unha pena granítica, vense tres sártegos medievais escavados na rocha, se ben hai que conxectura que poden ser suevos ou visigodos. Nesta mesma rocha vese unha coviña artificial de dez centímetros de diámetro. Non moi lonxe tamén localizamos unha pía de 24 cm de diámetro, e dúas coviñas illadas, tamén feitas por man humana. A poucos máis de 300 metros da ermida está a coñecida como Fonte das Virtudes.
Nesta serra do Páramo están localizadas 11 mámoas, tres pertencentes ao concello de Sarria e oito ao do Páramo. 
Os elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos e posible castro) apuntan a que o lugar foi cristianizado por considerarse como pagano e onde, seguramente, se practicaban primitivos rituais.
Mais, por que ese cambio de advocación? Ou é que recuperou o primitivo? Sería porque no lugar, antes de seren cristianizado, había, ademais dos elementos prehistóricos citados máis arriba, un marco-pedrafita ao redor do cal se celebraba algún tipo de ritual? Vén daí o nome? Na parroquia de Sillobre (Fene) atópase a ermida do San Marcos que nun dos muros conserva rearproveitado un marco-menhir que ocupaba o sitio antes da construción da capela e que a xente aínda continúa a nomear como A Capela do Marco. 
Xunto a ermida da Serra do Páramo, ademais dun velón que estaba xunto a porta de entrada, atopamos varias cartas da baralla española esparexidas a carón dunha pena cun "V" ou un "compás" gravado sobre a superficie. Non teño nin idea de cartomancia e non sei se será moito lucubrar, pero utilizaría alguén a baralla para xogar, en vez de ao "tute", a outras cousas que sobardan a razón?







MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DO MAO (O INCIO)
Quizais, un dos monumentos máis coñecidos do concello do Incio sexa a igrexa do antigo mosteiro-hospital de San Fiz, levantada a finais do século XII polos cabaleiros da orde de San Xoán de Malta. No mesmo lugar erixiron tamén unha torre destinada a amparar aos peregrinos a Compostela, logo transformada en panteón dos persoeiros da familia Quiroga.
Pero da vida monacal nas terras do Incio xa se ten noticias dende a Alta Idade Media, coa fundación dos mosteiros de San Salvador, San Román e Santa María, os tres no fermoso val do río Mao. Doutros dous, o de Flanello e de Valdemao, falan as crónicas antigas, mais, polo de agora, descoñécese onde estaban ubicados (ver a entrada neste blog adicada aos Mosteiros e conventos de Galicia). Aquí voume deter na igrexa e no desaparecido cenobio de Santa María do Mao.
A igrexa parroquial de Santa María do Mao atópase, como xa quedou dito, no Val do Mao, na aldea do Santo Eufrasio. Tamén tivo por patróns a San Martiño, Santo Estevo e San Pedro e San Paulo. Na actualidade presenta unha nave elevada, con cuberta en lousa a dúas augas. Ao presbiterio, máis reducido ca nave, accédese por medio dun arco de medio punto. No interior, o retábulo renacentista de tres corpos ocupa toda a cabeceira. A porta do sagrario loce un relevo de Cristo resucitado de pé sobre o sepulcro. Na imaxinería salientan as tallas do Santo Eufrasio, Santa María, Santa Bárbara e o San Bieito. O templo foi restaurado hai algúns anos e apenas conserva restos da fábrica orixinal. Exteriormente comparte coas igrexas de San Salvador e San Román, tamén no Mao, a peculiaridade de ter o adro e o cemiterio cuberto por unha estrutura de madeira.
Pero o elemento máis destacado é o sepulcro do Santo Eufrasio. Segundo a tradición, foi un dos sete Santos Varóns, discípulos do Apóstolo Santiago, que foran enviados por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a Península, establecéndose en Iliturgi (Andúxar), de onde foi primeiro bispo, sufrindo martirio nos primeiros anos da era cristiá. Durante a invasión árabe, os monxes de Andúxar, despois dunha longa peregrinaxe, chegaron ao Val do Mao no 1716, depositando as reliquias na primitiva igrexa. O sepulcro atópase no centro da nave, cuberto por dúas grandes pedras superpostas. A pedra superior, primitiva, conserva unha inscrición borrosa referente ao traslado das reliquias do Santo Eufrasio a Andúxar no ano 1596. Nun dos muros do templo hai unha inscrición de irmandade entre os veciños da aldea e os de Andúxar. A romaría na súa honra celébrase o 15 de maio. Sobre este santo publicou unha monografía no ano 1955 Pedro López Rubín: Santo Eufrasio, Varón Apostólico.
Segundo o bispo Antolín López Peláez, no seu El monasterio de Samos (1894), o cenobio de Santa María do Mao foi do real patrimonio dende os tempos de Ramiro I, que reinou entre os anos 842 e 850, ata que Sancho o Craso llo cedeu aos monxes de Andúxar.
Fronte á igrexa está a coñecida como Casa do Priorado, con dúas pedras armeiras do mosteiro de Samos. 



 

AS CALIVERAS DA IGREXA-PRIORADO DOS VAOS (RIBEIRA DE PIQUÍN)
A igrexa dos Vaos está situada na aldea do mesmo nome, nun encaixado val sobre un esporón de forma circular arrodeado, agás polo NO, polo río Rodil, tributario do Eo, sobre o que se cre foi un primitivo castro. O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín que administrou a parroquia ata o ano 1876. Nun dos libros de Fábrica da igrexa, do ano 1652, menciónase a relación mediante a fórmula "jurisdicción hespiritual de la encomienda de Portomarín". No muro exterior sur do edificio consérvase un reloxo de sol realizado en lousa en cuxa parte superior lese: "LOMBARDERO", e na inferior: "SIENDO PRIOR DON FRAN.co BR.do PASARIN Y QVINDOS A.o DE 1742", que pode se indicativo da condición de priorado da citada orde militar. Malia o anterior, no Catastro de Ensenada do ano 1753 alúdese a este cura como párroco dos Vaos e non como prior. 
O elemento máis chamativo e enigmático do templo atópase na parede oeste do pórtico, fronte á fachada da igrexa, onde se abre unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, expóñense cinco caveiras humanas que configuran unha posición vertical, a máis de 2,50 metros do chan, que lembra un triángulo. Ningún dos cinco cranios conserva a maxila inferior. As cinco caveiras miran á fachada da igrexa, "como se duns asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase". En ningún momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre apariencia. Nada se sabe do que poden representar. Non moi lonxe hai outras dúas igrexas con semellante simboloxía: a de Santa Comba de Órrea (Riotorto) e a de Santa María de Conforto (A Pontenova), cadansúa cunha caveira empotrada nun muro e sen a maxila inferior. 
O templo é de amplas proporcións, atópase revogado en cal, con tres naves cubertas en lousa e madeira no interior. Dentro salienta un gran retábulo maior neoclásico, así como a imaxe policromada do Santo André, do século XV, nun retábulo lateral.


   

O MOSTEIRO DE LAMPAI E OUTROS CENOBIOS DE TEO
Os datos que posuía sobre o mosteiro de Santa María de Lampai eran, sen dúbida, escasísimos. Toda a información que vai a continuación débolla a Pablo Sanmartín, responsable do Arquivo municipal do Concello de Teo, quen me achegou as historias e tradicións sobre o desaparecido cenobio e a igrexa, así como a doutros mosteiros que había no municipio.

O MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE LAMPAI

A igrexa parroquial de orixe románica (século XII) de Santa María de Lampai atópase nun pequeno val atravesado polo Rego do Tarrío, no lugar coñecido como O Mosteiro, nidio topónimo que fai alusión ao edificio e á comunidade monacal que houbo nestas terras. O templo sufriu importantes transformacións, a máis importante no século XVIII que foi cando se lle engadiu a espadana e a sancristía unida á ábsida no seu lado norte, modificándose así mesmo o corpo central da fachada coa colocación dun pequeno óculo e o escudo de armas dos Ulloa, familia que patrocinou a reforma barroca. Da construción orixinal son a capela maior e a portada occidental. Outros elementos atopámolos nas marcas dos canteiros e un canzorro (o único que sobreviviu dos que adornaban os aleiros do tellado) reutilizado no muro perimetral do adro.
Segundo F. Javier Pérez Rodríguez, no seu Mosteiros de Galicia na Idade Media (2008), o mosteiro de Santa María de Lampai é un dos mosteiros agostiños máis antigos do país. A súa fundación prodúcese arredor do 1150. Consta que tiña unha comunidade agostiña no 1165, cando o seu prior asina un pacto co mosteiro de Toxosoutos. No Tombo deste mosteiro atópase outro documento do 1185, nun pacto entre ambos os dous cenobios. A época de maior esplendor foi nos anos trinta do século XIII, residindo nel un prior e dous coengos. Non volve a documentarse ata o ano 1309, desaparecendo no século XIV ou coa reforma da diócese de Compostela a principios do século XV. Os seus bens pasaron á catedral compostelá que os anexiona en beneficio dunha das súas dignidades. Dise que o cenobio foi destruído polos labregos, como resposta aos excesos dos monxes.
A igrexa aparece citada noutros documentos, como nas Memorias de Jerónimo del Hoyo (1609) e no Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII. Nas Memorias do cardenal Del Hoyo tamén fala dunha pequena residencia que o arcebispo de Compostela posuía en Lampai, da que non quedan restos pero que aínda conserva o topónimo: Vilar de Bispo.
Non moi lonxe da igrexa atópanse os tres marcos do ano 1156 que delimitaban o antigo couto de Lampai-Pedrouso, un antigo terreo doado polo rei Afonso VII ao cabaleiro Sancho Eanes, doazón confirmada por un documento que se custodia na Catedral de Santiago, redactado no mesmo ano.
 

 

OUTROS MOSTEIROS DO CONCELLO DE TEO

Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando Galiárez. Neste documento menciónanse, entre outros, varios monasterium, saqueados por Sisnando, que había no concello de Teo e dos que non fican restos: Sancta Maria de Badamundi (Santa María de Bamonde), Sanctus Vicentius (Santa Mariña de Lucí), Sanctus Michaelis (San Miguel de Rarís), Sanctus Christoforus de Reis (San Cristovo de Reis) e Sancta Maria de Talegio (Santa María de Teo). Do mosteiro de Rarís (no documento aparece citado como Ranariz) levou consigo o presbítero Aspadio e outros cinco monxes, dous cabalos, 32 bois e vacas, 100 cabezas de gando menor, 31 porcos, un colchón de palla, unha campá, un manto, dúas mantas...
Pablo achégame outros dous cenobios. Un o de San Paio, que estaba entre as aldeas da Agrela e Veitureira, na parroquia de Lampai, na aba do monte da Agrela e a carón dun antigo manancial. Cóntase que os veciños prendéronlle lume pola forte carga impositiva que lle impoñían os monxes. Figura citado numerosas veces nunha antiga revista que forma parte dos fondos do Fondo Local chamada La Unión de Teo y Vedra, editada en Bos Aires durante os anos vinte aos setenta do pasado século.
Na aldea de Coira, parroquia de Reis, preto da linde con Padrón, Pablo localizou unha laxe reutilizada nunha construción cunha curiosa inscrición da que non achego máis datos porque aínda a está a estudar. Logo de consultar os planos antigos que se gardan no Arquivo e de falar cos veciños, sinaláronlle a existencia dun pequeno cenobio, granxa ou capela que houbo nas inmediacións da aldea de Outeito, preto da actual estrada que vai de Pontevea (parroquia de Reis, en Teo) a Carcacía (Padrón). O propietario da inscrición contoulle que proviña dalí e que os monxes foran expulsados do mosteiro de Herbón. Outro veciño relatoulle que a capela estaba nunha finca que pertence á súa familia. Ata os anos cincoenta e sesenta do pasado século XX aínda se podían ver as laxes e estruturas da ermida pero os veciños de Outeiro e Coira levaron as pedras para facer peches, reparar casas, hórreos, alpendres, etc. Un home de Carcacía díxolle que cando foi abandonada a capela do San Bieito, levaron os santos para o mosteiro de Herbón. Remata Pablo Sanmartín que o mosteiro de Herbón ten gran tradición á advocación do San Bieito. De feito, a fonte que nun lateral representa a imaxe de San Francisco é considerada polos veciños como a do San Bieito. No interior do mosteiro hai varias imaxes do San Bieito o que pode avaliar esa relación entre ambos templos. 

