* Agresión ao castro de Trasmonte (Friol)

O día 2 de xullo de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares presentamos denuncia ante Patrimonio da Xunta de Galicia pola gravísima agresión ao castro catalogado de Trasmonte, en Friol (código de catalogación GA27020179), coñecido tamén polo nome de Agro do Castro. Tamén figura recollido no PXOM do Concello.


Recentemente, utilizouse maquinaria pesada no interior do xacemento ao acondicionalo para unha plantación forestal, producíndolle enormes gabias e utilizando o cazo dunha pa escavadora para facer uns buratos de máis de medio metro de profundidade para plantar as árbores. Se a desfeita no interior do recinto non bastara, todo o perímetro da muralla defensiva foi inzada de buratos para o mesmo fin, ocasionándolle tamén varios derrubes.


Nos buratos atopamos abundantes restos pertencentes a utensilios cerámicos, observándose nalgúns anacos interesantísimos motivos decorativos de clara filiación castrexa. Tamén localizamos parte do que semella ser unha ferramenta de ferro. As máquinas tamén levantaron pedras das primitivas construcións do castro.

 

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, publicada no ano 2016, é clara canto á prohibición de actuar sobre un ben patrimonial catalogado, mesmo para facelo na súa área de protección (200 metros ao redor) precísase a correspondente autorización de Patrimonio.

 

O concello de Friol conta con 40 castros catalogados, e este de Trasmonte era, ata o presente, o que ofrecía un mellor estado de conservación.

Lamentablemente, o estado de conservación do patrimonio arqueolóxico do concello, un dos máis importantes da provincia de Lugo, é de regular a malo e as agresións ao mesmo son bastante frecuentes. Pronto fará un ano (no mes de setembro de 2017) que denunciamos a desaparición dunha mámoa catalogada no Parque Empresarial. No seu momento, dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo informóusenos que propuxeran á Dirección Xeral a incoación do correspondente expediente sancionador. Ante a tardanza en resolver o tema, dende o noso colectivo enviamos un escrito o pasado 25 de abril á citada Dirección Xeral en Santiago para que se nos informe, como parte denunciante, en que fase se atopa o expediente sancionador e, no caso de que xa fora resolto, se nos achegue a resolución do mesmo.