PEDRA DAS CAZOLAS (FRIOL), ESTEO DUNHA ANTA OU UNHA PEDRAFITA?
Hai algún tempo, o amigo Brais Rodríguez Romero achegoume unha foto dunha pedra fincada situada no interior dun prado, á beira da estrada local ao seu paso pola aldea de A Ferreira, na parroquia de Serén, concello de Friol. O día 10 de marzo de 2015 achegámonos ata o lugar para vela, e a verdade é que nos deixou impresionados. Na parte visible ten unha altura de algo máis de tres metros; din que a parte soterrada anda arredor dos dous metros. Na base da cara principal, onde se ve unha pía duns 40 centímetros de diámetro, mide arredor de 1,35 metros, e o lado máis ancho uns 0,70 metros. Vese claramente que o fito perdeu gran parte da cara posterior (quizais pretenderon rachalo nalgún momento). Na parte superior chama a atención unha fendedura en forma de U aberta, cos bordos totalmente lisos. Hai quen di que se trata do esteo dun enterramento megalítico, mais nas inmediacións non hai constancia da existencia de ningún. Nun primeiro momento dixérannos que cando os actuais propietarios mercaron a finca xa hai anos, a pedra estaba tumbada e foron eles quen a puxeron en pé. O día 14 volvemos polo lugar e tivemos a sorte de atoparnos cun dos donos quen nos asegurou que o fito sempre estivo ergueito. E dous apuntamentos máis: non moi lonxe atoparon unha pedra, exenta, con varias coviñas que levaron para o xardín da súa casa; ao parecer, nun momento non precisado, o afloramento rochoso onde localizaron as coviñas fora utilizado como canteira. E segundo, hai anos, unha persoa interesouse por unha gran pena granítica que tiña gravada unha especie de calivera; os donos accederon a que a levara, utilizando para levantala unha grúa e para o seu transporte unha pa escavadora, o que nos pode dar unha idea das dimensións da pedra; lamentablemente non sabemos onde se atopa na actualidade. Pregúntome, enorme esteo dunha cámara megalítica ou unha pedrafita de función astronómica? Na parte superior esquerda ten gravada unha pequena aspa. A fendedura ten unha orientación leste-oeste.
Consultado o investigador Alberte Alonso sobre o tema, dime que a orientacón indica o posicionamento do sol do equinoccio de primavera, para o vindeiro día 21 de marzo, xa que estes non se manifestan de súpeto o "día oficial" senón uns días antes de cada confirmación que se verifica ao amencer e ao solpor. Abunda Alberte que a pedra exenta con coviñas e a calivera poden contextualizar a sacralidade do lugar por medio do posicionamento solar, xunto coa propia pedrafita.
 

IGREXA DE TÓRDEA (CASTROVERDE), UN PEQUENO MUSEO
Na igrexa de San Tomé de Tórdea (Castroverde) obsérvanse tres estilos arquitectónicos: prerrománico, románico e barroco. A súa orixe pode situarse arredor do século VIII, sufrindo distintas restauracións entre os séculos X e XVI. Dos primeiros tempos sería o anaco de lápida funeraria cristiá atopada hai anos por un veciño cando araba unha leira da súa propiedade, nun terreo próximo ao templo, e que lla vendeu ao Museo Provincial de Lugo por 25.000 pesetas. Traducida do latín, lese: "O servo de Deus, Licinio, morreu na era octoxésima trixésima segunda" (corresponde ao ano 794).


Nos muros exteriores chaman a atención os materiais reutilizados correspondentes ás épocas prerrománica e románica. Prerrománica é unha ventá lobulada na fachada leste do presbiterio, e prerrománicas e románicas son varias pedras decoradas con motivos xeométricos e unha inscrición incompleta incrustadas nas paredes. Para o sacerdote e arqueólogo don Jaime Delgado Gómez, autor entre outras obras de El románico de Lugo y su provincia (1996-2001), o fragmento dunha ménsula cunha espiral, remate de círculos decorado cun círculo inciso concéntrico, en cuxos exteriores se gravaron unha cruz con dous trazos, serían os restos dun friso visigótico. Nunha casa próxima tamén hai unha pedra decorada, reutilizada nun muro, que pertenceu á primitiva igrexa.



O interior tamén merece unha detida visita, salientando o tímpano lobulado triangular que podería corresponder á antiga fábrica e as interesantes pinturas murais, posiblemente de arredor do ano 1500, que adornan a ábsida e que representan esceas dos Evanxeos. O presbiterio ten un grande arco triunfal de medio punto en cuxo intradós dunha das doelas hai unha inscrición, moi desgastada, con data de 1719 que nos fala da reedificación do conxunto. O retábulo principal é do século XVI. Tamén conserva unha pía bautismal con dúas cruces de Malta e a data de 1511.

Pero, ademais do anterior, a igrexa e os arredores resérvannos outras sorpresas. Para facer o muro que pecha o adro reaproveitáronse as tampas funerarias dos sepulcros que en tempos estaban rente o chan.

E volvendo ao interior da igrexa, na capela absidial, detrás do altar maior, hai dous fragmentos dun miliario romano (descoñécese cando foi partido) que apareceron cando se retirou o retábulo que tamén tapaba as pinturas murais. Están situados a ambos os lados do Sagrario moderno que pousa sobre unha antiga columna románica.

 
Ata non hai moito, no adro había o fragmento doutro miliario que na actualidade está baixo unha árbore próxima. Nunha casa da aldea hai outro miliario. E preto da igrexa consérvase un tramo da vía romana XIX que comunicaba Lucus con Asturica

Mágoa que esta igrexa, como acontece coa maior parte do patrimonio espallado por Galicia, sexa outra gran descoñecida. 


DÚAS PEZAS ROMANAS EN RÍO (LÁNCARA)
Na igrexa de San Martiño de Río, en Láncara, atópanse dúas pezas de época romana: unha estela e un epígrafe. 
A estela formaba parte do muro exterior da igrexa. Foi retirada para a exposición de Galicia no Tempo, celebrada en San Martín Pinario de Santiago no ano 1991.  Na actualidade atópase encastradada nun muro da pequena sancristía. Foi estudada por Rodríguez Colmenero. Trátase dunha estela de granito incompleta que representa no interior dun cadro moldurado a dous persoeiros; ao da esquerda fáltalle gran parte, e o da dereita, co rostro moi esvaído e sen un anaco da cabeza, viste unha toga e sostén sobre os xeonllos unha especie de cartela onde está escrito un texto en gran parte perdido e de interpretación dubidosa: ".../FELICEM/PARENTEM/.../IVL ET/... FILIO". Semella que están sentados nunha especie de banco. Datada entre os séculos III-IV d.C. A pesares de estar incompleta e o deficiente estado de conservación, é posible poñelas en relación con outras estelas funerarias contemporáneas, como a de Vilar de Sarria ou o relevo de Adai. Os personaxes pertencerían a unha elite culta e poderosa como nolo amosan a presenza das togas e a cartela coa inscrición.

O epígrafe figura nunha praca funeraria en mármore gris situada nun muro exterior da igrexa. Lese: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/AVRELIAE NANTIAE/ANNORVM XVIII (undeviginti) AVRELIVS FRONTO/FILIAE F(aciendum) C(uravit), ("Consagrado aos deuses Manes. Aurelina Nantia morta á idade de 19 anos. Aurelius Fronto fíxoo construír para a súa filla"). Dáse a conxunción entre un cognome de orixe indíxena e o nome romano. Para Rivas Quintas, Nantia e Nantius son nomes claramente célticos (Nantia e Nantius figuran no rexistro da Galia francesa). No Museo do castro de Viladonga tamén se conserva un grafito co nome de Nantius.
A aparición destas dúas pezas no mesmo lugar fan pensar na existencia dun posible taller escultórico na zona en época tardorromana, aínda que non se sabe se vinculado a Lucus Augusti ou ás villae romanas documentadas na contorna. 
 

O día 14 de marzo de 2015, o amigo Brais Rodríguez Romero, que leva anos investigando o patrimonio arqueolóxico de Outeiro de Rei, Pilar e máis eu documentamos varios petroglifos inéditos nese concello. A saber, varias penas con coviñas no monte de Bravos, parroquia de Vicinte, e unha pena, tamén con cazoliñas, na coñecida como Pena Marela, entre as parroquias de Aspai e Vicinte, que actuaba como límite das dúas freguesías; na pena tamén se observa unha cruz de termo.
Pero o máis chamativo atopámolo preto da aldea de Santa Comba, na parroquia de Aspai. Nunha pena granítica localízase a gravura dunha figura formada por un círculo superior de 17,5 cm de diámetro do que sae unha liña vertical de 18 cm, e da que parten, a xeito de brazos, dúas liñas de 9,5 e 10 cm respectivamente. Xunto o círculo, na parte esquerda, hai gravadas tres coviñas. Noutra pena próxima tamén hai insculpidas tres coviñas máis, claramente de feitura artificial.
Fóra do concello de Outeiro de Rei, este tipo de representacións non teñen paralelismo con outras da provincia de Lugo, e que eu saiba de Galicia, pero si cunhas figuras que apareceron neste mesmo concello e que as fai aínda máis singulares.
Guerra Mosquera, no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1976) fala dunha pedra exenta situada xunto unha mámoa nos montes da parroquia de Parada que ten unha gravura formada por un círculo superior de 16 cm de diámetro do que sae unha raia vertical cruzada por unha semicircunferencia. Esta mesma pedrá é citada por Núñez Jato e Rodríguez Varela nun artigo de Croa do ano 1995, Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos. Estes autores din que nestes montes de Parada había outras dúas pedras con similares motivos, unha delas sen relación con ningunha mámoa.
Pero hai máis. Hai algúns anos, un veciño da parroquia de Candai trasladou para o xardín da súa casa outra pedra exenta que atopou xunto unha mámoa nos montes de Candai e que a propietaria da casa tivo a amabilidade de amosárnola. Como as anteriores, posúe un círculo superior de 21 cm de diámetro do que sae unha liña vertical de 8 cm, con dous "brazos" de 11 e 12 cm respectivamente, e dúas "pernas" de 13 cm cada unha; a pedra onde figura a gravura mide 1,27 m de altura e 8,75 m de ancho.
Núñez Jato e Rodríguez Varela, referíndose á pedra dos Montes de Parada, din que podería actuar como sinal ou marco de término se ben as fontes que consultamos non indican que ese lugar actuara como lindeiro. Para as gravuras de Candai e de Santa Comba, ademais da información oral, tamén recorremos aos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, correspondentes ás parroquias de Aspai e de Candai onde fala da extensión e límite de cada freguesía, comprobando que ningún dos lugares onde aparecen os motivos actuaban como límite de ningún territorio.
Canto ao significado dos gravados só podemos, polo de agora, aventurar algunha hipótese. O citado Guerra Mosquera, cando se refire ao debuxo da pedrafita dos Montes de Parada, ao atoparse xunto unha mámoa (a máis grande da necrópole) di que podería ser interpretado como que o túmulo pertencería á tumba dun xefe, e que a raia situada baixo o círculo, así como a semicircular, podería representar a unha divindade e aos danzantes asistentes a un baile sagrado. Tanto o círculo da figura de Candai como o de Santa Comba (a de Parada non a vimos) foron repicados posteriormente para resaltar as figuras. Quen foron os autores? Descoñecémolo. O certo, e isto é moi importante, é que as tres figuras atópanse dentro ou próximas a enterramentos megalíticos. As gravuras de Candai e de Santa Comba distan uns tres quilómetros en liña recta, e a de Santa Comba e a dos Montes de Parada outros tres quilómetros.
Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo para que os comproben e os inclúan no correspondente inventario.
O día 1 de abril de 2015, dende o Servizo de Patrimonio en Lugo comunicáronme que as gravuras de Candai e de Santa Comba xa foron inventariadas e comunicadas ao Concello de Outeiro de Rei.


Nas fontes clásicas, Dactonio  e o pobo dos Lemavos son mencionados por Estrabón (64 a.C.-19/25 d.C.), Plino (23-79 d.C.), Ptolomeo (100-170 d.C.), nas Táboas de Astorga (ss. I-II d.C.) e Hidacio (395-470 d.C.). Plinio o Vello cita aos Lemavos na súa Historia Natural ao facer referencia aos dezaseis populi que formaban o Convento Lucense: "Lucensis conventus populorum est sedicim, praeter Celticos et Lemavos ignobilium ac barbarae apellationis, sed liberorumm capitum ferme CXLVI" ("O convento lucense ten ademais dos Célticos e Lemavos 16 pobos de nome descoñecido e bárbaro, pero ten case 166.000 homes libres"); a alusións aos Celtici e aos Lemavi pode ser unha maneira de diferenciar os pobos de orixe celta dun autóctono que evolucionaría dende comunidades precedentes. Ptolomedo, na súa Xeografía, noméaos e asígnalles unha capital, a mansio Dactónion. Hidacio, no Chronicon, fala do territorio Lemavo e de Dactonio como a súa poboación máis importante. Nas Táboas de Barro de Astorga noméanse dous camiños secundarios que unían Lugo con Iria Flavia (Padrón) e con Dactonium, posterior á mansión Aquae Quintinae e Lucus Augusti, mais sen achegar onde estaba: "Via Luco Au(gusti) A/D Dac(tinum)". Para Boch Gimpera, os lemavi non son senón un minúsculo grupo dos vellos lemovices do norte do Elba que chegaron á Península mesturados co aglomerado sefes-turóns-volvos.

Segundo Ptolomeo, as fronteiras dos Lemavi, polo sur, tendo o Sil como fronteira natural, estaría o límite entre os conventos lucense e bracarense; polo leste lindaría co Convento Asturicense, coas serras dos Ancares e do Courel como límite; polo norte estarían os Seurros; e polo oeste os Bibalos.
A epigrafía tamén menciona corpos militares romanos formados por Lemavos. De Arxona (Xaén) provén unha inscrición que nos fala dunha Alae I Lemavorum (nomeada no cursus honorum do seu praefecto, C. Venaecius), polos diplomas, gravados en metal, de Iulia Valentia Banasa, xunto o río Sebu, coñecemos unha Cohors I Lemavorum da Mauritania Tingitana (actual Marrocos), entre os reinados de Domiciano e Antonino Pío, tratándose, quizais, dunha das primeiras formacións auxiliares de África que con Traxano recibiu o título de Civium Romanorum concedido polos éxitos militares, e no Museo de los Caminos de Astorga hai unha lápida funeraria que cita un Castellum dos Lemavos e un castro, tamén de ubicación descoñecida, chamado Eritaeco.

A inscrición de Arxona di: "C(aius) VENAECIUS P(ubli) F(ilius) VOCONIANUS/FLAMEN DIVORUM AUG(ustorum)/PRAEF(ectus) COH(ortis) I CLACEDONEN(sis)/TRIB(unus) LEG(ionis) II GALLICAE FELICIS/PRAEF(ectus)/ALAE I LEMAVORVM/FOTUNAE SEGNUM AUREUM P(ondo) V ITEM/MERCURIO P(ondo) V PATERAM P(ondo)/LIBR(ae)/EX VOTO/ET BASES II ARG(entas) P(ondo) V L(ibens) S(olvit)", "Caio Venecio Voconiano, fillo de Publio, flamen dos Augustos divinizados, prefecto da cohorte I Calcedonense, tribuno da lexión III Gálica feliz, prefecto da Ala I dos Lemavos, ofreceu con agrado a Fortuna unha estatua de ouro de cinco libras de peso, outra a Mercurio de cinco libras de peso, unha pátera dunha libra de acordo co seu voto, e dúas basas de prata de cinco libras". Segundo Arias Vilas, esta Alae estivo asentada na Mauritania, posiblemente entre os anos 88 e 157 d.C. As Alae estaban compostas, xeralmente, por 1.000 efectivos (miliaria) ou 500 (quinquenaria).
O epígrafe da Mauritania Tingetana, segundo Le Roux (1982), di: "VALERI V/ETONIS M(ilitis)/C(ohortis) I LAM(avorum)/(centuria) LUCANI/H(ic) S(itus) E(st)/F(aciendum) CU(ravit) C(aius) FL/AV(ius) P(udens)", "(Aos deuses Manes) de Valerio Vetón, soldado da cohorte I dos Lemavos da centuria Lucano; aquí está enterrado; procurou erixilo Gaio Flavio Pudente". Estaría datado entre os anos 50 e 80 d.C. Lamavorum, no canto de Lemavorum, debe tratarse dun erro na escritura. As cohortes romanas estaban formadas por uns 500 ou 600 homes.

Na estela funeraria en mármore de Astorga, lese: "FABIA EBURI/F LEMAVA ) (C invertido)/ERITAECO A/X L VIRIUS CAESSI F LE/MAVS ) (C invertido) EO/DEM AN/VII HIC S S/CAESSIVS", ("FAVIA, EBURI F(ilia), LEMAVA (castello) ERITAECO. A(nnorum) XL, VIRIVS, CAEESI F(ilius), LEMAVS (castello) EODEM, AN(norum) VIL, HIC S (iti) S CAESSIVS", "Fabia, filla de Eburro, lemava (dos lemavos),do castro Eritaeco, de 40 anos. Virio, fillo de Caeso, lemavo do mesmo castro, de 7 anos. Aquí están sepultados. Caesio (esposo e pai, púxoos)". Polo de agora, descoñécese en que parte da Terra de Lemos se ubicaría este Castellum Eritaeco. Pola indicación do castellum co C invertido, e pola tipoloxía do monumento, semellante á dos soldados da lexión X, dátase no último terzo do século I d.C. 

Pouco sabemos da súa organización interna, e a economía desenvolveríase nun terreo fértil e apto para agricultura, criandose gando vacún e ovino, e pode que cabalar. Os romanos introducirían os cereais e as gramíneas, e quizais o viño (Hübner fala duns epígrafes cerámicos co nome de Amandi, unha parroquia de Sober, mais nada fai supoñer que fixera alusión á produción de viño, tratándose simplemente do nome dun alfareiro).
Os primeiros contactos puideron producirse nas campañas bélicas da conquista, utilizando as terras lemavas como territorio de paso natural entre o futuro Lucus Augusti e a tamén futura vía XIX (Rodríguez Colmenero, 1996). Despois da conquista o recrutamento de tropas autóctonas para servir nas lexións, nas unidades auxiliares ou formando unha novas está ben documentado. Estes efectivos integrados en alae e cohortes actuarían en lugares conflitivos, lonxe do seu lugar de procedencia, proceso que permitiu a integración na sociedade romana dos galegos, asimilando, ademais, tradicións, crenzas e costumes latinas.
As primeiras investigacións na Terra de Lemos débense a Castellá Ferrer (século XVII) e a Ceán Bermúdez (primeiro terzo do século XIX), cando fan referencia aos achados de San Vicente de Castillón (Pantón). Durante o século XIX e principios do XX os eruditos teorizaron sobre a posible orixe grega ou celta dos Lemavi. No último terzo do século XIX, Paredes Guillén cre que os Lemavos procederían da cabeceira do Teixo, baseándose para elo nas referencias de Plinio e Ptolomeo sobre a súa pertenza aos Sarios. O freire J. Pallarés Gayoso, na súa obra Argos Divina (editada postumamente no 1700), di que a partires de Gárgoris os gregos fixeron incursións no territorio galego, establecéndose na terra dos Lemavos, conxecturando sobre a fundación dunha poboación neste territorio polo heroe Teucro ao que tamén se lle apón a fundación da cidade de Pontevedra.
Malia o anterior, o primeiro estudo serio dos xacementos da comarca débense ao cura de Vilar de Ortelle, don Ramón Castro López, quen no Almanaque Gallego de 1906 dá noticia de varios restos atopados en Proendos (Sober), e no 1929 publica a Reseña Histórica descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, recompilando 74 castros na Terra de Lemos. López Cuevillas e Fraguas Fraguas fixeron as primeiras interpretacións dos achados casuais que se viñan producindo, labor que a mediados do século XX continuaron dende a Comisión de Monumentos de Lugo e do Museo, Ares Vázquez, Chamoso Lamas e Manuel Seijas que deron a coñecer a extraordinaria riquexa patrimonial castrexa, romana e paleocristián da Terra de Lemos. Na mesma época, Vázquez Saco e Chamoso Lamas acometeron os primeiros traballos no xácigo de Castillón. Será nos anos setenta cando Acuña Fernández, Arias Vilas e Pérez Losada acometan os traballos xa dunha forma máis científica.
A orixe do termo Lemavi para o P. Flórez e Murguía estaría na raíz céltica lem-, lim, en alusión a un terreo pantanoso ou asulagado, como no caso da Limia. Nicandro Ares di que quizais estea relacionado con Lemovices e cos "olmos". Cabeza Quiles escribe que provén dunha base moi antiga *lim, seguramente emparentada con lam, lama, lodo; da mesma raíz viría o étimo Lemos, seguramente causado polos lodos do río Cabe, que ao seu paso polo Val de Lemos amosa un curso tranquilo e lento, propicio para a produción de limos. Nun documento do ano 1129 figura un territorio lemabus, e no 1275 Lemis. Lemavus/Lemavi faría referencia a un grupo étnico-cultural concreto, asentado na Terra de Lemos e estruturado en varios castellum que conformarían o populus. Estas entidades suprafamiliares irían perdendo o compoñente étnico que desembocaría nunha comunidade fiscal e organizativa: a Civitas Lemavorum.
A continuación achego os lugares onde se adoita situar a Dactonium, a capital da Civitas Lemavorum. 

PROENDOS 
O rexistro arqueolóxico en Proendos (Sober) ten proporcionado abundante información dende a Idade do Bronce ata a Romanización. Sobre esta última, os achados concéntranse xunto a igrexa parroquial e nos arredores, documentándose unha villae de época romana. Polo de agora só se conta con achados illados. O primeiro en dar noticias sobre este xacemento foi o presbítero Claudio Guitián no ano 1867, nova que será incluída no Almanaque Gallego de 1906 por don Manuel Castro López, o erudito cura de Vilar de Ortelle, onde fala de restos dun mosaico e da muralla dun poboado "que la tradición del país supone en Proentia". Tamén fai mención das descubertas de Murguía. Arias Sanjurjo fala dun posible templo que sitúa en época sueva, pero que Amor Meilán (1918) xa asegura que eran restos romanos. Haberá que esperar aos anos corenta en que Vázquez Seijas realiza unhas prospeccións na zona, catalogando, ademais dos restos romanos, os petroglifos e o castro situado nas proximidades onde saíu abundante material galaico-romano.
Nas inmediacións da igrexa atopouse un alxibe rupestre, sepulturas con restos humanos e outras con tampas calcarias, anacos de ladrillos, vasillas que segundo Vázquez Seijas puideron ter carácter funerario, dúas campás de forma cuadrangular con badalo, das que se descoñece o seu paradoiro, e unha cadea de ferro, outras pezas de ferro, sillares, ímbrices, tégulas, muíños circulares, sigillata, lousas de mármore e dous aneis de bronce; e na igrexa catillus reaproveitados nos muros e columnas no interior.
Polos restos atopados, a meirande parte dos investigadores coinciden en que estamos diante dunha importante villae romana, relacionada coa explotación agropecuaria pero de certa suntuosidade (lousas de mármore, mosaicos, fustes...), incluso cun pequeno complexo termal.
Por Proendos pasaría un ramal da vía XVIII que dende Castro Caldelas cruzaba o río Sil, polo que se pode aventurar que a villae tamén actuaba como mansión ou lugar de hospedaxe (Grande Rodríguez, 2004). A súa cronoloxía pode estar entre os séculos III e V d.C., e a da necrópole entre os séculos IV-V d.C.
A tradición sitúa en Proendos a mítica Proentia ou Proencia, tese defendida, entre outros, por Murguía, Amor Meilán ou Germán Vázquez, cidade, por certo, que non aparece mencionada nas fontes clásicas nin na epigrafía. 

CASTILLÓN 
Todo parece indicar que o xacemento de Castillón (Pantón) foi unha mansión viaria dunha vía secundaria que unía Montefurado co Courel coa vía Lucus-Bracara
As primeiras noticias sobre este xacemento datan do século XVI co achado dunha praca funeraria na igrexa de San Vicente. Escribe Castellá Ferrer no 1610: "Cerca de esta Yglesia adonde se halló este mármol estavan unos castillos antiquísimos, algunos dizen eran tres, otros cinco, de los tres parecen las ruynas e por esto llaman a este lugar Los Castillones". E Ceán Bermúdez (1832) di que San Vicente foi construída sobre as ruínas dun edificio romano que pertencía "a la región de los lemavoros". Nos anos 841, 871, 916 e 929 Castillón aparece citado como Casteliom, no 935 como Castelione, no 1168 os fundadores do mosteiro de San Miguel de Bóveda dóanlle "in Lemos, villa que vocatur Castilini".
Foi dado a coñecer no ano 1929 por don Ramón Castro López quen achega importantes informacións, identificando, primeiro, o castro, preto do asentamento romano. Foi o mesmo cura de Vilar de Ortelle quen no 1912 descubriu unha necrópole ao ampliar o cemiterio da igrexa de Santiago; e cando se facía un burato para prantar unha árbore xunto a igrexa de San Vicente descubriu unha sepultura cunha cabeza de pedra granítica no interior. Foi escavado por Chamoso Lamas e Alonso del Real nos anos trinta, e por Felipe Arias nos oitenta. 
Datado entre o século I e V d.C.; as necróples que saíron á luz son posteriores, dos séculos VI e VII. Ata o presente non houbo acordo canto á interpretación do xacemento, considerándoo un castro, unha vila, unha mansión viaria, ou unha mestura de todos, se ben o máis verosímil é interpretalo como vila, que non resulta contraditorio coa opción dun pequeno aglomerado romano viario (Pérez Losada, 2002). Apareceron un hipocausto, varios epígrafes, un miliario anepígrafo, ponderais, muíños circulares, columnas, restos cerámicos, etc.
A pesares de tratarse dun dos sitios arqueolóxicos máis interesantes de Galicia, atópase nun estado total de abandono, feito que xa no ano 1992 o que isto escribe denunciou na revista ourensá de investigación hitórico-artística O Rumor da Fraga, nun artigo titulado Patrimonio histórico: Galiza expoliada.

MONFORTE 
A tradición ubica Dactonium no monte de San Vicente do Pino, onde na Baixa Idade Media se ergueu un mosteiro bieito e o castelo dos condes de Lemos (por razóns fonéticas sempe se identificou Lemavus con Lemos). O monte é citado en documentos medievais como monte Lemabus no 1074, castrum Actonium no 1080, castro Actonio no 1104, e tamén como Luctonium, un lugar estratéxico que domina o Val de Lemos, cunha configuración topográfica inmellorable para construír un gran castro. Xa moito antes, no ano 569, no que se asinan as lindes da diócese de Lugo, lese "... Cairoga, Lemos et Cavarcos". No ano 1199, Monforte aparece citado por primeira vez como Monti Forti.
Os distintos autores sempre lle apuxeron o atranco para desbortar neste monte a ubicación de Dactonio pola falla de vistixios castrexos e/ou romanos, teoría que cómpre reconsiderar pola descuberta no ano 2007 dun asentamento galaico-romano na aba nordeste do monte, a raíz dunhas obras que houbo que levar a cabo no parque Zapardiel. 
No ano 2011 saíron á luz restos de edificacións, con rúas empedradas de trazado regular, o que leva a pensar nunha certa organización urbana, cun número importante de habitantes, onde puído existir un centro administrativo, quizais vencellado coas explotacións mineiras de ouro e ferro do val do Saa, Lor e o Cabe.
Para seguir afondando nesta importante descuberta, haberá que esperar a que se reanuden os traballos arqueolóxicos, incomprensiblemente paralizados nos últimos anos. 

A TERRA DE LEMOS NON COMPRENDÍA SÓ A COMARCA ACTUAL 
Escribe o etimólogo don Nicandro Ares Vázquez que in terra de Lemos non eran só a contorna da cidade de Lemos e a súa comarca, senón que incluía unha zona máis ampla. Díaz Fuentes (1998) di que a Somoza Maior de Lemos foi unha antiga xurisdición que abranguía, co val do seu nome, parte dos actuais municipios de Paradela (a parroquia de Castro de Rei de Lemos) e do Incio (incluso as parroquias de Goo e de Santa María e San Salvador do Mao). No Tumbo de Samos, ano 947, lese "Monasterium sancti Salvatoris, territorio Lemabus prope rivulo Omano" (San Salvador do Mao), e "villa in territorio Lemabus, in valle de Omano, sub aula Sancte Marie" (Santa María do Mao). 
En Bretoña (Paradela), nas escavacións realizadas por Chamoso Lamas debaixo da igrexa, saíron á luz restos dun primitivo templo que, segundo o seu escavador, foi fundado polos bretóns no século VI e logo destruída polos árabes no século VIII. Mais a presenza de materiais de época romana amosan a posibilidade de que fora unha vila e que as tumbas da necrópole que apareceron foran reutilizadas con posterioridade. En distintas partes do concello tamén se atoparon aras, estelas e moedas romanas. 

CONCLUSIÓN 
Semella que non existen dúbidas canto que Dactonium estaba na comarca actual da Terra de Lemos e que foi a capital da Civitas Lemavorum, mais si as hai no tocante á súa localización. Ademais dos lugares citados, Pascual Madoz, no seu Diccionario, traslada Dactonium para Chantada. Schulten e Monteagudo, seguindo a Amor Meilán, redúceno á aldea de Diciona, na parroquia de O Hospital (O Incio).
Malia o anterior, e para rematar, volvamos a Ptolomeo. Este sitúa Dactonio a 30 millas de Lugo, o que pode corresponder a Monforte de Lemos, situado a 50 quilómetros da capital da provincia. Polo tanto, segundo o meu criterio, a identificación de Dactonium con Monforte é case segura.

BIBLIOGRAFÍA 
Ares Vázquez, N. 2013: Estudos de toponimia galega.
Arias Vilas, F. 1992: O xacemento galaico-romano de Castillón (Lugo).
Cabeza Quiles, 1992: Os nomes de lugar.
Castro López, R. 1929: Reseña histórico-descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca y de los monumentos protohistóricos del Partido de Monforte de Lemos.
Gómez Vila, J. 1993: As vías romanas na provincia de Lugo. Achegamento á súa problemática.
Grande Rodríguez, M. 2004: A Civitas Lemavorum: estudio arqueohistórico do hábitat e ocupación do territorio lemavo en época romana.
Pérez Losada, F. 2002: Entre a cidade e a aldea: estudio arqueohistórico dos "aglomerados secundarios" romanos en Galicia.
Moure Mariño, L: Apuntes para la historia de Monforte de Lemos.
Rodríguez Colmenero, A. 1966: La red viaria romana del Sureste de Galicia.
Roldán Hervás, J.M. 1974: Hispania y el ejército romano.
Romero Masiá, A.M. e Pose Mesura, X.M. 1987: Galicia nos textos clásicos.
Santos Yanguas, N. 1984: Soldados lucenses en el ejército romano.
Vázquez Rodríguez, G. 1970: Historia de Monforte y su tierra de Lemos.
Vázquez Seijas, 1946: Nuevos hallazgos en Proendos.


A TORRE SEN DONO
O castelo de Doncos (As Nogais), coñecido tamén como de Agustín ou da Anca, foi erixido xunto unha vía romana na segunda metade do século XV, se ben algunhas fontes adiantan a súa construción ao século XIV, e incluso ao XIII. A finais do século XIV era o seu dono García Rodríguez de Valcarce, Adiantado Maior de Galicia, señor de Sarracín (Vega de Valcarce), Corullón e Montefurado, posesións herdadas da súa nai Constanza García. A partir daquí descoñécese a quen pasou xa que no ano 1528 figuran como propiedades do señor de Sarracín o castelo do mesmo nome, e os de Vilafranca, Corullón, Cornatel, etc., mais non Doncos. No ano 1603, sendo o seu propietario Fernando de Toledo, xa ficaba medio arruinado. Ademais de intimidador símblo señorial, defendía unha das entradas a Galicia. Encaixado sobre un outeiro rochoso a 614 metros de altitude, nunha depresión formada polo río Navia, da antiga fortaleza só quedan en pé algúns restos da muralla e a Torre da Homenaxe, de planta cadrada e tres andares e un soto escavado na rocha. Ten unha altura de 24 metros e foi construída en cachotaría de lousa, agás nas xanelas que son de perpiaño. É visible dende a antiga N-VI.
Conta unha das lendas que durante a Reconquista un dos trece cabaleiros que moraban no castelo para defender aos peregrinos que ían a Compostela, viu como unha parella de cristiáns era atacada por un grupo de sarracenos. Mais, cando o árabe xa estaba a ser alcanzado polos cabaleiros, desenvaiñou o seu alfanxe e dun talo degolou á moza para que ninguén máis puidese gozar da súa beleza.
Declarada Ben de Interese Cultural (Monumento Nacional no ano 1949), a arruinada torre, abandonada dende hai séculos e cuberta pola matogueira, ameaza con derrubarse se non se toman medidas urxentes, o seu estado de degradación é tal que mesmo é un perigo para as persoas que a visitan. Mais, quen ten a obriga de velar pola súa conservación? Quen é o seu propietario? Ata non hai moito tempo críase que pertencía á Casa de Alba polo que no ano 2007 o Concello das Nogais envioulles un escrito solicitando a súa cesión e así poder acometer as obras de consolidación. A surpresa xurdiu cando os Alba contestaron que a torre non estaba entre as súas propiedades. Vendo que a torre non pertencía a ninguén, o Concello solicitou a súa propiedade, petición que lle foi denegada. Na actualidade as cousas continúan máis ou menos igual, o expediente de dominio solicitado polo Concello para poñela ao seu nome segue á espera. E mentres, este monumento sen dono cáese a cachos. A non tardar pasará a engrosar o catálogo de castelos e torres, curiosamente catalogados como BIC en Galicia, que xa non existen ou dos que apenas quedan restos.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2014/09/05/torre-doncos-dueno/0003_201409G5P6991.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz

http://elprogreso.galiciae.com/nova/361667-legado-medieval-oculto-ancares

Mais o día 1 de outubro unha noticia aparecida nos xornais chamou a nosa atención: "Un monfortino reclama a propiedade da torre de Doncos".

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2014/10/01/monfortino-reclama-propiedad-torre-doncos/0003_201410G1P12991.htm?idioma=galego

En efecto, o veciño de Monforte de Lemos, Antón Valcarce Losada, solicitou o pasado 22 de setembro, como herdeiro, a titularidade da torre e a finca colindante (referencia catastral polígono 66, parcela 121). Para acreditar a propiedade presentou varios documentos históricos, xurídicos e xeanolóxicos para demostrar que é o "derradeiro posuidor do vínculo dos Valcarce".

Postos en contacto con Antón, díxonos, como xa deixou claro na prensa, que a solicitude de propiedade non estaba guiada por ningún interese económico, que a única intención era buscar un recoñecemento simbólico, asegurando que se lle recoñecían a titularidade cederíanlla inmediatamente ao Concello para uso público, sen ningún tipo de compensación a cambio.


Para demostrar que a torre lle pertence, Antón, amablemente, ofreceunos toda a documentación da que dispón para a súa consulta.

Asemade, temos noticia de outros posibles reclamantes, outro de Monforte e un afincado en Madrid, mais dubidamos da veracidade da información facilitada.


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2014/10/02/madrileno-asegura-heredero-torre-doncos/0003_201410G2P12992.htm


A paralise administrativa que sufre a Torre de Doncos contrasta co que está a acontecer no non moi lonxano de Sarracín, en Vega de Valcarce (O Bierzo), onde as distintas administracións axiña se puxeron de acordo para poñelo en valor.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2014/10/26/mentres-non-decide-quen-e-dono-torre-doncos-e-do-estado/0003_201410M26C7993.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2014/10/26/plan-catro-bandas-salva-da-ruina-fortaleza-sarracin/0003_201410L26C10995.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2014/11/16/doncos-cae-encalla-proceso-dirimir-propiedad/0003_201411L16C6995.htm

En La Voz de Galicia do día 16 de novembro de 2014, a xornalista Marta de Dios e o fotógrafo Alberto López fan unha ampla reportaxe da lamentable situación na que se atopa a torre.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2014/11/16/doncos-cae-encalla-proceso-dirimir-propiedad/0003_201411L16C6995.htm

O día 1 de xaneiro de 2015 o xornal El País tamén se fai eco da noticia. 

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2015/01/01/galicia/1420106978_607697.html
 

NOVOS DATOS SOBRE UN MILIARIO EN MONTEDERRAMO
En Cadaval, na parroquia de Covas, concello de Montederramo, están documentados un miliario completo e os anacos doutros dous. Pola información que tiñamos recollida, o primeiro estaba documentado como anepígrafo, reaproveitado como xamba na portada dunha palleira propiedade de D. Antonio Vázquez Crespo, descrito como un poste irregularmente cilindrado de granito de gran fino, rebaixado nunha das súas caras para ser adaptado á nova función (Alvarado Blanco et alii, 2000, e Rodríguez Colmenero et alii, 2004), mesmo crendo que se non fose porque estaba formado por un único tambor podería confundirse cunha columna de apoio. O día 3 de abril de 2015 achegámonos ata Cadaval para velo, comprobando que xa non formaba parte da porta citada. Por sorte, cando xa desistiramos de atopalo, chegou ao lugar o que resultou ser o propietario máis a súa muller (únicos habitantes da aldea na actualidade) quen nos informou que hai algúns anos, ao ampliar a porta de entrada da palleira, sacou o miliario depositándoo cun guindastre no patio, deitado nunha beira do mesmo, e "coas letras cara abaixo", afirmación que revela que a información coa que contabamos ata o momento non era exacta e que non se trata, entón, dun miliario anepígrafo. Agora só nos queda saber que di o epígrafe. Sobre a peza apilou leña.
Xunto a porta dunha casa próxima consérvase un pequeno anaco doutro miliario anepígrafo cun burato na parte superior, partido pola metade e unido con cemento. Na mesma aldea había un terceiro miliario, fragmentado, que servía de apoio a unha trave de madeira dunha corte arruinada e que actualmente xa non se ve porque a corte derrubouse.



DE BEN NACIDOS...  
Hai algún tempo solicitaba axuda no meu muro do facebook para tentar documentar varias pezas romanas que foron atopadas nalgún momento, e que a pesares de peitear os lugares e de preguntar aquí e acolá a información acadada é, máis ben, escasa ou nula.
Dende aquí quero amosar o meu agradecemento a todas as persoas que me están a achegar algunha información.
O día 7 de abril de 2015 levei unha agradable sorpresa cando vin en El Correo Gallego unha información asinada por Marcos Manteiga onde, baixo o título Busca pistas no seu blog dun patrimonio romano esquecido, recollía a miña petición de axuda.

http://www.elcorreogallego.es/terras-de-santiago/ecg/busca-pistas-no-seu-blog-dun-patrimonio-romano-esquecido/idEdicion-2015-04-07/idNoticia-925058/ 

AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN FERROL 
Segundo me achegou Luis S. Seoane o día 5 de febreiro de 2015, unha das mámoas da necrópole de Mougá, en Doniños (Ferrol), foi gravemente alterada por unha máquina desbrozadora de cadeas durante os traballos de acondicionamento do terreo para unha plantación de eucaliptos.

Ao día seguinte presentouse a denuncia ante o Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia na Coruña.

REPOSTA A PEDRAFITA DAS CATRO CRUCES (BANDE) 
O día 26 de agosto de 2014, Pablo Corujo, que está a xeolocalizar varias necrópoles megalíticas, achegoume unha mala nova: a pedrafita foi derrubada e medio soterrada por unha máquina escavadora. Pablo localizou na fendedura unhas pedras de boa feitura que, segundo me comentou, semellan colocadas alí dende hai moito tempo. Di que quizais sexa unha cuña de canteiro ou, ao mellor, algún tipo de ofrenda. O día 27 denunciei o atentado no Servizo de Patrimonio en Ourense e no Concello de Bande. O día 12 de xaneiro de 2015, a arqueóloga do Servizo de Patrimonio Cultural de Ourense comunicoume que a pedrafita xa fora reposta no seu sitio por persoal da Consellería do Medio Rural que foron os que, ao parecer, derrubaron o marco de forma fortuíta cando estaban facendo labores de mantemento nun cortalumes. Non é a primeira vez que a Consellería do Medio Rural é a responsable directa dun bo número de agresións contra o noso patrimonio, que non sexa de forma intencionada non a exime de responsabilidades, e sobre todo tendo en conta que se trata dun organismo público polo que aínda con máis motivo, se se quer, debería extremar as súas actuacións nun medio tan sensible como son os nosos montes que, de todos é sabido, están ateigados de vestixios do noso pasado.
 

 



TRES PEDRAFITAS NO CONCELLO DE FENE
Ata non hai moito, o único marco-pedrafita relativamente ben documentado no concello era o MARCO DE SAN LOURENZO, lindeiro coas parroquias de Maniños e Limodre (Fene) e Porto e Laraxe (Cabanas), que se ergue preto dunha desaparecida ermida posta baixo o padroado de San Lourenzo destruída, ao parecer, por unha explosión de foguetes. Moi desfigurado, existen moitas dúbidas canto á súa adscrición cultural. Aínda hoxe en día resulta habitual ver despositados xunto del distintos exvotos para pedir por unha enfermidade propia ou dun ser querido, contra o mal de ollo ou a consecución dun desexo.
 

Entre as parroquias de Regoela (Cabanas) e Sillobre (Fene) temos o MARCO-PEDRAFITA DA CAPELA DE SAN MARCOS. A comezos do século XIX construíuse unha capela no lugar que ocupaba un antigo marco que diferenciaba distintos coutos xurisdicionais e logo os concellos de Fene e Cabanas, de aí que a ermida fose coñecida como "A Capela do Marco". Cando chegamos, despois de peitear os arredores, non atopabamos o marco por ningures, pensando, como acontece con moitos monumentos esparexidos polo país, que desaparecera. Malia despois de botarlle unha ollada aos muros exteriores reparamos nunha pedra situada na parte posterior, concretamente na parte baixa do muro da sancristía, unha pedra que se atopa á vista (o resto da sancristía, engadida no ano 1942, está recebada con cemento) o que nos fixo sospeitar que déramos co que buscabamos. As nosas sospeitas víronse confirmadas por un veciño que vive nunha casa situada en fronte (ben restaurada e con dous centos anos de antigüidade) quen no ano 2003 organizou a romaría en honra de San Marcos e San Telmo. Contounos que o marco-pedrafita, ao se engadir a sancristía, deixáronno no mesmo sitio, aínda que tumbado no canto de mantelo ergueito tal como estivera durante séculos. Se ben, como veño de apuntar, a pedra actuou como marco de lindes territoriais, cómpre facer algunhas observacións que nos poden levar a pensar que a pedra xa estaba alí centos de anos antes. Vexamos. San Marcos, como sabemos, foi un dos catro evanxelistas, colaborador dos santos Paulo e Pedro, martirizado no ano 68 d.C. Mais, etimoloxicamente, o nome de Marcos provén do xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos, etc. Ferro Couselo e Florentino Cuevillas, entre outros, xa constataron que as mámoas foron utilizadas como puntos de referencia nas demarcacións ao longo da historia. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é o Parochiale Suevorum do século VII. Ata o 1944, xunto a capela celebrábase unha feira anual o día 25 de abril, data da celebración de San Marcos, con orixe uns cen anos antes, onde as xentes levaban o gando (vacas, ovellas, porcos, cabras, cabalos...) para preservalo dos males e para que tivesen descendencia, cumprindo co ritual de dar sete voltas arredor da capela para logo levalos a beber auga á coñecida como Fonte do Santo, que mana non moi lonxe, despois de cruzar o río Belelle, onde segundo a tradición apareceu unha imaxe do San Marcos no ano 1817 ao arar a terra. Mais, ao parecer, o ritual que a partires do século XIX se facía arredor da ermida xa se practicaba con anterioridade, dando as sete voltas arredor do marco que dende tempo inmemorial chantaba no lugar. Estariamos, unha vez mais, ante un lugar pagán cristianizado, mudando o nome de O Marco, polo que sería coñecido, polo de San Marcos.
 

 

Situada a uns 150 metros do novo cemiterio municipal de Fene, a carón dun camiño que sobe ata unha penichaira está a PEDRA DA ARCA. Segundo nos contou un veciño de Barallobre, erguíase no lugar que hoxe en día ocupa un depósito de auga. Derrubado, ía ser utilizado como cimentación da obra, mais, grazas a un "madrileño", chantáronna de novo nas inmediacións, perdendo a contextualización. Ten uns 3,50 metros de alto e máis de 3 metros de perímetro. Nas caras máis anchas e lisas vense media ducia de incisións de forma tirando a ovaladas que, sen dúbida, teñen trazos de seren feitas por man humana. A mesma persoa díxome que a pedrafita perdeu parte da súa masa cando a paleadora a derrubou primeiro e logo ao volver a fincala no chan. O nome de Pedra da Arca venlle porque o lugar é coñecido como Campo da Arca, nidia referencia ao campo de mámoas onde só puidemos localizar un túmulo comido pola matogueira e plantado con eucaliptos; ao parecer, xusto onde se construíu o depósito, tamén había, ao menos, un par de enterramentos en cuxo interior agochaban unha cámara megalítica (arca).


A TABULA LOUGEIORUM 
A Tabula Lougeiorum foi atopada, de forma casual, por J. Cajade no ano 1983, nun lugar non precisado. O seu descubridor deu dúas versións contraditorias, primeiro "nun piñeiral a uns dez quilómetros de Lugo", e despois "nun radio de non máis de corenta quilómetros de Carbedo do Courel". O señor Cajade non informou do achado, máis aínda, en Londres tentou venderlla ao British Museum cuxos responsables, sospeitando que se trataba dunha importación ilegal, puxéronse en contacto co Departamento de Historia Antiga da Universidade de Santiago e coa Xunta de Galicia. Na actualidade atópase no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña.
A primeira mención ao pobo dos Lougei aparece na Tabula descuberta na Torre da Cabreira (Esperante-Folgoso do Courel) no ano 1959 ("... hospitium fecit cum Lugeis..."). Trátase dun texto epigráfico gravado sobre unha prancha de bronce enmarcada por columnas que soportan un frontón triangular no que asoma unha cabeza de guerreiro tocado cun helmo. A ambos os lados ten unha ansae para colgar. Por primeira vez documéntase en Galicia un pacto de hospitalidade entre pobos autóctonos exclusivamente.

Na Tabula da Civitas Lougeiorum lese: C(aio) Caesare Aug(usti) L(ucio) Aemilio Paullo Co(n)s(ulibus)/ex gente Asturum conventus Arae/August(a)e/Civitas Lougeiorum hospitiumm feccit cum/G(aio) Asinio Gallo libereis postereisque eius/eumque liberos posterosque eius sive libe/reis postereisque suis patronum coptarumt/isque eso in fidem clientelamque suam suo/rumque recepit/egerunt legati/Silvanus Clouti/nobius andami.
O interese deste Pacto de Hospitalidade, gravado tamén sobre unha prancha de bronce e datado no ano 1 d.C., radica, principalmente, no dato relativo á existencia dun convento en época de Augusto: o conventus Arae Augustae, que desaparece posteriormente pero que levou a reconsiderar a cuestión de se a organización das provincias en conventus comezou en época de Augusto, mais sen a funcionalidade política e relixiosa dos posteriores.

Mentres non tomaban forma os emprazamentos de Asturica, Lucus e Bracara, ordenados polo emperador, Arae Augustae puido actuar como un asentamento provisional onde se situaría un dos primeiros monumentos simbólicos mandados construír por Augusto no Noroeste peninsular como símbolo de culto á súa persoa. Estoume a referir ás Torres de Augusto, as coñecidas como Aras Sestianas, citadas por Mela, Plinio e Ptolomeo que non se puxeron de acordo canto á súa ubicación.
Pomponio Mela (s. I d.C.): "In Astyrum litore Noega est oppidum, et tres arae quas Sestianas vocant in paene insula sedente et sunt Augusti nomine sacrae inlustranque terras ante ignobiles", "Na costa dos Astures está a cidade de Noega e tres aras que chaman Sestianas están asentadas nunha península e están consagradas ao nome de Augsto e dan fama ás terras antes iñoradas".
Mela ubica estas aras Sestianas nas costas da Callaecia, no litoral asturiano, xunto a cidade de Noega que se situaría preto de Avilés, en tempos de L. Sestio, cónsul no ano 23 a.C., e posiblemente legado de Augusto na guerra galaica ou un pouco máis tarde, sobre o ano 19 a.C. (Romero Masiá e Pose Mesura, 1987).
Plinio (23-79 d.C.): "Celtici cognomine Neri et super Tamarci, quorum in paeninsula tres arae Sestianae Augusto dicatae, Copori, oppidum Noeta, Celtici cognomine Praestamarci, Cileni, ex insulis nominandae Corticata et Aunios", "Os Célticos de sobrenome Nerios e os Super Tamaricos na península na que se adicaron a Augusto as tres aras Sestianas, os Coporos, a cidade de Noeta, os Célticos de sobrenome Praestamarcos, os Cilenos. Das illas deben nomearse Corticata e Aunios".
Como vimos máis arriba, Mela cita unha Noega, e Plinio Noeta, non sabemos se por confusión no nome ou porque se trataría de cidades distintas. No territorio dos Super Tamaricos estarían as aras Sestianas.
Ptolomeo (100-170 d.C.): "Lado septentrional sobre o que está o Océano que se chama Cántabro e que se describe así. Despois do Promontorio Nerio hai outro promontorio no que están as Aras Sestianas (do sol)".

Plinio e Ptolomeo emprázannas no territorio da actual Galicia, o primeiro ao norte do río Tambre e o segundo entre o promontorio Nerio, tamén chamado Céltico, e outro promontorio que está ao norte do anterior, e antes de Brigantium
As Aras Sestianas tamén son citadas no Anómimo de Rávena ("Are Augusti"), e na Táboa de Peutinger, coñecida como Mapa Mundi de Castorius, obra do século XII-XIII, copia dun orixinal do século VII, que á súa vez é unha copia do século IV.
Malia o anterior, hai autores que as ubican na cidade da Coruña, máis concretamente sinalan á Torre de Hércules, obra cuxo promotor sería o propio Augusto, como as Aras Sestianas aínda que a súa construción se atribúe á época de Traxano (s. II d.C.). Para elo, Sánchez Montaña fala da firma do arquitecto das obras que deixou gravada na rocha xunto a Torre de Hércules non ten data, mais chama a atención a súa orixe: "Consagrado a Marte Augusto. Gaio Sevio Lupo, arquitecto de Aeminium, Lusitano, en cumprimento dunha promesa". A Lusitania dependía do Legado Publio Carisio, legado de Augusto entre o 26 e 22 a.C., romanizada antes que a Callaecia.

Unha ara non sempre ten que ser un pequeno altar funerario ou votivo, tamén pode facer referencia a un gran altar (faro, torre...) que ademais de actuar como orientación e protección, faría máis grande a figura do emperador. E habería Aras Sestianas en varios lugares, non só nun.
A Tabula Lougeiorum foi presentada publicamente no ano 1987. Dende aquelas, as controversias sobre a peza continúan ata hoxe. Uns cren na súa autenticidade, outros que é un falso, ou a copia dun texto que nun principio sería realizado nun material perecedoiro e que no século IV se trasladou á prancha de bronce (André Pena Granha).
Aínda que son varios os defensores e os detractores sobre a súa autenticidade, a continuación deixo as ligazóns a dous traballos que nos poden achegar un pouco de luz.

La Tabula Lougeirorum: un documento a debate, de Ana María Canto (1990).

http://www.uam.es/otros/cupauam/pdf/Cupauam17/1714.pdf

La nueva Tabula Hospitalitatis de la Civitas Lougeiorum. Problemática y contexto histórico, de A. Rodríguez Colmenero (1997).

http://www.uni-koeln.de/phil-fak/ifa/zpe/downloads/1997/117pdf/117213.pdf

O COMPLEXO TARDORROMANO DE TEMES 
O día 23 de agosto de 2014, despois de varios intentos, conseguimos acceder ao interior da igrexa de Santa María de Temes, no concello de Carballedo, xa que dende hai tempo só abre as súas portas en ocasións moi sinaladas: bautizos, vodas, enterros... Nesta ocasión foi grazas á celebración dun cabodano do que nos enteramos por casualidade. A igrexa foi construída sobre un esporón cunha privilexiada situación sobre unha encrucillada de camiños e dos ríos Sil e Miño. O templo actual substituíu a outro anterior, altomedieval, do que se sabe polo epígrafe fundacional que se conserva nun muro interior no que se pode ler a data da consagración: "SACRATO TEMPLI II KL/DCBS IN ERA DCC/(X) L(A)(I) II", "A consagración do templo foi dous días antes das kalendas de decembro (30 de novembro), na era 843 (ano 805)". Crese que no lugar houbo un castro primeiro e logo unha fortaleza medieval, e tamén un mosteiro se tomamos ao pé da letra unha doazón do ano 964 en que dona Goto doa varias vilas e vilares situados en Vilamirón (Pombeiro), agás unha ermida pertencente ao mosteiro de Temanes, que tamén é citado noutro documento do ano 997. Foi así? Descoñecémolo, polo de agora, que saibamos, non apareceron restos arqueolóxicos nin escritos, agás na referencia a un cenobio (ou quizais un eremitorio), que o confirmen.
Malia o anterior, todo apunta a que este sitio acolleu unha ou varias construcións anteriores á primeira eclesia, tal como nolo testemuñan os abundantes restos que podemos ver reaproveitados na fábrica actual e que nos falan dun monumeto tardorromano e paleocristián importante, talvez un mausoleu dunha persoa culta e poderosa das que aparecen no entorno do val medio do Sil (caso do lugar da Ermida, en Quiroga, onde apareceu o famoso Crismón), vencellados a castros e vilas tardíos documentados pola arqueoloxía. Na aldea existe a tradición da existencia dun militar romano chamado Marcelo, xa cristián, que sería a orixe da familia dos Temes. Mais, que tipo de materiais se agochan na igrexa? Vexamos, pois.
1. Soporte de ara sobre a que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico, se ben se conserva parte da tripla moldura orixinal nos laterais da parte superior e da basa. Estudada por Caamaño Gesto, vese: "(...) O (...)".
2. Ara aos Lares Viais, descuberta no ano 1978 polo párroco don Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes interioresda igrexa. Lese a quen está adicada, mais non o adicante polo desgaste da ara na parte inferior: "Laribus/Vialibu/s A(?)".
3. Nun dos muros interiores, pedra reaproveitada coa gravura dunha figura en forma de espiña de peixe, da que, curiosamente, non atopamos referencias nos traballos publicados.
4. Inscrición gravada nunha prancha granítica, tabella con moldura funicular, situada na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Apareceu no ano 1974 ao desencalar os muros da igrexa. Delgado Gómez dátaa no século IV. Di: "Fides Spes Caritas", ("Fe, Esperanza e Caridade").
5. Pomba esculturada noutra pedra, tamén granítica, situada nun lateral da nave, posiblemente da mesma época ca inscrición anterior.
6. Tampa dun sártego (a caixa non apareceu) atopada no ano 1974. Trátase dunha praca monolítica de mármore branca, incrustada por riba do arco triunfal, e datada entre o 320 e o 330 d.C. Hai quen sostén que esta peza foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas, e traída dende o veciño portum Polumbari (Os Peares) aproveitando unha vía navegable do Miño (navegable, segundo Schlunk, ata os Peares), ou ben polo Sil dende a Meseta norte. No centro leva unha praca lisa ou taboíña destinada a recibir unha inscrición que hoxe en día non existe e quizais endexamais existiu. Á dereita daquela represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva, e á esquerda a historia do profeta Xonás. No primeiro rexistro a Virxe co Neno no colo e con túnica e palio, tocados co característico gorro puntiagudo frixio e seguidos dos respectivos camelos. No segundo rexistro presenta como centro un tronco de árbore flanqueado por Adán e Eva que tende a man cara a árbore na que está a serpe. Quizais sexa unha das tampas de sártego máis completas da Península. Ofrece por primeira vez en Hispania o tema de Adán e Eva no Paraíso, e un relato do ciclo de Xonás.
7. Formando parte dos muros están á vista uns capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Unha das piastras foi retocada para adaptala no muro sur do presbiterio, a outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados. Todas estas pezas están datadas no século IV. 
En resumo, aquí atopámonos cuns individuos que facían ofrendas a divindades paganas (os Lares) e, por outra banda, mostránnos a unhas indubidables testemuñas cristiás, quizais as máis antigas de Galicia.









Bibliografía:

Delgado Gómez, J.: El complejo de Temes: los dos documentos cristianos, iconográfico uno y epigráfico otro, más antiguos de Galicia (1997). 
Vázquez Seijas, N.: Toponimia do concello de Carballedo, en Lucensia (2005).  

UNHA ARA GALAICA EN VILAR (TABOADA)?
O día 31 de xullo de 2014 achegámonos ata aldea de Vilar, na parroquia de Vilela (Taboada), coa intención de ver un miliario anepígrafo documentado no ano 2001. Malia que non nos foi posible dar con el porque se volatilizou (foi levado para non se sabe onde por unhas persoas con nomes e apelidos), a incursión polo lugar non resultou baldeira. Primeiro porque localizamos outro miliario (ver a entrada Dous miliarios en Sarria e en Taboada ou o apartado adicado á Romanización de Galiza) e, por outra banda, tivemos o pracer de manter unha longa conversa cos amabilísimos propietarios da Casa do Romualdo, unha casa de turismo rural do século XVI acondicionada con todas as comodidades pero que os seus donos souberon adaptar, e sen dúbida mellorar, para que non perdese nin un chisco do seu antigo encanto. Por unha vez voume permitir a licenza de converter este O Noso Patrimonio nunha guía de hostalaría e puntuar a Casa do Romualdo cun 10.
Entre os innumerables atractivos das dependenzas e da contorna da casa de turismo, hai un que deixa pampo ao visitante. Trátase dun engaiolante retábulo de pedra policromada, moi ben conservado, coa representación do Calvario e outras esceas que coroa unha columna central que soporta as enormes trabes do tellado. Os expertos consultados por Francisco, o propietario, sitúanno aproximadamente no século XVII, se ben habería que estudalo con máis deteñemento para facer unha datación concluínte.
 

Mais non queda aquí a cousa. Como ben saben as persoas que adoitan visitar esta xanela, o blog, agás que teñan relación cos aquí inseridos, non está adicado a este tipo de monumentos. Entón, a que vén esta excepción?
Os coidadísimos xardíns da Casa do Romualdo están adornados cun bo número de pedras, unhas de feitura natural e outras traballadas por man humana ao longo do tempo: pías, columnas, muíños circulares de man, postes... e unha pedra que nada máis chegar saltou á nosa vista, colocada nun pequeno terrado (de enorme valor sentimental para os propietarios) xunto con outras pezas, á sombra dunha árbore. Si, a pedra que nos chamou a atención tiña toda a feitura dunha ara. De onde viñera?, lle preguntamos a Francisco. Pois aquí está a relación co retábulo: a máis que, segundo o noso criterio, suposta ara, fora reutilizada ata a súa actual ubicación na parte traseira da escultura policromada! 
De feitura sinxela, con acroteras toscas pero ben marcadas, seméllase a algunhas aras galaico-romanas, é dicir, pouco traballada e carente de base xa que estaba concibida para fincar no chan. Pode que tivese noutrora algún tipo de inscrición (ou que aínda a teña, se ben nós non o apreciamos, ao mellor por estaren as letras moi esvaídas) ou que, simplemente, sexa unha ara anepígrafa. 


DOUS MILIARIOS EN SARRIA E EN TABOADA
O primeiro miliario atópase deitado no chan, xunto o muro do peche da casa de don Luciano Tourón situada en Lamarrigueira, na parroquia de Farbán (Sarria), a carón da estrada que vai de Sarria a Monforte. Trátase dun cilindro de granito fino coa superficie sen puír. Segundo Rodríguez Colmenero et Al. (2004), é un fito importante para afirmar a existencia da vía que o Itinerario de Barro anuncia entre Lucus e Dactonium, sinalando, ao menos, a mansión Aquae Quintiae.
Segundo me contou un veciño, foi atopado ao outro lado da nova vía de alta capacidade, próximo ao lugar coñecido como A Lagarteira onde hai un posible castro que dista menos dun quilómetro en liña recta dende Lamarrigueira.
Aínda que non se aprecia ningún epígrafe, si se poden ver algunhas pequenas coviñas, sucos e un posible "C". Mide 1,60 metros de altura e 0,40 de diámetro.
 

O miliario de Taboada foi localizado por José Manuel Sobrado no ano 2001 na aldea de Vilar, parroquia de Vilela. Anepígrafo, actuaba como soporte dun hórreo. Segundo información recollida en Miliarios e outras inscricións viarias romanas do Noroeste Hispánico (2004), de Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey, atopábase tumbado diante da casa dun veciño (a casa do Laxo, coñecida tamén como casa do Vitorino), sinalando que o seu mérito principal residía en que poñía de manifesto o paso da vía nun tramo no que non se coñecían monumentos deste tipo. O cilindro, de granito de gran goso, medía 1,26 metros de longo e cun diámetro nos extremos de 43 e 48 centímetros respectivamente. 
Que fale deste miliario en pasado non é gratuíto. O día 31 de xullo de 2014 achegámonos ata o sitio e localizamos o que crimos era o miliario citado, tumbado xunto un muro do peche dunha casa hoxe en día deshabitada (non moi lonxe da devandita casa do Laxo), un fuste de granito, sen indicio de letras pero ben executado, cunhas medidas de 90 centimetros de longo e cun diámetro nos extremos de 37 e 40 centímetros. Aínda que non coincidían as medidas, lucubramos que podía deberse a un erro ou que posteriormente á súa descuberta fora manipulado. Mais pouco despois enterámonos por un veciño de que o miliario atopado no ano 2001 desaparecera, levado por unhas persoas para non se sabe onde. O cilindro documentado por nós é, tanto pola súa tipoloxía como pola información recabada, outro miliario anepígrado que, ao parecer, foi trasladado nalgún momento non determinado dende as proximidades do castro de Vilela.

 
O CASTELO DA RAÍÑA LOBA
O Penedo da Raíña Loba atópase na parroquia de Covas, no concello de Os Blancos, a uns 1.150 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dise que tomou o nome dun castelo roqueiro erixido nos séculos XIII ou XIV. Das súas murallas non quedan restos, ao parecer as súas pedras foron reaproveitados polos veciños para construír as casas. O que si se conserva é un pozo escavado nunha pena que, segundo nos contou un veciño, ben pode acoller uns 5.000 litros de auga. Apareceu algún muíño circular de man e anacos cerámicos. Nunha rocha hai gravado un xogo de "alquerque de nove".
O día 28 de xuño de xuño de 2014, cando andabamos polo lugar, tivemos a sorte de coñecer a un home, xubilado hai anos, que naceu na aldea e viviu ata a mocidade en Covas, e que na actualidade reside en Xinzo de Limia. Sempre que pode, achégase ata a arruinada casa onde naceu el e outros cinco irmáns, e percorre as outrora traballadas e fértiles leiras, hoxe en día comidas pola matogueira. Contounos que el e os irmáns quixeron arranxar a casa, mais o seu vello pai impedírallo: "A non tardar, como quedar, non han quedar nin os lobos", dixéralles. Unhas bágoas de emoción brillaron tras os lentes do noso interlocutor. "E canta razón tiña! Eiquí chegamos a ser case setenta veciños, e agora non chegan á media ducia. En poucos anos non quedará ninguén. E éche ben certo, nin lobos hai, e había a esgalla, tantos que se facían batidas dende Xinzo para acurralalos no Foxo do Lobo cuxos restos aínda se poden ver naquel monte de alí", dixo, sinalándonos o sitio. En efecto, a pouco máis dun quilómetro hai pegadas desta construción para cazar lobos, conservándose o microtopónimo de O Foxo.
 

"Ao mellor -auguramos-, o alcume de Castelo da Raíña Loba vén dos lobos que frecuentaban o lugar, e que logo a imaxinación popular lle inventou unha raíña". "Non -respondeu-, a raíña existiu. O nome púxollo a xente merecidamente, era cruel, mala, tíñanlle moito medo. Apenas podían dispoñer do que con tanta suor lles proporcionaba a terra, obrigándoos a levarlle todos os días un xato, unha ovella e un porco. Quen se negaba a entregarlle o tributo era asasinado, ademais de lle queimar a casa e as colleitas. Mais eran tantos os abusos que un bo día, fartos, xuntáronse os veciños de Pexeirós e acordaron rematar con aquelas tropelías e unha noite asaltaron o castelo, matando aos seus moradores que estaban a durmir. Non se sabe moi ben como morreu a muller, uns din que foi morta polo ferro, outros que, ao vérense acurralada, suicidouse, lanzándose dende o alto da torre. Daquel suceso quedou unha copla: Fidalgos de Pexeirós/matastes á Raíña Loba/Fidalgos quedastes vós".
Non moi lonxe do Penedo da Raíña Loba, o home sinalounos un altorelo duns 1.000 metros de altitude, coñecido como O Castelo Vello, inzado, como o anterior, de grandes penas graníticas.  Asegurounos que alí tamén habitou xente e que cando era mozo aínda se vían muros e moxóns de pedra.
Esta lenda foi incluída no libro de Antonio Reigosa: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías.
 


ALIÑAMENTO LÍTICO PREHISTÓRICO NA FALADOIRA? 
No alto da Faladoira, concello de Mañón, no coñecido como Camiño dos Arrieiros, sitúase unha necrópole megalítica composta por varios túmulos de boas dimensións que na actualidade sofren o impacto dun parque eólico, pistas, antenas de telefonía e unha caseta de vixiancia de incendios. Todas as mámoas presentan cráter de violación, e unha foi cortada cando a construción do peche das antenas.
 

Mais, formado parte do conxunto, adoita pasar desapercibido un aliñamento lítico que semella delimintar a necrópole polo NL. Das dezaseis pedras fincadas da aliñación, catorce son de pequenas dimensións (non sobrepasan o metro de altura) e de forma irregular. As dúas restantes, na actualidade tumbadas no chan, chaman a atención pola súas dimensións. A primeira, de feitura irregular, ten unha altura de 3,90 metros e 0,60 centímetros de ancho, pedra que debe ser a mesma que Barros Silvelo cita como unha pedrafita de demarcación na súa obra Antigüedades de Galicia (1875), e que Federico Maciñeira di que se trata dun marco. A outra chanta, con forma que semella unha pirámide, ten unha altura de 2,10 metros, uns 0,70 centímetros en cada cara da base, e arredor de 0,45 cm nas caras superiores.
 

Para consideralas como marcos, o primeiro que habería que preguntarse é que delimitaban. Semella claro, ao menos dende que existen referencias documentais sobre as lindes territoriais, que non eran concellos, freguesías nin aldeas. Dous terreos de distintos propietarios? Descoñézoo, mais resulta pouco probable, ao outro lado do aliñamento só emerxen do chan uns afloramentos de lousa, ao que temos que engadir que, ao menos no tocante ás dúas enormes e traballadas pedras citadas máis arriba, non resulta fácil atoparlle sentido a tal inversión de tempo e traballo para colocar uns simples marcos divisorios de semellantes proporcións e cun peso de varias toneladas.
 

A separación entre as pedrafitas oscilan entre os dez e os vinte e cinco metros, ignorando se a aliñación contou con máis chantas noutro momento.
 

Para rematar, cómpre lembrar que na zona non resulta infrecuente atopar outras estruturas megalíticas diferentes aos enterramentos tal como nolo amosan o estragado círculo lítico do Freixo, e os desaparecidos círculos líticos da Mourela, no concello das Pontes.

OS MEGALITOS NO CONCELLO DE LUGO
No concello de Lugo hai arredor de 30 necrópoles neolíticas formadas por uns 100 enterramentos, distribuídos polas parroquias de Adai, Bacurín, Bóveda (Santa María), Coeses, Lugo, Monte de Meda, Ombreiro, Orbazai, Outeiro, Pedreda, Romeán, San Xoán de Alto, Santa Baia de Bóveda, Santa María de Alta, Soñar, O Veral e Vilachá de Mera, e probables nas de Mazoi, Meilán, Piúgos e San Mamede dos Anxos. O dolme máis coñecido é, sen dúbida, o do Prado das Cancelas ou de Adai que aínda conserva en pé sete esteos da cámara, o que non significa que non se atope moi alterado (perdeu a totalidade do túmulo e a pedra cobertoira). Se neste enterramento, que no seu momento foi escavado e consolidado, o grao de protección é inexistente, o panorama que podermos ver no resto é alarmante. Sen contar os que xa desapareceron nas necrópols de Pena de Locai, Vilariño, Penarrubia, Monte Agüeiras, Monte das Casiñas..., e os que presentan o habitual cráter de violación, a inmensa maioría están afectados por pistas, cortalumes, roturacións agrícolas, vértices xeodésicos sobre o túmulo,, explotacións forestais, escavacións furtivas, extracción de pedra, utilización das pedras para outras construcións, etc.
Nestes últimos tempos, despois de varios anos sen visitalas, achegámonos ata as mámoas do monte de San Cibrao, nas inmediacións do hospital Lucus Augusti, e do monte do Picato.
Antes da construción do hospital novo e doutras infraestruturas, había, ao menos, sete túmulos que se conservaban en relativo bo estado. Hoxe o que podemos ver nada se asemella ao que coñeciamos: un túmulo foi arrasado pola autostrada A-6; outro, moi achandado, quedou dentro do recinto hospitalario, perdendo gran parte da masa tumular; un terceiro, situado fronte ao complexo ao outro lado da estrada de acceso, está ameazado por unha explanación onde aparcan os coches ademais de seren utilizado como vertedoiro do lixo e cascallos; e outra mámoa foi cortada por un camiño que discorre por un lateral do hospital. Dous non fomos quen de localizados, non sei se debido á matogueira ou porque tamén foron derruídos.
O día 2 de abril de 2014 visitamos a mámoa do Picato, na parroquia de Monte de Meda, situada na cima do monte. Ten uns 30 metros de diámetro e 2 de altura. Cando a vira por última vez o único elemento alleo que a alteraba era un vértice xeodésico de cemento que colocaran no seu cumio, mais o seu estado de conservación era bastante bo, mesmo se apreciaban algunhas lousas que sobresaían do túmulo e que poderían formar parte da cámara megalítica. Pois ben, agora a mámoa foi atravesada polo medio por unha máquina para facer un camiño que vai dar, xusto, a unha torreta de vixiancia de incendios que se atopa a pouca distancia. No PXOM do Concello de Lugo, rexistrado na Xunta de Galicia no mes de xaneiro de 2012, o enterramento só figura alterado polo devandito vértice xeodésico mais non polo corte debido, supoño, a que daquelas aínda non se producira o atentado.
 





 

GALICIA, O PARAÍSO PARA O PATRIMONIO
As galegas e os galegos estamos de noraboa, non creo que haxa persoas no mundo que se sintan tan satisfeitas, ledas, contentas, felices, encantadas, ditosas, oufanas, marabilladas, fascinadas, enmeigadas... Afofé que non é para menos. Non, non estou a falar dese case 30% de parados e de paradas, nin dos recortes no ensino, na investigación, nos servizos sociais e na sanidade, tampouco dos miserentos salarios, nin das novas vagas de emigrantes, nin sequera do retroceso no eido das liberdades e dos dereitos dos traballadores e das traballadoras... Non, estou a referime aos nosos monumentos, aí si que somos a envexa do mundo mundial, tanto é así que estou seguro de que non esaxero nin un chisco se afirmo que estamos á cabeza canto á conservación do noso Patrimonio!
Recoñezo que eu, inxenuo, non me decatara diso ata que lin a noticia en La Voz de Galicia do día 14 de xuño de 2014 baixo o seguinte titular: "Patrimonio en extinción". E alí, naquela páxina, estaba a bomba: "A recente incorporación do barrio de Ferrol Vello e da igrexa románica de Palio, en Lalín, eleva a 15 os monumentos na Lista Vermella do Patrimonio" confeccionada pola Asociación Hispania Nostra. A saber: Barrio de Ferrol Vello, igrexa de Palio, dolme da Moruxosa en Toques, Torre de Sarria, igrexa de Vilasouto no Incio, mosteiro da Abeleda en Castro Caldelas, San Paio de Albeos en Crecente, mosteiro de Santa Comba de Naves en Ourense, mosteiro de Monfero, mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, pazo episcopal de Diomondi no Saviñao, sanatorio de Cesuras, Casa Becerra en Vilagarcía e a basílica da Asunción.
É dicir: SÓ un pouco máis dunha ducia de monumentos galegos están en risco de desaparecer!
Así que xa sabedes, friquies do patrimonio, deixade de dar a vara con tanta denuncia, de calumniar inxustamente aos nosos benamados gobernantes que non pegan ollo de tanto debandarse os miolos para poñer en valor os nosos monumentos. Eu, nas miñas páxinas, achego uns 12.000 xacementos do paleolítico, megalitos, petroglifos, castros, xácigos romanos, mosteiros, torres, castelos e pontes, aos que temos que sumar, ao menos, outras tantas igrexas, capelas, cruceiros, hórreos, muíños... 
Vanse a notar 15 miserentos bens por moi escarallados que estean?
Eu, polo de pronto, teño que mudar o ignominioso título do meu blogue Requiem polo patrimonio de Galicia
  
A CASA DOS BAQUEIROS (A VEIGA) 
A Casa dos Baqueiros (con B, que é como figura nunha cartela que hai no lugar) atópase na aldea de Ponte, no concello de A Veiga. Nos muros dunha antiga casa vense algunhas pedras cunha serie de esculturas e insculturas colocadas sen orde aparente, seguramente reaproveitadas, distribuídas do seguinte xeito.
Esculturas: dúas pedras con esceas de equitación, outra cun cabalo, e outra máis cunha lúa, un sol (ou unha estrela) e unha vieira.
Insculturas: Nunha pedra figura un can, lobo ou semellante que semella atacar a unha ave, quizais unha galiña; abeirando unha ventá, unha pedra cunha cruz e un cuadrúpede moi esvaídos, e na outra dúas cruces e a inscrición "asobil" (ou un signo seguido de "sobii"); pechando o grupo outras dúas pedras coas letras citadas.
As teorías sobre a súa orixe son variadas, mais case todas lle dan unha autoría "celta". Mesmo hai quen asegura que a inscrición "asobil" ou "-sobii" data do ano 700 a.C., chegando a afirmar que a casa é da mesma época. Tampouco faltan os que lle dan ás letras unha grafía grega, quizais polo primeiro signo que semella a letra alpha.
Eu non vou a facer ningunha conxectura porque, confeso, resúltame imposible, ademais da súa descontextualización, saber que quería representar o seu autor, ou mellor dito autores, porque se de algo estou convencido é que esculturas e insculturas hai que encadralas en dous grupos claramente diferenciados, sen conexión ningunha entre elas, as primeiras moi perfeccionadas e realistas, as segundas toscas e abstractas.
Canto á cronoloxía, non concordo en absoluto, non só no tocante ás esculturas, senón tamén ás gravuras de animais, cruces e letras. Este tipo de esculturas podémolas ver, por poñer algún exemplo, en paredes de casas da Gudiña ou de Negueira de Muñiz, as primeiras máis antigas cas segundas pero ningunha vai máis alá duns poucos centos de anos. E sobre as insculturas, se ben algún motivo pode lembrar as nosas gravuras prehistóricas, a tipoloxía alónxase bastante dos temas coñecidos; e mais se engadimos que onde aparece un cuadrúpede tamén podemos ver unha cruz latina de trazos similares. Na pedra onde se ve a devandita inscrición acompañando a dúas cruces, a fasquía destas non difire moito da anterior, onde os brazos se estreitan ao chegar ao centro e se ensanchan nos extremos o que nos fai pensar nunha cruz patada ou teutónica, en todo caso claramente cristiana (nunha hai quen ve un home crucificado e que eu, recoñezo, non percibo).
Un misterio máis agochado entre as nosas pedras!



 

A DESFEITA DE COESES (LUGO)
No ano 2011, durante os traballos na autostrada A-54, Lugo-Santiago, a uns 200 metros do castro Valente, saíu á luz un xacemento, en principio de época indeterminada pero posiblemente precastrexo. Trátase dunha especie de túmulo duns 60 metros de diámetro con foxo arredor, muros interiores e exteriores (denominado anel lítico pseudotumular), aliñacións de pedras e no interior do recinto unhas estruturas escavadas no chan de diferente tipoloxía e dimensións, como sucos e foxas onde apareceron unha conta de colar de pasta vítrea de procedencia púnica, discos perforados e vasillas cerámicas, tanto completas como fragmentadas, que conteñen o que poden ser cinzas que pertencerían a restos de cadáveres incinerados, ben formando parte dunha necrópole ou que se trate dun lugar votivo onde se practicaría algún tipo de ritual. O xácigo atópase moi arrasado xa que a zona foi utilizada para labores agrícolas. Aínda que que en princpio todo apunta a un sitio arqueolóxico da Idade do Bronce, polo de pronto non se pode desbotar una adscrición á primieira fase da Idade do Ferro e que fora utilizado como cemiterio polos habitantes do castro que se atopa nas inmediacións e que xa provocara unha primeira modificación do trazado da autostrada.
  

Este tipo de túmulo, como ben apuntou o antropólogo Rafael Quintía, atopámolo na Gran Bretaña e Irlanda, os denominados barrows, como os de Cornualles e Belas Knap onde, ademais de diverso material, saíron á luz ósos humanos o que fai pensar nun espazo votivo.
O achádego de Coeses, segundo o meu criterio, ten moita semellanza cunha estrutura descuberta no ano 2008 na parroquia de Reinante, no concello mariñán de Barreiros, coñecido como A Roda (o lugar, catalogado en principio coma un castro, xa estaba identificado na toponimia con este nome) e que presenta unha forma circular duns 30 metros de diámetro, con foxo e muro de pedra que achegou anacos cerámicos, instrumentos líticos e unha moeda portuguesa do século XV.
 

  

Foi a raíz da noticia aparecida a principios do mes de febreiro de 2013 no xornal El Progreso de Lugo de que o Ministerio de Fomento non ía a variar o trazado da autostrada, e a pesares do excepcional do achádego, cando puxemos en marcha unha serie de medidas para preservar o xacemento, primeiro denunciando o feito nas redes sociais e logo poñéndonos en contacto con asociacións, medios de comunicación e organizacións políticas. O chamamento obtivo unha moi boa acollida. Medios como El Progreso, La Voz de Galicia, GaliciaConfidencial, CulturaGalega.org, SermosGaliza, TVG e TVE déronlle una ampla cobertura, así como as redes sociais e numerosas páxinas web adicadas ao patrimonio, sen esquecermos das persoas e asociacións que amosaron o seu incondicional apoio. O seguinte paso consistiu en achegarlle a mala nova ás organizacións políticas con presenza nos parlamentos galego e español, enviándolle un escrito onde se reflectían os acontecementos: AGE (por medio de Anova), PSdeG e BNG atenderon o noso chamamento, presentando preguntas parlamentares ao respecto. O día 13 de abril, Pablo Núñez González, secretario de Cultura do PSdeG en Lugo, achegounos a resposta que lle enviou ao seu grupo parlamentario, por medio da presidenta da cámara galega, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia onde, ademáis de asegurar que ían a buscar solucións que garantiran a conservación do xácigo, se desprendía que continuarían co seu estudo. Aínda que a contestación non aseguraba a súa conservación, si abría unha pequena esperanza.
  

O día 27 de maio de 2013 saltou a boa nova, o xornal El Progreso informaba de que o Ministerio de Fomento PODERÍA DESVIAR O TRAZADO DA AUTOSTRADA para salvar este xacemento do que non hai precedente en Galiza. Segundo informou o xornal, un equipo de arqueólogos traballaba dende había un par de semanas no lugar, segundo confirmaran os veciños, xa que o secretismo oficial dende o comezo das escavacións continuaba. O equipo pertencía  á mesma empresa coruñesa que xa traballara no xácigo dende un principio.
Malia estas esperanzadoras noticias, cumpría ser cautos e manterse atentos a futuros "movementos".
Se o día 27 de maio anunciaba unha boa nova , o día 31 de maio El País achegaba unha noticia que era un auténtico xarro de auga fría canto ás expectativas de preservar un xácigo. Segundo El País o Ministerio de Fomento ía arrasar o sitio.
O día 29 de xullo de 2013, a Deputación de Lugo acordaba instar á Xunta de Galicia a protexer o xacemento. E a principios do mes de setembro, era o Parlamento de Galiza quen por unanimidade acordaba instar á Xunta a protexer os restos arqueolóxicos localizados na parroquia de Coeses. Os catro grupos parlamentares votaron a prol dunha proposta do BNG.
Mais diante do desinterese das administracións autonómica e central, varias asociacións optaron por poñer o tema en mans do xulgado. 
  

MORTE DO SITIO ARQUEOLÓXICO

Quizais alguén crea que o título é un pouco tráxico, mais asegúrovos que non vou nada descamiñado. Lembraredes que a principios do mes de febreiro deste ano, o amigo Rafa Quintía máis eu denunciamos nos nosos blogues e nos medios de comunicación a intención do Ministerio de Fomento de arrasar un dos sitios arqueolóxicos máis singulares localizados en Galiza nos últimos tempos, un xácigo que mesmo considerabamos (e continuamos a considerar) como único dentro da prehistoria do noso país. Neses mesmos días púxenme en contacto coas distintas organizacións políticas para alertalas das intencións de Fomento, así como o de solcitarlles que tomaran cartas no asunto para evitar a súa destrución. A ampla cobertura mediática fixo o seu efecto e axiña encomezaron a saír informacións ata aquel momento vedadas ao público. Todos os grupos políticos con representación na Deputación Provincial de Lugo e no Parlamento de Galiza, a proposta do BNG, posicionáronse a prol da conservación do túmulo. Meses despois, os colectivos Cultura do País, Lugo Patrimonio, Mariña Patrimonio e a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde presentaron unha denuncia diante da fiscalía e no xulgado. Accións que mantiveron a nosa esperanza. Esperanza que hoxe, 25 de novembro de 2013, se esvaeu cando visitamos o lugar e comprobamos que as obras iniciaran o seu percorrido. Con independenza de que o túmulo se protexera cunha malla e logo se cubrira con terra, Fomento mesmo incumpriu a súa proposta de deixar unha área de cautela de vinte metros, solución para saír do paso que dende un principio nos pareceu claramente insuficiente xa que, ademais do risco evidente da perda de valiosísima información (lembremos que esta, ademais de no sitio propiamente dito, pode atoparse nas inmediacións), eliminábase o espazo arqueolóxico que formaban o túmulo e o castro Valente ao seren separados pola autostrada, feito que posiblemente vai a impedir que coñezamos con exactitude se entre ambos había algunha conexión, tanto cronolóxica como cultural. E hai máis. Os escasos dez metros que deixaron dende o xácigo ata a estrada aínda se verán máis reducidos cando fagan os muros de contención, sen esquecer tampouco que por outro dos lados abriron un camiño para facilitar o acceso da maquinaria.
Despois de preguntar porque continuaron as obras a pesares de ter presentada denuncia, contestáronme que o xulgado tiña que ditar unhas medidas cautelares previas, cousa que, ao parecer, non fixo.
As preguntas, sen respostas polo de agora, amoréanse, mais hai unha que me bourea a cabeza: Realizouse algún tipo de actuación arqueolóxica mentres se abría o monte para pasar a estrada?